Etiquetas

Para cando a excelencia na confraternidade e non na competitividade?

A humanidade evoluciona. Progresan os medios de transporte, comunicación,  construción, cálculos, medicina, investigación, ciencia, política.... todo progresa dun xeito rápido máis quizais esteamos esquecendo as íntegras relacións humanas tras todo este maremagnun de transformacións. Quizais esteamos confundido relacións humanas xenuínas con cliqueos. Quizais confundamos a fala, o diálogo, a tertulia e o debate cos comentarios vanais. 

En absoluto me opoño aos avances pero defendo que deben estar substendados nunha base humana, ética e moral, pois non se avanza humanamente se iso supón oprimir ou esquilmar algún territorio ou país, non se avanza se empregamos o negocio e o enriquecimento avaricioso.

Calquera busca a excelencia. Todos ambicionan ser excelentes e que os seus se encamiñen cara esa meta de perfeccionismo. Ser os mellores en todo, obter as mellores cualificacións, puntuacións, méritos, destacar, que falen dun ou dunha....pero para cando a excelencia na confraternidade?

Malia o que pensemos, estase creando un mundo onde reina a competitividade. Quizais máis que noutros tempos. Son carreiras que conlevan a querer superar e gañar aos demais. A evolución histórica sempre estivo na liña da competencia...e vanme permitir dicir que iso é un síntoma moi masculino. O Home como xénero ten innato o de gañar, o de competir, o de ocupar o espazo...iso non sería malo pero...en moitos casos para conseguilo fai uso da violencia. En definitiva, o trazado histórico veu deseñado polo masculino, polos criterios masculinos e ese arrinque veu desde a orixe da humanidade.

Un mundo dirixido por mulleres sería menos ambicioso, sería máis empático? Na actualidade hai 10 mulleres en todo o mundo como Xefes de Estado  dun total de 193 países o que supón o 5% e segundo se indica, son países que funcionan moi ben (indícase que as crises son resoltas dun xeito máis efectivo). Pero, aínda non se confía en que as mulleres poidan desempeñar cargos dirixentes de aí o escaso número.

As mulleres teñen unhas dotes moi adecuadas para asuntos políticos pois non establecen "loita de poder e dominio interiorizado" pero a sociedade aínda non confía en que teña capacidade para ser dirixente. Por iso, aínda que pensemos que evolucionamos moito, non foi tanto nas mentalidades. 

Volvamos ao comezo, buscamos a excelencia en todo, matemática, ciencia, física, investigación, cualificación, escritura...pero hai que encamiñarnos cara a excelencia na confraternidade na humanidade. 

Eu avogo por conseguila...é a carreira máis difícil, non o dubidemos, pois require un exercicio constante de ética. Se iso fose así, a sociedade e o mundo enteiro gozaría dunha harmonía pacífica nun sentido de horizontalidade.

Quero seguir estudando para acadar o título da confraternidade.

30 de xullo de 2021.