Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Funcionaria da Administración. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Funcionaria da Administración. Mostrar todas las entradas

20 octubre 2024

ELISA TEJADA LORENZO

Elisa naceu en Lobios e era filla do secretario do Concello, Jaime Tejada Rodríguez. Realizou os estudos de Maxisterio pero aos 16 anos presentouse ás oposicións a Administración e conseguiu a praza en Facenda. Foi destinada a Pontevedra e alí coñeceu ao que sería o seu home, o médico traumatólogo, Manuel Luís Conde Corbal, que tiña ascendencia ourensá pois seu pai era de Ourense e emigrara a Cuba. Casaron en outubro de 1951 na igrexa de San Miguel de Lobios. O matrimonio veu residir a Ourense e Manuel abriu un sanatorio sendo Elisa a súa principal axudante pois, de feito, ela era a que o xestionaba. Inseparable do seu home, que era grande amigo de Otero Pedrayo, Elisa quixo deixar á Fundación do insigne profesor intelectual e escritor as cartas que este lle enviaba a Manuel Conde. Elisa, xunto co seu home arroupábanse de grandes amigos da intelectualidade e cultura galega. 

Faleceu o 20 de novembro de 2023.

(Fonte: Galiciana. La Noche, 28 de xuño de 1961, p. 10)

Vid: La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Num. 11012 (11/10/1951), p 2; Chicho Outeiriño: " Elisa Tejada Lorenzo: funcionaria precoz, familiar, delicada e impulsora del sanatorio Conde Corbal", La Región, 24 de novembro de 2023; M.F. Romero, "Las cartas de Don Ramón, de vuelta al remitente", Faro de Vigo, 10 de outubro de 2017.

16 abril 2023

DOLORES SUÁREZ BRETAÑA

Xosé Lois Carrión, admirable ourensán, a máis de amosar sempre o seu compromiso social, velou sempre polo recoñecemento da igualdade e a loita das mulleres. É un gran coñecedor da represión franquista  na provincia de Ourense e un férreo defensor da Memoria Histórica pois considera que é preciso dar recoñecemento a todos os que sufriron a opresión da ditadura. Entre esas figuras destaca, sobremaneira, a de Manuel Suárez Castro, alcalde socialista fusilado en Ourense no ano 1937. Por ende, hai uns días rendeulle unha homenaxe a través dun escrito en La Región á filla deste.  Aproveitando a ocasión, Xosé Lois, recomendoume incorporar a este blog a Dolores Suárez Bretaña, algo que fago con sumo interese, agradecendo encarecidamente a suxestión de Xosé Lois. 

Lolita é a filla de Manuel Suárez Castro, alcalde socialista de Ourense  represaliado e fusilado na ditadura, e de Celedonia Bretaña Montes, falecida o 4 de xuño de 1960. 

Manuel casara con anterioridade con Consuelo Destar e xa tiña unha filla chamada Pacita, pero Consuelo faleceu por mor da gripe de 1918. Volveu contraer novas nupcias con Celedonia que tamén procedía doutro matrimonio e tiña unha filla chamada Emilia Núñez Bretaña que faleceu en Guadalaxara en xullo de 1935 despois dunha longa enfermidade. Celedonia nos tempos da República solicitou a demanda de divorcio do seu primeiro home, sendo esta ditada pola Audiencia Provincial o 19 de outubro de 1932  (1). Manuel e Celedonia tiveron tres fillos, Dolores (Lolita), Raúl e Pablo.

(Fonte: La Región, 5 de xuño de 1960, p. 5. Galiciana.)

Lolita, tal como é coñecida de xeito agarimoso, naceu en Ourense o 14 de marzo de 1923, nos incipientes tempos da Ditadura de Primo de Rivera. Máis de moza respirou os aires esperanzadores da Segunda República e ela recoñécese aínda hoxe en día como republicana.

Seu pai, Manuel Suárez, que era aparellador, estaba afiliado á UXT e era militante activo do Partido Socialista. No ano 1933, cando Lolita tiña dez anos, seu pai ocupou o cargo de Tenente Alcade do Concello de Ourense e tamén era Deputado Provincial. En 1936, Manuel ocupou a alcaldía, tiña Lola trece anos e estaba realizando os estudos de maxisterio. Pero, a ditadura foi implacable con  Manuel sendo este fusilado o 27 de xullo de 1937 no Campo de Aragón. Lolita xa foi consciente da dura e dramática realidade da guerra e da ditadura. 

Os fillos quedaron ao cargo da nai, e foron saíndo todos adiante, non obstante, non se librarían da opresión do réxime ditatorial. Celedonia tivo que alimentar aos seus fillos nos comedores sociais  e, con esforzo, conseguiu que estudaran. Desgraciadamente, sufriu a marxinalidade por parte das xentes e moitos negáronlles a palabra. Pero ela, fiel ao espírito do seu home, líalle aos seus fillos a última carta que este escribiu antes de ser fusilado e que dicía : "Dile a mis hijos que su padre perdió la vida no por ser ladrón ni asesino sino una persona decente, amante de todos sus ciudadanos, sin fijarse nunca en el ideal que tenían ni en su condición social (...)"(2).

