Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Farmacéutica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Farmacéutica. Mostrar todas las entradas

26 abril 2026

OLIVIA PÉREZ MELÓN

Olivia Pérez Melón volve ser un exemplo do esforzo da muller que aspira a unha formación superior que a capacite para o desempeño dunha profesión. Naceu en Esgos o 24 de xuño de 1915. Era filla de José Pérez Rodrígue, era natural de Pereiro de Aguiar e propietario do Hotel Pilarica en León, falecido en en León o 6 de outubro de 1941, e Salesa Melón Parada natural de Esgos[1]. O matrimonio tiña tres fillas, Eloisa, Alicia e Olivia. 

Olivia última iniciou o seu camiño estudantil na cidade ourensá, onde completou os estudos de bacharelato no ano 1930. En agosto dese ano expediu o título de bacharel e solicitou o certificado para trasladarse á Universidade de Santiago[2] 

Impulsada pola súa vocación, Olivia trasladouse a Santiago e alí cursou a licenciatura en Farmacia, unha facultade que nese período comezaba a experimentar un incremento paulatino da presenza feminina. Así mesmo, a República, non só  incentivou mediante leis a educación das mulleres, senón que creou un clima onde ser muller universitaria xa non se vía como unha excentricidade, senón como un compromiso para a modernización do país. Os datos indica que se pasou dunhas 2000 alumnas universitarias ao comezo da década a case 9000 en 1935.

Olivia formaría parte deste elenco de pioneiras e, tras unha etapa académica marcada por un bo expediente, obtivo o seu grao oficial anos posteriores a como debería ser e, debido á contenda bélica, non obtería o grao ata 1940 .[3]

No ámbito profesional, despois de colexiarse co número 58 e obter as autorizacións administrativas necesarias para o acondicionamento dun local, inaugurou, en 1955, a súa propia farmacia na rúa Curros Enríquez, número 16.

A vida de Olivia Pérez rematou de forma prematura na cidade de Madrid o 23 de abril de 1957. A xestión da súa farmacia continuou a cargo dos seus sucesores, mantendo así o seu legado profesional.[4]

[1] «Notas», Proa: diario de la Falange Española, 7 de outubro de 1941, p. 2.
[2] A.I.O.P., Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1925. (969/1.9).
[3] A.H.U.S.,Expediente persoal de Pérez Melón, Olivia. Cartapacio 1068. Exp. 22.
[4] «Instrucción Pública», El Eco de Santiago, 5 de novembro de 1931, p.3; «Noticiario Universitario», El Pueblo gallego, 10 de novembro de 1942, p. 7;«Sesión del Ayuntamiento», El Pueblo gallego, 3 de xullo de 1955, p. 15; La Región, 14 de xullo de 1957, p. 2; « Nota de prensa», La Región, 24 de abril de 1957, p. 1.

29 enero 2025

BENITA VALEIRAS VALEIRAS

Naceu en Dacón en 1916. Fixo os estudos de enfermería na facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Rematounos en 1937 cunha cualificación de notable[1]. Continuou estudanto e fixo a carreira de Farmacia en Santiago de Compostela e licenciouse en 1945. Rexentou unha farmacia na rúa de Avenida de Santiago, número 42 e posteriormente no número 64. Casou con Samuel Montero Montes

[1] El Compostelano, 1937 abril 22, p. 1; AHUS. F.U. EXPEDIENTES PERSONALES, Leg. 1495, Exp. 06.

13 septiembre 2024

MATILDE DOCAMPO CASTRILLEJO

(Matilde Docampo Castrillejo. Fotografía cedida amablemente por Matilde Puertas Docampo, sobriña de Matilde Docampo.)

Como digo sempre, todas as historias que se recompilan neste blog, feito con tanta ilusión, non me pertenecen, senón que forman parte da historia dos seus descendentes, das súas familias, ás que lles debo agradecer, encarecidamente, que me permitan dalas a coñecer para que Ourense lles outorgue a relevancia que deben ter pois forman parte da súa historia. 

