Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Escolas privadas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Escolas privadas. Mostrar todas las entradas

13 octubre 2024

ELVIRA CONDE CODESIDO

Era mestra e exerceu desde 1904 en diversas escolas da provincia. Foi nomeada en 1908 mestra da escola de Sanín en Ribadavia e en 1909 estaba na escola de Vilar de Rei en Cenlle pero renunciou a esta escola. Talvez dita renuncia foi debido a que Elvira solicitou a apertura dun Colexio de Primeira Ensinanza no pobo de Francelos en Ribadavia. Concretamente, dita petición, que figura no Arquivo do Instituto ourensán, realizouse o 18 de outubro de 1909 para abrir unha escola mixta. 

Para a apertura indicou que contaba cun local con acceso por medio de doce chanzos e de dous pisos sendo o primeiro destinado para a escola e con retrete.

As materias que ía impartir eran: Historia Sagrada de Fernández; Doutrina Cristiá; Lectura de Calleja; Escritura por Garnier; Aritmética de Vallín; Ortografía pola Real Academia; Gramática; Historia de España de Saturnino Calleja; Xeografía de España de Saturnino Calleja; Xeometría de Saturnino Calleja; Debuxo de Bregaroles e Corte e Confección.

A escola estaba dotada de bastante material como seis mesas escritorio, oito bancos, vinte tinteiros, catro corpos de carpintería, dous mapas de España, catro táboas que comprendían sumas e restas;, un crucifixo, un retrato da S.M., un reloxio; seis encerados e seis cadeiras.

En canto ao regulamento a profesora establecía que se admitirían nenos e nenas de seis a doce anos. Previamente á súa admisión terían que pasar un exame. Debían acreditar boa conduta moral e relixiosa. Contemplábase a expulsión ás tres faltas.

O horario que se establecía era o seguinte: seis horas oficiais mañá e tarde.

Os exames realizábanse por trimestre e podían acudir as autoridades e os pais durante a súa realización.

Vid: AIOP, Expedientes de creación de escolas privadas, legaxos s/c; Boletín Oficial de la provincia de Orense, 26 de setembro de 1908; La Correspondencia Gallega ,14 marzo 1908, p. 2; El Correo de Galicia , 5 de xuño de 1909, p. 2.

29 octubre 2023

OBDULIA GRAÑA ALFEIRÁN

Era natural de Ribadavia. O seu irmán Ramón Graña Alfeirán era recadador de Facenda en Ribadavia e a súa irmá Guadalupe Graña era unha muller reputada e que pertencía á Terceira Orde ocupando o cargo de vicesecretaria. 

Obdulia era titulada en maxisterio e solicitou abrir unha escola de primeira ensinanza para nenas no lugar de San Martín en Ribadavia, nº 37. 

Para a apertura dunha escola privada tiñan que facer unha solicitude ao Director do Instituto entregando dúas copias da instancia, tres exemplares do regulamento, o plano por triplicado, as materias que ía impartir tamén por duplicado; dous documentos de filiación; partida de nacemento, certificado de boa conduta, certificado de residencia, informe do alcalde sobre as condicións do local e as materias a impartir.

Obdulia alegou que o local gozaba de boas condicións e que o material que ofrecía era unha mesa para escribir; dous bancos longos de asentos; seis bancos pequenos, seis cadeiras con respaldo. O material fixo ofrecíao a directora mentres que os libros, papel e pluma tiñan que levalos as nenas.

Serían admitidas nenas de tres a oito anos que fosen católicas e estivesen vacinadas. As clases serían pola mañá e pola tarde en sesións de tres horas.

As escolas privadas comezaron a ser obxecto de vixianza pois en moitas non se garantía o cumprimento da normativa. Fose o que fose, esta escola de Obdulia non chegou a abrirse xa que figura no listado de escolas privadas clausuradas por non aterse aos Reais Decretos de 1902 e 1903.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes consultadas no AIOP)

03 septiembre 2023

MARÍA LODEIRO BERNÁRDEZ

Naceu o 7 de maio de 1877 en Xinzo da Limia e era filla de Juan Benito Lodeiro que era zapateiro natural da vila e de Luísa Bernárdez tamén de Xinzo. 

