Non podo entender por que a educación estivo vetada ás mulleres durante séculos (reflexión retórica pero valga a ironía, sabemos a resposta) . Como pode pensarse que non tiñamos a capacidade suficiente para adquirir cultura e empregar eses saberes para emprender a nosa vida!?.
O mundo está deseñado á medida dos homes porque foron estes os que determinaron que se podía e que non se podía facer. Nese plan cuxos obxectivos eran a competitividade, a produtividade, a ambición, o emprendemento....non contaron coa muller porque se entendía que non tiñan nin cualidades, nin capacidades nin determinación. É ben certo que son cualidades pouco gratas pois foron causa de moitas guerras, guerras das que parecen disfrutar e xogar os homes por esa ambición que lles supera.
Así pois, as mulleres, estiveron confinadas ao longo da historia no seu fogar, nos asuntos privados, nunhas actividades que non tiñan consideración nin remuneración de "produtividade", polo que non eran relevantes, nin elas nin o que facían.
A educación regrada (sobre todo a universitaria) das mulleres chegou moi tarde (en España en 1910) pero aínda agora podemos observar que a selección dos estudos está moi condicionada pola condición "feminina" sendo aínda noticia que haxa mulleres en determinados sectores educativos e produtivos. Outro aspecto que non axuda é o concepto que se ten da educación pois esta está considerada en termos mercantilistas xa que o que se pretende é formar para a empresa, para o capitalismo e deixa de lado a formación cultural e creativa. Ese feito fai que aínda se siga reparando se a as mulleres son quen de acadar eses niveis.
Realmente parece todo contraditorio e incoherente. Defendo unha educación formativa, integral, humanística, evolutiva, que dea pasos adiante dentro dunhas coordenadas de respecto polo ser humano, polo medio ambiente, pola harmonía na humanidade co progreso...En todo isto as mulleres temos moito que dicir pois non estamos forxadas na competitividade bélica. E se hai algunhs dirixientes que si son ambiciosas é por imitación aos homes.
A educación é principal e prioritaria para todos e todas, para toda a humanidade. Todas e todos temos que pasar pola educación e temos que demostrar que a educación pasou por nós, para irnos perfeccionando como seres humanos para dar paso a unha humanidade cada vez mellor. É lamentable que vexamos grandes eruditos, eminencias, altos representantes, sen principios e de comportamentos prepotentes. Iso quere dicir que desperdiciaron canto aprenderon? Entón....de que lles valeu? Talvez so tiñan intención de subir e subir na escala social e ver o mundo na distancia das "alturas".
Nacemos todos incompletos, homes e mulleres, é a educación (formal, non formal, regrada e non regrada) a que ten que facer de nós uns seres cada vez mellores. É un erro que se impida o dereito de querer aprender.
Os homes non teñen, como cren, mellores capacidades intelectuais e tampouco teñen dereito a apropiarse dos saberes e das aprendizaxes. Ata agora o mundo que foron construíndo desde a súa perspectiva masculina non foi nada marabilloso pois deixan tras de si un rastro bélico, un desprezo pola natureza, unha depredación de recursos en aras dun progreso. É tempo de que as mulleres planteemos outras perspectivas, é tempo de que a educación humanística (lamentablemente cada vez máis defenestrada) se faga notar, é tempo de que as mulleres que temos unhas almas baseadas no amor, na comprensión, no instinto de protección demostremos que hai outras formas de facer as cousas. Agora ben, aquelas que poden chegar moi alto e que están chegando moi alto na vida, pediríalles que non imitaran aos homes pois iso non fai máis que darlles a razón.
Acceso da muller ao ensino superior
Rosa María Cid Galante.
24 de setembro de 2021.