Hoxe, día 13 de setembro de 2024, foi un día moi especial pois tiven a ocasión de coñecer persoalmente a Matilde Puertas Docampo, sobriña neta de Matilde Docampo Castrillejo, unha muller pioneira que eu tiña no meu blog xa desde 2010. As emocións son moitas cando se escoita de primeira man a historia dunha das nosas mulleres ourensás e Matilde Puertas soubo transmitirme ese entusiasmo, esa emotividade e admiración pola súa tía, a quen non chegou a coñecer pero da que escoitou moitas historias durante a nenez, tal que así, ela chámase tamén Matilde na honra da súa tía. Ela mesma supuxo o alivio da dor que sentiu a súa avoa Baltasara ao falecer Matilde Docampo. 

Matilde Puertas é pura  enerxía, elegancia e vitalidade cando me fala, cualidades propias das mestras de sempre, tradicionais e vocacionais, porque, en efecto, Matilde Puertas tamén forma parte das nosas mestras ourensás. Neste encontro tan agradable escoiteina con moita atención, sen perder detalle de todo o que me contaba e que eu vou escribilo tal que así no blog. Emporiso non teño palabras para agradecer tanto agarimo e xenerosidade. Dese hoxe mesmo, Matilde Puertas e a súa familia formarán parte da miña propia historia. 
(Encontro con Matilde Puertas o día 13 de setembro de 2024. Grazas, Matilde, pola túa historia e xenerosidade que para min será inesquecible.)
Matilde Puertas é a filla de Flora Docampo e que, dada á admiración que sentía Flora pola súa irmá Matilde, contáballe que era brillante nos estudos e unha adiantada ao seu tempo. Coñezamos a súa traxectoria.

Matilde naceu en San Ciprián, Ourense, o 19 de xullo de 1904 e era filla do capitán de infantería  Don Victoriano Docampo Álvarez e de Baltasara Castrillejo de la Dehesa, natural de Pamplona, e mestra co Título Superior. Unha muller moi avanzada ao seu tempo e moi decidida, por iso, e segundo me contou Matilde Puertas, foi a verdadeira impulsora da traxectoria de Matilde. 

Matilde Docampo e súa irmá Flora estudaron a primaria no Colexio de Angelita Paradela que, daquela, era considerado un dos mellores colexios. Finalizados os estudos de primaria, Matilde realizou o día 19 de setembro de 1919 o exame de ingreso no Instituto de Ourense e, desde entón, matriculouse por libre nos cursos de bacharelato. Rematou estes estudos en 1923 cunhas cualificacións máis que notables.

Solicitou o certificado de traslado para a Universidade de Santiago. Foi unha das primeiras ourensás que se incorporaron aos estudos superiores a comezos de século XX, concretamente no ano 1923, cando tiña 19, estaba matriculada por oficial na Facultade de Farmacia. Neste decisión tivo moito que ver a súa nai, Balasara Castrillejo, pois foi ela a que a impulsou a seguir adiante xa que ela mesma era unha muller de ideas moi avanzadas para a súa época e consideraba oportuno que a súa filla progresara nos estudos e acadara unha profesión cualificada. Acompañou á súa filla a buscar un piso a Santiago e atoparon un na rúa do Hórreo. Ali residiu Matilde  ao coidado dunha señora.

Matilde demostrou ser unha muller activa e dinámica pois estando en Santiago participou na homenaxe que se lle tributou no Teatro Principal o día 24 de novembro de 1924 a José Rodríguez Carracido, pois Matilde formaba parte do "Cuadro Universidade". Representouse o drama en verso "Lubicán" de Armando Cotarelo Valledor no que Matilde desempeñou o papel de Xoana. Así falaba a prensa da súa interpretación:

Matilde Docampo, en el papel de "Xoana" madre de "Inesa" estuvo soberbia, magistral, alcanzando un éxito definitivo y rotundo que el público no dejó de reconocer desde el primer momento. En su papel de madre gallega supo volcar todo el tesoro lírico de su alma de mujer. Nadie estaría mejor que lo estuvo ella en este papel que le valió ovaciones y aplausos prolongados" (1).