Polo tanto, e sen dúbida, a muller e os fillos e fillas de Manuel foron vítimas tamén da represión. De feito, o estado económico no que quedou sumida a familia obrigou a que os irmáns fosen separados para seren coidados por achegados e familiares. Pacita, a filla do primeiro matrimonio de Manuel, foi criada pola familia dun tío materno e Dolores e Pablo quedaron coa nai (3). Pablo, en 1963 chegou a ser escollido concellal polo terzo sindical. Raúl superou en 1969 unhas oposicións a RENFE e foi destinado a Ourense. 

O padecemento da familia, da muller e fillos, foi recollido deste xeito nun artigo da redacción do periódico Nuestra Lucha (4):

(Manuel Cordero: "Manueliño":  Nuestra lucha", Número 26, 20 de outubro de 1937, p. 4).

Lolita exerceu durante un tempo como mestra e estivo destinada en 1950 como interina en diversas escolas como a de Portocamba, Castrelo do Val, en Guntemil, Xinzo. Pero nese mesmo ano entrou a traballar en Mutualidades Laborais. Non obstante, o peso da ditadura seguía castigándoa e cando chegou o momento de poder ascender...dito ascenso foi denegado por ser "filla de rojo".

Pero ela nunca se amilanou e Dolores manifestou sempre que a familia nunca renunciou á súa ideoloxía, malia que moita xente os evitaba. 

(Elaboración propia a partir de diversas fontes). 

(1) Galicia, 19 de outubro de 1932, p. 4 (2)https://auschwitzlacrueldadhumana.blogspot.com/2009/09/; (3)http://galicianosolecer.blogspot.com/2009/04/; (4) Nuestra lucha  portavoz de la Unidad Obrera: Epoca Tercera , 20 de outubro de 1937, p. 4. Ademais, ver: El pueblo gallego, 25 de outubro de 1951; La Región, 11 de abril de 1950; La Región, 9 de maio de 1950; La Región, 27 de agosto de 1969; La Voz de Galicia

07 septiembre 2022

CELIA RODICIO CASAR

Estamos, de  novo, ante unha muller ourensá que realizou estudos superiores nunha época na que as espectativas para as mulleres era a vida doméstica. O feito de querer continuar formándose implicaba unhas aspiracións de ser independente.

Celia naceu en Ourense o 6 de novembro de 1915. Era filla de Celia Casar Olavarrieta procedente dunha familia de militares e de Avelino Rodicio González que era industrial e que foi tenente alcalde da cidade en 1925 renunciando ao cargo en 1928. Avelino faleceu protamente, á idade de 32 anos, en decembro de 1932.

A familia compúñana, ademais dos pais, oito fillos que se chamaban, Esperanza (Sor Esperanza) da Congregación de Irmás da Caridade, Celia, Lourdes, María Teresa, Carmen, María Dolores, José Luís e Antonio que era alférez de infantería da División Azul. A nai, Celia Casar, sacou adiante a todos os fillos tras quedar viúva moi pronto. Ela tivo un protagonismo especial para que as súas fillas estudasen e consequiu, tras enviar escritos á Normal, que fixeran a carreira con matrícula gratuíta. Todas as irmás eran estudiadas e desempeñaron diversos cargos na administración e algunha era mestra.

Aos 11 anos, o 18 de xuño de 1926, realizou o exame de ingreso no Instituto Nacional de Segunda  Ensinanza. Posteriormente matriculouse no Bacharelato elemental, ata 1930, acadando seis sobresalientes destacados nas materias de Elementos de Aritmética, Terminoloxía científica, Francés, Elementos de Xeometría e Deberes Cívicos e éticos do Dereito. 

O 30 de marzo expediu o título de Bachiller elemental. Pero Celia continuou estudando o Bacharelato Universitario, que constaba de dous anos máis, polo que estivo inscrita ata 1933. Aquí o expediente é de sobresaliente en todas as materias con Premio na de Xeografía política e económica; Historia da Civilización española; Historia da Literatura, Ética e Rudimentos do Dereito e Historia Natural. Rematados estes estudos fixo o depósito de Título en agosto de 1933.

(Fonte: AIOP, Expedientes Académicos)

En febreiro de 1935 trasladouse a Girona para ocupar o cargo de Auxiliar de Facenda pero a finais de ano voltou á Ourense para ocupar ese posto na Delegación desta cidade. En 1941 foi ascendida no seu posto profesional e nese mesmo ano, en outubro, casou co capitán de infantería José María Aldamiz Echevarría.

No ano 64 consta que estaba traballando en Pontevedra.

Elaboración propia a partir de fontes diversas e tamén vid: Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa M. "Los expedientes de las estudiantes de bachillerato : una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)" Historia de la Educación, 2007, pp. 430-470. El Pueblo Gallego, 31 de outubro de 1925, p. 1; La Región, 22 de maio de 1928,p 1.

20 abril 2022

DOLORES COUREL FERNÁNDEZ

Naceu en Viana do Bolo o 21 de Marzo de 1901 era filla de Miguel Courel Armesto, médico e Deputado Provincial por Barco-Viana, e a súa nai chamábase María Benita Fernández, e irmá de 
Milagros Courel que tamén figura neste blog.