María acadou o título de grao superior de Maxisterio e o 12 de febreiro de 1905 enviou un escrito ao Director do Instituto Xeral e Técnico de Ourense no que dicía:

...con la debida consideración y respeto expone: Que deseando poner bajo su inmediata dirección un Colegio de Primera enseñanza de niñas bajo el nombre de "Purísima Concepción" en la casa número 15 de la calle de S.Roque de Ginzo de Limia, partido judicial del mismo nombre y conforme se previene en el Real Decreto de 1º de Julio de 1902 y Real Orden de 1º de Diciembre de 1903, acompaña los siguientes documentos: 1º dos copias de la instancia; 2º Copia del Reglamento; 3º Plano por triplicado del local donde se da la enseñanza, suscrito por la intereresada; 4º Cuadro por trpolicado de las enseñanzas que se dan con expresión de las asignaturas que han de explicarse y obras de texto; 5º Los coumentos de la filiación de la recurrente a saber: Certificación de la inscripción de nacimiento, otra de buena conducta y residencia por la autoridad municipal del lugar donde ha residido los tres últimos años; 6º Informe del Alcalde sobre las condiciones del local; 7º Certificado de subdelegado de emdicina sobre las condiciones higiénicas del mismo, y 8º Catálogo por triplicado del material de enseñanza. Por tanto, a V.S. atentamente suplica se digne a admitir a registro esta instancia devolviéndole un ejemplar con la correspondiente nota de su presentación y se tramite para que dentro del término legal y previas las formalidades reglamentarias se autorice a la recurrente para abrir dicho establecimiento de enseñanza...(1).

(Fonte: AIOP, Expedientes de creación de Escolas privadas)

As materias que se impartían no centro eran:

Doutrina cristiá por P. Artete; Historia Sagrada por Calleja; Relixión e moral por Santos; Gramática Castelá por R. A.E; Aritmética por Chavez; Xeometría por Fernández; Urbanidade por A.J; Xeografía por Paluzie; Hixiene e Economía Doméstica por Calleja; Teoría e práctica de lectura e escritura; Cortar e confeccionar toda clase de roupa branca e de cor, bordado e planchado.

O material que presentaba era: un retrato de S.M o Rei Don Afonso XIII; un Cadro de San Xosé; un cadro da Purísima Concepción; un mapa de España e Portugal; unha pizarra; un reloxio; un banco dobre de doce asentos con seis tinteiros; unha mesiña escritorio e un sillón.

Segundo o regulamento da escola eran admitidas as nenas de tres ou catro anos de idade en adiante e tiñan que solicitado os pais á Directora. Debían alegar profesar a relixión católica Apostólica e Romana. Tamén tiñan que levar un certificado médico de non padecer enfermidades e de estar vacinadas e se non fixeran así sería denegada a súa admisión. 

A disciplina era a base da educación sendo o castigo proporcionado á falta cometida. 

A ensinanza dábase en dúas sesións que comprendían tres horas á mañá e tres á tarde. No intermedio dunha clase a outra poríase especial coidado no desenvolvemento físico alternando co psíquico. Unha vez rematadas as clases a Directora non se facía responsable das nenas.

Establecíanse exames anuais nos que se distribuirían premios ás alumnas pola súa aplicación. A ditos exames podían asistir as autoridades e os pais das nenas. 

Outra das medidas era que se unha nena se trasladara a outro centro e quixera volver non sería admitida.

A directora levaría ás nenas dúas veces ao ano á confesión e comuñón e a que se resistise por consello dos seus pais sería expulsada como tamén aquela que cometese algunha inmoralidade no réxime interior do Colexio. As que deixasen de asistir a algunha das sesións terían que ser acompañadas na seguinte polos seus pais ou encargados. 

Ao ser un colexio privado as cotas fixábaas a directora e tiñan que ser aboadas por mensualidade vencida. 

Este foi o trámite seguido pola mestra. Grazas a un Boletín atopado no que figuraba a relación de escolas privadas que se pecharon por non cumprir a normativa, puiden saber que a escola de María Lodeira foi unha das clausuradas por non cumprir a normativa de 1902 e 1903 malia que ela, na solicitude si manifestaba que a apertura de dita escola acollíase a ditos Reais Decretos (2).

