Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta E. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta E. Mostrar todas las entradas

25 enero 2026

CARMEN EIRÓ BOUZA

Os camiños e avances das mulleres non foron nin están sendo fáciles. O logrado ata o momento foi froito da constancia e a perseverancia de todas, a pesar dos numerosos atrancos. Houbo que agardar ata 2025 para que Galicia tivese, por primeira vez, unha Fiscala Superior.

Son tempos nos que hai que corrixir voces e buscarlles o seu feminino; non se trata de reverter roles, senón de coñecer e recoñecer a igualdade. A igualdade, en si mesma, non ten xénero: é simplemente igualdade.

Non podía deixar de mencionar neste blog este feito histórico, e sentir a ledicia de que este tributo, inédito e primeiro, recaia en mans dunha muller ourensá. Un alto cargo de tal relevancia na xudicatura está cuberto hoxe por Carmen Eiró Bouzas.

Nacida en Ourense en 1969, ingresou na fiscalía en 1998. Dende 2005 era a Fiscala da Audiencia Provincial de Ourense, e en 2020 foi designada fiscala delegada autonómica na especialidade de Medio Ambiente, Patrimonio e Urbanismo. En novembro de 2025 foi nomeada Fiscala Superior de Galicia.

A partir de agora, asumirá a representación institucional no ámbito da Comunidade e farase cargo da dirección efectiva do Ministerio Fiscal neste territorio. Un posto de alta responsabilidade que deberá exercer con nobreza, máxima ecuanimidade e honradez. No seu discurso de toma de posesión pronunciou estas palabras:

“Síntome profundamente honrada e, ao mesmo tempo, son consciente da enorme responsabilidade que implica asumir o cargo de máxima autoridade do Ministerio Fiscal en Galicia. É moito máis ca un posto institucional: é un compromiso de vida coa xustiza, coa legalidade e coa cidadanía en xeral”.

Xurou o cargo cunha serie de compromisos acuciantes para Galicia: o medio ambiente, a xustiza, a legalidade e os dereitos, a violencia de xénero, o acoso escolar... En definitiva, estamos ante unha muller que comparte a realidade da cidadanía e se sente próxima á xente.

                                       

16 noviembre 2025

CONCEPCIÓN ESCUDERO RODRÍGUEZ

(Imaxe simulada, non é un retrato real).
Concepción foi outra represaliada polo franquismo. Como moitas, estivo sometida a un Consello de Guerra que a condenou a estar presa.

Naceu en San Lourenzo, un pobo que pertence á Veiga, do partido xudicial de O Barco de Valdeorras. Alí residía cos seus pais, Pedro Manuel e Dolores, cando foi detida en 1939, tiña 22 anos.

O motivo da súa detención foi por auxiliar aos fuxidos do monte. Foi conducida ao Depósito Municipal de Bande e o 9 de outubro de 1940 trasladárona ao Cárcere de Ourense. Pero saiu en liberdade condicional o 17 de decembro de 1941. O Consello de Guerra celebrado o 11 de decembro de 1943 impúsolle tres anos de prisión menor, facéndose firme a sentencia en decembro dese mesmo ano. Como Consuelo estivo dous anos, cinco meses e vinte e nove días restábanlle cumprir seis meses e un día polo que reingresou en prisión o 28 de xaneiro de 1944 para extinguir a condena que extinguiría o día 28 de xullo de 1944.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1940 a 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2238.Libro 2238, p. 212).

Concepción foi imputada e acusada por “delito de auxilio a elementos responsables de robo a mano armada y auxilio a la rebelión”. Os acontecementos foron os seguintes.

Concepción non tiña unha filiación política pero albergou na súa casa en dúas ocasións a unha cuadrilla de fuxidos do pobo de Curra, concello de A Veiga, en xuño de 1939. Estes fuxidos ían disfrazados co uniforme do exército e realizaran varios atracos a man armada nas casas de varios viciños do pobo e noutros pobos da contorna. Os xefes máis destacados do grupo alcumábanse “El Sargento”, “El bailarín Casaio” (referido ao guerrilleiro antifranquista Manuel Álvarez Arias condenado a pena de morte) e “El Maestro de Casaio”.

Di Laurino Farinas, veciño de Corzos, que estaba na súa casa e o 7 de xullo de 1939 e chamou á súa porta unha veciña e con ela presentáronse varios individuos vestidos de soldados armados que lle pedíron aloxamento. Unha vez dentro da casa manifestaron ser “rojos” e colléronlle dúas escopetas. Logo obrigánrono a ensinarlles a casa de veciños e ían entrando nelas para roubar. Logo levárono ás aforas onde estaba outro grupo maior e tras un anaco fixeron que regresase á súa casa.

Cando Laurino declarou dixo que non coñecía a ningún deles pero que un falaba galego e outro dicía que era o home dunha mestra destituída. Os veciños do pobo tamén manifestaron que non os coñecían e que entraban nas casas pedindo armas e diñeiro e roupa de vestir. As forzas de seguridade presentáronse na casa de Concepción para preguntar polo grupo pero ela dixo que cearan e marcharan e non os volverá ver. Malia todo detivérona por refuxialos. Tamén se levaron a Gabino Fernández Garriba por colaboración cos rojos e a Silverio Fernández Prieto por administrarlle vivendas. Gabino acusábano de acubillar a rojos na súa casa. Manifestou que á noite do 10 de xuño de 1939 petaron na porta e atopouse a un grupo de homes que lle dixeron que tiñan fame, entón ofreceulles comida e durmiron esa noite. Viu que traían armas. Un era o coñecido como "Sargento de Casaio", de Casdenodres, ían con el os irmáns Souletín e Alfredo Yáñez de Corzos. Este estivera na súa casa catro meses antes e entrou dicindo a contraseña “clavo” e el contestou “hierro”. Na declaración dixo que escoitara unha conversa entre eles na que dicían que o fillo da “Bruja de Espino” asasinara a Moisés Rodríguez e que dita bruxa e as súas tres fillas estiveron vivindo cos “rojos” e que eran as queridas dos que estaban presentes cando roubaron en Castromao e cando sostiveron un tiroteo coas forzas de A Gudiña. El manifestou que cando chegaron a Curra foi obrigado a axudalos e citou a veciños que os acubillaron. Concepción foi unha deles.

