Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Investigadora. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Investigadora. Mostrar todas las entradas

07 enero 2024

ELENA VÁZQUEZ CENDÓN

Elena naceu en Ourense o 2 de marzo de 1966. Foi alumna do IES As Lagoas. Posteriormente trasladouse a Santiago para adicarase á súa paixón, as matemáticas. E, en efecto, é licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas, títulos acadados na Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2017 ocupa o cargo de Decana desta Facultade.

Unha muller cun gran cúmulo de investigacións entre as que destaca o estudo das leis hiperbólicas que ten aplicacións nos comportamentos dos movementos líquidos como os ríos, mares e, incluso, o sanguíneo. Dirixiu investigacións no Centro Tecnolóxico do Mar e Reganosa.  Na actualidade participa no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia.

Participou en proxectos tanto estatais como internacionais pero non esquece a docencia e actualmente é a coordinadora do máster en Matemática industrial.

Por toda a súa traxectoria concedéuselle o premio María Josefa Wonenburger.

Pero, a parte de demostrar por obra que as mulleres acadan altas metas como ela mesma as conseguiu, tamén se amosa preocupada por resaltar o papel das mulleres na docencia e ten publicado unha investigación titulada As mulleres no sistema educativo de Galicia: situación actual , publicado con Isabel Diz Otero, Marta Irene Lois González e Alba Alonso. 

Vid: Wikipedia e La Voz de Galicia

10 diciembre 2023

CAROLA GARCÍA CALVO

Nacida en Ourense.É a investigadora principal do Programa sobre Radicalización Violenta e Terrorismo Global do Real Instituto Elcano e profesora na Universidade URJC e da UNED así como coordinadora do Máster en Estudos sobre Terrorismo na Universidade da Rioxa.

É doutora en Ciencias Política e obtivo o premio extraordinario de doutoramento. Realizou diversos Másteres de Política, Democracia, Globalización, etc.

A súa liña de investigación principal é a evolución do terrorismo global e actualmente pon a súa atención ao rol da muller en grupos extremistas e terroristas e a inclusión da perspectiva de xénero nos estudos sobre terrorismo e antiterrorismo.

Conta no seu haber con numerosas publicacións o que fai dela ser unha das maiores expertas no tema. Por tal motivo recibiu a Orde Nacional do Mérito de Francia. 

As mulleres ourensás non deixan de sorprendernos pola súa valía e a demostración da equidade entre os homes e as mulleres.

Obras e artigos entre outros: El Papel de las mujeres en el yihad global; Violencia, guerra y terrorismo en el contexto de la globalización; Yihadismo y prisiones; Estado Islámico en España.

Vid: Carola García-Calvo - Real Instituto Elcano. (2023, March 27). Real Instituto Elcano. https://www.realinstitutoelcano.org/biografias/carola-garcia-calvo/; La Región. Ver Publicacións en Dialnet. Foto da entrada: Carola García-Calvo - Fundació Ernest Lluch. (2022, August 31). Fundació Ernest Lluch. https://www.fundacioernestlluch.org/es/ponentes/carola-garcia-calvo-garcia-calvo/

12 marzo 2023

VANESA SANTÁS MIGUEL

Se hai algo que caracteriza a este blog é por poñer de relevo ás mulleres históricas que nos precederon e asentaron os cimentos das futuras xeracións de mulleres que se viñeron arriba para asomar e amosar as súas capacidades. Pero, así mesmo, o blog quere expresar publicamente ás novas mozas cuxo talento é innegable polo interese de mellorar o noso mundo. Porque si, as mulleres son construtivas, son armadoras de boas propostas fóra de confrontacións.

O caso que se nos presenta é un exemplo desas mulleres novas, de novas mulleres que non son conformistas e propóñense metas encomiables. 

Vanesa Santás Miguel naceu en 1988 en Lausanne (Suíza) pero a familia regresou a Ourense a afincouse en Taboadela. Estudou no IES Universidade Laboral de Ourense onde xa destacaba como estudante polas súas brillantes cualificacións. Tras os estudos de bacharelato matriculouse na Carreira de Bioloxía na Universidade de Santiago onde acadou o título cunhas excelentes notas. Posteriormente realizou os estudos de Doutoramento converténdose en Doutora en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria.

Desde nena manifestou un espírito de superación constante compaxinando estudos e deporte. Dedicouse ao atletismo formando parte do Club de Atletismo Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar, preparada polo entregado entrenador Germán González Sánchez, unha persoa moi respectada no mundo do deporte. Así mesmo, Vanesa, tamén formou parte do Club de Atletismo Academia Postal.

Germán di de Vanesa que é "un portento atlético", pois conseguiu numerosos trunfos e récords en pista cuberta. A súa especialidade atlética é Velocidade 400 m.v. As súas mellores marcas obtívoas nos Campionatos de A Coruña, Braga, Ourense, Vigo e Valladolid, nestas últimas dúas provincias foi récord provincial absoluto.

O seu palmarés deportivo  está cheo de éxitos que abrangueu desde 2002 ao 2006. Desde moi nena na categoría de infantil competíu en certames de Ourense, Santiago e O Barco; na categoría cadete  en A Coruña, Ourense, o Barco e Braga. Na categoría xuvenil xa competiu con éxito en Ourense, A Coruña, Vigo, Braga, San Sebastián, Alicante, San Sebastián de los Reyes, Avilés e Madrid. Na categoría xunior participou con éxito en Zaragoza, A Coruña, Ribeira, Ourense, Vigo e San Sebastián. 

A traxectoria deportiva de Vanesa medrou noutras categorías con récords en vallas e absolutos. Foi campiona provincial, autonómica e nacional en diversas modalidades de carreiras en lisos e vallas. 

O seu entrenador Germán di dela:

A súa marca de 1,02,72 nos 400 m. vallas, faille dar un salto espectacular na súa traxectoria como velocista. Estivo a tan só 20 centésimas de acceder ó Campionato do mundo xuvenil, colocándoa primeira de España no ranking xuvenil, terceira no xunior e décimoquinta absoluta.

Tendo en conta a súa xuventude estivo presente nas semifinais do Campionato de España Absoluto o que lle auguraba certamente grandes posibilidades de que fora a primeira ourensana que poidera correr os 400 m. vallas en menos de un minuto.

E ese portento, esa ansia de perfeccionamento, aplicouno Vanesa no estudo acadando o premio extraordinario en 2021 polo seu expediente académico de máximas cualificacións. Despois da carreira fixo o Doutorado e agora é Doutora en Ciencia e Tenoloxía agroalimentaria, título que acadou pola súa tese de doutoramento que versou sobre a avaliación dos efectos dos tres antibióticos de tetraciclina máis usado a nivel mundial sobre as comunidades bacterianas do solo. Investigación que tamén acadou o Premio e a excelencia.

De aquí a Suecia, saltando fronteiras, pois Vanesa segue a perfeccionar os seus coñecementos cal carreira de saltos que non a amilanan. Unha vez finalizada a súa estancia alí, ten pensado voltar a Galicia co desexo de poder traballar na Universidade de Vigo. 

Estamos a falar dunha muller que, sen dúbida, deixará a súa impronta na ciencia e na mellora da humanidade. 

Como afirmo, unha muller construtiva.

(Elaboración propia grazas á achega de Germán González, preparador físico, adestrador do Club de Atletismo Ben-Cho-Shey de Periro de Aguiar e profesor do IES Universidade Laboral. Germán foi o adestrador de Vanesa durante os anos que esta se dedicou ao atletismo. Conta no seu haber ter preparado a un grande número de atletas de Ourense e grandes promesas do deporte, conseguindo que o atletismo ourensán sexa un referente  non só na provincia senón tamén na Comunidade e no resto de Estado.)

Fotografías: cedidas por Vanesa Santás Miguel.

22 enero 2023

MARÍA DO CARMO HENRÍQUEZ SALIDO

Naceu en Mugardos, A Coruña, o 5 de febreiro de 1944 pero, como xa temos comentado noutras ocasións, incluímos a mulleres que tiveron un importante periplo na nosa provincia e, como non podía ser doutro xeito, María do Carmo Enríquez Salido exerceu e formou durante décadas a milleiros de mozos e mozas ourensás.

É catedrática de Filoloxía Española da Universidade de Vigo desde decembro de 1993. Acadou o título de bacharelato no Instituto de Pontevedra e, posteriormente, matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago onde se Licenciou en Filoloxía Románica coa cualificación de sobresaliente. Tras disto realizou o curso de Doutoramento  e a súa Tese versou sobre a fala de O Grove. Presentou a súa Tese na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago sendo valorada con Sobresaliente Cum Laude.