A partir de entón, María continou exercendo de xeito interino nas escolas públicas. En 1909 María foi destinada á escola de Quintá, en Becerreá, Lugo pero solicito permuta para a escola de Dainiel en Covelas, Blancos. En 1910 foi á escola de Retorta, en Laza, e en 1911 desprazouse á de Pexeiros en Ourense. E xa en 1926 atopábase como mestra en propiedade na escola de Vidán en Santiago de Compostela. 

En 1946 xubilou despois de estar dedicada á ensinaza durante corenta e un anos. María tiña ao retirarse, 69 anos.

(Elaboración propia a partir de investigación)(1)AIOP. Expedientes de creación de Escolas, Legaxos. (2) Boletín Oficial de la provincia de La Coruña, 30 de xaneiro de 1905, p. 4. Vid tamen: Boletín Oficial de la Provincia de Lugo: Número 64 - 1909 marzo 20; Diario de Galicia, 18 de xullo de 1909, p. 2, Diario de Galicia, 12 de marzo de 1910, p. 3; El Compostelano, 9 de agosto de 1926, p. 2; "Maestros y maesttras próximos á su jubilización", El Ideal Gallego, 5 de setembro de 1946, p. 7.

09 julio 2023

MARÍA DE LOS REMEDIOS ÁLVAREZ

María de los Remedios Álvarez era mestra de grao Superior de maxisterio. En 1905 solicitou a apertura dunha escola de nenas na rúa Pereira, nº 1 da cidade. Dita rúa era a que conducía desde o Bispado de Ourense á Praza Maior (ver: Ourense no Tempo de Rafael Salgado)

A escola consistía nun único salón, ao que se accedía a través dunhas escaleiras. Tiña como material o seguinte: Corpo de carpintería e mesas banco en número suficiente para ensinanza da escritura; pizarras para aritmética e leccións de corte e debuxo; un crucifixo e unha imaxe da Purísima; unha mesa de escritorio para a mestra e cadeiras necesarias para ela e as nenas; mapas; tinta plumas e xeso.

As materias que se impartían eran: Doutrina Cristiá; Lectura; Aritmética; Nocións de Gramática castelá e ortografía; Hixiene e Economía doméstica; Urbanidade e Cortesía; Labores de utilidade; Escritura diaria.

Había clases todos os días. As ensinanzas eran "cristiás". As nenas debían ir ben aseadas e debían pagar mensualmente.

Revisado o Boletín Oficial da Provincia de 1905 comprobouse que a esta escola si se lle outorgou o permiso de apertura. 

Vid: Benso Calvo, C. e Cid Galante, Rosa M. "A ensinanza Privada en Ourense a comezos de século", Revista Sarmiento, nº 8, 2004, pp. 43-77.

25 junio 2023

PILAR RODRÍGUEZ DA PENA


Que a contribución das mulleres ao devir histórico é un feito. Non se trata de feitos consagrados ou feitos heroicos, son  iniciativas de emprendemento que deben ser considerados feitos que constrúen ao progreso da sociedade. E digo isto porque aínda que pareza cuestión valadí a creación dunha escola para nenas a comezos do século XX por parte dunha mestra titulada non o é xa que implica un compromiso, non só da propia mestra que quere demostrar o seu desexo de valerse por si mesma e labrarse un porvir, senón tamén porque vai fomentar a cultura e, en gran medida, contribuír a erradicar a incultura.

Por todo isto resalto moito o labor destas mestras que procuraron por si mesmas crear centros educativos nunha época nas que a sociedade non tiña á educación como primeiro requisito de progreso, e en menos valía consideraba a educación da muller. 

Ao longo do blog vou mencionando numerosas mestras que crearon escolas para nenas co firme propósito de fomentar a educación. Para isto debían realizar unha serie de trámites polo que debemos imaxinárnolas levando documentos e escritos ás diferentes entidades.

De novo aquí resalto o labor de Pilar Rodríguez. Esta mestra solicitou en 1908 abrir unha Escola de párvulos e nenas no lugar de Xunqueira de Ambía, concretamente na casa que daba á rúa de San Roque ou do dous de Maio. O local atopábase no primeiro piso e indicou "Recibe luz directa de Poniente é indirecta de N. y E. La casa da por tres lados al campo ó á la calle" (1).