Fixo o exame de ingreso o 21 de setembro de 1914 e matriculouse por oficial nos cursos de bacharelato obtendo quince sobresalientes con premio e o resto das cualificacións con notables.

Finalizou os estudos en 1920 e en setembro de 1922 trasladouse a Madrid pois foi nomeada Auxiliar do Corpo de Correos. 

Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento, Tese inédita;Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitariaISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470 e Hemeroteca.



18 julio 2021

AMALIA TOVAR MORAIS


Amalia Tovar Morais naceu en Ourense o 19 de marzo de 1916 e era filla dun empregado de Correos, Don Enrique Tovar e era irmá de María de los Ángeles Tovar Morais que tamén figura neste blog. Aos dez anos (1926) ingresou no Instituto Xeral e Técnico da cidade, despois de facer a proba de ingreso o 5 de xuño de 19126 e realizou tres cursos con excelentes notas para logo solicitar certificado de traslado a outro centro. Consta que estivo examinándose no Colexio Privado Balmes de Pontevedra fundado por Don Gerardo Santos Méndez obtendo cualificacións de sobresaliente. Era considerado un dos mellores centros educativos da súa época e estaba situado na coñecida Praza das Galiñas, hoxe Méndez Núñez.

O centro, ademais de impartir clases de bacharelato e Maxisterio, tamén impartía clases de Comercio. Amalia desempeñou o posto de funcionaria de Facenda na Delegación de Ourense en 1935.

En decembro de 1939 contrae matrimonio con Don José Díaz Fernández que traballaba de Auxiliar en Facenda, primeiro destinado en Oviedo e logo veu a Ourense.


Como a maior parte das mulleres ourensás desta época, tamén Amalia participaría de xeito activo en homenaxes que se lle rendían na cidade a Calvo Sotelo ou ao Cardeal Quiroga, contribuíndo económicamente cunha pequena cantidade para os eventos. Así mesmo cando houbo un chamamento ás mulleres para coseran a roupa dos soldados do exército nacional no propio Liceo ourensán, tamén Amalia formou parte do grupo de voluntarias.

Temos que considerar que estas participacións das mulleres ourensás en eventos de carácter patriótico eran bastante normais na época da guerra e na ditadura pois, en efecto, o réxime facía fincapé no rol moral que debían ter as mulleres pola causa nacional e patriótica.

Elaboración propia:Vid: Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa M., "Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)", Historia de la Educación, nº 26, 2007, pp.437-470; El Progreso, 1930 outubro 7; El Pueblo gallego, 1935 xaneiro 25; La Región, 10-2-1917; 22-9-1926; 3-6-1930; 18-11-1939..



30 agosto 2020

ANGELINES QUINTELA

Agradezo a información facilitada por Loli Sanfer que me puxo na senda desta muller emprendedora. 

Os que tiveron a sorte de coñecela dicían dela que era unha muller emprendedora e adiantada ao seu tempo pero tamén pretendía visibilizar a todas as mulleres pois foi a creadora de AME que é a Asociación de mulleres emprendedoras. 
Traballou como funcionaria encargada do protocolo na secretaría do Gobernador Civil. 

En 1961 crea unha academia para forma opositores e foi tal o éxito que pediu a excedencia como funcionaria para dedicarse de pleno á formación dos opositores. A academia estaba situada na rúa do Progreso, nº 62.  

Foi Conselleira de Caixa Galicia e, como se dixo anteriormente, a fundadora de AME. Dela dise: "Foi unha muller importante en Ourense, en certa medida unha pioneira nesto de abrir camiños, suave e firmemente".

Faleceu o 17 de xullo de 2017.


Vid: La Voz de Galicia
La Región
Cartas ao Director La Región

24 mayo 2020

AMALIA ÁLVAREZ GALLEGO


Amalia Álvarez Gallego naceu en Lugo o 10 de febreiro de 1906 e foi a muller valente, galeguista e forte que sufriu a morte cruel por fusilamento do seu home, Alexandre Bóveda. Por ser a muller do galeguista ourensán e pola súa vida de sufrimento e loita é parte da nosa historia ourensá.
Amalia naceu no seo dunha familia de recursos e culta. Seu pai, Xerardo Álvarez Limeses, era poeta, orador e inspector de ensinanza primaria exercendo algún tempo na cidade de Ourense. Gozaba de notoriedade no círculos culturais de Pontevedra pois era asiduo escritor e conferenciante sobre asuntos de instrución e culturización que lle preocupaban e poñendo de manifesto a necesidade de estender a educación para que un pobo progresase[1]. Así mesmo, era membro da Real Academia Galega e cofundador do Museo Provincial de Pontevedra. Falecería en marzo de 1940 con grande pesar para o ámbito cultural galego[2] e sobre todo para súa filla, Amalia, para quen era un referente. A nai de Amalia, Dolores Gallego Martínez, naceu en Castro de Morelle, Castellón, e era filla dun Coronel[3]. Dolores e Xerardo contraeron matrimonio en Pontevedra o 21 de febreiro de 1895[4] e tiveron dous fillos, o maior, Xerardo, e a pequena, Amalia.