Matilde Puertas aínda conserva o libriño publicado polo Teatro Principal de Santiago no que se facía anuncio da Homenaxe:





Realizou todos os cursos  sen repetir ningún e sacou a carreira en cinco anos, algo que non era moi habitual, licenciándose no ano 1928. 

(AHUS. Cartapacio.325, Ex. 16. Recorte.)
As cualificacións de Matilde foron todas moi altas pero, si é certo que había un profesor que era moi esixente e deu un suspenso xeral na súa materia. Por ese motivo os fixo uns versos, a modo de protesta pacífica, pola actitude deste catedrático. Os versos lémbraos perfectamente Matilde Puertas xa que súa nai, Flora, llos transmitiu e dicían do seguinte xeito:
¡Eleucegui, Eleuceguiño,
el de la faz nacarada
el que estudia minerales
sin saber la calisaya.
Ese tipo que os presento,
es un perfecto canalla!
Despois desta anécdota, Matilde, por suposto titulou en Farmacia, unha carreira que lle custou, segundo as contas que levaba súa nai Baltasara, unhas 15.000 pesetas o que viña a ser para entón unha cantidade importante. 

De regreso a Ourense comezou a rexentar a farmacia de San Xoan de Ribadavia. Despois quixo achegarse a Ourense e traballou na farmacia de Santa Cruz de Arrabaldo cuxo propietario era Fernando Soto Álvarez. Dita farmacia, que hoxe en día xa non existe, estaba no baixo da casa do cruce da estrada, por onde pasa o río Barbañica. Era unha casa grande, de pedra, cunha bonita balconada. O desempeño do traballo por parte de Matilde era tan bo así como os eu trato que os veciños e os donos da farmacia sentían por Matilde moito agarimo.

Matilde era de espírito xovial e muller moi ávida de aprender o que a levou a viaxar e coñecer lugares en España e fóra dela. Estivo en Santander, Irún, en Saint Jean de Luz, enCeuta, en Tánxer...


(Material facilitado por Matild Puertas. Arriba unha postal enviada por Matilde á súa nai estando de viaxe. Parte inferior fotografía de Matilde cuns amigos.)
Contoume Matilde Puertas que a súa avoa, Baltasara, tiña cartos aforrados para poñerlle unha farmacia pero xa non puido ser pois, lamentablemente, Matilde faleceu o 28 de novembro de 1934 en San Cibrán das Viñas debido ao tifo e, daquela  non había penicilina. Tiña tan só vinte e oito anos. A nai, consternada  quixo velar a súa memoria e mandou construír unha capela en San Cibrán das Viñas na que se atopa enterrada. 
(Fonte: Esquela. (1934,29 novembro). La Región, p. 3)
De novo as nosas mulleres ourensás demostran a súa valentía facendo estudos universitarios nunha época na que non se vía con bos ollos que as mulleres tomasen esa iniciativa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese inédita. Cid Galante, Rosa María., As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003 pags. 139-156. Cid Galante, Rosa María. As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102; La Región, 18 de outubro de 1923, p. 2; El Ideal Gallego, 24 de novembro de 1924, p. 5; El Compostelano, 22 de novembro de 1924, p. 1; Domecq en Galicia, 1 de novembro de 1928, p. 26; El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1930, p. 5; La Región 29 de novembro de 1934, p. 5. (1) El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 10; Foto: El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 12.

21 abril 2024

EVELINA HERVELLA NIETO

(Entrada suxeita a publicación nun libro. Quero agradecer a axuda da Fundación Penzol que me facilitou o repertorio fotográfico)

Naceu no Barco de Valdeorras o 21 de setembro de 1908. Era filla do notario Antonio Hervella Ferreiro e Francisca Nieto Bustos. Súa irmá, Concepción, foi unha mestra defensora da ensinanza e do maxisterio.

Aos 11 anos fixo o exame de ingreso no Instituto de León. O primeiro curso realizouno por libre nesa provincia pero o seguinte cursouno no Instituto de Pontevedra. Será no curso 1924 e 1925 cando se rexistre no Instituto ourensán permanecendo nel ata 1927, ano no que acadou o título de bacharelato.

