Etiquetas

Prólogo ao libro das mulleres limiás. Para a mocidade limiá. Historiadores do feminino. Compiladores de vidas das súas mulleres

 Para a mocidade limiá. Historiadores do feminino. Compiladores de vidas das súas mulleres

Prólogo

A Historia é unha ciencia que debe cumprir como premisa a verosimilitude xa que non consiste tan só en narrar feitos senón que é algo máis transcendental, é facer análise dos mesmos e comprender as ideas que subxacen como motor dos mesmos. Non hai proceso histórico se non hai ideas que se traduzan en feitos. Por tal motivo, os historiadores teñen o deber de reconstruír os acontecementos incluíndo a todos os actores que interviñeron neles.

Pero, o relato histórico realizouse de xeito nesgado durante moitos anos xa que se reconstruía a historia considerando ao home como o protagonista principal. As mulleres foron quedando relegadas e incluso desaparecidas do marco histórico debido a que a xerarquía establecida non consideraba a estas como partícipes da nosa historia.

Pero a Historia, ao ser unha ciencia viva e dinámica, é susceptible de revisarse constantemente grazas a que saen a luz documentos novos que permiten completala. Así mesmo agora esíxese que sexa abordada desde diferentes perspectivas ou puntos de vista mantendo a equidistancia. Xa sabemos que a historia non é doada, ben é certo, pero debe ser obxectiva e xusta.

É, polo tanto, un deber dos historiadores ser precavidos e moi exhaustivos e acrecentar os puntos de mira para non deixar atrás as contribucións de cada quen. É grazas a esta nova forma de enfocala como se conseguiu coñecer e recoñecer que a muller tivo un papel primordial no proceso da nosa historia. Por conseguinte, é irrefutable que é preciso rescatala do agochamento ao que estaba sometida nas fontes das que bebe a historia, senón é así, os acontecementos non son totalmente veraces.

Tanto no territorio español como galego cada vez son máis numerosos os traballos que dan a coñecer aspectos de notable interese sobre a historia das mulleres. Están saíndo á luz numerosos nomes propios que están corrixindo as eivas que había. Son estudos que poñen de relevo os cambios cualitativos que experimentou o colectivo feminino, en grande medida, grazas ás conquistas educativas. Isto interpelou as concienciación sobre o rol das mulleres no devir históricos. A historia son ideas traducidas a feitos, e neste proceso non só estaban os homes.

Pero a historia é de todos e todas. A Historia está en todas partes. A historia tamén é a local, a que nos queda máis próxima.A riqueza dun pobo vese reflectida no coñecemento da súa historia, por iso, todas as propostas que contribúan a saber máis sobre a mesma acrecenta o se valor e tamén favorece o sentimento de pertenza, o orgullo do noso.

Por tal motivo, debemos considerar moi meritorias as iniciativas que contribúen a profundar na historia máis próxima xa que ancoran as vinculacións e sentimentos pola terra propia por parte dos que nela viven. Pero se ademais esas propostas tamén se encamiñan a recuperar o rol de moitas mulleres do lugar ao longo da historia local estamos a falar dun resarcimento histórico.

Estamos no caso. Este libro que se presenta é froito dunha iniciativa marabillosa pois suma o coñecemento da historia local coa recuperación da historia das súas mulleres e está feita polos mozos e mozas do lugar. É esta xente nova a que está reconstruíndo a vivencias das súas mulleres e con este traballo, ademais de actuar como historiadores. son valedores da importancia que o mundo feminino tivo no progreso histórico-social. É unha proposta didáctica e pedagóxica xa que por unha banda ensina a Historia de xeito práctico ao ser a mocidade quen a está a elaborar e por outra banda é educativa xa que consegue que a xuventude valore a igualdade de xénero a través da Historia.

Esta xente nova levan recompilado desde hai tempo a historia das limiás que destacaron en diferentes ámbitos. Falan das súas orixes, da súa traxectoria, dos seus logros e son coñecedores dos atrancos sociais que tiveron. Pero non deixan de lado aqueloutras máis discretas como as súas avoas, nais, irmáns, tías … que día a día traballaron e foron o eixe familiar. Mulleres que se entregaron de xeito altruísta a acomodar a vida dos seus. Mulleres que coas súas mans acariñaron, cos seus brazos apertaron e cos seus corazóns nunca deixaron de querer.

Non hai palabras que cheguen para tan digno traballo. O pasado faise presente e será futuro. Camiño de recoñecemento e orgullo para a comarca limiá.

Os meus sinceros parabéns a todas as persoas que vos entregastes a este magnífico e loable traballo no que se ve recoñecido o valioso legado das mulleres limiás.

Rosa María Cid Galante.

20 de abril de 1924.