Despois dunha estadía en Ourense, pois o seu pai estaba destinado como Inspector de Primeira Ensinanza en Ourense, trasladáronse a Pontevedra. Amalia realizou os estudos de primaria na Escola da Praza do Xeneral Martitegui e aos dezaseis anos, en 1922, realizou o exame de ingreso á Escola Normal de Mestras obtendo matrícula de honra[5], pero non rematou a carreira e tan só fixo un curso[6].

A Amalia gustáballe a música coral e tiña grandes dotes para o canto e aos vinte e dous anos entrou a formar parte da Coral Polifónica de Pontevedra que estaba presidida por Antón Losada Diéguez e era como unha reunión de amigos da música[7]. Acudía aos ensaios da Coral e foi onde coñeceu a Alexandre Bóveda que tamén estaba no coro. A amizade foi xurdindo entre eles derivando logo nunha relación de parella. Non obstante, deixáronse un tempo pois tiñan os dous o seu temperamento, aínda que ao ano retomaron a relación xa que estaban destinados a unha vida en común.

E efectivamente, de alí ao pouco casaron. A petición de man de Amalia Álvarez tivo lugar en Bayón, Pontevedra, en xullo de 1930 e foi feita por parte do oficial da Deputación Provincial de Pontevedra Don Carlos Pulido Parada que era o irmán político de Alexandre Bóveda Iglesias que nesta época ocupaba o cargo de Xefe Pericial de Contabilidade do Estado e Tenedor de Libros da Delegación de Facenda[8]. Casaron na igrexa conventual de Poio e foron de padriños o pai de Amalia, do Xerardo Álvarez, e dona Luísa Iglesias, nai de Alexandre Bóveda[9]. O matrimonio foi de lúa e de mel e ao regresar viviron en Pontevedra e logo en Poio. Tiveron cinco fillos, a última, a máis nova non chegou a coñecer ao seu pai pois naceu despois de que o fusilaran.

A familia estaba moi unida. Alexandre era un home do fogar e agarimoso cos fillos e con Amalia. Ambos os dous mantiñan conversas sobre asuntos caseiros, sobre libros, sobre o compromiso de Alexandre coa política e o galeguismo… Amalia era a súa máxima inspiradora e moitos textos que Alexandre escribiu foran pensados por e para ela.

Alexandre era un dos máximos representantes do galeguismo e defendía que ese galeguismo non quedara no folclorismo e sentimentalismo senón que debía ser unha cuestión máis social e de maior compromiso para chegar ao nacionalismo galego[10]. Era o Secretario do Partido Galeguista, defensor do Estatuto de Galicia e candidato polo Fronte Popular pola provincia de Ourense.

Polas súas ideas foi represaliado polo franquismo e, tras do golpe militar, en nada o detiveron, dous días despois, o 20 de xullo de 1936 estando de en Ourense. Sometérono a procedemento sumario e o 14 de agosto de 1936 condénano a morte. O seu alegato non puido ser máis elocuente e tamén unhamostra da inxustiza que se cometía: “Mi patria natural es Galicia. La amo fervorosamente, jamás la traicionaría, aunque me concediesen siglos de vida. La adoro más allá de mi propia muerte. Si entiende el tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada la pena de muerte, la recibiré como un sacrificio más por ella. Hice cuanto pude por Galicia y haría más si pudiera. Si no puedo hasta me gustaría morir por mi patria. Bajo su bandera deseo ser enterrado, si el tribunal juzga que debo serlo”[11]

O 17 atárono a unha árbore no monte da Caeira, en Poio, e o asasinaron. Un amigo aproveitou ao marchar o pelotón de fusilamento para meterlle na chaqueta a bandeira galega. Tiña tan só trinta e tres anos e un grande amor por Galicia. Escribiu á Choliña, Amalia, unhas últimas letras: “Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío”[12]. Quen sabe se lembrou aquel poema dedicado á súa querida Amalia, “Pechei os ollos; quixen durmir; soñei esperto, pensando en ti” [13].

Ela escoitou os disparos e anguria que sentiu foi tremenda. Amalia e Alexandre tan só levaban seis anos casados. Os fillos eran aínda moi pequenos e estaba embarazada da quinta filla que ese mesmo día naceu. A partir de entón a familia quedaría marcada. Amalia, con trinta anos, viu truncada a súa vida tinguindo de negro a súa dor e a cor da súa roupa.

A partir de aí comeza a súa loita por tirar pola familia: “A vida é loita, a vida é loita, non cres?” [14]. Inclúese na lista de mestras interinas[15] e comeza a dar clases ao mesmo tempo que preparaba as oposicións a maxisterio pero, finalmente, decidiu presentarse en Madrid ás oposicións de Facenda e, en 1941, foi nomeada auxiliar de Facenda e destinárona a Cádiz[16]. Deixou aos fillos ao coidado da familia e, ao volver a Pontevedra, levounos a Madrid e estiveron no Internado para Orfos de Facenda, unha institución que supuña unha axuda para o persoal de Facenda. E, lamentablemente, mantíñanos separados do resto de nenos por ser fillos de “un rojo”. Pero tamén Amalia sufriría os comentarios despectivos dos veciños pero soportounos con entereza e sen chegar a gardar rancor polo que padeceu. Así mesmo tivo moitas complicacións para obter un certificado de adhesión ao réxime para seguir traballando de funcionaria.

