Nunca me cansarei de reivindicar que é preciso incorporar no relato histórico o papel da muller no devir da humanidade. Unha reivindicación que se fai necesaria debido a que os relatos históricos nunca a mencionaban.
Unha das maiores confusións dos historiadores foi pensar que a historia lles pertencía. Milleiros de eruditos historiadores (homes) desde antigüidade ata os nosos días deberon considerarse co don de escoller as pasaxes históricas que debían quedar na memoria dos tempos. Ese papel outorgoulles o carácter de magníficos pois só eles e os mandatarios decidían que debían e como debían relatar e que tiñan que ocultar para a posteridade.
Polo tanto, o que se contou na historia ao longo dos tempos foron relatos do poder, da conquista, da guerra...imperios, dominacións...feitos que se deron como fenómenos de cambios históricos levados a cabo tan só polos homes. Eran relatos desde arriba, segundo o criterio xerárquico establecido, esquecendo que o decurso das sociedades e dos procesos interviñeron todos os grupos sociais sen distinción de sexo. O relato das "xestas e epopeias dos homes" ocupan todo o compendio histórico e se nos poñemos a pensar, na maioría, na inmensa maioría son relatos de destrución.
A muller non tivo o Poder, tampouco demostrou ambicionalo xa que non ten instinto intrínseco do dominio (espazo-tempral) como o home, agora ben, calquer sinal de signficación feminina sería agochado por intranscedente ou por estar fóra dos límites impostos. Entón a historia desentendeuse e calquera acto que protagonizaba carecía do máis mínimo interese para os historiadores. Que importancia ía ter a historia da muller se non tivo nunca a responsabilidade do poder?, pensarían os historiadores. Tamén, o que puideron ter feito non deixaría de ser meros acontecementos accidentais ou vanais.... pensarían os historiadores.
Pero non e así, están confundidos xa que a historia tamén se moveu grazas a elas. A historia ten que contar a Vida da sociedade, contar os logros das mulleres, que aínda que non son conquistas de poder, si son conquistas de superación e mellora da cualidade humana.
E manifesto que se algún historiador considera que o que se conta sobre os logros que foi conseguindo a muller ao longo da historia son vagatelas está totalmente errado pois ten máis valor facer as cousas cando todo está en contra que facelas cando, por ser home, tes o camiño aberto.
Entón, quen demostra ter máis afouteza!!
A muller, con todo en oposición foi chegando, chega e chegará.
12 de abril de 2022.