A continuación foi a Madrid e matriculouse na Facultade de Ciencias e Farmacia no curso 1927-1928. Pero despois solicitou o traslado á Universidade de Oviedo na que se rexistrou no curso 1931-1932 e, finalmente, rexistrouse na facultade de Santiago onde se licenciou en Farmacia en 1936.[1]

Coñeceu a Francisco Fernández del Riego, avogado, intelectual, galeguista e escritor, polos anos trinta e fixéronse noivos e dende entón foron inseparables, como así o demostran as numerosas fotografías que os inmortalizaron. A relación sería inquebrantable e é de supor que Evelina foi un grande apoio para Francisco cando este, sendo axudante da Universiade de Santiago, foi cesado e inhabilitado en 1937 para desempeñar cargos públicos. Logo veu a guerra civil na que participou Francisco e finalizada esta casaron o 14 de marzo de 1940 en Vigo 

Evelina viviría o momento en que Francisco comezou a reorganizar na clandestinidade o Partido Galeguista e tamén a fundación en 1950 da editorial Galaxia. Estaría ao seu carón cando ingresou como membro da RAG e cando puxo a andar a Revista Grial así como cando, en 1964, creou o Partido Socialista Galego. Non cabe dúbida que foi un acérrimo defensor da cultura galega e é de supor que Evelina sentiría os mesmos sentimentos. 

(Fonte: Fundación Penzol. Arquivos. No día da voda de Francisco e Evelina Hervella. 14 de marzo de 1940)

Evelina e Francisco sempre foron xuntos a todas partes e viaxaron por Europa en 1953, foron a Francia, Bélxica, Holanda... asistindo a diferentes eventos. Os dous compartiron numerosos e gratos momentos coas persoas máis ilustres e insignes galeguistas como Ferro Couselo, Otero Pedrayo e Fita, Risco, Ramón Cabanillas, Valentín Paz Andrade, Pura Vázquez...Tamén coas xentes acolá do océano pois viaxaron a Sudamérica formando parte dun grupo de intelectuais que homenaxearon a Castelao, visitaron o monumento a Rosalía de Castro coa directiva do Centro Galego de Arxentina. En fin, numerosas vivencias nas que a galeguidade era a finalidade principal. Evelina seguro que compartía e facía súas as ideas do seu home Francisco con respecto a Galiza, a política e a cultura galega. Incluso os dous ían ver os partidos do Celta no campo de Balaídos.

(Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Evelina_Hervella. En Bos Aires. 1954.)

Evelina faleceu en Vigo en 2007, cando tiña 90 anos. Está enterrada no cemiterio de San Pedro da Ramallosa en Nigrán. A Francisco fóiselle a súa compañeira vital, a compañeira que tamén apoiaría a Galiza. Tres anos máis tarde, en 2010 faleceu Francisco e os restos respousan con Evelina, tal como eles sempre desexaron.

[1] A.H.U.S., Expedientes persoais. Cartapacio 0621. Exp. 14.Foto da entrada. Recorte da fotografía titulada: Viaxe a Francia, Bélxica e Holanda. Francisco Fernández del Riego con Evelina nun parque. 1953. Exraída de Arquivos Fondos Penzol.Vid: El Progreso, 13 de novembro de 1937, p. 4; Hoja Oficial del Lunes, 6 de xuño de 1960, p. 8; El Correo gallego, 9 de xullo de 1954, p. 6.

15 julio 2022

MARÍA LORENZO MARTÍNEZ

Naceu o 15 de outubro de 1917 en Lobios, Ourense. Seu pai era Antonio Lorenzo Rodríguez, natural de Ourense e veciño de Fondevila de Lobios. Súa nai era Jesusa Martínez Carballás que era de Calvos de Randín. 

O 1 de xuño de 1932, aos 15 anos, realizou a proba de ingreso no Instituto ourensán para logo matricularse nos cursos de bacharelato que finalizou en 1936.

En 1939, cando tiña 22 anos, matricúlase por oficial na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago. En 1943 remata os estudos e licénciase. Desde entón inscríbese no Colexio de Farmacia e comeza a traballar como titular na farmacia de Lobios. 

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Rosa María Cid Galante, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Laura Fleire Quintas, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2015, p., 236. (Foto extraída de Fleire Quintas).