(Familia Bóveda. Foto cedida por Ánxeles Cuña Bóveda)

Amalia Álvarez, a querida Choliña tal como a chamaba Alexandre, lamentaba que tiveran que matalo para coñecer o que fixera por Galicia. Ela sabía do compromiso de Alexandre pola terra, pola xente galega, por iso, cando Alexandre dicía ás veces que ía deixar todo para dedicarse máis á familia, ela empurrábao a seguir: “É o único entusiasmo que ten, quítaslle iso e despois..., el non fuma, non bebe, non fai gamberradas. Que siga na política”[17]. Por iso, cando os seus fillos xa tiñan idade para comprender o sucedido, xuntou aos cinco e explicoulles por que o seu pai fora fusilado. Un duro golpe para eles que lles fixo sentirse máis unidos e tamén apreciaron o esforzo da súa nai: "Mi madre fue otra verdadera mártir", al sacar adelante a todos sus hijos "como una campeona" dixo o seu fillo Xosé Lois Bóveda nunha das homenaxes que lle deron ao seu pai[18].
Efectivamente, Amalia cargou co peso da memoria histórica de Galicia. Ela acudiu a todas as homenaxes que lle fixeron a Alexandre como unha mostra do seu apoio constante. Amalia faleceu aos 95 anos o 27 de novembro de 2001, e repousa xunto a Alexandre no Panteón familiar de San Mauro.
Unha muller comprometida, loitadora, traballadora e sacrificada que soubo vivir sen odio aos que asasinaron a Alexandre.

Avoa Amalia, fonda, agarimosa, intelixente e retranqueira
Que falar marabilloso! Que limpa mente!
Que ollar vivo, mouro e alegre!
Namoraches cantando
Viviches forte, enxeñosa...
entre sombras iluminadas por tempos sincopados

de Ánxeles Cuña Bóveda[19]


REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Álvarez Blazquez, Xosé María, Alexandre Bóveda: apunte biográfico, serie Hombres que hicieron Galicia , D.L., 1982.
Álvarez Gallego, Gerardo, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda (Bos Aires, Nós, 1972).


[1] Gerardo Álvarez Limeses, “Concepto de la cultura” Boletín de Educación, 13 (1935).
[2] Juan Novás Guillán, “Gerardo Álvarez Limeses, ha muerto”, Boletín de Educación 19 (1940)
[3] Don Xerardo Álvarez e dona Dolores Gallego eran os bisavós de Ánxeles Cuña e ela achegoume interesantes datos sobre a súa familia.
[4] El Criterio gallego, 22 de febreiro de 1895
[5] “Alumnas aprovechadas” El Progreso, 3 de outubro de 1922.
[6] Montse Fajardo Pérez, “Amalia Álvarez Gallego”, http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=1089 consultado o 6 de abril de 2020.
[7] “Coral Polifónica de Pontevedra” https://gl.wikipedia.org/wiki/Sociedad_Coral_Polif%C3%B3nica_de_Pontevedra consultado o 6 de abril de 2020.
[8] Vida gallega ,456, 30 xullo de 1930.
[9] Vida gallega, 466, 10 de novembro de 1930; La Región, 24 de outubro de 1930.
[10] “El Estatuto de Autonomía” Nuestra Bandera: revista de educación ideológica del Partido Comunista de España - Número 134, 1 de abril de 1986.
[11] “La leyenda que no puideron asesinar”, https://elpais.com/diario/2011/08/17/galicia/1313576297_850215.html consultado o 6 de abril de 2020.
[12] Carta de Alexandre Bóveda a Amalia antes de ser fusilado. Montse Fajardo, “Amalia Álvarez Gallego”, http://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/represaliadas-e-resistentes/as-que-quedaron/amalia-alvarez-gallego/ consultado o 7 de abril de 2020.
[13] Poema de Alexandre Bóveda dedicado a Amalia. Montse Fajardo, “Amalia Álvarez Gallego”, http://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/represaliadas-e-resistentes/as-que-quedaron/amalia-alvarez-gallego/ consultado o 7 de abril de 2020.
[14] Montse Fajardo, “Amalia Álvarez Gallego”, http://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/represaliadas-e-resistentes/as-que-quedaron/amalia-alvarez-gallego/ consultado o 7 de abril de 2020.
[15] El Noticiero gallego,18 de xaneiro de 1938.
[16] “Auxiliares de Hacienda” El Pueblo gallego, 30 de decembro de 1941.
[17] Idem.
[18] “La leyenda que no pudieron asesinar” https://elpais.com/diario/2011/08/17/galicia/1313576297_850215.html, consultado o 7 de abril de 2020.
[19] “Amalia Álvarez, que se namorou cantando”, http://nondesaesquecemento.blogspot.com/2016/03/amalia-alvarez-que-se-namorou-cantando.html consultado o 6 de abril de 2020.