Concepción saíu do cárcere en liberdade condicional coa liberación definitiva do desterro o 23 de abril de 1944, aos 26 anos de idade, e deixou notificado que viviría en Matarrosa del Sil, en León.
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Concepción Escuredo Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24049/009; Caixa 24049/009.)

Vid: Expediente de responsabilidades políticas de Concepción Escudero Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.1.5.4.2.1.//7210/47; Caixa 7210/47.
Expediente persoal da reclusa Concepción Escuredo Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24049/009; Caixa 24049/009.
BOE nº 234 de 21/08/1944, fecha de la orden: 07/07/1944, pagina 6325, columna 1.
https://es.wikipedia.org/wiki/Manuel_%C3%81lvarez_Arias

05 marzo 2025

QUE NON NOS FALTE O ENTROIDO


Se hai unha festa de troula e balbordo, esa é o Entroido e, por suposto, no noso Ourense é espectáculo, pois hai recoñecidas un grande número de máscaras tradicionais.

O entroido é ese tempo que transcorre do inverno á primavera e de aí as cores que enchen cada recanto da provincia. As máscaras tradicionais levan flores, cintas e colares de cores infinitos tal como a primavera enche de cores a nosa contorna.

O entroido é un agromar de imaxinación, distensión, ledicia...todo é diverso e trangresor e todo é aceptado pois o espírito de irmanamento é o principal. A ledicia é a que manda.

E outro ano máis, as nosas mulleres ourensás que figuran na fotografía que encabeza esta entrada,volven a demostrar a gracia e bo facer que as caracteriza. Se o ano pasado sorprendéronnos coas sufraxistas, este ano lévannos aos anos cincuenta, outro alarde de creatividade e imaxinación. Así se amosan representando unha escena de perruquería, cos secadores de casco, coas revistas de moda, coas capas protectoras...

Desde logo, están encantadoras pois non deixan de demostrarnos ese espírito un tanto rebelde e atrevido que marcou unha época, con esas saias voluminosas marcando cintura, os peiteados, as gafas de montura de cores, os zapatos de trabilla e de tacón e os seus pequenos bolsos con asa nos que levaban a polveira e pintabeizos.

Si, en efecto, as mulleres foron dando cor aos tempos e pautando estilos modernos que eran un desafío para os costumes da época.

Parabéns, miñas amigas, outro ano máis me sorprendestes co voso encanto.

27 junio 2024

MULLERES OURENSÁS EN APOIO AO ESTATUTO DE GALIZA REFERENDADO O 28 DE XUÑO DE 1936.


O 28 de xuño de 1936 celebrouse o referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galiza. Nun primeiro momento foi levado a cabo polo Seminario de Estudos Galegos. Neste anteproxecto recoñecíase a Galiza como  "un estado libre dentro da República Española”, isto é, había un concepto federal do Estado. Pero esta idea foi debatida, posteriormente, e outorgóuselle a condición de rexión autónoma, con novas competencias e atribucións, lonxe do modelo federal recollido no primeiro borrador. E é que estas modificacións viñan determinadas polos cambios de goberno durante a República xa que no bienio conservador creou unha nova realidade política contraria aos nacionalismos.

No Título II sobre  poderes do Estado Galego, o Anteproxecto dicía no seu artigo 10  que compuñan o corpo electoral todos os galegos, homes e mulleres, de máis de 21 anos. No seu artigo 14 indicaba que serían elexibles para a Asemblea os galegos e galegas maiores de 23 anos que "rindan unha función útil á colectividade". Despois, no seu texto definitivo redactouse de xeito máis xenérico e contémplase o sufraxio universal no seu artigo 6.

(Fonte Galiciana: El Eco de Santiago, 1931 agosto 17, p. 1)

Dito anteproxecto non foi aprobado polas forzas mairitarias galegas e, polo tanto, na Asemblea de A Coruña de abril de 1932 o movemento concellil propulsou a idea de Autonomía designando unha Comisión redactora do Estatuto. Os representantes ourensás tamén quererían ser parte activa no proxecto e o 14 de maio de 1932 reuníronse as Comisións dos partidos republicanos de Ourense no enderezo da agrupación galeguista de Ourense na capital coa finalidade de estudar as ponencias a propor nas bases do Estatuto de Galiza e levalas á Asemblea compostelana.

A República esixía tres condicións para acordar o Estatuto de Rexión Autónoma (Vid:El pueblo gallego :1931 agosto 15, p. 1)

1.-Que o propoña a maioría dos seus concellos, ou polo menos aqueles municipios que comprendan as dúas terceiras partes do censo eleitoral da rexión. No caso de Galiza deuse nunha Asemblea do 19 de Decembro de 1932 en Santiago na que participaron 256 concellos que representaban o 80% da poboación galega. 

2.-Que o acepten polo menos os dous terzos do censo electoral. A cifra de votos favorables en Galiza foi do 76% do censo.

3.-Que o aproben as Cortes. O proxecto foi presentado ao Parlamento para a súa aprobación o 5 de xullo de 1936 e non chegou a ser visto antes da sublevación militar e o golpe de Estado do 18 de xullo.

En definitiva, o 98,8%  dos votantes ourensás (homes e mulleres) decidiron dar o seu si ao Estatuto. Concretamente, segundo A Nosa Terra, en Ourense 179.363 votaron si, 1.661 votaron non e 342 votaron en branco.  O aprobado foi aplastante en Galiza e recóllense os resultados en A Nosa Terra (do 4 de xullo de 1936) no que di que, dun total de 1.000.963 votos emitidos en toda Galiza, houbo 987.351 a favor, 6.161 en contra e 1.451 en branco, isto é, como diciamos, o 76% manifestouse a favor. (Segundo datos en A Nosa Terra, 993.351 votaron si; 6.085 votaron non, 1.378 foron brancos. 

O apoio estatutario veu desde diferentes camiños ideolóxicos de tal xeito que tanto as esquerdas como as dereitas, así como prensa escrita de corte claramente católico-relixioso sumáronse ao dito proxecto.

