Etiquetas

15 octubre 2020

SIRA GONZÁLEZ CID


Quixera agradecer a Rafael Salgado o haberme referenciado a súa bisavoa e tía bisavoa pois foron das primeiras mestras tituladas en Ourense cando se creou a primeira Escola Normal de Mestras a finais do século XIX .

Rosa Laureana e Sira González Cid eran fillas de Joaquín González Cortés e Petra Cid Blanco. As dúas destinaron a súa vida á ensinanza sendo das primeiras mulleres de Ourense que se titulan en Maxisterio.

Cando Rosa e Sira accederon ao maxisterio nos anos oitenta do século XIX practicamente estaban a crearse os estudos de maxisterio para as mulleres na cidade de Ourense. Fagamos un breve repaso de cómo foi a implantación deste estudos na nosa cidade[1]. Con respecto á Escola Normal de Mestras de Ourense, en 1877 o Señor Gobernador provincial indicou á Deputación Provincial de Ourense a necesidade de ocuparse da instalación da Escola Normal de Mestras con arranxo ao que dispuña a Real Orden de 14 de Marzo de 1877. A partir de entón, a constitución da Escola Normal de Mestras de Ourense tivo un proceso longo debido aos pertinentes trámites polos que tivo que transcorrer e que arrincarían dende que a Junta Provincial de Ourense solicitou, o 18 de maio de 1877, ao Rector de Santiago a necesidade de levar adiante implantación desta Institución con tres obxectivos principais: elevar o nivel do ensino das nenas da provincia, formación da muller e, en definitiva, para o ben da provincia en xeral. A Xunta Local destacaba que o número de mestras aspirantes ás escolas era moi escaso debido a que as mestras ourensás eran de escasa fortuna por non existir unha Escola Normal de Mestras e as que querían adquirir un título profesional, tiñan que facer grandes sacrificios para trasladarse a outras provincias.

Así mesmo a Xunta de Instrución Pública de Ourense solicitou ao Reitorado o día 26 de maio de 1877 que comunicara ao Sr. Ministro de Fomento a decisión tomada para que este mediara ante o Rei e dera o visto bo de que a Deputación Provincial de Ourense levara adiante a iniciativa da instauración. O Reitorado responderá positivamente á petición.

A Deputación instalou en 1879 a Escola Normal de Mestras no Ex Convento de Santo Domingo.




A Normal de Mestras pasaría a estar provisionalmente durante un breve tempo no Hospital de San Roque:

Sira González naceu o 1 de novembro de 1879 en Celanova e era irmá de Rosa Laurenana. Realiza os estudos de Maxisterio acadando o Título Superior e en 1902 foi destinada como mestra interina á escola incompleta de A Merca cobrando 250 pesetas. En 1903 foi destinada á recentemente creada escola incompleta de Rairo. Un ano máis tarde xa foi nomeada mestra da escola mixta completa de Tosende en Baltar. Logo a Rebordechao en Vilar de Barrio en 1909 e San Vitorio de Allariz e en 1912 vai para Folgoso de Allariz asecendendo a 1000 pesetas de soldo en 1916 e onde permaneceu moitos anos ata 1933. En marzo de 1935 adheriuse ao Fogar do Mestre. Casou con Delfín Sánchez Nóvoa un recoñecido industrial con quen tivo un fillo chamado Antonio Sánchez González que, seguindo os pasos da nai, tamén foi mestre e exercía en Trasalva. Sira enviuvou en 1939 sendo o falecemento do seu home moi sentido na cidade[2]. Antonio acadou no Instituto unhas brillantes cualificacións en todas as materias titulando en 1912 e presentouse ás oposicións de maxisterio e comezou a traballar, obtendo a súa primeira praza como titular en San Xoan del Río. Casou con Margarita Abundancia Fortes filla do avogado Pío Abundancia Álvarez.


Era unha muller devota e suscribiuse para o Monumento do Sagrado Corazón en 1917. No 7 de abril de 1926 amadriñou á súa sobriña Olimpia González, filla dos señores González, Vicente González, Participou na homenaxe ao señor Rubín en 1928. Faleceu en 1960 con 84 anos de idade[3].

[1] dita información pode ampliarse pola publicación de Rosa Cid Galante titulado: A Orixe da Escola Normal de Mestras de Ourense. Desde a súa orixe aos nosos días.
[2] La Región, 5 de xuño de 1940.
[3] Boletín Oficial de la provincia de Orense 12 de novembro de 1902; Boletín Oficial de la provincia de Orense, 20 de febreiro de 1903; El Eco de Santiago, 6 de setembro de 1904; 8 de marzo de 1907; Boletín Oficial de la provincia de Orense, 2 de novembro de 1907; El Magisterio español, nº 3314, 5 de xuño de 1909; El Pueblo gallego, novembro de 1960