(Foto: La Opinión A Coruña)

(Fonte: "Tesis Doctoral", El Pueblo Gallego, 28 de outubro de 1971, p. 16. Galiciana)

A partir de 1966 estivo de profesora adxunta provisional na Facultade de Santiago e tamén en varios Institutos de Ensinanza Media, por exemplo, en 1971 veu destinada ao Instituto Maculino dde Ourense, e en  Escolas Universitarias, como a de Ourense. Obstentou diversos cargos directivos e de xefatura de Departamento. Un dos máis destacados foi o de ser Xefa do Departamento de Formación do Profesorado do ICE (Instituto de Ciencias da Educación) da Universidade de Santiago. Dito Instituto estaba centrado na formación do profesorado para que coñecese técnicas e métodos modernos de ensinanza.

(Fonte: "Toma de Posesión", El Pueblo Gallego, 6 de novembro de 1971, p. 17. Galiciana).

(Fonte: La Región, 9 de xaneiro de 1971, p. 5. Galiciana)

No ano 1972, co gallo da apertura do curso escolar, impartiu no paraninfo do instituto unha conferencia titulada "Gallego y Castellano en Galicia". Desde logo sería unha asidua en dar Conferencias por Galicia sobre o galego, léxico,orixe, evolución.

A partir de 1980 vai impartir a materia de Lengua e Literatura Española na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de E.X.B.

Muller de incansable traballo e de grande intelectualidade ten no seu haber numerosos traballos de investigación sobre a lingüística, a lingua galega, lexicografía...entre os que destacamos:

• Proxecto de investigación: Educación Rural en Galicia. Experta española principal en el campo del bilingüismo. Programa de Cooperación entre a Universidad de Santiago de Compostela e as Universidades Americanas de Wisconsin y Stanford.
• Proxecto de investigación: Interferencias na dirección Castelán-Galego en Galicia.
• Proxecto de investigación: Procesos da Formación das palabras na linguaxe xurídica.
• Proxecto “Base de dados das obras gramaticais e lexicográficas portuguesas e participadas pela língua portuguesa nos séculos XVI ao século XIX”.
• La Represión económica durante o franquismo. Galicia. (1936-1945).

É Membro da COMISSÃO CIENTÍFICA EXTERNA DE ACOMPANHAMENTO (ADVISOR) DA UTAD (Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro- Portugal).

Ademais de todo isto dirixiou numerosas Teses de Doutoramento tanto da Universidade de Vigo como de Madrid e estivo presente en numerosos Seminarios de Estudos.

Foi pioneira na defensa da lingua galega, unha muller que sempre lle outorgou ao noso idioma a categoría que se merece. Defendeu a lingua galega-portuguesa pois sempre as considerou xunguidas. En 1979 participou na publicación dun libro para a ensinanza do galego nos niveis de Preescolar, primeiro e segundo de Básica. Pódese considerar o primeiro texto educativo íntegro para ensinar e aprender a lingua galega nas escolas. O libro pertencía á Colección Estudios y Experiencas Educativas. Constaba dunha primeira parte escrita totalmente en galego e sinalábanse os obxectivos do curso para desenvolver a capacidade para comprender e empregar a lingua galega. Estudábanse tamén as estrututas do idioma: directivas metodolóxicas, como planteamento previo á ensinanza. Por suposto, contina interesantes actividades e textos literarios elementais. No grupo de traballo estaban, ademais de María do Carmo, Joaquina Gallego Jorreto, Manuela Garrido Martínez e Antonio Marban.

Casou con José Domingo Posada González, Enólogo e empresario, que comezou a desenvolver a súa carreira vencellado ao grupo empresarial alimentario do que xa era socio o seu pai, Cuevas y Cía SA. e foi  impulsor do produto delicatessem Marron Glasé que comezou a ser comercializado a partir de 1989. O matrimonio tivo un fillo, José, economísta, que tras dedicarlle moitos anos á empresa familiar, actualmente exerce como profesor de Matemáticas.

María do Carmo exerceu como profesora incansable e como defensora dun galego auténtico ata que xubilou da docencia pero non da súa paixón pola investigación, ampliando cada vez máis o número de publicacións e, ademais, segue a colaborar na prensa con artigos que abordan temáticas varias sobre a lingua. É unha destacada voceira histórica do reintegracionismo ou lusismo, postura que defende que a lingua galega non se pode separar da portuguesa.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes).
Vid: http://galegos.galiciadigital.com/es/maria-do-carmo-henriquez-salido; "Un libro didáctico de Lengua Gallega", El Pueblo Gallego, 12 de abril de 1979, p. 15; Foto: La Región, 9 de xaneiro de 1971, p. 5; https://gl.wikipedia.org/wiki/Mar%C3%ADa_do_Carmo_Henr%C3%ADquez_Salido

15 enero 2022

AS MIÑAS FONTES IMPRESCINDIBLES


Hoxe erguinme nostálxica e os meus pensamentos trazaron unha perspectiva temporal levándome ao ano 1994 cando eu comecei no mundo da investigación sobre as mulleres ourensás. Foron os primeiros anos de tenteo  e lembro como acudía de xeito tímido aos diferentes lugares para recavar información. Ía con pasos inseguros pois ás veces non sabía como explicar o que precisaba nin se o que precisaba podería existir, nin se a maneira de pedilo era a correcta. 

Pouco a pouco fun aprendendo a mergullarme nos lugares custodios de información, para min acabarían converténdose en templos de sabedoría, regocixo e tranquilidade. Neles síntome segura, no seu silencio, entre papeis.

Hoxe penso neses lugares que para min son imprescindibles e lémbrome de todas as persoas que durante todos estes anos me axudaron moitísimo ata acabar tendo, en moitos casos, unha grande amizade. Elas acaban conseguindo que eu continúe coa ilusión de seguir investigando ás mulleres ourensás como o primeiro día. Hoxe non son un pé de páxina onde acostuman a estar, hoxe son o corpo da entrada.