As mulleres galegas tiveron grande protagonismo no ánimo e impulso estatutario. 

(Fonte Galiciana: Gredos. Universidade de Salamanca. Cartel de Camilo Díaz Baliño.)



(Fonte Galiciana. El pueblo gallego, 1936 xuño 26, p. 2)

O chamamento ás mulleres galegas para que afirmasen o Estatuto foi constante. O grande mitin organizado no Teatro Jofre de Ferrol día 14 de xuño de 1936 foi concurridísimo de diversos representantes da contorna. A el non puideron acudir o Partido Feminino Republicano pola folga de transportistas pero no mitin arengouse ás mulleres. Estaban representantes da Unión Republicana, Partido Socialista, Sindicatos, Esquerda Republicana, e, como non podía ser doutro xeito, o Partido Galeguista. Todos xunguidos por unha causa común, Galiza. O socialista Marcial Fernández, dixo que os socialistas vaian votar o día 28 de xuño para conseguir o verdadeiros sentimento da personalidade galega. Diríxese ás mulleres dicindo:

...y vosotros, mujeres de Galicia, tenéis que alentar ese día a los hombres porque en ello va el porvenir y la vida de ellos, de nuestros hijos y la libertad de la tierra. ( El Correo gallego, 16 de xuño de 1936, p. 3).

 E en efecto, un grupo de mulleres, entre as que se atopaba algunha ourensá, asinou un manifesto animando a todas as galegas para que defenderan co seu voto o Estatuto de Autonomía Galego. Entre estas mulleres asinantes estaba  a insigne Olimpia Valencia e xunto ela tamén estaba Antonia Ledo Enríquez, que daquela era estudante e, probablemente, se trate dunha  mestra que casou co auxiliar de farmacia Jesús Hermida López e vivían en Ourense na rúa actual Progreso número 23, 2º F. Ela estivo destinada na escola nº 1 de o Barco, no Bolo, na Peroxa. Pero seguro que outras ourensás estaban a favor do Estatuto, non cabe dúbida que entre as que conformaron o Grupo Feminino do Partido Galeguista, como Marina Peña Bouzas e, sobre todo, Mercedes do Campo de la Fuente, eran defensoras dunha Galicia con autonomía. De feito, Marina Peña foi coa Comisión de representantes de Galiza o día en que se presentou o Estatuto ás Cortes Estatais e que foi o 15 de xullo de 1936.

A máis destas dúas mulleres vinculadas a Ourense houbo outras que quixeron manifestar o seu apoio ao Estatuto como  Antonia Santos, estudante da Universidade e membro do Partido Galeguista; María J. Cachafeiro, de F. Agraria; Pilar Varela de Mocidade Galegusita; Inés Doiro de A.M.C.G. e F; Rita Santaomé, modista; Amalia G. Sánchez, Isolina Nogueira, mestra de Esquerda Republicana; María Barreiro Rey, mecanógraf, Petra Meixide, Antonia Ledo, Adelina Vieytes, Concha Dopazo, estudantes.

Unha manchea de mulleres galegas, ergue a sua voz -homilde, pero crara- n-istas horas decisivas pra o Porvir da Nosa Terra.

Queremos falarlle á sensibilidade cordial das nosas hirmans galegas. Queremos aguillar o sentimento racial e cibdadán das que, coma nós, son fillas de Galicia.

Nin somos as máis intelixentes, nin as máis patriotas, nin as mellores; somos, si cadra, as máis audaces por ser tamén das máis fondamente convenvidas de que nas novas democracias, a muller, sen perder un chisco da sua femininidade, ten que obrar o milagre de dobrar o censo a favor da Xustiza, da Fraternidade e da Liberdade.

 A vós que tendes direito a un futuro millor pra os vosos fillos; ao voso corazón de nai, amargunado por tantos recordos tristeiros; â vosa vontade de amparadoras da familia, da leira e da casa nos días longos da ausencia de aquéles que remataron morrendo nun hospital de América ou nas loitas mouras, nas que os vosos homes se xogaban a vida na líquida sepultura do mar; ao voso íntimo tesouro de agarimo e de calado door, encamiñamos este chamamento, a prol de erguer unha Patria nova, unha Terra farta, unha Galicia Feliz...

¡Mulleres de Galicia, que o sodes todo no fogar e no traballo, na casa e na cibdadanía, no sostén e na tutela dos fillos cativos, que a emigración ou o naufraxio vos deixaron horfos!:¡Xuntade o voso esforzo ao afán dos galegos que queren unha Galicia non escravizada, un mañán máis ledo, unha cultura propia, unha vida dina!

Pol-o esprito e pol-a materia. Pol-a limpeza política e pol-a prosperidade pública. Pol-otraballo e pol-a reivindicación social. Pol-a República. Por Galicia, mulleres da nosa Terra; Hirmáns de Galicia:

 VOTADE O ESTATUTO DE AUTONOMÍA

Un alegato ás mulleres para que voten por Galiza, pola liberación da Terra,  pero tamén unha exaltación das mulleres como sostén da comunidade no seu rol de muller, de nai e de administradora dos fogares cando a emigración levaba aos homes.

                              (Fonte: "Ha venido de Madrid una comisión de Galicia", La Libertad, 16 de xullo de 1936, p. 12).


Así pois e para concluír, é preciso recoñer que as mulleres galegas están nun despertar no seu compromiso social e político. Mulleres que comezan a integrarse en agrupacións galeguistas, autonomístas, socialistas, o que denota o valor engadido que supuñen para todo o proceso social histórico. Mais todo este alarde vital das mulleres foi sufocado de xeito drástico coa ditadura que supuxo volver ancoralas no redil.