08 julio 2022

MARÍA CONCEPCIÓN VÁZQUEZ CAMPO


Naceu en 1903. Despois dos estudos de bacharelato trasládase a Santiago coa finalidade de estudar a carreira de Farmacia finalizándoa en 1933. Casou con Darío Feijóo Montenegro e residiron en Ribadavia. Concepción rexentou en 1936 a farmacia de Castrelo de Miño e despois a situada na rúa José Antonio de Ribadavia na que traballou ata xubilarse e vender a farmacia.

Vid: Vid:La Región, 31 de outubro de 1936; Laura Fleire Quintas, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2015, p., 255. (Foto extraída de Fleire Quintas)   
                                              

03 junio 2022

AMALIA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

Naceu en Ourense en maio de 1921. Unha vez finalizados os estudos de bacharelato trasládase á Santiago en 1944 para matricularse na facultade de Farmacia, obtendo a titulación en 1948. De inmediato de colexiarse instala a súa farmacia na Praza do Ferro nº 6 de Ourense. Exercería ata a súa xubilación. Meu pai e miña nai que traballaron moitos anos no Almacén Yebra que estaba situado na Praza do Ferro tiveron amizade con Amalia e sempre dixeron que era unha muller de moito carácter pero dunha grande nobreza e bondade.

Vid: Fleire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2016, p., 247.

10 abril 2022

TERESA GARCÍA SOLA

Naceu en Riós o 12 de decembro de 1919. Seu pai, Angel García Fidalgo, era veterinario e a súa nai chamábase Josefa Sola Armas e era mestra nacional. Preparouse no internado Rivera para os exames de bacharelato no Instituto de Ourense.

Teresa, en 1939 matriculouse por oficial na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela e acada a titulación en 1943 colexiándose ese mesmo ano e rexentando a farmacia de Laza xunto co seu home, Felisindo Vega Castro. Logo trasládanse a Vigo abrindo a farmacia na rúa General Aranda no número 56.

Vid: Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Fleire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2016, p., 228. (Foto extraída de Fleire Quintas); Galicia, 28 de setembro de 1935, p. 6; El Correo Gallego, 31 de xaneiro de 1943, p. 5; La Noche, 1 de novembro de 1955, p. 2; La Región, 10 de outubro de 1962, p. 7; La Región, 22 de decembro de 1968, p. 4.

13 marzo 2022

ADELAIDA PÉREZ ÁLVAREZ

Naceu en Trives o día 15 de novembro de 1901. Aparece nos rexistros de matrícula do Instituto ourensán pero non chegou a matricularse e figura no seu expediente que cursou ditos estudos no Instituto de San Isidro de Madrid pola rama de Ciencias titulando en 1926. Durante esta etapa residiu na rúa Ataúlfo, número 10 da capital. Posteriormente, matriculouse na Facultade de Ciencias na sección e Farmacia na Universidade Central e obtivo a titulación en 1930[1]. A continuación comezou a exercer a súa profesión e abriu unha farmacia en Trives e, posteriormente, abriu outra en Allariz, na que traballou ata xubilarse [2].



[1] Arquivo Histórico Nacional. Universidades. 6001. Exp. 15. [2] Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156. Fleire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2016, p., 243. (Foto extraída de Fleire Quintas; “Montederramo”. ( 16 de xullo de 1930). Galicia, p. 3; “Notas de sociedade” ( 21 de setembro de 1926). El Pueblo Gallego,  p. 13.

27 febrero 2022

CAMILIA GONZÁLEZ GONZÁLEZ


Naceu en Allariz  en agosto de 1921. No ano 1939 matriculouse  na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela e licenciouse no 1945  Despois de exercer como farmacéutica en Xinzo da Limia adquiriu unha farmacia en Xunqueira de Ambía. Casou co tamén farmacéutico e inspector de farmacia, Gustavo Rumbao.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento; Fleire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2016, p., 230. (Foto extraída de Fleire Quintas).

