Quixera lembrar e recuperar as palabras das primeiras mulleres galeguistas que fixeron unha rotunda defensa de Galiza e da lingua. Aquelas mulleres da Sección Feminina do Partido Galeguista que apelaban a todos os galegos e sobre todo ás mulleres galegas para que defenderan a Patria e a fala. Hoxe en día, ese espírito parecería demasiado "virulento" xa que estamos inmersos na mansedume de que Galiza e a lingua galega non teñen ningún rango nun mundo globalizado. E iso é problema dos propios galegos e galegas, pois como ben dixo Isaac Estraviz "Os galegos son o peor inimigo dos galegos, hai que perder os complexos coa lingua"; e como tamén dixo Suso de Toro "No es el gallego, son los gallegos". Efectivamente, non hai orgullo, o orgullo da patria, de Galiza.
Ben precisamos hoxe en día reivindicar a lingua pois o galego esmorece quedando nunha fala de mínimos en mínimos espazos e, de seguir así, acabará sendo un sonoro con certo rango de exótico nun museo.
Galiza sempre se sentiu inferior ao resto do territorio do Estado derivando na asunción de marxinalidade. Galiza non se quere, non quere quererse e non se recoñece. Por iso non lle importa que se perda a lingua, unha fala que é a que nos identifica.
Se acabamos coa fala é como rematar coa nosa ideosincrasia. A fala é un monumento tan importante e grande como a propia catedral de Santiago. A ninguén se lle ocurriría desmantelala, a ninguén se lle ocurriría desfacer os noso patrimonio. Pois...por que non se fala a nosa lingua?
En aras dun utilitarismo equivocado dise que coa nosa lingua non chegamos a ningún lado pois é preciso falar idiomas para entenderse en todo o mundo, o que eu dou en chamar globalización lingüística. Unha mostra máis do complexo que subxace.
Hai un estudo moi intereasnte de Xosé Luís Barreiro Barreiro, titulado Hacia la configuración de una conciencia propia: de los problemas de Galicia a Galicia como problema onde expón con claridade meridiana que a conciencia galega non chegou a ser definitoria. Fai un percorrido histórico da evolución da percepción que se ten de Galiza e manifesta que tras o período da ilustración na que só Sarmiento defendeu a significancia de Galiza, sería no século XIX cando cobra máis forza o interese dos románticos galegos por recuperar as raíces dunha patria diferenciada do resto dos territorios. Céntrase, desde unha perspectiva historiográfica reivindicativa, na orixe celta, un mito que é difícil de desbotar e que, en certa medida, xustifica o nacionalismo nunhas raíces moi ancestrais (Vicetto, Murguía ata a Xeración Nós e o Partido Galeguista).
Pero que queda de todo isto? Que queda do sentir galego? Que se fala, que se discute? Abordar estes temas parece estar en mans duns eruditos cuxas reflexións apenas transcenden ao resto da poboación. Pero deben facerse chegar á sociedade para remover as conciencias da reflexión. Deberiamos todos e todas meditar e sopesar que procuramos de Galiza para chegar a sentirmos da Terra, tal como o espírito das nosas primeiras galeguistas.
A conciencia galega non está extendida, ou case non se dá. A sociedade galega non parece recoñecerse na terra. O complexo de "ser galego" aínda pervive e non se reivindica, nin se reivindica a súa fala. De onde vén este estado de marxinación crónico? Hai moitos días lin un artigo moi interesante que versaba sobre o por que os galegos e galegas non nos sentiamos como tal. Agora quixen retomalo pero non o atopei. Era moi intereseante pois facía alusión a que ao longo da historia Galiza foi moi mal vista e mal considerada e iso redundou nunha consideración negativa de nós memos. Púxenme a buscar este texto encarecidamente pero non tiven fortuna. No seu lugar atopei un estudo moi interesante titulado: Galicia y los gallegos en la literatura española del siglo de Oro de Miguel Angel Teijeiro. É un estudo interesantísimo sobre como os escritores do século de Ouro vían aos galegos. Góngora manifestou explicitamente a súa aversión por Galicia e os galegos, fronte a el Tirso de Molina e Lope de Vega vían con mellores ollos a nosa terra. Aínda que este último, Lope de Vega, viña a recoñecer a inutilidade da lingua galega. Interesante é deterse no epígrafe no que trata "El antigalleguismo como tópico del siglo dorado", no que vén a dicir literalmente o seguinte: "Así pues, los gallegos son identificados y confundidos con personas ruines; de ahí que aquellos géneros literarios en los que la realidad social se manifiesta por la presencia de personajes de condición social baja y apicarada, ofrezcan una nómina nada despreciable de gallegos" (p. 225). Esta perspectiva tan despectiva cara nós, puido quedar arraigada e, por conseguinte, na actualidade non hai querencia por Galiza.
Pero hai un epígrafe aínda máis interesante que se titula "La mujer gallega, cara y cruz del idealismo" no que indica que a literatura de Ouro retrata a unha muller galega carente de beleza: "Para su desgracia, no espere el lector encontrar en él apasionadas descripciones ni rasgos de idealismo contenido. Porque si el vulgo gallego es blanco de enconadas críticas, la mujer gallega, salvo honrosas y contadas excepciones, tampoco sale muy bien parada en la literatura áurea. Su descripción física sorprende por la desorbitada dimensión de sus miembros y facciones. En ningún caso se oculta la fealdad de su rostro capaz de competircon el de cualquier varón barbudo" (p. 237). A literatura amosa a unha muller "marimacho", amante do viño e de aspecto desaliñado, caracterizada pola suciedade.
Como di o autor, o antigaleguismo está moi extendido na literatura do século de Ouro. Esa visión de Galiza tan oposta ao resto dos reinos peninsulares provocaría unha conciencia de inferioridade e marxinación que puidera dar lugar a un querer disimular de onde somos. E esa visión tan despectiva mantívoso ao longo dos anos e a padeceron os nosos emigrantes cando ían a terras ultramar. Lembremos que aínda hai pouco a RAE quitou do seu Dicionario a acepción de Gallego como "tonto" e "tartamudo".
Evidentemente, non se pode simplificar en tan poucas liñas o por que da conduta da sociedade galega con ou contra Galiza. Nin é toda a sociedade. Non obstante, o que debemos considerar é que temos que esforzarnos e sentir orgullo de nós, do noso, da terra e da lingua. En canto á lingua debemos preservala, debemos falala e non sentir a enfermidade da diglosia crónica. A lingua hai que empregala polo temor a que desapareza e se desaparece, Galiza non será.
Asina unha galega que exerce de galega.
Rosa María Cid Galante
3 de xuño de 2021.