Vid: Estatuto de Galicia; El Eco de Santiago,
5 de agosto de 1931, p.1; El pueblo gallego, 15 de agosto de 1931, p. 1; El Compostelano , 9 de maio de 1932, p. 2; El Compostelano, 28 de decembro de 1932 , p. 1-2; A voz do pobo : ¡Proletarios de todol-os países unídevos!, 5 de xuño de 1971, p. 2; El pueblo gallego, 20 de xuño de  1936, p. 11; La Región, 8 xullo de 1962, Estatuto de 1936; Rodríguez-Arana, J. (2001). Estatuto y autogobierno gallego: nuevas perspectivas (1936-1981-2010). AUTONOMÍAS , 27 , 280; Peña, MSP (2006). El referéndum del Estatuto de Autonomía de 1936 en la prensa gallega: puntos en común y diferencias con el proceso estatutario de 1979-1980. En República y republicanismo en la comunicación: VIII Congreso de la Asociación de Historiadores de la Comunicación, actas. (Sevilla, 30-31 de marzo de 2006) (p. 41). Universidad de Sevilla.

04 febrero 2024

GUADALUPE ESPINAR

A Guadalupe Espinar gustáballe o periodismo pero sentía polo teatro unha grande vocación: "Si tiene más base. Creo que nació conmigo" dicía ela sobre o teatro. 

Formou parte do Teatro de Cámara de Ourense xunto con Chonina Vilanova. Dita agrupación xurdiu en 1961 e levou a cabo representacións de obras reflexivas e de gran contido filosófico de autores franceses e xaponeses. 

Tivo brillantes interpretacións como foi na obra "La mujer del abanico" de Yukio Mishina, unha obra poética na que fixo o papel de Hanako. Aquí destacou pola súa elegante posta en escena e a brillante erudición do papel, a mímica do personaxe que demostrou que se "meteu" no papel. A súa capacidade interpretativa deu lugar a que recibira o diploma no Galardón de Duero, en Zamora.

(Fonte: "Ante un acontecimiento artístico" , La Región, 21 de xuño de 1961, p. 3. Guadalupe Espinar xunto con Maryli Vázquez na representación da obra "La mujer del abanico")

Despois do Teatro de Cámara e Ensaio de Ourense pasou ao Teatro Nacional Universitario, que estaba dirixido por Alberto Castilla, cando se trasaladou a Madrid para cursar estudos de Filosofía e Letras. Neste caso destacou no papel de Laurencia de Fuenteovejuna pero tamén interpretou papeis na obra "El círculo de tiza caucasiano" de Bertolt Brecht representada no teatro María Guerrero de Madrid. Nesta época recibiu o Primeiro Premio de interpretación no festival internacional de teatro Universitario en Nancy.

(Fonte: "Guadalupe Espinar. Ayer primera atriz de nuestro Teatro de Cámara, hoy del Teatro Nacional Universitario" La Región, 2 de setembro de 1965, p. 5)

Outra das paixóns de Guadalupe era o periodismo. Colaborou con La Región realizando interesantes entrevistas, sobre todo de mulleres da súa época que destacaban por algún motivo pois Guadalupe, xa daquelas, pretendía darlles a importancia como mulleres pioneiras. Realizou unha entrevista moi interesante, publicada en La Región o 7 de xullo de 1961, a Ana María Quiroga, estudante de Filosofía e Letras en Madrid e destacada deportista de baloncesto. Tamén a Teresa Quiroga, a irmá xemelga de Ana María, muller policafética, artista pintora, profesora de danza e tamén deportista de baloncesto. 

De tal xeito, que Guadalupe acabou ocupando ese espazo na prensa dedicado ao deporte feminino que comezaba a despuntar nos anos sesenta.

Guadalupe casou con Alberto Castilla e os dous marcharon a Colombia en 1967 pois a Alberto ofrecéronlle o cargo de profesor e director do Teatro Estudio de la Universidad Nacional de Colombia. Alí rendeulle unha homenaxe a Valle Inclán e levou á escena "Los cuernos de Don Friolera", representación na que Guadalupe fixo o papel de Loreta.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes: "Teatro de Cámara y Ensayo y tres de Liceo d Arte", La Región,  16 de xuño de 1961, p. 3; Ana María Quiroga", La Región, 7 de xullo de 1961, p. 4; "El partido femenino", La Región, 11 de xullo de 1961, p. 4; La Región, 9 de novembro de 1957, p. 4; "Yukio Mishima en Orense", La Región, 28 de novembro de 1970, p. 12.

12 octubre 2023

A IMPRONTA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS NAS MESTRAS E UNIVERSTARIAS OURENSÁS

É pertinente que formulemos a hipótese seguinte: O SEG influíu nas mestras e universitarias ourensás.

Fagamos, entón unha reflexión.

O Seminario de Estudos Galegos creado en Galiza o 12 de outubro de 1923 foi un dos fitos máis importantes para a o noso acervo cultural. A súa duración foi curta pola guerra civil que coaccionou radicalmente a expresión da riqueza cultural do noso territorio impondo unha ditadura violenta, centralista e opresora. Cabe preguntarnos: Que houbera sido de Galiza se non se truncaran todas estas iniciativas galeguistas: Instituto de Estudos Galegos, Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, o Estatuto de Autonomía...Cicais sentiriamos máis fondamente o orgullo polo noso, a querenza pola nosa cultura, pola nosa fala...

Certo é que o Seminario nunca se considerou político aínda que non impedía que agrupacións políticas se sumasen ao marchamo das reivindicacións rexionais e culturais. De feito sempre alegou a súa apertura a un amplo especto de ideoloxías pois o nódulo principal era o recoñecemento e e a posta en valor da riqueza patrimonial histórica-artística e intelectual de Galiza. As súas publicacións "Arquivos", actividades, cursos, excursións...tiñan a intención de divulgar e por en valor a riqueza galega e, por conseguinte, acrecentar  o orgullo pola Terra.

Na súa afiliación oficial estaban profesores insignes de Galiza, recoñecidos galeguistas que xa viñan desenvolvendo outras facetas como o Grupo Nós, a propia revista Nós nacida en Ourense, e colectivos intelectuais e políticos afíns ás Irmandades da Fala e, posteriormente, Partido galeguista. Pero estou segura de que habería un grande número de simpatizantes que compartían a ilusión do renacer galego. Ademais, o propio Seminario encargábase de difundir, con especial interese entre o maxisterio, a necesidade da cultura, tradicións, historia...da nosa Terra. 