09 febrero 2020

CONSUELO CASTRO REI


Consuelo Castro Rei (Ourense, 27 de xullo de 1964) É licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e ingresou no Corpo de Avogados do Estado en 1989.

Exerceu como avogada no Ministerio de Sanidade e Consumo na Avogacía do Estado da Coruña e na Axencia Estatal de Administración Tributaria en Galicia. Desempeñou o cargo de avogada da Estado-Xefa da Coruña entre 2004 e 2007, ano no que foi designada avogada da Estado-Xefa da comunidade autónoma de Galicia.

Foi, ademais, vogal do Consello de Administración e asesora xurídica da Autoridade Portuaria da Coruña e vogal da Comisión de Garantías de Videovigilancia de Galicia.

Forma parte, como representante de España, do Grupo de Traballo sobre dereitos humanos e migración do Comité de Dereitos Humanos do Consello de Europa, no que ostenta a vicepresidencia.

En 2011 converteuse na primeira muller electa académica de número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación onde defendeu o uso do galego na xustiza no seu discurso de incorporación á academia. Consolo Castro é defensora da normalización lingüística do galego no ámbito da xustiza.

En outubro de 2012 pronunciou o seu discurso como académica de número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación,converténdose na primeira muller electa desta institución. Para o seu discurso escolleu o tema da diversidade lingüística no marco político do Estado e do Dereito en defensa do uso da lingua galega e

En xuño de 2015 recibiu o premio Pena Novo, un galardón que premia a normalización lingüística no ámbito das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral.

En xuño de 2018 foi nomeada avogada xeral do Estado-directora do Servizo Xurídico do Estado.

É tamén vicepresidenta do Grupo de Traballo sobre Dereitos Humanos e Migración do Comité de Dereitos Humanos do Consello de Europa.

Vid: https://es.wikipedia.org/wiki/Consuelo_Castro

19 febrero 2011

MARÍA PRADA GONZÁLEZ

María naceu en O Barco no ano 1982 e traballa en Bruselas como Diplomática convertíndose na muller máis nova que accede a dito cargo. Estudou tradución e interpretación en Vigo. Posteriormente preparou as oposicións tan duras de Diplomática sendo nomeada polo Rei Juan Carlos I. En Bruselas representa a España ante a Unión Europea. Na actualidade é Conselleira adxunta no Coasi (que se ocupa de Asia-Pacífico). Dende O Barco, información facilitada por Gustavo Docampo. Vid: La Voz de Galicia

28 septiembre 2009

AURORA MACEDA LÓPEZ

(Entrada suxeita a publicación)

Naceu en Cancienes, na parroquia do Concello de Corvera en Asturias. Presentouse ás oposicións de Maxisterio en 1917 na provincia de León. Foi destinada á Rúa, en Ourense, en 1923. En 1925 destinárona á escola de Celanova. Inscribiuse ás oposicións á Inspección que se convocaron en maio de 1932 e aprobounas obtendo unha das primeira prazas. Foi nomeada inspectora e destinada a Ourense cun soldo de 5000 pesetas. Tiña baixo a súa responsabilidade a zona seis da provincia que comprendía as escolas do concello de San Ciprián de Viñas e as do partido xudicial de Celanova, menos Pontedeva e Quintela de Leirado. Posteriormente adxudicáronlle a de Carballiño. Seguiu os paos do seu irmán, Manuel Maceda, que era Inspector Xefe da provincia. Realmente a familia ao completo estaba dedicada á docencia pois outros irmáns, doña Divina e Don Clarencio, eran mestres en Madrid e a súa cuñada Concepción Ramón Amat, casada con Manuel Maceda, era profesora e durante algúns anos tamén Directora da Escola Normal de Ourense.

Foi moi participativa nos eventos pedagóxicos que se celebraban nas diversas localidades da provincia. En Ourense adoitaba a celebrarse os Cursillos de Información Cultural y Pedagógico nos que se desenvolvía un amplo programa de conferencias e charlas impartidas tanto polos membros da inspección como polo profesorado. Aurora Maceda participou en maio de 1933 pronunciando unha serie de conferencias interesantes sobre a práctica docente e a pedagoxía. Demostraba que era unha profesional preocupada pola praxis docente e a metodoloxía. Levou a cabo unha experiencia co alumnado do grupo Curros Enríquez comezando a dividir a clase en tres seccións. Ás nenas máis pequenas comezou repartíndolle figuras recortables e mentres o efectuaban inicia coas maiores de segundo e terceiro grupo o estudo das plantas. Examinaron as diferenzas entre as plantas vivas e as mortas e tamén fixo referencia da circulación da sabia e a xeración da mesma. A inspectora falaba con eles con amabilidade e gañando a súa confianza. En relación ás plantas tamén leu composicións, fixeron exercicios de redacción sobre elas. Mentres as nenas maiores redactaban puido dedicarse ás nenas pequenas facendo sinxelos exercicios de cálculo a base de xogos. Despois do recreo seguiu o desenvolvemento da clase a base de exercicios de debuxo, redacción, escritura de cantidades e problemas. A lección resultou ser moi interesante polo que a inspectora foi moi felicitada[1].