Na escola impartíase Lectura, Escritura, Aritmética, Doutrina Cristiá, Historia Sagrada e Labores.

Como material mobiliario contaba con mesas corridas, trinta banquiños, un mapa de España, pizarras e cadernos, material de labores e o crucifixo.

O horario de clases era de oito a once, ou de nove a doce pola mañá. E pola tarde era de dúas ás cinco. Había un recreo de quince minutos.

A máis disto, a mestra debía gardar o decoro polo que se ofrecía para acompañar ás nenas os domingos a catequese.

(Elaboración propia. Vid: Expedientes de solicitude de apertura de escolas privadas. A.I.O.P. Cartapacios)

11 junio 2023

RAMONA PÉREZ ACEDO

Era natural de Oñate, provincia de Guipúscoa, de 40 anos de idade e casada. Tiña o título de Mestra superior de instrución Primaria e estaba domiciliada nesta cidade. Como méritos presentou
ter entrado dende a idade de tres anos no colexio do Sagrado Corazón de Xesús en Francia ata os seis anos que foi trasladada a Nives, Departamento Dez-deux Sevrez.

No mes de maio de mil oitocentos cincuenta foi matriculada e ingresou na Academia de Belas Artes da cidade de Vitoria. En 1868 obtivo o título de mestra de primeira ensinanza superior para pasar a dirixir o Colexio Purísima Concepción. O 13 de xullo de 1870 veu trasladada para a provisión da escola elemental completa de nenas do pobo de Maside. O 26 de decembro de 1870 foi nomeada polo vicepresidente da Xunta Provincial unha das profesoras que tiñan que asistir aos exames de mestras que tiveron lugar na Escola Normal desta capital. O trinta de xullo de 1879, por comunicación do Sr. Gobernador da Provincia, foi escollida en concepto de examinadora para os exercicios de oposicións que tiveron lugar en agosto.

Fundou en 1884 unha escola privada de nenas  na Rúa San Miguel, 16, en Ourense, denominada La Concepción na que impartía clases de ensinanzas básicas e francés. En 1875 dito colexio trasladouse á rúa do Progreso, número 45.

Era unha muller de grande talento artístico e participaba nas Exposicións rexionais onde destacaba polos seus debuxos a lapis como o de Goliat vencido por David; a alegoría de Rusia no ano 1812; Ecce Homo e tamén polos seus bordados en ouro.


(Fonte: El heraldo gallego, 3 setembro 1874, p.8)

Tamén tiña dotes interpretativas e en abril de 1874 representou un papel na obra La Fuerza de voluntad representada no Liceo ourensán.

A escola de Ramona gozaba de prestixio na cidade e a prensa local recolleu a seguinte noticia sobre a mesma:

El 23 del actual se celebraron exámenes en el acreditado colegio de "La Concepción" que dirige la distinguida profesora Doña Ramona Pérez de Acedo. Presidían el acto los Sres. Gobernador Civil y Eclesiástico, y el Inspector de Instrucción Primaria, la concurrencia era numerosa y escogida. La digna profesora del colegio expresó en breves y elocuentes frases su pensamiento, que no era otro mas que el despertar, por medio de un estímulo, el amor al estudio en el alma de sus jóvenes alumnas, formando de este modo de ellas unos verdaderos ángeles de la familia.
Todas las preguntas que se hicieron á las niñas de Religión y Moral, Gramática, Geografía, Aritmética, fueron contestadas satisfactoriamente. La niña Eugenia Cuervo se distinguió por su inimitable gracia y por la soltura con que recitó una fábula, lo cual le valió el aplauso unánime de los concurrentes. Se presentaron trabajos esmeradísimos y labores primorosas en zurcidos y bordados en glanco, á litografía, en oro, con felpas, y otros diversos trabajos en flores etc. de las Señoritas Ángeles Bena, delia Montes, Pilar Pérez, Eugenia Pereiro Rey, Matilde Bordas, Consuelo Paradela, Cointa Mateos y María Vidal; de esta última (niña de 8 años) hemos visto un bonito bordado á litografía.
Al terminar los exámenes tocaron con delicado gusto diferentes danzas las niñas Eugenia Cuervo y María Vidal.
La concurrencia ha salido complacidísima. Enviamos la enhorabuena a los padres de las mencionadas señoritas...y a la ilustrada Directora del colegio por el interés y celo que demuestra por la educación de sus discípulas." (1)

En outubro de 1880 Ramona presentouse ás oposicións para a praza de Directora da Escola Normal de Mestras. As outras candidatas eran Aurora Zambrano, Juana Arroyuelo; Nicanora Díaz Carredano, Filomena Núñez Genova, Iluminada Prieto de la Cal, Perfecta Castro, Francisca Ramona Cancio e Carmen Rogina.