06 febrero 2022

VISITACIÓN CALVELO LÓPEZ

Naceu en Ourense en 1916. De nena realizou estudos de piano e obtivo numerosas medallas polas súas interpretacións. Realizou estudos de Farmacia na Facultade de Santiago e titulouse en 1940. Nese mesmo ano inscribiuse no Colexio de Farmacia e foi na rúa da Paz onde abriu a súa primeira farmacia e logo trasladouse á rúa da  Avenida de Bos Aires e alí exerceu ata que se xubilou.

Vid: Fleire Quintas, Laura, Aportación a la historia de la farmacia en la provincia de Orense, Tesis Doctoral presentada en la Universidad Complutense de Madrid. 2016. p. 201. (Foto idem).

09 enero 2022

CARMEN FERNÁNDEZ MERINO

De novo unha muller ourensá que realizou estudos superiores universitarios titulándose en dúas carreiras, Farmacia e Ciencias, e tamén exercería a súa profesión.
 
Carmen naceu en Baños de Molgas en maio de 1926. Realizou estudos de Farmacia na Facultade de Santiago titulándose en 1947. Rexentará a farmacia de Baños de Molgas desde 1948 e formaría parte do Sindicato de Industrias Químicas, que foi creado en 1943 e que proporcionaba información ao sector e organizaba actos festivos o día do seu patrón Alberto Magno. Casou con Don Roberto Vázquez.
 
Era irmá de Concepción Fernández Merino tamén farmacéutica.

Vid: La Noche, 28 de xaneiro de 1961; Fleire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2016, p., 225. (Foto extraída de Fleire Quintas).

26 diciembre 2021

JOSEFA CONCEPCIÓN FERNÁNDEZ MERINO

Naceu en Baños de Molgas o 23 de xaneiro de 1923. Era filla do médico de Baños de Molgas Argimiro Fernández Carbajo e Ana Merino Pérez. Tras rematar o bacharelato en 1937 con brillantes cualificacións matriculouse en 1939 na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela e acadou o título de licenciada en 1944. Ademais realizou estudos de Química e Maxisterio. Era irmá de Carmen Fernández Merino que tamén se licenciou en Farmancia e tiña a súa farmacia en Baños de Molgas.

Unha vez licenciada inscribiuse no colexio de farmacéuticos e exerceu como directora técnica dos Almacéns Fábrega Coello. No ano 1949 instalou unha farmacia en Luíntra. Nese mesmo ano tamén foi nomeada inspectora farmacéutica da zona de Salvaterra.

Casou con Rogelio Val Dávila, médico de San Cibrán desde 1955 e durante algúns anos alcalde desa localidade.

Josefa faleceu o 1 de febreiro de 2012 aos 89 anos e deixou tras de si unha vida dedicada á súa profesión. Outro exemplo de muller que tomou a decisión de ser independente.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento; Fleire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2016, p., 225. (Foto extraída de Fleire Quintas); El Ideal gallego, 17 de febreiro de 1949, p. 7; La Región, 31 de maio de 1936, p. 5; La Región, 13 de marzo de 1964, p. 4.

12 diciembre 2021

CARMEN CASTIÑEIRAS SOBRINO


Naceu en Ourense en maio de 1922. Fixo estudos de Farmacia na Facultade de Santiago de Compostela e licenciouse en 1947. Inscribiuse no Colexio de Farmacéuticos de Ourense e tiña o número 116 e instalou a súa farmacia en Castrelo do Miño. Unha vez que se instalou en Castrelo do Miño exerceu de corresponsal para o periódico El Pueblo Gallego no que daba conta dos acontecementos acaecidos na comarca.
Era unha muller moi respectada na zona participando nos eventos culturais e actos sociais.
Faleceu en Castrelo do Miño o 4 de outubro de 2014 cando tiña 91 anos.

(Fonte: El pueblo Gallego, 16 de febreiro de 1966. Galiciana)

Vid: Fleire Quintas, Laura, Aportación a la historia de la farmacia en la provincia de Orense, Tesis Doctoral presentada en la Universidad Complutense de Madrid. 2016, p. 204. Foto de Carmen Castiñeiras extraída de Fleire Quintas; La Noche, 14 de abril de 1948, p. 2; El Pueblo Gallego, 16 de febreiro de 1966, p. 19.