A máis diso, dona Aurora interveu nas Conferencias de Pedagogía celebrado en Ribadavia en marzo de 1934 onde a inspectora disertou sobre “La enseñanza del lenguaje”. Nesta conferencia resaltou a importancia que sempre se lle concedeu ao ensino do idioma ocupando sempre un lugar preferente nos programas escolares como medio de robustecer e acrecentar a personalidade. Fixo consideracións sobre as dificultades que ofrecía a ensinanza da materia posto que a linguaxe era o resultado da asociación das ideas de das palabras que serven para a súa expresión. Nesta disertación deu mostras dun grande coñecemento pedagóxico pois era defensora de que o período de aprendizaxe debía anteporse ao ensino sistemático do idioma. Que primeiro se debía atender ao desenvolvemento integral do neno, á formación do seu pensamento, ao desenvolvemento da súa linguaxe, ao exercicio dos sentidos, en especial o da vista, oído e tacto, que tan importante papel ían desempeñar nos exercicios da lectura e escritura. Falou da necesidade dunha ensinanza intuitiva da linguaxe, co fin de conseguir aumentar o número de percepcións na mente infantil, logrando que as palabras tiveran resonancia na súa alma e que respondesen a imaxes claras. Debíase evitar que o neno tivese máis palabras que ideas.

Puxo exemplos de aprendizaxe e aludiu ás opinións de Rousseau e Claparede sobre os perigos que no orden físico e psíquico pode producir o ensino prematuro da lectura. Fixo explicación do método ideovisual que no século XVIII tivo grandes precursores en Nicolás Adán e Jacot e que supuxeron unhas grandes vantaxas e efectos educativos de dito método. Remata dicindo “a la escuela que dice al niño escucha y repite, debe suceder la escuela que sugiere, observa, cuenta, razona y ama”[2].

Moi interesante era o concepto que tiña dona Aurora Maceda sobre a importancia da creatividade e a estética na escola que foi o tema central da súa charla titulada “El arte en la Escuela”. Consideraba que toda a educación debía ser artística antes que científica. Referíndose á Psicoloxía aformaba que o home é un influxo natural do medio e que é máis interesante e instrutivo para un neno contemplar unha bonita paisaxe que unha obra científica. En relación a isto consideraba que a construción das escolas debían estar en lugares con vistas panorámicas de beleza natural. Para cultivar a beleza na infancia era esencial que houbese limpeza no local da escola e que os mapas e láminas que pendían das paredes nalgunhas das escolas eran focos de sucidade e microbios e, polo tanto, deberían desaparecer. No seu lugar falaba de embelecer as escolas valéndose de frisos que puideran facer os propios nenos; de macetas e plantas que eles mesmos puidesen coidar e estatuíñas de barro que o nenos e nenas modelaran[3].

Ilustración 43.- Noticia de prensa

(Fonte: “Pensionadas al extranjero”,  La Región, 17 de abril de 1936, p. 6)

Houbo en Galicia, a comezos de século XX, unha preocupación pola teoría e práctica educativa o que levou a certos intelectuais e profesionais se animasen a pedir pensión noutros países para enriquecer os seus coñecementos. No 1907 creouse a JAE (Junta de Ampliación de Estudios) que era un organismo oficial que promovía os intercambios científicos e culturais que contribuísen á renovación cultural do país para coñecer correntes educativas europeas e americanas. Tanto docentes como inspectores, catedráticos…aproveitaron estadías no estranxeiro para profundar nos coñecementos adquiridos nas normais e na práctica do ensino. Os destinos en países europeos dotaba de privilexio todos estes profesionais. Pois ben, Aurora Maceda Aurora sería unha destas privilexiadas e quixo aproveitar esta oportunidade e en abril de 1936 saíu no expreso con destino a Francia, Bélxica e Suiza onde permanecendo uns meses visitando as escolas o que lle outorgou unhas miras dunha pedagoxía renovadora como logo se deixa translucir cando daba os cursos e charlas. Todo isto é mostra dunha muller que amosaba gran preocupación pola metodoloxía e cunha perspectiva moderna.

Faleceu o 6 de abril de 1951 e na revista La Escuela Española dedicáronlle as seguintes palabras:

Ha sido modelo (ejemplar, ascético si se quiere) de educadoras y su muerte deja un vacío enorme, no sólo en el Magisterio sino concretamente en la Inspección a la que rendía su vida y sus desvelos. En Orense, y concretamente en Celanova, se la quería de verdad[4].

Tamén a prensa local non aforrou palabras o día do seu pasamento:

En la tarde de ayer, a las siete, tuvo lugar la conducción al cementerio de San Franciscmo, del cadáver de la señorita Aurora Maceda López, inspectora de primera enseñanza (…) El dolor producido por su muerte quedó patente en la gran manifestación de duelo que le acompañó hasta la última morada (…)En la presidencia del duelo iban representaciones de la familia, de la Inspección de Primera Enseñanza, de la Delegación Administrativa de Primera Enseñanza, de las Escuelas del Magisterio, de las Asociaciones piadosas de que formaba parte; entre ellas el Patronato de Asistencia a Domicilio del Enfermo Pobre y la Catequesis franciscana y del Instituto de Enseñanza Media.