  • Arquivo Municipal de Ourense. Quero agradecer ao seu director Paco (Francisco Javier Espino)  a súa disposición de axudarme sempre. Foi un dos primeiros lugares a onde acudín para consultar en papel La Región e La Zarpa. Daquela non estaba microfilmada nin existía a hemeroteca Galiciana. Neses anos, cando aínda estaba o Arquivo no Concello de Ourense, fun días e días alí cunha cámara de fotos e uns cadernos para sacar toda a información sobre as mulleres ourensás. Non había espazo físico para traballar pero Paco sempre me habilitaba unha mesa para que eu puidera facer o meu traballo. Cando o trasladaron de lugar seguín indo para buscar información sobre outros temas que me interesaron, sobre todo cando estaba a facer o traballo da Escola Normal de Mestras de Ourense. Estaban alí Paco, Carmen e Fernando Valcárcel que co seu bo facer facían posible que o meu traballo fose do máis agradable. Miles de grazas.
  • Arquivo do Instituto Otero Pedrayo. Outro dos meus mausoleos. Alí consultei centenares de expedientes académicos de mulleres que estudaron no primeiro terzo de século XX. A dirección de entón, estou a falar dos anos noventa, nunca puxo obxección a que eu consultara eses documentos. Miles de grazas.
  • Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Foi outro dos lugares onde bebín moita información. Lembro aínda á Olga Gallego como directora. Nos últimos anos teño acudido varias veces cando estaba na rúa Hernán Cortés e agora que está no marabilloso edificio de San Francisco, ao que fun aínda hai moi pouco, e a atención de todas as persoas que alí traballan e de Manuel García Yañez é incomensurable. Miles de grazas.
  • Arquivo da Delegación de Educación de Ourense. Alí, na quinta planta obtiven hai anos suntuosa información sobre o maxisterio ourensán que agora remocei para a próxima publicación. A todo o persoal da inspección educativo agradezo que me facilitaran o traballo e,como non, ao meu irmán Roberto Cid, inspector de educación, que me facilitou moita información sobre o que contiña o arquivo. Miles de grazas.
  • Arquivo da Deputación Provincial no que consultei actas de plenos da Deputación para ver como se abordou o arrinque da Normal de Mestras de Ourense en 1915 e outros asuntos de interese educativo para a provincia. Encarecidamente agradecida con Ana Malingre que me facilitou a consulta no Arquivo. Agora Ana, responsable do Servizo de Publicacións da Deputación, sempre me responde de inmediato e me informa cando eu consulto calquera cousa ou lle pido asesoramento. Tamén me facilitou  nomes  para o blog de mulleres, o blog que é de todas. Sempre lle estou agradecida a Ana pois é unha grande traballadora pola cultura ourensá e boa investigadora. Graciñas, Ana.
  • Rexisto do Cemiterio do Concello de Ourense. Fun en varias ocasións recentemente para ver se podían darme información sobre se certas mulleres estarían enterradas no Cemiterio de San Francisco. Sempre amables. Incluso fun visitar o Cemiterio para localizar algunhas e si, con algunha dei.
  • Arquivo Etnográfico de Ribadavia. Fun poucas veces alí pero o suficiente para conseguir fotografías marabillosas coas que ilustrei algún dos meus modestos libros. Todo facilidades. Miles de grazas.
  • Arquivos dos Concellos de Carballiño, Xinzo e o Barco de Valdeorras. Alí puiden consultar Actas de Xuntas Locais de Educación e escolas primarias. Estou a falar de hai moitos anos, eles xa nin me lembran pois eu daquela aínda camiñaba coa inseguridade dun cativo, pero eu non os esquecín nunca. Lembro que Gustavo Docampo foi o que me axudou a que fose recibida no Concello de o Barco para poder buscar información.  Apertas.
  • Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Podo dicir que nun tempo pensei de vivir nel pois non saía de alí xa que tiña que copiar a man e a ordenador toda a información que había de mestras de Ourense, mulleres ourensás matriculadas na Universidade de Santiago, etc...Sempre me axudaron moitísimo e aínda me axudan pois recentemente fun pedirlles o expediente de Antonia Ortiz e consultei todo o que tiñan desta primeira inspectora que exerceu en Ourense que deu como resultado un longo estudo publicado en EDUGA. Quero facer mención especial da súa directora, Desirée Mª Domínguez Pallas pois recentemente me facilitou unha bonitísima fotografía sobre a Normal de Ourense no ano 1898 e que verá a luz no libro que estou a facer sobre as mestras ourensás. Miles de agradecementos.
  • Arquivo da Universidade de Vigo, está sendo para min estes últimos meses un tesouro pois estou conseguindo expedientes das primeiras mestras ourensás. Aurora Malla Trujillo está facendo un labor impresionante de organización de clasificación da documentación que teñen. No meu caso teño que destacar que as últimas peticións que lles fixen déronlle moito traballo localizalas pero traballaron arreo para poder dar con elas. A información que me ofreceron ten un valor incalculable e as miñas palabras de agradecemento quédanse curtas. Aurora converteuse nunha grande amiga. 
  • Arquivo General da Administración Central de Alcalá de Henares. Levo anos traballando con eles, solicitando información de todo tipo e sempre ma proporcionan. Cando nunha ocasión non ma daban enviado chamábanme por teléfono para darme todo tipo de facilidades. Sei que aínda lles vou dar moito a lata, agardo que non se anoxen conmingo. Para eles unha aperta.
  • Arquivo do Colexio Fonseca de Santiago tamén acabei indo por alí como unha eremita e conseguir atopar cousas interesantes moi interesantes.
  • Biblioteca da Deputación de Ourense. Teño acudido moitas veces e sempre, sempre me atenderon estupendamente, facilitándome todo o que precisara. Alí atopei información sobre o maxisterio ourensán e boletíns que tanto van enriquecer o libro de mestras que estou a realizar. Conto con eles sempre.
  • Biblioteca Nós, alí é onde vou cando quero facer a última lectura e corrección dos modestos traballos que fago para poder estar centrada e concentrada. A disponibilidade dos empregados é impecable.
  • Biblioteca da Universidade de Vigo. Inmellorable. Fun alí moitísimas veces a solicitar libros e acabei regalándolle libros escritos por min para que puideran dispor deles. Alí sinto a amizade de todos os e as que traballan, en especial de Rosiña, á quen eu estimo moito, ela é a ledicia.
  • Biblioteca Xeral de Santiago. Cantas veces fun alí sen saber como pedir as cousas ou sen saber como explicar o que quería, pero alí me axudaron sempre.
  • Biblioteca Nacional de Madrid. Póñome en contacto con eles con frecuencia, cada vez máis, e sempre me atenderon gustosamente. Estou encantada pois para min son unha xanela aberta e emocionante.
  • Biblioteca dixital de Galicia. Galiciana e Biblioteca Virtual de Prensa Histórica. Impresionante recurso. Cando eu comecei había que consultar todo in sito e copiar todo a man pero agora todo é máis doado. Para min, Galiciana, un recurso imprescindible nos últimos anos. 
  • Consello da Cultura. Que podo dicir da miña estimada Mariam Mariño que tanto me axuda e axudou sempre!!. Alí acudo para ver o marabilloso Album de Mulleres que é unha iniciativa espectacular na historia de Galicia  e unha historia de rigor sobre as mulleres.
  • A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense, miña aprezada Malena de Jesús que é unha loitadora incansable, propiciadora de poñer o nome das rúas en feminino. Entregada sempre á causa das mulleres e á igualdade. Malena, sempre está aí.
  • As Fundacións dos nosos insignes: Fundación Vicente Risco, Fundación Penzol, Fundación Otero Pedrayo, Fundación Rosalía de Castro, Fundación Castelao, e tamén a Fundación Tilve. Estanme ofrecendo un mundo de riqueza impagable. As súas páxinas web tan ricas en contidos é unha viaxe marabilloso; pero sobre todo contactar con eles é moi gratificante pois todo son axudas para resolverme dúbidas ou facilitarme material. Sempre digo, que loable traballo fan de xeito altruísta, dedicándolle moitas horas para manter na nosa memoria a nosa historia, a nosa riqueza cultural!!!. Sempre grazas por preservar o legado dos nos pais e nais da cultura galega.
En definitiva, todas estas entidades, institucións e persoal profesional que saben facer un labor impresionante de ordenar, clasificar e rexistrar documentación  para que nós, os investigadores, non teñamos máis que dicir que queremos tal cousa. Sen eles non poderiamos facer o noso traballo.

Finalmente, non podo esquecer a tantas e tantas persoas que me axudaron de xeito persoal, saben que as aprezo moitísimo, entre elas, quixera destacar aos meus compañeiros blogueiros ourensás, Rafa Salgado e David Simón que fan un labor precioso para o noso Ourense.

Hoxe non son un pé de páxina en letra pequena.

A todo Ourense, grazas e un saudiño.

05 diciembre 2021

ELENA FALQUÉ LÓPEZ

 
Traio ao blog a unha muller que merecía reseñar polo seu grande currículo e profesionalidade tanto na investigación como na docencia universitaria. Trátase de Elena Falqué López, profesora titular na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo na Área de Química Analítica. É unha experta no mundo da enoloxía, do aroma de cepas autóctonas de Galicia e a composición volátil dos viños.

Naceu en xuño de 1966 en Ourense, aínda que a familia materna é de Madrid e a paterna de Vigo. Dende moi pequena comezou a manifestar grandes dotes para aprendizaxe o que deu lugar a que fora ao colexio cando aínda tiña dous anos e medio porque, como ela di: “ quería ser como os maiores”. Por aquel entón foi acollida no Colexio de parvulario que había na Avenida de Zamora sendo a súa primeira mestra, Doña Esther, de aí que se viñera chamando á escola “Colegio de Doña Esther”. De aí pasou ao Colexio Sueiro, na rúa Parada Justel, para estudar a EXB. A directora do centro, Dona Paz Sueiro, decatouse de que estaba ante unha nena de altas capacidades e decidiu adiantala un curso deste xeito “non molestaba” aos outros nenos pois Elena aburríase xa que sabía ler, escribir e facer as operación matemáticas básicas. Tamén comezaron a darlle clases de francés e chegou a participar nun periódico que se facía no colexio. Malia adiantala un curso, xustamente neses anos publicaron unha lei que non permitía adiantar ao alumnado de curso polo que, ao fin, tivo que repetir e rematar o ensino básico á idade regulamentada, que eran os catorce anos.

Logo de estudar a EXB realizou os estudos de BUP e COU no Instituto Otero Pedrayo pola rama de Ciencias, onde volveu a ser unha destacadísima alumna, cunha grande capacidade de traballo e de comprensión das operación máis complexas do mundo das Ciencias. Tiña un grande talento para as matemáticas, formulacións, algoritmos, física, química…eran temas que a apaixoaban. Por suposto, rematou o bacharelato cunhas brillantes cualificacións o que lle auguraba un grande futuro.

Comezou a Licenciatura de Ciencias Químicas no antigo Colexio Universitario de Ourense que estaba situado na rúa do Progreso. Alí cursou tres anos e os dous últimos 4º y 5º en Santiago de Compostela, licenciándose en 1990 na especialidade de Química Analítica. Logo graduouse en 1993 na Universidade de Vigo.

