Etiquetas

08 diciembre 2024

AS MIÑAS AVOAS E PARA TODAS AS AVOAS

As avoas son mulleres que veñen levando sobre os seus ombreiros non só anos de experiencia de vida tamén a nosa propia historia.

Poden ser Carmen, Maruxa, Josefa, Rosa, Antonia…poden ser todos os nomes, pero son as Avoas. Esas mulleres que permaneceron no anonimato pero que son o tronco onde nos apoiamos e de onde saímos.

Mulleres que foron discorrendo na vida de xeito discreto pero que son o noso referente na vida. Se as nais son para nós a nosa máis inmediata imaxe, as nosas avoas son ese punto de fuga, esa perspectiva das nosas vidas, son a nosa terceira dimensión no cadro familiar. O lugar a onde diriximos as nosas miradas.

Elas souberon lidar con tempos e historias duras e manter o corpo firme ante os avatares da vida. Viviron a guerra e a postguerra, anos de fame, de escaseza, de medos, de ocultacións e disimulos. Pero resistiron maiestáticas.

Traballo, avoas, avoas, traballo. Son palabras asociadas e recíprocas. Dobregadas e suorosas, pero coa nobreza elevada á súa máxima expresión. Esas avoas da terra, avoas do mar, avoas do campo, avoas da cidade, todas avoas coma árbores frondosas en cuxa sombra fresca e agarimosa nos acubillamos. A autosuficiencia na vida, recicladoras naturais, avoas nas que mirarse. Rostros engurrados pero belos, marcas de experiencia e sabedoría. Canta Rosalía de Castro:

¡Moito sabés, miña vella,

Moito de sabiduría!

¡Quen podera correr mundo

Por ser como vós sabida!

Son como arcóns onde gardan a tradición, a cultura, a fala e o velar por todos os seus e, sobre todo, dos máis pequenos, os seus netos e netas, aos que lles entregan a máis do corazón a súa alma, abandónase neles e a inmensidade do agarimo ten a dimensión do universo, é infinito.

Son a nosa perspectiva, se miramos atrás e as vemos, non nos perdemos no camiño. Son Avoas de mans calosas e grosas que acariñan docemente as nosas caras e amasan o noso pan.

Avoas de troncos fornidos onde as pólas non rachan, non.