O interese desta institución pola formación do maxisterio quedou patente na convocatoria do Primeiro curso de extensión escolar entre os días 29 de xullo e 2 de agosto de 1935 durante os cales desenvolveuse un amplo programa de actividades: cursos, conferencias, excursións…con especial atención ao maxisterio galego pois, no seu fuero interno, considerarían que eran os transmisores idóneos duns ideais pola cultura galega. Durante catro xornadas abordaron as seguintes conferencias e cursos específicamente para o maxisterio:
  • A ensinanza en Galicia.
  • Solucións da moderna Pedagoxía
  • Práctica nun test Técnica.
  • A Escola e a Hixiene Rural Galega

As palabras enunciadas polo Secretario do Seminario no inicio destes cursos van na liña do labor que hai que desempeñar nas escolas para garantir o futuro pensando en Galiza:

“Todo el que no se sienta espurio a la Tierra sabe que conquistadas sean en un día próximo las primeras posiciones vindicativas, con la misma acribia y tesón que a la perentoria obra de la reconstrucción económica, toda la ofensiva política de Galicia tendrá que dirigirse ineludiblemente, apresurando su ritmo y cargando su racial ímpeto hacia el campo de la cultura, hacia la escuela concretamente, hasta lograr la conquista de sus puntos más estratégicos, de donde ha de manar nuestro porvenir. Hay que instalar allí perentoriamente el gran tema de la realidad y la palpitación de Galicia, hoy casi fuera del horizonte mental de nuestra población escolar, en casi todos sus planos. A esto hay que afanarse, cada cual desde su ángulo y en la medida de sus fuerzas. El Seminario de Estudios Gallegos, la benemérita Institución cultural orgullo de Galicia por su gnosticismo racial, su formación científica y el vuelo y estilo, ecuménico y galleguísimo de su fecunda labor, no podía dejar a sus espaldas empresa de tal urgencia preñada de ortos por donde también ha de comenzar la reconquista de Galicia...Así, pensando patrióticamente "en gallego", es decir, mirando Galicia adentro, nuestro primer organismo cultural, hoy por hoy el de más alto y sólido prestigio intelecutal proyectó y llevó a la práctica un primer curso de extensión escolar....Estos cursos tienen el propósito de sistemanitar, juntar y procurar reunir en una visión amplia de conjunto la cultura gallega. Gran tarea esta, imprescindible y urgente en Galicia” (Palabras do Secretario do Seminario D. Sebastián González García-Paz).

(Fonte: El pueblo gallego, 4 de setembro de 1935, p. 1)

A actividade resultou un éxito pois  asistiron un promedio de 150 cursillistas entre os que había inspectores, docentes, alumnado das escolas normais e tamén universitario; estudantes de bacharelato e de centros diversos.

En Ourense había un grande elenco de profesorado que impartía no Instituto, na Normal, en Centros privados e e nas Academias da cidade cunha forte ligazón ao Seminario de Estudos Galegos, polo tanto achegados ao galeguismo e á recuperación da identidade galega. Realizaron un gran labor a través das súas leccións maxistrais para inculcar ao alumnado ese amor e recoñecemento da Terra. Grandes ilustres eruditos que eran un referente cultural na nosa provincia como Vicente Risco profesor na Normal e Director da Normal, Otero Pedrayo, Presidente do SEG en 1936 e profesor do Instituto ourensán onde estudarían moitas bachilleras que rematarían sendo mestras. Como socios do SEG estarían Antón Losada Diéguez, Angel Martínez Doval,  Amador Villar Amor, Ángel Ferrín Moreiras, Leuter González Salgado, Luís Madriñán Neira, José Ramón Fernández, Manuel Sueiro, Juan Fernández Pérez "Xesta", Xaquín Lorenzo. Fago mención especial de Antonio do Campo que foi profesor na Academia Villar e tamén da Normal onde impartía francés. Ao marchar en 1918 a Cuba creou na Habana a Asociación Pro-Seminario de Estudos Galegos. Un home moi comprometido pola terra e co galeguismo, irmán de Mercedes e Rosa do Campo. (Remito ao libro publicado para coñecer máis de preto a Antonio do Campo e o seu labor desde a emigración).

Tamén é preciso mencionar ás docentes na Normal e noutros centros como Joaquina Rodríguez Caminero, usuaria da Biblioteca do SEG, Carmen Pardo, socia do SEG, Sara Leirós socia do SEG. Así mesmo Celsa Ferrín Moreiras coincidiu na facultade de Filosofía e Letras con Pura Lorenzana, e tamén estaba vinculada ao SEG. Outras ourensás universitarias como Emilia e Remedios Álvarez que fixeron parte dos seus estudos de bacharelato en Ourense e logo rematárono en Pontevedra para encamiñarse á Facultade de Santiago.

Outras profesoras da Normal e do Instituto na nosa cidade e de recoñecido prestixio na provincia non figuraron como socias pero si cremos que mantiveron unha afinidade grande cos SEG, estamos a referirnos a Concepción Ramón Amat, Leonor López Pardo, Ángeles Leirós, Aurora Seijo, María Teresa Delgado, muller de Ferro, Patrocinio Armesto Alonso, Carmen Lorenzo, Mercedes Randulfe, e un longo etc...

De Sara Leirós rescatamos a seguinte publicación sobre El Padre Feijóo que foi patrocinada polo Seminaro de Estudos Galegos.

(Fonte: Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense [1927]: Tomo XI Número 227 - 1936 marzo, p. 15 e 16)

Pero ao carón destes docentes que son socios ou teñen unha vinculación directa co Seminario había outros  persoeiros ourensáns, funcionarios, profesións liberais, investigadores, intelectuais... que demostraron a súa conformidade cos postulados desta agrupación como López Cuevillas, Juan Coma, Julio Cortés Martínez, Antonio Diéguez Nóvoa, Asdrúbal Ferrreiro Cid, José Fernández B.Casal, Isaac Forneiro Barandela , Julio Gallego, José García Boente, Julio García Pérez, José Lamas, Pedro López Teixeiro, Luís Madriñán Neira, Modesto Pérez Piñeiro, Ignacio Riestra Calderón, José Sabucedo Morales, Jacinto Santiago, José Ulloa, Carlos Valencia, Alfonso Vázquez Monjardín, Xosé Alonso Obregón., Reinado Álvarez de Nóvoa, Ático Noguerol, Benigno Quiroga, Xan Luís Ramos Colemán, Xacinto Santiago, Xulio Velasco Astray, Manuel Chamoso Lamas (Moldes), Xosé Velo Mosquera, Alexandre Otero Teixeiro, Ramón Bretaña Campelo, Antón Diéguez Nóvoa, Xosé Fernández A. Dacal, Modesto Fernández Román, Xulio García Pérez, Xulio Gil Fernández, Lóez González Quiroga, Xosé Goyanes Sotelo, Isidodo Guede Fernández, Ricardo Outeiriño, Manuel Peña Rey, Modesto Pérez Piñeiro, Cesareo Saco, Antón Saco, Xoan Saco, Xosé Antonio Varela Garza.