Por suposto, Elena quería acadar un maior grao de especialización e de aí que realizase os Cursos de Doutoramento nos anos 1990 a 1992. En novembro de 1992 marchou cunha beca á Faculté d´Oenologie de Burdeos en Francia. Acudiría en tres ocasións máis para realizar a parte experimental da súa Tese de Doutoramento que foi defendida en setembro de 1998 obtendo o Título de Doutora en Química "cum laude" pola Universidade de Vigo.

A capacidade de estudo levouna a licenciarse tamén en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos en setembro de 1996. Así mesmo, realizou varias estancias de investigación postdoutoral, en 1999, 2004 e 2010, na Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa (Oporto-Portugal).

Comezou traballando na empresa privada e estivo uns meses como analista de laboratorio en Tecvin e en Coren. Pero a Elena gustáballe o mundo da docencia, transmitir e compartir os seus coñecementos e en 1995 comezou a carreira como docente universitaria a tempo completo. En 2007, tras superar a probas de Habilitación Nacional, obtivo a Praza de Profesora Titular da Universidade de Química Analítica.

Imparte, desde fai anos, docencia nos Graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais e Enxeñería Agraria, e no Mestrado en “Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental” ofertados na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense). Tamén é unha profesora preocupada pola docencia de aí que as súas clases teñan un gran compoñente práctico e didáctico conseguindo elevar a motivación do alumnado. Desde 2010, imparte no curso de ‘Pós-Graduação em Enologia’, ofertado pola Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa (Oporto – Portugal). As súas liña de investigación son o Estudo químico e sensorial do aroma dos alimentos e bebidas; a optimización das operación tecnolóxicas na elaboración de alimentos e bebidas e a caracterización do poder antioxidante e aromático de diversas matrices agroalimentarias.

Elena representa a esas mulleres que demostran un nivel de formación e de profesionalidade que as sitúan nun plano de plena igualdade cos seus homólogos. É unha muller con grande capacidade decisoria e resolutiva, de aí que fose Directora das tres edicións do mestrado en Viticultura e Enoloxía que ofertou a Universidade de Vigo durante os anos 2005 a 2010. Ademais foi a Coordinadora do X Congreso Nacional de Enoloxía que tivo lugar do 3 ao 5 de xuño de 2009 en Ourense.

Entre xuño de 2014 e marzo de 2015 formou parte do Grupo de Traballo AEN/CTN/GT 2 da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) para describir a “Terminología asociada a la cata del vino”.

A máis de todo o anterior, que non é nada pouco, tamén ten unha patente sobre o “procedemento para a elaboración de turrón de belota”, e, xunto a Herminia Domínguez (que tamén está recollida neste blog) e outras dúas investigadoras, outra sobre “Extractos acuosos antioxidantes de materias primas, procedemento de obtención y su uso en la composición de un produto cosmético y/o dermatológico” que está en trámite. Mulleres no mundo da ciencia, mulleres da investigación.

Impartiu diversas conferencias e diversos cursos sobre as augas minerais naturais (propiedades físico-químicas e cata) ofertados pola Facultade de Ciencias, o Vicerreitorado do Campus de Ourense, o Concello de Ourense ou na Semana das Ciencias, polo Concello de Pontareas (Pontevedra).

Elena sabe que se move nun terreo onde o acceso das mulleres aínda é menor que noutros estudos e carreiras por iso tamén se compromete coa causa de que as mozas se acheguen ás Ciencias e á investigación e desde o seu inicio, en febreiro de 2018, participou con algunha actividade de divulgación científica na iniciativa “Exxperimenta en feminino” (eXXperimenta en feminino (uvigo.es)) para promover a visibilidade das mulleres científicas e impulsar o interese das nenas pola ciencia e a tecnoloxía

A investigación é outra das ocupacións de Elena, a súa curiosidade lévaa a querer comprender e sacar á luz todo un mundo de saberes. A súa grande paixón é o aroma do viño, sobre todo dos elaborados con variedades autóctonas galegas. Foi o tema da súa tese de doutoramento e sen dúbida foi pioneira no seu estudo.

Hoxe en día, continúa con ese tema dirixindo Traballos de Fin de Grao, Traballos de Fin de Mestrados e Teses de Doutoramento… aínda que hoxe o ampliou á caracterización do potencial antioxidante e aromático de diversos alimentos (algas, augas, flores, vexetais, etc…) ou subprodutos (residuos agroalimentarios) e o seu uso no campo alimentario ou cosmético.

Completamos este resumo da traxectoria de Elena Falqué indicando que conta con numerosas publicacións (Elena Falqué López (0000-0003-4944-1264) (orcid.org); Elena Falqué-López | Publons e un centenar de comunicacións (tipo póster u oral) en Congresos Nacionais e Internacionais.

Estamos ante unha muller do presente, que segue a marcha demostrando a valía e a achega das mulleres nos diferentes eidos da vida.

Elena é unha muller de grande personalidade e segura de si mesma, unha muller intelectual que lle dedica horas e horas ao estudo e á investigación. Está labrando un camiño que será exemplo de moitas mulleres, de moitas mozas e seguirá avanzando para trazalo máis grande. A valía desta muller e todos os seus logros falan por si mesmos pois son de recoñecido prestixio, unha referente, unha ourensá.



30 mayo 2021

PURIFICACIÓN MAYOBRE RODRÍGUEZ

Era pertinente incorporar neste blog a Purificación Mayobre pois, aínda que naceu na Coruña en 1952, desempeñou o seu labor docente e investigadora na nosa cidade, sendo formadora de numerosas xeracións de estudantes no terreo da filosofía e, sobre todo, no terreo do feminismo en Ourense na Universidade de Vigo. Estudou na Universidade Pontificia de Salamanca e na Universidade de Santiago de Compostela.

Purificación Mayobre é profesora da área de Filosofía investigadora en teoría e historia feminista; educación e xénero; xénero e liderado; TIC e xénero, entre outros. Foi unhas das fundadoras da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas e presidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero. É autora e coordinadora de varias publicacións como Xénero e Política ou O feminismo onte e hoxe.

O seu currículo é amplísimo pois as súas investigacións non teñen límite abranguendo unha ampla temática referido á muller, xénero, violencia, igualdade, acoso. É unha incansable traballadora e investigadora e, principalmente, unha muller de mente reflexiva e intelectual. As súas publicacións e ensaios non deixan indiferente e poñen o acento e a intensidade na capacidade das mulleres e na súa valía. Pero ademais, é unha muller forte pois non se arredra a denunciar situacións nas que a muller é obxecto de degradación e discriminación.

Foi pioneira na institucionalización dos estudos de xénero na Universidade de Vigo coa posta en marcha dun máster pioneiro en Estudos de Xénero. Promoveu a creación de grupos de traballo e de investigación en diversas áreas dende unha óptica feminista e contribuiu a situar no mapa das universidades españolas á Universidade de Vigo como referencia en estudos de xénero e teorías feministas. Por todo isto lle foi concedido o II Premio de Compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala 2014. E tamén foi meritoria da concesión do Premio Campoamor do Concello de Ourense en 2008.
O compromiso coas mulleres é o seu obxectivo pois como ela mesmo di: "O feminismo de hoxe non é o de hai trinta anos, pero sen dúbida segue sendo necesario. Con respecto á verba en si, lamentablemente aínda hai quen rexeita o termino por pensar que é o mesmo que o machismo pero no outro polo. Algo totalmente errado".

Entre as publicacións de Purificación Mayobre pódense destacar:
  • A Cultura filosófica en Santiago de Compostela no século XIX (o debate de ideoloxías), 1982.
  • Debates ideolóxicos na Compostela do XIX, 1985.
  • O krausismo en Galicia e Portugal, 1994.
  • Xénero e política. Comportamiento electoral e participación social da muller (1979-1993), 1997.
  • A cuestión de xénero e a marxinación. Servicios sociais e recursos específicos para a muller, 1997.
  • Luce Irigaray, 2004.
A esta bibliografía hai que engadir numerosos artigos de temáticas en torno da muller.