Las alumnas de la Escuela del Magisterio “Concepción Arenal” que rodeaban la carroza fúnebre fueron rezando el Santo Rosario hasta el cementerio…

Figuraban, además, en la comitiva, numerosos maestros de toda la provincia”
[5].

Pero se houbo un lugar onde lamentaron a súa morte ese foi Celanova, pois foi nese lugar onde Aurora comezou a traballar primeiro como mestra e logo como Inspectora:

Ha causado en esta villa un profundo pesar por el inesperado fallecimiento de la señorita Aurora Maceda López, inspectora de Primera Enseñanza. Aquí se le tenía un gran afecto y se le recordaba con cariño, pues había regentado durante varios años una de las escuelas de Celanova hasta que hizo oposiciones a Inspectores; luego tuvo esta zona hasta fecha reciente en que fue nombrada para la zona de Carballiño. También en el cementerio de nuestra villa reposan los restos de su madre con quien convivía durante su estancia entre nosotros. Por eso, Aurora Maceda, como familiarmente le llamábamos, sentía una gran predilección por Celanova de la que conservaba gratísimos recuerdos y uno de sus mayores deseos era hablar de los pormenores de la villa. Sabemos que conservaba con gran cariño un pergamino encerrado en lujoso marco que le habían dedicado los maestros de Celanova cuando obtuvo plaza en las oposiciones de inspectores: con todo ello los maestros de este ayuntamiento no podían olvidarla…[6]

[1] “Desarrollo del Cursillo de Información Cultural y Pedagógico”, El Magisterio Orensano, nº 57, 24 de maio de 1933, p. 1 e 4; [2] “la semana pedagógica de Ribadavia” La Zarpa : diario de los agrarios gallegos: Año XV Núm. 4080 - 12 abril 1934, p. 6; [3] “Desarrollo del Cursillo de Información Cultural y Pedagógico”, El magisterio orensano, 24 de maio de 1933, p. 1; [4] “Necrológicas”, Escuela Española, nº 519, 19 de abril de 1951, p.237; [5] “Necrología”, La Región, 8 de abril de 1951, p. 3; 6] “Celanova”, La Región, 13 de abril de 1951, p. 3.

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes) Vid: El magisterio español, Número 5055, 9 de marzo de 1918, p. 314; El magisterio español: Revista General de la Enseñanza, Número 8984, 17 de maio de 1932, p. 267; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 9084, 7 de xaneiro de 1933, p. 38; El magisterio español: Revista General de la Enseñanza, Número 7964, 20 de febreiro de 1928, p.558; Distrito Universitario: Semanario de 1ª Enseñanza, Número 1088, 13 de setembro de 1923, p.3; El Progreso: semanario independiente, Número 11611, 10 de novembro de 1932, p.13;; El Pueblo gallego: rotativo de la mañana, Número 3115, 23 de marzo de 1934, p. 10; La Zarpa: diario de los agrarios gallegos, Núm. 3503. 13 de decembro de 1932, p. 7; El Pueblo gallego : rotativo de la mañana, Número 3363, 17 de xaneiro de 1935, p. 13; MARÍN ECED, Teresa, La Renovación Pedagógica en España (1907-1936), Madrid, CSIC, 1990, p. 368. COSTA RICO, Antón, Historia da educación e da cultura en Galicia, Xerais, 2004, pp. 996 e 1001.

08 abril 2009

BELÉN PRADO

Belén Prado Sanjurjo (Ourense, 1968), foi conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais na Xunta de Galicia. Licenciada en Dereito con sobresaliente, Máster en Dereito Comunitario polo Colexio de Europa. Fala inglés, francés e portugués. Actualmente traballa na Comunidade de Madrid.

07 abril 2009

AURORA DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ

Naceu en Ourense en 1947. Doutora en Dereito e Ciencias Sociais pola Facultade de Dereito de Montevideo, en 1973. Licenciada en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid en 1976. Funcionaria do Corpo Superior de Inspectores de Traballo e Seguridade Social (1979). Realizou cursos de Doutoramento nas Universidades Complutense e Autónoma de Madrid. Exerceu a avogacía entre 1974 e 1979. Exerceu a docencia en universidades e cursos de posgrao. Na Administración levou a cabo responsabilidades de: Inspectora de Traballo e Seguridade Social (MTSS) en 1979; Subdirectora Xeral de Estudos da Dirección Xeral de Emprego (MTSS), en 1982; Subdirectora Xeral de Emprego (MTSS), en 1983; Secretaria Xeral da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (MTSS), en 1986; Dirección Xeral V (División Fondo Social Europeo) da Comisión das Comunidades Europeas (CEE), en 1989; Directora Xeral de Emprego (MTSS), en 1990; Conselleira Laboral e de Asuntos Sociais na Embaixada de España en París (MTSS), en 1995 e Directora Especial de Inspección, adscrita á Autoridade Central, en 2001. Autora de numerosas publicacións relacionadas co ámbito laboral e sindical, así como do Dereito do Traballo e da Seguridade Social.