14 noviembre 2021

CARMEN DOVAL DEL CAMPO

Carmen Doval era filla do afamado político galego de Noia, jurista e criminalista galego Don Gerardo Doval que fora ilustre alumno da Universidade de Santiago e que faleceu en Madrid en 1940. 

Carmen naceu en Madrid en 1894. Comezou os estudos de Químicas na Facultade de Ciencias e Medicina na Univesidade de Valencia e aos dezasete anos emprende os estudos de Farmacia en Madrid. En 1920 Carmen rematou os estudos de Farmacia cun excelente expediente.

Casou en Madrid en 1922 co avogado Don Luis Barrena y Alonso Ojeda e tiveron seis fillos ( Carmen, Luisa, Soledad, Ana María, Paloma e Luis. Ana morrería moi nova debido á tuberculose) e a familia era asidua a veranear en Muros. Luís en tempos da Guerra Civil foi paseado por un grupo de falanxistas na noite do 21 de agosto de 1936 e ao día seguinte apareceu morto en Outes con dous tiros na cabeza. 

(Fonte: El Norte de Galicia, 2 de xullo de 1920, p. 3. Galiciana)

Carmen tivo que saír adiante cos seus fillos e é entón cando inscribe no Colexio de Farmacia en  1945 e é entón cando abre a súa farmacia en Castro Caldelas pero por ser muller de "rojo" non tivo a licencia para abrir a farmacia. A continuación traslado a información que me facilitou José Antonio Calvo Barrena, neto de Carmen e fillo de Soledad:

Más relevante es la información de que mi abuela, por ser mujer de "rojo", nunca tuvo licencia para poder regentar una farmacia. En su lugar, mi abuela Carmen tuvo que malvender su título para que un "hombre de bien" de los de aquella época abriera la farmacia con su nombre y licencia. Mi madre, como todos los hermanos, tuvo que buscarse la vida desde muy joven, y solo pudo estudiar con mucho esfuerzo, trabajando al mismo tiempo en una mercería de Santiago.

Quero agradecer, encarecidamente, que José Antonio Calvo contactara comigo para facer as puntualiacións oportunas sobre Carmen Doval. Estas colaboracións son moi enriquecedoras e garantizan unha información fidedigna.

Vid: El Compostelano, 7 de xaneiro de 1922; El norte de Galicia, 2 de xullo de 1920; Fleire Quintas, Laura, Aportación a la historia de la farmacia en la provincia de Orense, Tesis Doctoral presentada en la Universidad Complutense de Madrid. 2016, p. 208. Foto de  extraída de Fleire Quintas; Sánchez Durá, Dolores e Verdugo Martí, Vicenta, El acceso de las mujeres a la Universidad de Valencia (1910-1960), Valencia, 2011, p. 2 e 42.

24 octubre 2021

CARMEN FABEIRO GARCÍA

Naceu o 5 de outubro de 1920. Realizou os estudos de Farmacia en Santiago onde se licenciou en 1942. Casou en 1942 co psiquiatra Manuel Cabaleiro Goás que era Catedrático na Facultade de Medicina e fillo de María Goás, viúva de Cabaleiro. O matrimonio tivo seis fillos e en 1943 viñéronse a vivir a Ourense xa que Manuel foi nomeado director do Sanatorio Psquiátrico de Toén. Carmen Fabeiro, tras colexiarse, en 1948 co número 115, abriu a súa farmacia na rúa de Santo Domingo, nº 86 ata que en 1970 foi traspasado o negocio.
_____
Vid: El Ideal gallego, 9 de xuño de 1942; El Correo gallego 18 de agosto de 1942; El Correo gallego 6 de xaneiro de 1943; El Correo gallego; 19 de xuño de 1943; Fleire Quintas, Laura, Aportación a la historia de la farmacia en la provincia de Orense, Tesis Doctoral presentada en la Universidad Complutense de Madrid. 2016. p. 208. (Foto idem)