Vid: Universidade de Vigo
Web de Purificación Mayobre

01 enero 2021

JUDIT VEGA AVELAIRA

Judit Vega Avelaira é a actual directora da UNED en Mallorca, despois de dezaseis anos co mesmo cargo en Berna, Suiza. Naceu en Ourense e estudou no Instituto Otero Pedrayo onde tivo como profesores insignes á profesora de Historia da Arte, Nora, a quen admiraría e quen lle inculcou o seu amor pola Historia da Arte. Tamén este gusto o herdou do seu pai, Tomás Vega Pato polifacético autor, artista e investigador en historia, arqueoloxía e heráldica, a quien se lle debe a normalización do escudo da provincia e a bandeira de Ourense: “nos enseñaba desde críos, nos llevaba a ver cosas y, él mismo, como el mejor antropólogo-arqueólogo, recogía en su cuaderno de campo miles de informaciones. Un tesoro todo lo que ha reunido e investigado”

Judit continuou os estudos na Facultade de Historia de Santiago, especializándose en Historia da Arte Antiga e Medieval. Finalizada a carreira, probablemente o seu camino tivese sido quedarse no Departamento co magnífico profesor Moralejo pero ese camino cambiou polo seu traslado a Suíza. Nada máis chegar a Suiza fixo unha Licence ès Lettres, un máster en Historia da arte, cursou o doutorado e presentou o seu traballo en francés sobre a Catedral de Santiago levando a cualificación de Summa cum laude. Aos poucos meses xa daba clases de español como lingua estranxeira nunha academia e rematou os seus estudos cun posto no Departamento de Historia da Arte Medieval da Universidade de Friburgo. Compaxinou varios traballos de docente coa colaboración con publicacións da Emigración, como Mundo Hispánico (Neuchâtel), La Página (Zúrich), Cartas de España, Nexos Hispano-Suizos... Foi profesora do Departamento de Arte Medieval e do Instituto de Estudos Medievais da Universidade de Friburgo, investigadora de Arte Medieval na Universidade de Berna, colaboradora científica da Universidade de Humboldt (Berlín) e profesora de UNED Senior. También exerceu como docente de Español na Universidade Popular de Berna e no Secretariado de Estado para a Economía (Suiza) e foi responsable de Lengua y Literatura Mundial, Lengua Española e Latín na International School de Berna (Bachillerato Internacional). Muller políglota pois domina sete idiomas.

Estando en Suíza tamén se licenciou en Antropoloxía e fixo o Máster de Psicoloxía. Ocuparía en Berna o cargo de directora da Universidade a Distancia. Ali desenvolvería numerosos proxectos e iniciativas que tiveron grande impacto e foron moi recoñecidas.

Cando saíu a praza de dirección na UNED das Balerares presentouse, ademais porque o mar tamén atrae a Judit xa que é unha experta patrón de barcos e regatista.

Pero ante todo, Judit di que é de Ourense e lembra pasar a súa infancia entre os pobos dos seus país que eran de Manzaneda e Trives e a capital. Medrou entre a cidade e a aldea e di que é galega ata médula: “Galicia está nos meus xenes, é ese fogar que vive nun e ao que sempre se volve”

Vid: Galiciaexterior

 

14 junio 2020

MERCEDES SUÁREZ PAZOS


O noso blog non pode deixar de mencionar a aquelas mulleres que desempeñaron un labor profesional de recoñecido mérito na nosa cidade, como é o caso de Mercedes Suárez Pazos que naceu en A Coruña, no barrio de Montealto, o 28 de abril de 1950, pero dende 1974 vive e traballa en Ourense, a cidade onde se afincaría xa de maneira permanente e onde se sente unha ourensá de pro. A Mercedes Suárez débeselle agradecer a formación de numerosas xeracións de mestres e mestras ourensás así como pedagogos e pedagogas aos que sempre lles inculcou os valores da docencia, a necesidade de que levaran á práctica unha pedagoxía activa nas aulas, o deber de formar a un alumnado crítico como “suxeito” de aprendizaxe e non “paciente” dun ensino ríxido. En definitiva, Mercedes sempre defendeu a renovación da escola pois ela cre nunha escola viva na liña dos grandes pedagogos. As súas clases sempre propiciaron a reflexión e a análise na procura de que os futuros mestres e mestras, e estudantes de pedagoxía e psicopedagoxía foran axentes de cambio nas metodoloxías de ensino-aprendizaxe. Todo este labor e entrega na nosa cidade fai que a teñamos presente no noso blog.

Fixo Maxisterio na Escola Normal de A Coruña, estudando posteriormente na Universidade de Santiago de Compostela os curso comúns de Filosofía e Letras. Como especialidade elixiu Pedagoxía, formación que levou a cabo na Universidade Complutense de Madrid, na Facultade de Filosoía e Letras. Graduouse en 1974 tese de licenciatura La educación en España de 1931 a 1933 a través de la prensa madrileña, comezando así a súa liña de investigación de historia da educación, que continuaría coa súa tese de doutoramento A educación en Galicia de 1868 a 1874, defendida no 1982 na Facultade de Filosofía y Ciencias de la Educación de Madrid, un gran traballo de investigación polo que obtivo o Premio Extraordinario. 

En outubro de 1974 foi contratada pola Universidade de Santiago como docente no recentemente inaugurado Colexio Universitario de Ourense, no que se impartían os tres primeiros cursos de Filosofía e Ciencias da Educación. Toda a súa docencia, dende o inicio á súa xubilación, estivo relacionada coa área de Didáctica. Obtivo o posto de Profesora Titular de Universidade na área de Didáctica e Organización Escolar, desde 1987 ata a súa xubilación no 2014.


Foi decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo desde 2008 ata 2014 coincidindo cun período de cambios na Universidade pola implantación das primeiras avaliacións externas dos novos títulos de graos e mestrados universitarios. Desempeñou dito cargo cunha grande entrega e dedicación escoitando todas as voces e suxestións dun amplo claustro e atendendo de xeito moi achegado ao alumnado que acudía a ela coa confianza de saberse escoitado.

Ademais do seu traballo no Decanato tamén dirixiu o Máster Universitario en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos dende a súa inauguración no curso 2008-2009 ata a súa xubilación.

Sumado á súa actividade universitaria, dende o comezo da súa estancia en Ourense vencellouse a partir de 1976 con movementos de renovación pedagóxica freinetianos, coa aparición en Galicia da Asociación para a correspondencia e imprenta escolar (ACIES), que máis tarde daría lugar ao Movemento de Cooperación Educativa de Galicia (MCEPG) e a actual Nova Escola Galega (fundada en 1983 e da que sería a primeira presidenta). Dende esas plataformas levou a cabo unha ampla actividade de difusión innovadora, a través de obradoiros, cursiños, encontros, programas de radio etc. Pertenceu ao comité de redacción da revista As Roladas-2 (nove números publicados de 1978 a 1981), que será a primeira publicación pedagóxica periódica en galego, así como da Revista Galega da Educación (creada no 1986).

Así mesmo é unha muller sensible polo medio natural e a defensa da natureza de aí que fora unha das promotoras do Grupo Gaia de Educación Ambiental que estaba formado polo Seminario de Ciencias do Instituto Otero Pedrayo de Ourense e integrado por Emilia Nogueiras, Mª Xosé Camba, Carmen Cid, Pilar Latorre e Pedro Membiela e a mesma Mercedes. Este grupo deseñou e levou á práctica nas súas aulas dous interesantes proxectos curriculares moi innovadores como foron A Natureza na Cidade e A Saúde é Cousa de Todos, este último premiado polo Ministerio de Educación no 1996, dentro da modalidade de materiais de apoio innovadores.

Podemos considerar a Mercedes Suárez unha militante polas causas xustas. Sempre foi unha grande defensora da muller e é unha firme comprometida coa súa causa. Pertenceu a AGM, a Asociación Galega da Muller, e desde sempre avogou pola igualdade e os dereitos das mulleres. A máis disto sempre se amosou preocupada pola incidencia do político na vida social, e estivo dende finais do franquismo vencellada ao Movemento Comunista de Galicia e, mais tarde, unha vez desaparecido este, ao Bloque Nacionalista Galego. Ten no seu haber numerosas publicacións, colaboracións, dirección de traballos …que son unha mostra da súa capacidade de traballo. As súas liñas de investigación estiveron relacionadas con tres importantes ámbitos. O primeiro deles relacionado coa historia da educación, con obras comoA educación en España durante o Sexenio Revolucionario (1868-1874). Debates, aspiracións e realidadespublicado pola Universidade de Vigo ou “El campesinado gallego y su rechazo a la escuela primaria (1868-1874)”, publicado na revista Historia de la Educación. Foi tamén comisaria da exposición "Cen anos de Escola en Ourense", celebrada en el Museo Municipal de Ourense del 15 al 22 de Mayo de 1991. O segundo ámbito vincúlase coa investigación-acción en educación, un campo académico intrinsecamente relacionado coa práctica educativa, a renovación pedagóxica e o desenvolvemento profesional do profesorado, destacando traballos como “Desarrollo de un grupo de investigación-acción colaboradora en proyectos curriculares innovadores”, publicado na Revista de Educación, “Students' Preconceptions About Urban Environmental Problems and Solid Waste”, aparecido na revista The Journal of Environmental Education, “Preconceptions of Students about the Natural Urban Environment in a Small Spanish City”, publicado en The Environmentalist, ou “Classroom Environment in the Implementation of an Innovative Curriculum Project in Science Education”, publicado no Journal of Research in Science Teaching.  Os traballos publicados coa temática de educación ambiental foron elaborados a partir da actividade do Grupo Gaia de Educación Ambiental, formado por profesorado de Ciencias de Secundaria, do que tamén formaba parte Mercedes Suárez. O terceiro e mais recente ámbito de investigación céntrase na investigación biográfico-narrativa, tamén vinculada á historia da educación mais recente, con traballos como “Los castigos y otras estrategias disciplinarias vistos a través de los recuerdos escolares”, publicado en la Revista de Educación, Teachers’ memories of disciplinary control strategies from their own school days”, publicado no  British Journal of Sociology Education, “ A view of rural schooling through the eyes of former students, en Teaching and Teacher Educacion, ou a obra coeditada Memoria da escola. Cultura material e testemuños da nosa historia educativa contemporánea, publicada por Xerais.