Nestas oposicións Ramona destacou en escritura e debuxo pero a praza foi para Nicanora.

(1)El Heraldo Gallego, 31 de decembro de 1874, p. 8.

Vid: Cid Galante, Rosa María, "A orixe da Escola Normal de Mestras de Ourense", Revisa Minius, 2007, p.p. 33-47; e tamén: El heraldo gallego, 2 abril 1874, p. 7; El heraldo gallego,  8 xullo 1875, p. 8; El heraldo gallego, 9 setembro 1875, p. 8; El heraldo gallego, 13 outubro 1880, p. 6; El avisador orensano, 10 de agosto de 1878;  El Eco de Orense, 4 de outubro de 1884, p.3.

26 junio 2022

MARÍA BASILISA CURRÁS DE LIS

Basilisa naceu en Ourense (aínda que algunhas fontes indican que era de A Coruña) o 12 de xaneiro de 1891 e exerceu de mestra na provincia de Ourense. En 1910 solicitou abrir unha escola privada de primeira e segunda ensinanza en Xunqueira de Ambía autorizada polo Reitorado. 

A escoliña situábase nunha casa que daba á Praza de Padre Feijóo e dúas entradas daban acceso ao local da escola que tiña unhas boas dimensións. O salón tiña unha saída ao patio para recreo. No segundo piso da casa estaba a vivenda da mestra. 

As materias que se impartían na ensinanza primaria eran Doutrina cristiá; Nocións de Historia Sagrada; Lingua Castelá; Lectura; Escritura; Aritmética; Xeografía e Historia; Nocións de Xeometría; Ciencias Físicas; Química e Naturais; Fisioloxía e Hixiene.

Na ensinanza secundaria dábanse as mesmas materias pero ampliadas e máis a Historia Universal.

Contaba con material diverso como palilleiros, pizarras, pizarríns, cadernos e plumas para a escritura e os libros correspondentes. Na aula había mapas, encerado, colección de carteis, mesa escritorio, sillóns,  seis mesas con asentos corridos para os alumnos e o crucifixo.

O horario escolar era de oito a once e de dúas a seis e nos meses de inverno era de nove a doce e de dúas a cinco.

(Arquivo do IOP, Expedientes de apertura de escolas)

A escola funcionou durante uns anos pero logo Basilisa exerceu o maxisterio en escolas públicas. Estivo destinada como interina en Cabañas no ano 1925. Aprobou as oposicións en 1929 e xa exerceu en diversas escolas de de Ourense e de A Coruña, estivo na escola de Sergude, Carral, na escola de Pereira, Cee, en Pontedeume, en Viladonelle en Nera...En 1940 foi confirmada no seu cargo de mestra tras a revisión da comisión de depuración.

Vid. Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX, en Sarmiento: Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación, Nº 8, 2004págs. 43-7.  El magisterio español, Número 9349, 29 de setembro de 1934 Septiembre 29; La Región, 11 de xuño de 1910.

19 junio 2022

NATALIA HEVIA ALDIR

Naceu en Pontevedra en 1854 pero estivo afincada na nosa cidade durante moitos anos. Aquí instalou en 1879  o Colexio de la Concepción de nenas situado no número 18 da rúa San Fernando, sendo o primeiro colexio que ofrecía internado completo ou media pensión para as nenas de Ourense. 
(Rúa Irmáns Villar. Anteriormente San Fernando)

Tamén foi nomeada inspectora auxiliar gratuíta da Normal de Mestras de Ourense o 24 de outubro de 1898 cargo que aínda ocupaba en 1916. Polo desempeño desta función Nalalia reclamou por medio dunha instancia á Deputación unha gratificación alegando que por un tempo estivo vacante a praza de directora do centro e ela impartiu as clases de Labores e Hixiene. Dita petición foi aceptada pola Corporación.

