Etiquetas

29 diciembre 2015

MARINA PEÑA BOUZAS

Parte deste relato contoumo o seu irmán Manuel Peña.
Marina naceu en Viascón, Pontevedra,  o 8 de abril de 1914. Era a filla de Manuel Peña Rey e de Celia Bouzas Barreiro. O seu pai veu a Ourense a exercer de médico e no 1920 veu Marina coa súa nai e coa súa irmá Esther. Cando chegaron a Ourense estaban inaugurando a ponte Nova e estaba ilumiñado con luces de gas e Marina e a súa irmá quedaron impresionadas. 

Cando tiña dez anos, no ano 1924, ingresou no Instituto Provincial de Ourense. Aquí cursou seis anos, tres por libre e outros tres por oficial e obtivo unhas excelentes cualificacións. Sacou sobresaliente con premio en Lingua castelá, Latín 1 e 2. Nas materias de Xeografia de Europa, Xeografía especial de España,  Aritmética Historia de España  e Xeometría, sacou notable e no resto das materias acadou aprobado.

Ao finalizar no instituto solicitou o 27 de maio de 1929 o Certificado de Traslado á Facultade de Farmacia de Santiago. No 1933 tamén se sumou á nómina de mulleres ourensás que asinaron o Manifesto de Mulleres e formou parte do Grupo Feminino do Partido Galeguista  como a súa nai e irmá Esther. 

(Fonte: AIOP, Expedientes Académicos)

En 1929 participou na grande homenaxe que a cidade fixo á vellez. Alí estivo xunto coa súa irmá Esther e outras mulleres da cidade.

(Fonte: La Región, 9 de novembro de 1939, p. 1)

Logo foi a Madrid e estivo na Residencia de estudantes. No ano 1934, cando tiña 20 anos, coñeceu a Luís Fanjul, un médico de Oviedo que era republicano, e casaron. Durante a guerra civil Luís foi Tenente Coronel Médico do exército republicano e o matrimonio  tivo que separarse por un un tempo. Ao rematar a guerra exiláronse a México e fundaron alí un laboratorio prestixioso xunto a Blas Cabrera pero Luís faleceu o 20 de xuño de 1940. Marina regresou en 1953 a España coas súas fillas e estiveron unha tempada na casa dos pais. Logo voltaron a México e alí faleceu faleu en 2002.

Como muller comprometida co galeguismo foi unha das representantes na Comisión que acudiu a Madrid en xullo de 1936 para facer a entrega do estatuto de Autonomía ao Presidente das Cortes. Formaban parte desa comisión os presidentes das Deputacións de A Coruña e Lugo; os alcaldes das catro cidades principais; o Comité central do Estatuto; o secretario do Partido Galeguista; os deputados galegos Castelao, Viana e Villaverde e demais persoas entre as que se atopaba María Peña. (ver foto). María sumouse á Comisión pois nese intre residía en Madrid pois estaba sensibilizada pola súa militancia no Grupo Femenino do Partido Galeguista da que era presidenta a súa nai e seu pai Presidente do Partido Galeguista de Ourense.

(Fonte: "Ha venido de Madrid una comisión de Galicia", La Libertad, 16 de xullo de 1936, p. 12)

______
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470; Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156.

A foto da cabeceira foi extraída do Diario de un médico de guardia