27 diciembre 2018

ESPERANZA TRIGO GÓMEZ

Esperanza naceu en Villajuán, Pontevedra, o 4 de marzo de 1896. Consta nos rexistros de matrícula do Instituto Xeral e Técnico de Ourense.
Realizou aos 15 anos o exame de ingreso o 2 de xuño de 1911 na Escola Normal de Pontevedra e matriculouse desde 1910 a 1915 na Normal desta cidade. Ali estudou Lingua castelá, Relixión, Nocións de Aritmética e Xeometría, Debuxo, Caligrafía, Aritmética, Relixión 2, Debuxo 2, Francés 1, Xeometría e Francés 2. 
No curso 1917-1918 consta matriculada no Instituto de Pontevedra nas materias de Xeografía Xeral de Europa, Latín 1, Xeografía especial de España e Latín 2 acadando unhas moi boas cualificacións. 
O derradeiro curso fíxoo no Instituto Xeral e Técnico de Ourense por libre, matriculándose en Historia de España, Preceptiva e Composición, Historia Universal, Álxebra e Trigonometría, Psicoloxía e Lóxica, Psicoloxía e Hixiene, Historia da Literatura, Física, Historia Natural, Agricultura e Técnicas, Química Xeral e Ximnasia.  
O 23 de agosto solicitou o Título de Bacherelato e o 22 de Setembro dese mesmo ano expide unha Certificación para a Universidade de Santiago. 
Cursou a carreira de Farmacia para poder rexentar a farmacia que era do seu home e que estaba situada en Vilagarcía de Arousa.
A fotografía amosa o lugar onde se situaba a Farmacia, na Praza de Galicia en Vilagarcía de Arousa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento, publicada pola Universiade de Vigo, versión CD.
Así mesmo: O faiado da memoria

29 diciembre 2015

MARINA PEÑA BOUZAS

Parte deste relato contoumo o seu irmán Manuel Peña.
Marina naceu ás dez do día 8 de abril de 1914 en Viascón, Pontevedra. Era a filla de Manuel Peña Rey e de Celia Bouzas Barreiro. O seu pai veu a Ourense a exercer de médico e no 1920 veu Marina coa súa nai e coa súa irmá Esther. Cando chegaron a Ourense estaban inaugurando a ponte Nova e estaba ilumiñado con luces de gas e Marina e a súa irmá quedaron impresionadas. 

Cando tiña dez anos, no ano 1924, ingresou no Instituto Provincial de Ourense. Aquí cursou seis anos, tres por libre e outros tres por oficial e obtivo unhas excelentes cualificacións. Sacou sobresaliente con premio en Lingua castelá, Latín 1 e 2. Nas materias de Xeografia de Europa, Xeografía especial de España,  Aritmética Historia de España  e Xeometría, sacou notable e no resto das materias acadou aprobado.

Ao finalizar no instituto solicitou o 27 de maio de 1929 o Certificado de Traslado á Facultade de Farmacia de Santiago.

En 1929 participou na grande homenaxe que a cidade fixo á vellez. Alí estivo xunto coa súa irmá Esther e outras mulleres da cidade.

(Fonte: La Región, 9 de novembro de 1939, p. 1)

No 1933 tamén se sumou á nómina de mulleres ourensás que asinaron o Manifesto de Mulleres e formou parte do Grupo Feminino do Partido Galeguista  como a súa nai e irmá Esther. 

Logo foi a Madrid e estivo na Residencia de estudantes. No ano 1934, cando tiña 20 anos, coñeceu a Luís Fanjul, un médico de Oviedo que era republicano, e casaron. Durante a guerra civil Luís foi Tenente Coronel Médico do exército republicano e o matrimonio  tivo que separarse por un un tempo. Ao rematar a guerra exiláronse a México e fundaron alí un laboratorio prestixioso xunto a Blas Cabrera pero Luís faleceu o 20 de xuño de 1940. Marina regresou en 1953 a España coas súas fillas e estiveron unha tempada na casa dos pais. Logo voltaron a México e alí faleceu faleu en 

______
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470; Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156.

A foto da cabeceira foi extraída de: MINISTERIO DE CULTURA. Ficha personal de Marina Peña Bouzas. PARES. Movimientos migratorios.  ES.28005.AGA. AGA,RIEM,074,079