(Arquivo da Deputación Provincial. Documentación sobre as Normais)

Como ela chegou a dicir, foi moi ben acollida pola cidadanía ourensá e debido á demanda de moitas familias que querían colocar ás súas fillas pensionistas e medio pensionistas para que recibiran estudos e ampliaran a súa cultura decidiu abrir o local na rúa que actualmente se denomina Irmáns Villar.

 
(Boletín Oficial de la provincia de Orense, 4 de outubro 1879. Galiciana)

É moi interesante destacar como realizaban as súas alumnas os exames.  Estas eran citadas no Salón de Sesións do Concello e realizaban os exercicios ante un tribunal presidido polo Alcalde. As nenas eran chamadas de dúas en dúas pola mestra e tiñan que contestar ás preguntas que lles formulaba o tribunal sobre Doutrina Cristiá, de Historia Sagrada, Gramática e Aritmética, Xeografía ,Xeometría e Historia de España.

As máis pequenas contestaban ás preguntas de Doutrina Cristiá e Historia Sagrada e recitaban poesías dedicados ao Concello e tamén pronunciaban discursos. 

Concluído o exame oral procedíase a inspeccionar os traballos de labores. 

O exames eran públicos e podían asistir os familiares das nenas.

Era unha muller que dicían dela "primorosa" polos bordados que elaboraba e que regularmente se expuñan no comercio de Don Pedro Gutiérrez. Tamén se presentaba aos concursos de encaixes que se organizaban nas festividades de Ourense e adoitaba a gañar o primeiro premio.

(Diario de Pontevedra, 19 de xuño de 1901, p. 2. Galiciana)

En Ourense residiu coa súa sobriñas Balbina e Enriqueta Pascual Hevia que foron alumnas da profesora ourensá de música Concha Vicente e destacaron polas súas cualificacións no conservatorio de Santiago. Pero a traxectoria de Balbina quedou truncada pois faleceu en xullo de 1914 sendo un duro golpe para a súa tía Natalia. Tamén estiveron ao seu cargo as súas sobriñas mellizas Berta e Marta Pascual Hevia que naceron en Vigo o 7 de setembro de 1913. Ambas as dúas estiveron matriculadas no Instituto Xeral e Técnico de Ourernse. Realizaron o exame de ingreso o 18 de setembro de 1923 e realizaron un curso pois despois se trasladaron de centro.

Faleceu na casa da súa irmá Vicenta en Pontevedra o 4 de decembro de 1936 cando tiña 82 anos.

(Elaboración propia a partir diversas fontes).

Vid: La Correspondencia Gallega, 18 setembro 1897, p. 2; La montaña, 23 de xuño de 1891; El Diario de Pontevedra , 17 de xuño de 1926; El Diario de Pontevedra, 4 de decembro de 1936; La Región, 3 de xuño de 1913; La Región, 19 de setembro de 1914; La Región, 15 de febreiro de 1916; La montaña, 20 de xuño de 1891.

                                                

08 junio 2022

ANTONIA VIDAL PÉREZ

Antonia Vidal era mestra de Ourense e en marzo de 1905 solicitou abrir unha escola mixta privada na Rúa Luis Espada de Ourense. Nela impartía Relixión, Gramática, Aritmética, Urbanidade, Historia Sagrada, Xeografía, Ortografía, Lectura e Labores.

Estas escolas cumprimentaban ás públicas e eran de pago e, igual que as públicas, estaban supervisadas pola inspección. Para solicitalas había que enviar a documentación ao Reitor de Santiago que consistía nun documento que acreditase a boa conduta, o proxecto da escola conformado polo plano da escola e lugar de apertura, ensinanza, material e a declaración da titulación do solicitante.

Antonia realizou todos os trámites e indicou que  a escola comprendía unha entrada, corredor, seis pequenas aulas e o material era bastante limitado a dúas mesas, tinteiros e bancos. Unha vez presentada a documentación o Reitorado consinte a implantación da escola. 

(Arquivo do IOP. Expedientes de apertura de escolas).