É unha muller que non teme aos retos de aí que sexa quen de embarcarse en diferentes campos para defender o que considera de xustiza, e todo cunha gran dose de credibilidade, sen artificios, pois ten unha grande honestidade e nobreza.

Nota: Biografía realizada segundo testimonio da protanista desta entrada.

03 marzo 2020

HERMINIA DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ

Herminia Domínguez González naceu en San Xoan do Río en 1965 e é catedrática e investigadora acérrima. Exerce como profesora na Facultade de Ciencias no Campus de Ourense e é unha das mellores investigadoras de España no eido das Ciencias e da Tecnoloxía dos alimentos.Os seus estudos son os máis citados nas investigacións que se están a levar neste campo. Herminia mantense no ranking das 427 mellores investigadoras de España.

Ingresou o 16 de marzo de 2022 na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). A investigadora e docente da Facultade de Ciencias é a primeira muller científica técnica que accede a esta institución como académica numeraria e a primeira procedente do campus ourensán. 

A liña de investigación é o aproveitamento dos residuos de biomasa vexetal para obter produtos de interese na industria alimentaria e farmacéutica. Herminia Domínguez, avoga por ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamiento e conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías. Segundo ela é preciso un aproveitamento racional e completo da biomasa vexetal, especialmente da que está infrautilizada ou se considera un residuo, para avanzar cara á sustentabilidade non só porque reduce o seu impacto ambiental, senón porque pode converterse nunha materia prima renovable, contribuíndo a xerar riqueza local.

O labor que desempeñan as mulleres no ámbito da investigación é encomiable pois ben é sabido do arduo esforzo que supón. Malia os avances que se teñen dado no recoñecemento da muller na investigación é certo  que aínda hai diferenzas de xénero nestes ámbitos. Sabemos que a investigación é un exercicio vocacional pero moi complexo e de moitas horas de dedicación e ás veces non se ve moi recoñecido. Por iso, é loable traer a mulleres ourensás que persisten nese camiño de demostrar a súa valía pois abren o camiño a moitas outras.


07 diciembre 2019

YOLANDA PREZADO

Científica nacida en, Verín ,Ourense, que recibiu unha beca da Unión Europea, European Research Council Consolidator Grant, para financiar o gran proxecto que esta ourensá está a realizar. Yolanda desenvolve un tratamento que reduce as secuelas da radioterapia. Por tal investigación a UE considera que estamos ante unha excelencia científica.Coa desenvolvemento da técnica que está a investigar a nosa científica, permitarase aplicar doses seguras en oncoloxía pediátrica e eficaces en tumores malignos en adultos.

Está especializada en radiofísica hospitalaria e deixou o seu posto para traballar novos métodos no tratamento do cancro en Francia. Obtivo a praza de funcionaria no Centro Nacional para a Investigación Científica de Francia.

21 septiembre 2019

MARÍA VICTORIA CARRERA FERNÁNDEZ

Coa axuda inestimable de Pilar Fernández Conde incluímos a María Victoria Carrera. Profesora da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias da Educación e cun amplo currículo. Está no departamento de Análise e Intervención Socioeducativa e imparte a materia de Teoría e historia da Educación. É Licenciada en Psicopedagoxía con Premio Extraordinaria e Doutora en Ciencias da Educación con Premio Extraordinario.

As súas liñas de investigación son Educación para a igualdade, Convivencia escolar e Bullying, Educación intercultural e para a Paz, Educación sexual, Sexualidade e Saúde.

Ten varias publicacións xunto con María Lameiras (tamén referenciada neste blog) e ten participado en Proxectos de Investigación.

Ver publicacións en Dialnet
Vid: Universidade de Vigo

21 junio 2019

MARÍA LAMEIRAS

Outra referencia facilitada por Celina Ramos Álvarez e Pilar Fernández Conde é a da ourensá María Lameiras, muller de grande traxectoria docente, investigadora e divulgadora.

É Doutora en Psicoloxía e profesora de Psicoloxía da sexualidade na Universidade de Vigo onde plantea temáticas moi interesantes sobre a sexualidade, lesbianismo, transexualidade, problemas na adolescencia...etc.

É a primeira Catedrática de España da área da Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos co perfil da Sexualidade con Perspectiva de Xénero.

Pero ademais, María Lameiras desenvolveu un notable activismo en contra da violencia de xénero e sobre a situación da muller en desigualdade co home.

Ten feitas numerosas investigacións e publicacións.

Ver publicacións de María Lameiras en Dialnet

19 abril 2019

CARMEN NAVARRO FERNÁNDEZ-BALBUENA

Carmen Navarro naceu en Madrid pero é de ascendencia galega, concretamente, preto do río Avia, Ourense.

É unha honra traer ao noso blog a esta médica meritoria e grande investigadora. É biomédica e estudou mediciina e ciruxía na Universidade de Madrid e doutorouse en medicina e ciruxía na Universidade de Barcelona. Formouse en Neuroloxía na LSU School of Medicine, New Orleans, USA, e en neuropatoloxía na Born-Bunge Foundation, Amberes, Bélxica e na Wickford, U.K. Ademais obtivo bolsas de ampliación de estudos no Bunge Institute de Ameres e na Columbia University de Nova York.

A súa traxectoria comezou como adxunta de Neuropatoloxía no Hospital Vall de Hebrón de Barcelona, onde foi xefa de sección. No ano 1991, chega a Galicia como xefa do servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do CHU de Vigo.
Directora científíca do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, tamén membro do Grupo de Traballo de Vixiancia Epidemiolóxica de EETH e do Comité de Enfermidades Raras. Tamén é profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela.

A súa investigación céntrase en enfermidades neuromusculares e lisosomiais de depósito.

Recibiu o Premio Josefa Wonwnburger por parte da Xunta de Galicia en 2010.

Foi unha das integrantes do equipo que diagnosticou o primeiro caso da enfermidade do SIDA en España.

02 febrero 2018

FEFA VILA


Fefa Vila Núñez (naceu en Laza, 1968) é unha socióloga e escritora española.

Licenciouse en Ciencias políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Posteriormente completou a súa formación na Universidade de Utrecht, na Universidade de Mánchester e na Universidade de Santa Cruz, en California.

É profesora de Socioloxía na Universidade Complutense e traballou en proxectos de investigación para a Fundación FOREM, que depende do sindicato Comisións Obreiras.

Ademais, foi impulsora do colectivo lésbico LSD, no que seguiu unha traxectoria artística e de reivindicaciónlésbica. O colectivo funcionou en Madrid na década de 1990, de 1993 a 1998. Tamén colaborou co grupo de traballo queer GtQ-Mad na publicación do libro O eixo do mal é heterosexual: ficcións e discursos feministas e queer, que coeditou.

Escribiu: El eje del mal es heterosexual: ficciones y discursos feministas y queer. Ed Traficantes de Sueños. Madrid, 2005.

Vid: Wikipedia

01 diciembre 2017

MARÍA BRANCO PRIETO


María Branco Prieto naceu en Trives e é catedrática da Facultade de Farmacia e Nutrición da Universidade de Navarra. María Branco Prieto estudou Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela e realizou a súa tese doutoral na Universidade de Paris-Sud mediante unha bolsa do Ministerio de Ensino Superior e Investigación francés. O tema da súa investigación, que recibiu o premio extraordinario "L'Académie Nationale de Pharmacie”, foi a formulación de micropartículas cun neuropéptido e a súa administración no cerebro de rata. Estas investigacións foron ampliadas durante tres anos no ETH (A Escola Politécnica Federal de Zúric, Suíza).

Recentemente foi nomeada académica da Real Academia de Farmacia de Francia -unha das entidades máis prestixiosas do mundo no seu ámbito- como recoñecemento ao carácter internacional do seu traballo. Así mesmo, foi nomeada académica da Real Academia de Farmacia de Galicia.