Así como a Institución da Deputación Ourensá, o Concello de Ourense, o Concello de Verín, a Condesa Atalaya Bermeja, José Berbén Ulloa, Modesto Pérez Peinador e as Mocidades Galeguistas de Ourense, como socios protectores...que contribuíron economicamente ao sostén do Seminario. A Escola Normal tamén se sumaría a ser socia protectora do Seminario.

(Fonte: Arquivos do Seminario de Estudios Gallegos, Vol.6, 1933-34, p. 374)

O Seminario parecer haber sido ben acollido na nosa cidade. Víase como unha agrupación sen postulados partidistas cunha finalidade cultural. Moitas mestras demostran o seu afecto por Galicia aínda desde postulados tradicionalistas. Mestras que demostraron que os seus referentes seminaristas cumpriran un bo labor. En efecto, foron maiormente mestras as que se animaron a crear o Grupo Feminino do PG e das Mocedades galeguistas (que eran socias protectoras do SEG), as mesmas que homenaxearon a Filomena Dato. Tamén foron mestras as que escribiron en galego na Revista Nós animadas por Vicente Risco estamos a referirnos a María Sánchez Fernández; Dolores Fernández Quintáns; Carmen Somoza Pato; Purificación González Feijóo e Josefa Rodríguez Paradela. Tamén eran mestras as que escribiron en A Nosa Terra como Mercedes do Campo, Rosa do Campo, Felisa Morais, Olimpia Varela, mestras..

Non podemos obviar o grande interese que puxo Vicente Risco por Galeguizar as escolas, por galeguizar o ensino. O seu Plan Pedagóxico para a galeguización das Escolas podemos consideralo a demostración máis plausible do sentimento de Risco por Galiza e ese sentimento, segundo se traduce do seu Plan, había que levalo ás escolas. Dicía dos escolantes:

O escolante ha de ser alma da escola. Mais para iso cómpre que o escolante teña espírito, que teña ideal. Cómpren escolantes imbuídos do Ideal de Raza e de Tradición da Terra. Para isto, o primeiro é que os escolantes que rexan as nosas escolas sexan galegos; o segundo que estudien e  amen a Galiza. 

Ese espírito para galeguizar a escola tamén se sentiu en Bos Aires. Vicente recibiu unha carta da Unión Provincial Orensana  asinada por J. Sanchéz e o Secretario Xeral e datada no 3 de febreiro de 1934 na que se pedía a creación en Ourense dunha escola en galego e tamén se indicaba que as docentes ideais para o desempeño nesa escola eran as que formaran o Grupo Feminino do Partido Galeguista. Así dicían:

Pensando sempre na abnegación e sacrificio da muller galega, permitímonos polo tanto insinuarvos que ningúen mellor que esa comisión de abnegadas e valentes patriotas que preside dona Celia Bouzas, da Peña Rey para poñerse ao fronte da propaganda e administración dun labor deste xeito.

Así que non é de raro pensar que moitas mestras acadaron tendo o acervo pola terra. Mestras que se encamiñaron ás súas escolas remotas co afán de culturizar aos nenos e nenas no seu respecto pola cultura. A facerlles sentir orgullo do seu pois iso é o que pretendía o Seminario. Poñer en valor a cultura propia. 

Polo tanto, o espírito do SEG espallouse tamén ata aquí, Ourense, unha cidade de interior que nos anos vinte e trinta aínda era pequena. Tal vez, moitas mestras axudaron a esa difusión por medio de actividades escolares como recitais, cantos, xogos, traballos de exposición... 

Si, as mestras culturizaron e nos recónditos lugares onde exercían, de moi difícil desempeño, foron quen de implicarse na vida das xentes do lugar, e iso é valorar a tradición cultural galega. Mestras que levaban a cultura, os saberes e descubrimentos ás mentes infantís que vían nas súas mestras un exemplo a poder seguir. 

(Entrada escrita segundo as reflexións da autora do blog. A relación dos socios da SEG extraeuse da publicación Arguivos do SEG. Tamén se consultou a publicación de Alfonso Mato Domínguez en Cultura Galega. Album. Tamén para ver o influxo dos galeguistas nas mestras, así como a influencia da Normal na cidade como dinamizadora cultural e comprometida coa formación dos futuros mestres e mestras, remito á entrada As mestras ourensás, aquelas que recibiron leccións de Vicente Risco e Otero Pedrayo.)

19 diciembre 2021

SARA ESTÉVEZ ÁLVAREZ


Sara Estévez Álvarez naceu en 1898 no pobo de Crespos, Padrenda. En 1916, cando tiña catorce anos realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. Tamén sacou o título de Mestra Nacional.
Completou a súa formación en Bos Aires como interna na Maternidade de Rawson e aquí sacaría a Diplomatura de Partera. Logo trasladouse a Madrid onde foi axudante do Doutor Varela Radio, unha eminencia no mundo da mediciña. Un galego, nacido en Pontevedra  e que estudou na Universidade de Santiago e despois se trasladou a Alemaña para seguir formándose. Estando en Madrid foi titor de moitos galegos que estudaban medicina na capital. Sara aprendería con el os interesantes adiantos técnicos que comezou a aplicar na xinecoloxía como a radioterapia. 