Logo duns anos exercendo na rúa de Luis Espada, en 1909 trasladou a escola á rúa Reza coa esquina O Progreso. Alí permaneceu durante moitos anos formando a nenos e nenas de Ourense. En novembro de 1935 concedéuselle o premio de 250 pesetas no II Certame Rexional do Traballo pola súa dedicación pedagóxica e labor social. 

A escoliña na esquina Progreso podería tratarse da casa número 1 da rúa Reza:

(Foto da autora do blog)

Vid: Benso Calvo, Carmen, Cid Galante, Rosa M. "A ensinanza privada en Ourense a principios de século" en Sarmiento Anuario galego de historia da educación, 2004, 8: 43-76. ISSN: 1138-5863.Vid: El pueblo gallego, 2 de novembro de 1935; El Correo de Galicia, 26 de febreiro de 1909.

22 mayo 2022

CONSUELO FEIJÓO ARAUJO

Consuelo Feijóo Araújo foi unha mestra ourensá co título de mestra de grao superior acadado en 1897. Tivo a iniciativa de abrir en xaneiro de 1905 unha escola superior privada en Xinzo de Limia que lle puxo de nome "Colegio de la Virgen de Lourdes" na rúa da Paz da vila. 

Para instalar a escola o/a solicitante debía enviar unha solicitude ao director do Instituto Provincial no que figurase a súa partida de nacemento, un documento de boa conduta, a explicación do tipo de escola que quería crear, o plano do local, o material do que ía dispor e o regramento escolar, un informe médico e da alcaldía sobre as condicións do local, outro de boa conduta e partida de nacemento . Realizados todos os trámites o Reitorado  era quen outorgaba a licencia ou permiso de apertura e non en todos os cados se chegaba autorizar.

Estes establecementos privados supuñan un complemento á oferta pública que se vía moi mermada e acababan tendo o seu prestixio social. Non obstante, non se chega a saber a súa duración pois dependía moito da matrícula que tiñan.

Fonte: 'Boletín oficial de la provincia de Orense' ,Número 27,  6 de febreiro de 1905, p. 3. De Galiciana

A escola que Consuelo creou en Xinzo contaba cun bo salón de clases de 80 metros cadrados e varios cuartos anexos para recreo, despensa e dúas habitacións e un amplo balcón. Contaba con interesante material como colección de mapas murais, colección de láminas de Historia Sagrada; un taboleiro contador; dúas pizarras; colección de carteis; biblioteca; unha esfera celeste; un globo terráqueo; un cadro de pesas e medidas do sistema métrico decimal.

AIOP, Expedientes de creación de escolas

Con posterioridade, en 1910 solicitou exercer como interina e destinárona á escola mixta incompleta de Baronzás e en 1917 solicitou traslado para unha escola de Pontevedra e non sabemos se chegaron a darlle o que si constatamos é que en 1940 se lle confirmou a súa escola despois da valoración da Comisiónd e Depuración e no ano 43 exercía na escola de Mixós en Monterrei.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

Vid: .Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX, en Sarmiento: Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación, Nº 8, 2004, págs. 43-7; Boletín oficial de la provincia de La Coruña, nº 198, 1 de setembro de 1905; La Región, 7 setembro, 1910; Boletín oficial de la provincia de La Coruña, 5 setembro de 1910; La Región, 16 de maio de1940; El Correo gallego, 30 de agosto de 1939; El pueblo gallego, 13 agosta 1943.



30 octubre 2009

OBDULIA RODRÍGUEZ

Mestra que estableceu en Celanova unha escola privada da Inmaculada Concepción en 1904. O local estaba distribuído en catro zonas destinadas á lectura, labores e ximnasia. 

Vid: Benso Calvo, C., Cid Galante, R.M, "A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX", Sarmiento, nº 8, p77.



15 octubre 2009

PILAR PEREIRA SANTOS

Mestra que se estableceu en Ourense e foi destinada o 23 de setembro de 1898 á escola incompleta mixta de Rubiás, Calvos de Randín, cobrando 250 pesetas.

En 1902 solicitou a apertura dunha escola privada de nenas que se situou no número 4 da rúa da Libertad da capital ourensá. Contaba cun salón-clase con dúas ventás e un pequeno cuarto de biblioteca. 


Vid: Benso Calvo, C. e Cid Galante, Rosa María, "A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX", Sarmiento, 2004, nº 8, 43-77.