Na actualidade, María Branco mantén unha estreita colaboración con investigadores do país galo, onde é experta da Agence Nationale da Recherche (ANR) e do Institut Universitaire de France. Así mesmo, participa nun proxecto europeo xunto co seu director de tese, o profesor Patrick Couvreur, da Universidade París-Sud.

Na súa traxectoria, a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica centrou a súa investigación na área da nanomedicina e sistemas de liberación controlada de fármacos, onde traballou no deseño e desenvolvemento de micro e nanopartículas de distintos tipos. Estes sistemas aplícanse no tratamento de cancro, enfermidades cardiovasculares e neurodegenerativas.

María Branco é autora ou co-autora de máis de 110 artigos en revistas científicas, 5 patentes, 16 capítulos en distintos libros especializados e máis de 150 comunicacións en congresos, moitas delas como relator invitado. É membro do comité editorial de varias revistas científicas, entre elas Cancer Letters. A súa investigación recibiu varios premios de entidades, tanto nacionais como internacionais.

Vid: Universidade de Navarra

30 noviembre 2017

MONTSE CALLEJA

Montse Calleja naceu en Ourense no ano 1973. É investigadora Científica no Consello Superior de Investigacións Científicas no Instituto de Microelectrónica de Madrid. Presentou sete patentes e publicou numerosos artigos, dous dos cales na Revista Nature Nanotechnology. Ademais lidera o proxecto Nanoforcells, unha das máis prestixiosas Starting Grant concedida polo Consello de Europa de investigación. O obxectivo é estudar as propiedades mecánicas das células e a súa relación co cancro. É cofundadora da empresa Mecwins, pioneira na comercialización de biosensores nanomecánicos. Concedéuselle o premio Miguel Catalá en 2012.
Vid: Wikipedia
Las top100

13 septiembre 2017

MARTA GONZÁLEZ FREIRE

Marta González naceu en Ourense en 1983 no seo dunha familia relacionada coa medicina, pais xinecólogo e nai enfermeira, e é obrigado destacala no noso blog pola súa interesantisima traxectoria. Traballa desde 2013 en Baltimore no Instituto Nacional de Envejecimiento, National Institute of Aging, NIA. Licenciada en Ciencias do Deporte e doutora en Fisioloxía do Exercicio, Marta González comezou a súa especialización académica e profesional no ámbito da xenética e a bioloxía celular, onde conta con máis de sete anos experiencia. Actualmente traballa baixo a dirección do prestixioso investigador Luigi Ferrucci no estudo dos cambios que experimenta o organismo conforme a persoa envellece, para a partir de aí determinar como se pode atrasar este envellecemento.
Ademais da súa ocupación como investigadora tamén é unha importante triatleta preparándose disciplinadamente (érguese ás catro e media da mañá para entrenar e ás oito vai a traballar) para participar nos eventos deportivos e conseguir a clasificación para o campionato do mundo.
Sinxelamente, un orgullo tela no noso blog.

Vid: La Región
La Voz de Galicia

27 diciembre 2016

JOSEFINA GÓMEZ MENDOZA

De novo voltamos botar man de ilustres mulleres que tiveron a súa ascendencia ourensá. Non podíamos deixar de mencionar a Josefina Gómez que, aínda que nacida en Madrid, ela é descendente da Casa de San Pedro de Sanín, casa fundada en 1659 por Jacinto Sánchez de Losada casado en segunda nupcias con María de Mendoza Maldonado.
Dona  Josefina Gómez é a segunda muller que ingresa na Real Academia da Historia desde a súa creación en 1735. A catedrática de Análise Xeográfica Rexional da Autónoma, elixida en primeira votación en 2002, ocupa a vacante existente desde o falecemento de Manuel Alvar. Josefina Gómez Mendoza foi tamén a primeira muller reitora dunha universidade española. Foi elixida para este cargo na Universidade Autónoma de Madrid en 1984. Previamente, en 1980, foi decana electa da Facultade de Filosofía e Letras da UAM e dirixiu o departamento de Xeografía durante dez anos (1987-1997). Actualmente compaxina a súa traxectoria docente e investigadora con responsabilidades no Consello Asesor de Medio Ambiente da Comunidade de Madrid. Ademais de posuír numerosos premios, é o presidente do Comité Español ante a Unión Xeográfica Internacional e secretaria da Comisión Xestora do Colexio de Geógrafos. Desde outubro do 2001, preside a Comisión de Historia do Pensamento Xeográfico da Asociación de Geógrafos Españois. En 1998 recibiu a medalla da Universidade Autónoma de Madrid.

O 21 de marzo de 2006 leu o seu discurso de ingreso na Academia de Enxeñaría, efectuando unha análise da estrutura urbana de Madrid e Barcelona.

Fonte: https://www.uam.es/personal_pdi/ciencias/depaz/mendoza/mendouam.htm.