Outro dos seus mentores sería Sebastián Recasens, ciruxián e especialista en obstetricia e Xinecoloxía e de grande fama pola súa profesionalidade e por ter sido o médico xinecólogo que asistiu á Raíña Victoria Euxenia para dar a luz ao infante Gonzalo Manuel.

Sara tamén acabou sacando o Título do Seguro Obreiro de Maternidade que consistía en atender ás nais obreiras segundo se estableceu no Real Decreto do 26 de maio de 1931. A lei lexitimaba o papel da matrona nos partos das obreiras o que contribuía a diminuír o intrusismo na profesión.
De volta en Ourense instalou o seu consultorio para asistir a partos e facer curacións na rúa Libertad, nº 7 primeiro piso, e logo na rúa de Colón e finalmente na rúa Progreso, nº109 pero tamén abriu outro en Ribadavia a onde acudía dous días ao mes. Atendía previa cita chamando ao teléfono nº 27 e anunciábase diariamente na prensa local, tanto na Región como na Zarpa pero tamén na prensa de carácter nacional como na publicación El Blanco y Negro editado en Madrid.



(Fonte: La Región, 17 de abril de 1934, p. 5. Galiciana)
(Fonte: Blanco y Negro, 16 de setembro de 1934, p. 197.)

(Elaboración propia)
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Imaxe inicial, Programa de Festejos del Corpus, 1934;La Región, 26 de outubro de 1932, p. 6 El Eco de Santiago, 26 de decembro de 1919.




19 enero 2020

MARÍA ISABEL ESTÉVEZ DE LA CRUZ

Isabel Estévez naceu en Ourense. Fixo o preuniversitario no Instituto e logo matriculouse na Escola Oficial de Idiomas.  Licenciouse na Universidade da Sorbona  e estudou na Escola Oficial de Periodismo. Impartiu clases na Facultade de Ciencias da Información. e foi unha entusiasta viaxeira a Inglaterra. Tamén recibou a medalla de Ouro de Relacións Públicas.

Ela mesma di que na súa época, polos anos setenta, o que se estilaba era que as mozas estudaran labores e algo de idioma. Ela deseguida se apaixoou polos idiomas e comezou a estudar inglés con entusiasmo a pesares de que á súa familia non lle gustaba. Pero a Isabel apaixoáballe ensinar e, ao fin, a familia deuse conta de que Isabel, ensinando, era feliz

O seu entusiasmo  polo inglés levouna, en 1974, a escribir un libro de aprendizaxe do idioma. "My English text book" cunha metodoloxía práctica e sinxela que permitía adquirir o idioma de xeito natural.

23 julio 2014

EMILIA ENRÍQUEZ

Emilia naceu en Ourenseen 1972. É licenciada en Deseño, Escola Superior de Moda de Madrid. É unha fantástica artista plástica. Formouse como escultora no Taller de Escultura de Hipólito Hidalgo de Caviedes, na Escola de Artes Aplicadas eOficios Artísticos de Madrid, Taller á Pedra, na Academia de Arte Artium Peña e no Estudo do Pintor José Barranco, Madrid. Destaca a súa obra das Geishas; Mundo Recosido cheas de gran expreionismo. As súas exposicións foron: 2014. Galería Juan Manuel Lumbreras, Bilbao 2014. Fundación Antonio Pérez, Centro de Arte Contemporáneo, Cuenca 2013. Sala Kutxa Boulevard, San Sebastián 2013. Centro Cultural Villa de Móstoles, Ayuntamiento de Móstoles, Madrid 2012. Sala Luis de Aujuria, Vital Kutxa, Vitoria-Gasteiz 2012. Colegio de Ingenieros Industriales de Aragón y La Rioja, Logroño 2011. Centro Cultural La Casa Elizalde, Ayuntamiento de Barcelona 2011. Sala Torrene Aretoa, Ayuntamiento de Getxo, Bilbao 2010. Sala Caja Burgos, Miranda de Ebro, Burgos 2010. Sala Caja Duero, Palacio del Almirante, Medina del Campo, Valladolid 2010. Centro Cultural Hispano Japonés, Universidad de Salamanca 2009. ‘Ecos do Pasado’. Centro Cultural Deputacion de Ourense, Fundación Caixa Galicia 2008. ‘Ojo de Mar’. Casa De Galicia, Xunta de Galicia, Madrid 2001. Galeria Kreisler, Madrid 1998. Galeria Kreisler, Madrid COLECTIVAS / COLLECTIVE 2009. Club del Libro en Español, “Homage to José María Sert”, Palacio de Naciones, Ginebra, Suiza.

Vid: Emilia Enríquez
Foto: Diario Vasco

31 julio 2013

TERESA EIRIZ VÁZQUEZ

Os amigos do blog de mulleres ourensás envíanme suntuosa información. Esta entrada é un exemplo do que estou a dicir sendo neste caso Javier Torres quen ma ofrece. Dime que Mº Teresa Eiriz Vázquez naceu no Barrio do Areal, Ourense, en 1911. Estudou A.T.S en Santiago obtendo dito título. Nos anos 30 tiña carnet de primeira e chegou a conducir camións ata 1950 sendo, posiblemente, a primeira muller ourensá con estes requisitos.

Foi traballadora incansable e xamais cobrou por poñer inxeccións a quen o necesitaba e sempre axudou aos desfavorecidos.


Foi empresaria, condutora, repartidora, e ata tiña coñecementos de mecánica. Estamos pois ante unha pioneira.
Foto enviada por Javier Torres.



11 febrero 2013

PETRA ENRÍQUEZ NOGUEIRA

É necesario salientar a aquelas mulleres que tiveron a fortuna de educar e formar a grandes persoeiros da cultura galega e por ende, ourensá. Estamos a referirnos neste caso a Petra Enríquez Nogueira que era a nai de Curros Enríquez. Esta muller era natural de Vilanova dos Infantes e casou con Xosé María Curros Vázquez. De todos e todas é coñecida a relación tensa entre o fillo e o pai, relación que provocou que Curros marchase da súa casa. Podemos, entón, intuír a pena e tristura que viviría Petra. Non obstante, ela soubo do cariño que lle tiña Curros como así o demostrou en poemas diversos e ben orgullosa que estaría da traxectoria intelectual e brillante do seu fillo.




Na morte da miña nai
Doce melancolía, miña musa,
do meu espírito noiva feiticieira,
¡déixame que hoxe no teu colo durma
sono de pedra!
Nunca, reiciña, nunca como agora
falla fixéronme os teus bicos mornos:
choveu por min chuvia de sangue e traio
frío nos ósos.
Quéntame ti, que tiritando veño,
ti, que do peito curas as feridas,
¡amiga xenerosa dos que sofren,
melancolía!
Tope miña alma, á sombra dos ciprestes
que os tristes ermos das túas illas cobren,
o esquecemento que en ningures acho
prás miñas dores.
Fai que ó rumor dos teus regueiros brando
se adormezan meus tristes pensamentos.
¡Son un orfo! Agarímame ao teu colo...
¡Xa outro non teño!
Xa outro non teño en que pousar a fronte
polas enrugas do pesar sulcada,
xa outro non teño que a amargura enxugue
das miñas bágoas!
Nai, adorada nai, martir escura,
branca pombiña, aruladora e tenra,
ai, se souberas como me deixabas...
ai, non morreras.
Dende que te perdín, a terra, o ceo,
todo é pra min da mesma cor da morte.
O sol non me alumea, nin os campos
pra min tén flores.
Cal sobre os condenados a pauliña
caíu sobre miña alma eterno loito;
todo me amarga, astra o aire que respiro;
dáname todo.
Do corazón fuxiume esa alegría
que é nas flores aroma e vos nos páxaros,
e andan por dentro do meu peito os corvos
arrevoando.
¡Como recordo aquelas noites claras
en que ó fulgor da prateada lúa
me arrolabas o sono, dos teus cantos
coa doce música!
¡Como recordo aqueles tardes tristes
en que os tronos sentindo, rezabamos
por que Dios leve ós probes mariñeiros
a porto salvo:
Polos necesitados camiñantes,
polos vellos sen pan e sen abrigo,
polos nenos sen pai..., abandonados
coma os teus fillos!
¡Ai! Eu tamén rezar quixera agora
por ti, de tanto amor en xusto pago;
mais dende que te fuches, miña rula,
¡teño un cansacio!
Melancolía, musa dos doentes,
do meus espírito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo
durma sono de pedra!

Vid: Galicia espallada

22 agosto 2012

TAMARA ECHEGOYEN DOMÍNGUEZ

Támara Echegoyen Domínguez  naceu en Ourense o 17 de febreiro de 1984. É unha regatista española do Real Club Náutico de Vigo.

Foi campiona de Europa en 2000 e 2004, e campioa do mundo en 2001, 2002 e 2005 da clase Vaurien.
Actualmente compite na modalidade de match race, onde é a patroa do equipo que forma con Ángela Pumariega e Sofía Toro, con quen foi campiona de España en 2010 e 2011, así como campiona iberoamericana en 2010,campiona de Europa en 2011 e medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
Wikipedia
Foto: www.marca.com

18 mayo 2012

ELIDIA ENRÍQUEZ Y CRESPO

Naceu en terras valdeorresas. Estudou Maxisterio na Escola Normal de Lugo rematando os estudos con brillantes cualificacións polo ano 1919. Foi a madriña de voda do pedagogo e poeta de Petín Don Rogelio Rodríguez.
Vid: Vida Gallega, nº 137, Novembro, 1919.

28 enero 2012

AUREA DELGADO, CARMEN ESMORÍS E ROSARIO ÁLVAREZ


Emilio Portabales, membro da Coral de Ruada, facilitoume esta información que hoxe expoño no blog de mulleres. Trátase de tres mulleres ourensás que pertencían ao cadro de declamacións do coro Os Enxebres. Por aqueles anos non había mulleres nos coros, por iso a relevancia que lle damos aquí a estas tres cantantes. Aquí aparecen na publicación "Vida Gallega", nº 146, 1920.

24 febrero 2011

ROSA ENRÍQUEZ NOYA

Naceu na Rúa no ano 1969. É licenciada en Filoloxía Hispánica. Na actualidade exerce como profesora de fránces no IES Macías o Namorado de Padrón. Colabora con revistas, tales como Dorna, Xistral, A casa da Gramática, Leña Verde, A xanela e Ólisbos, Galiza Livre...e como columnista en La Región. Ten participado en colectivas de arte "Iconos" e "Artnatura", en recitais a poetas como Uxío Novoneyra, María Mariño, e na performance Palabra en movemento.
Obras: Nas aforas; Raizame vexetal; Vestíbulo da devastación; Unicrom; Sétimo andar.
Gustavo Docampo aportou esta referencia dende O Barco.
Vid: Fonte

08 abril 2009

EMILIA ENRÍQUEZ MARCOS

Naceu en Ourense en 1972. Actualmente vive e traballa en Madrid. Artista autodidacta completa a súa formación en estudos e talleres de pintura e escultura. Expuxo na Galería Kreisler de Madrid. A súa obra foi adquirida por coleccionistas privados.
Vid: http://emiliaenriquez.com/

04 abril 2009

ELENA ESPINOSA MANGANA

Naceu en Ourense o 21 de marzo de 1960. É unha política española. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1985 afiliouse ao PSG-PSOE, facéndose responsable, desde 1985 a 1988, da Zona de Urxente Reindustrialización de Vigo. Entre 1988 e 1996 ocupou o cargo de Presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo. Tras a derrota do PSOE nas eleccións de 1996, traballou dous anos no Instituto Galego de Medicamento Técnico e incorporouse á empresa Rodman Polyships como Directora Financeira Administrativa. Desde maio de 2002 até xuño de 2004, foi Adxunta a Presidencia do Grupo Rodman. O 14 de marzo de 2004 celebráronse novas eleccións que deron a vitoria ao PSOE. En xuño de 2004 obtivo o nomeamento de Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación. A súa xestión á fronte do Ministerio fixo que o 14 de abril de 2008 fose nomeada Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. O cambio de nome do Ministerio corresponde á fusión das carteiras de Medio Ambiente e Agricultura, así como das súas competencias en relación á VIII Lexislatura de España.