Foto: http://elpais.com/diario/2006/05/28/eps/1148797607_850215.html

19 octubre 2015

MARÍA DE LOS ÁNGELES FERNÁNDEZ TOVAR

(Entrada publicada no libro O rueiro que queremos feminino e plural.)
María de los Ángeles Fernández Tovar, naceu en Ourense  no ano 1950 e foi membro do MDM de Ourense e  unha das impulsoras da recuperación da Memoria Histórica.
            Cuca Tovar, como se lle chamaba de xeito agarimoso, naceu en Ourense en plena postguerra no seo dunha familia con recursos. A familia paterna tiña unha longa tradición comercial e a materna tiña unha inquedanza cultural e intelectual que permitiu que Cuca fose unha muller inqueda polo coñecemento e a investigación. Viviu a súa infancia na cidade e realizou o bacharelato no Instituto e estudou Pedagoxía no Colexio Universitario de Ourense entre 1974-77.
            A cidade de Ourense será o ambiente onde ira medrando Ánxeles pero se a cidade se caracterizaba polo conservadurismo, a tradición e a consideración de que as mulleres fosen boas nais, fillas e esposas; Ánxeles racharía con ese convencionalismo postulándose como unha muller transgresora e independente.
            O seu espírito independente levouna a querer traballar moi nova e atopou o seu traballo como secretaria de Manuel Gómez Franqueira, o fundador dunha das empresas máis representativas da cidade, COREN. Ánxeles demostrou ter capacidade de traballo e grandes capacidades para desenvolver as tarefas que se lle encomendaban, pero acabou renunciando a el xa que ela era de espírito reivindicativo e humanitario que non ía cun traballo tan rutineiro. Isto fixo que apostase por un proxecto social que estaba a nacer en Ourense como era o Circo dos Muchachos. Esta acción social que fundara o Pai Silva e que tiña como obxectivo acoller aos rapaces para escolarizalos e facer medrar neles o espírito democrático e participativo era un labor que se adaptaba moi ben ás inquedanzas altruístas e filantrópicas de Cuca.
            Cuca entregouse ao proxecto e marchou a vivir á Cidade dos Muchachos.Con poucos enseres e unha guitarra fixo daquilo o seu fogar e comezou a traballar cos nenos e nenas para ofrecerlles unha saída e un futuro. Para Cuca era como un oasis de liberdade nunha época franquista, pechada, e opresora. Coa ilusión posta no corazón, comezou a traballar para que os mozos tivesen un benestar e ao mesmo tempo fosen comprometidos coa sociedade e lograran transformar o mundo. Cuca permaneceu un tempo colaborando no Circo dos Muchachos pero deuse conta de que o proxecto comezaba a desencantala e abandónao.
            Regresou a vivir á cidade pero faino nun piso compartido con amigos. Isto non foi ben aceptado pola sociedade ourensá dos anos setenta que chegou incluso a criticala e menosprezala por non seguir a senda que estaba predestinada para as mulleres da época que era casar e ter fillos. Pero a fortaleza e personalidade de Cuca fixeron que non lle afectase tales comentarios e viviría de xeito independente, sen casar nin ter fillos. Ese piso onde residía Cuca será un recanto de liberdade, de encontro de artistas, intelectuais e profesionais que avogaban por un cambio político. Ao mesmo tempo ela vai querer ter un traballo estable e comeza a preparar unhas oposicións para cubrir un posto na administración e aprobounas.
            En Cuca seguirá medrando o compromiso social levándoa a unirse nos anos setenta ao Partido Comunista e a Comisións Obreiras. Veremos a Cuca nun activismo convencido para conseguir o ben común e a xustiza social. Comeza a participar en actos públicos dando charlas e  mitins que sempre remataban con aplausos de admiración polas súas palabras. Palabra enchidas da forza e da sinceridade de Cuca.
            Cando se celebrou o primeiro mitin do Partido Comunista na cidade ourensá o 4 de maio de 1977, participou Cuca. Había no pavillón de deportes unhas dúas mil cincocentas persoas e primeiro falou López Cambeses que disertou sobre a legalización de todos os partidos políticos. Logo falou González Montoto que aludiu ao caciquismo e ás xubilacións e pensións. Outros que tomaron a palabra foron Redondo Abuín e Gómez Prieto. Nisto toma a palabra Cuca Tovar que saludou aos partidos non legalizados para os que pediu recoñecemento e liberdade. Co espírito combativo lembrou os anos corenta como anos sen liberdade  e de emigración por parte de numerosos galegos. Lembrou a explotación sufrida polas mulleres e a marxinación que senten polo capitalismo. Afirmaba con vehemencia que o Partido Comunista é o partido da liberación da muller: “pido que se acaben las discriminaciones, la igualdad de salarios, libertad de anticonceptivos a través de la Seguridad Social y control médico”[1].  Era firme defensora da liberación da muller e reclamaba os dereitos de divorcio. Foi un gran alegato feminista, un mitin chego de enerxía en defensa das mulleres: “Vota por la democracia, mujer y votarás tu liberación” remataría dicindo. Os aplausos foron rotundos.
            Cuca estaba converténdose nun referente na cidade polos seus principios e súa personalidade firme na defensa da muller. Por tal motivo, era invitada a participar en tertulias e mesas redondas como representante do PCG. Nunha mesa redonda celebrada no Ateneo de Ourense o día 17 de novembro de 1977 ela foi como representante do partido. O tema a tratar era os Pactos da Moncloa e había once representantes de cada partido que tiveron ocasión de falar durante cinco minutos. Cuca era a única muller na tertulia e alí manifestou os seus postulados sen amedrentarse ante unha sala moi concorrida de público[2].
            A capacidade de compromiso de Cuca e a súa firme crenza na xustiza social medraban no seu espírito combativo, en Cuca dá un paso máis no seu activismo pasando de militante a candidata ao Congreso nas eleccións de  marzo de 1979 ocupando o segundo posto despois de Redondo Abuín[3]. A partir de entón, Cuca sempre será candidata nas listas polas súas convicións.
            O feminismo sempre estivo presente no sentir de Cuca e ese compromiso materializouse cando formou parte do Movemento Democrático de Mulleres en Ourense. A organización creouse en Ourense no ano 1975 por iniciativa de Rosario Gutiérrez Rodríguez e de Marta Marroquín Travieso que era a compañeira de Redondo Abuín. Conformaron o grupo vinte mozas entre as que se atopaba Ánxeles Tovar. Estas celebraban as súas asembleas en pisos particulares e en Ourense reuníanse nun apartamento da Torre de Ourense. Nesas reunións falábase dos dereitos para a muller e a necesidade de rematar coa discriminación que padecía. A súa actuación encamiñábase a facer panfletos e charlas de concienciación[4]. Cuca foi unha das protagonistas neste primeiro colectivo feminista da cidade.
            Outra batalla que librou Cuca foi en 1970 cando se mobilizou e protestou con motivo do xuízo contra dezaseis militantes de ETA. Cuca uniuse ás protestas que se produciron en todo o territorio español e tamén nos países estranxeiros para evitar que foran condenados á pena capital. Para iso participou no peche que se realizou na Catedral xunto con Peña Rey, o escultor Baltar e máis xente comprometida. Isto foi unha mostra de valentía xa que podería ser vítima de represalias. Cuca contribuiría deste xeito a que os presos foran indultados e rebaixadas as súas penas.
            A nai de Cuca, Ángeles Tovar Morais,  foi unha muller de ampla cultura e iso transmitiríallo á súa filla. De tal xeito que Cuca, ao mesmo tempo que traballaba como funcionaria, matriculouse polos anos oitenta na Facultade de Historia. Xa rematando os estudos, en 1986, decidiu facer o traballo de fin de carreira sobre o tema da Guerra Civil en Ourense. No seu traballo quería contemplar os enterramentos feitos durante a Guerra Civil no Cemiterio de Ourense e constatar cantos foran fusilados ou mortos por actuacións violentas,  para o cal solicitou permiso ao Concello para consultar o libro de Rexistros do Cemiterio pero foille denegado polo alcalde.  Non querían que recuperara a memoria dos falecidos na guerra e manifestaban: con lo que no estoy de acuerdo es que se vaya a buscar exclusivamente datos de un período doloroso para España, como fue la época del 36...yo creo que es una etapa que tenemos que superar todos y olvidarnos de este tema y no seguir escarbando en algo que ya han pasado 50 años y un par de generaciones por medio... [5].
A partir de aí comezou unha dura e longa loita pois entre Cuca e a Alcaldía. O Alcalde na súa defensa aludía a Cuca de xeito despectivo e cuestionando a súa calidade de historiadora e investigadora. A determinación de Cuca levouna a enfrontarse ao Consistorio instando unha acción xudicial que finalmente rematou cunha sentenza do Tribunal Supremo do 20 de febreiro de 1992 na que se condenou ao alcalde Caride Tabarés a seis anos de inhabilitación por delito de prevaricación e inxurias por impedir que Cuca Tovar puidera acceder aos documentos solicitados[6].
            Unha vez finalizado o proceso xudicial Cuca comeza a investigar sobre o Ourense entre os anos 1936 e 1939 e realizou un traballo verdadeiramente interesante recollendo testemuñas das persoas que viviran a guerra centrado principalmente nas vivencias das mulleres, grandes damnificadas nas contendas bélicas; deulles relevancia. O que nos legou Cuca foron testemuñas das vivencias, dos horrores, da violencia, do que aconteceu. Todo isto desde unha perspectiva humanística alonxándose do relato aséptico e frío. Entrevistou a Ángeles Paradela que lembrou como as mulleres peregrinaban polos cárceres buscando aos seus familiares ou recollendo os seus restos. Tamén recolleu o testemuño de Mercedes Gómez del Valle, unha recoñecida militante política, que lle contou que fora detida e vexada. En definitiva, Cuca reflectiu a guerra civil desde a perspectiva das mulleres, algo moi novidoso pois naqueles anos a historia eludía totalmente o rol das mulleres e o seu protagonismo na historia. E así foi recollido no libro Cuca. Recuperadora da Historia. Finalizado o traballo acada a licenciatura en Historia pola Universidade de Santiago.
            Ángeles Fernández Tovar faleceu en 1996, demasiado pronto pois aínda quedaban batallas por resolver. En poucos anos Cuca arribou montañas empinadas, tanto sociais, como políticas, como xudiciais, como feministas, pero tamén chegou a elas a través do alpinismo, xa que era outra das súas aficións. No ano 1971 creouse o Club Alpino de Ourense e alí estaba Cuca. A natureza, a montaña dábanlles as forzas para emprender  con enerxía a súa loita.
Cuca desmontou o estereotipo das mulleres pois era libre e loitadora. A súa vida seguiu a senda que lle marcaba o corazón e a razón e esa senda quedou gravada para as sucesivas xeracións de mulleres.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Álvarez Gómez, Concepción,  “Movemento democrático de mulleres en Galicia”, Murguía Revista Galega de Historia, 14 (2007) 71-94.
“As mulleres no tardofranquismo e a transición democrática” en Jesús de Juana e Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia no século XX , Vigo, Ir Indo, (2001) 231-260.
Fernández Tovar, María Ángeles, Cuca Tovar. Recuperadora da Historia Ourense, Amigos da República ( 2010)


[1] “El primer mitin comunista” El Pueblo gallego , 5 de maio de 1977.
[2] “Mesa redonda sobre el Pacto de la Moncloa”, El Pueblo gallego, 18 de novembro de 1977.
[3] “Lo electoral tema destacado” El Pueblo gallego , 6 de febreiro de 1979.
[4] Concepción Álvarez Gómez, “Movemento democrático de mulleres en Galicia”, Murguía Revista Galega de Historia, 14 (2007) 71-94; “As mulleres no tardofranquismo e a transición democrática” en Jesús de Juana e Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia no século XX (Vigo, Ir Indo, 2001) 245.
[5] “Lembranza de Cuca Tovar” http://anabande.blogspot.com/2008/09/lembranza-de-cuca-tovar.html consultado o 13 de abril de 2020.
[6] Ana María Bande Bande, “O acceso aos arquivos. A eterna batalla. A loita de Cuca contra o alcalde de Ourense como exemplo paradigmático de loita pola transparencia”. https://es.scribd.com/doc/29840143/O-acceso-aos-arquivos-a-eterna-batalla-A-loita-de-Cuca-Tovar consultado o 11 de abril de 2020.
Foto: Ourense dixital