Etiquetas

Supón o capitalismo tanta democracia, agocha incluso neofeudalismo, un quid pro quo? Hai hoxe "apariencia de"?

Sei que a palabra comunismo está totalmente trasnoitada e provoca espasmos a moitos que a escoitan. Hoxe en día esta palabra considérase tabú. Despois de que o bloque capitalista se erixira triunfante tras corenta e cinco anos de pulso e tensión na guerra fría co bloque comunista, quedou o mundo adherido a ideoloxía que se asociaba á liberdade, o capitalismo.

Comunismo, vén de comunidade, de ben común, de igualdade de reparto da riqueza, de equiparación social, de eliminación de xerarquías sociais...e todo isto non é negativo. Pero certo é que, o comunismo mal planteado provoca un control exacerbado  da poboación por parte do Estado. Ese Estado que se erixe como dirixente e paternalista ten asumida a idea de que a sociedade está conformada por súbditos  sometidos ao deber de sostelo. En por iso, ditas sociedades atópanse completamente oprimidas, faltas de ilusión, de iniciativa e sometidas a un férreo control. Agora ben, talvez, se o ser humano non  nos fixeramos tan ambiciosos, non teriamos moito que reprocharlle a esta forma de vida. Pero falariamos dun mundo idílico e utópico pois o ser humano intrínsecamente está levado pola ambición.

Vemos con excesivo optimismo o capitalismo. Asociámolo a democracia, liberdade, progreso, ilusión, desarrollo, e..ambición...Si, talvez, hai moito "pero".

Cando no século XVIII comezan a xurdir as ideas ilustradas (Locke, Voltaire, Rousseau, Montesquieu...) foi, como a súa palabra indica, dar luz a un mundo cuxas estruturas sociais estaban baseadas nunha xerarquía social inamobible e estamental sendo uns os privilexiados fronte a unha inmensa maioría que carecían de calquera categoría social "terceiro estado" "estado llano" que viña a significar "masa produtiva sen rango nin dereitos". Nunha época nas que as estruturas económicas  estaban baseadas nos que posuían patrimonio e terras e recibían os tributos de parte dese terceiro estado obrigado a traballar e pagar. Nunha época nas que as estruturas políticas se baseaban na rede clientelar e pactos de amizade e venda de favores.

En efecto, a ilustración trouxo como consecuencia desbotar o réxime antigo para crear un mundo e unha sociedade na que comezara a recoñecerse ao individuo per se e con dereitos. Ben é sabido que a ilustración veu sentar as bases do que será a democracia actual (sufraxio, separación de poderes, liberdades individuais....) Foi un momento glorioso na historia, promovido por unha burguesía descontenta coa súa situación. Unha burguesía que incitaría ás revolucións (1798, 1820, 1830, 1848...) que adqurirían diversos matices (nacionalismo, independencia, liberalismo...) O gran lastre de todo isto é que excluísen ás mulleres.

Dentro deste contexto xorden as novas ideas económicas para transformar as estruturas medievais. Agora deféndese o liberalismo, o que será o berce e embrión do que hoxe en día chamamos capitalismo. En efecto, Adam Smith, David Ricardo, Thomas Malthus...acomodaban novas ideas de progreso económico baseadas na non intervención estatal na economía e no laisser faire laisser passer.

Pero como todo na vida, aquilo que parece ser bo non o é tanto cando se terxiversa. En efecto, o capitalismo promove a iniciativa individual, a propiedade privada, o investimento, o progeso...Así mesmo, dálle ao individuo a categoría de adultez para saber que facer e que escoller e lle outorga o dereito ao sufraxio universal. Non obstante, é tan libre e tan democrático como parece? E tan libre como parece?

Volvemos entón ao título. Nin o capitalismo é tanta democracia porque o entramado de influencias a nivel mundial é tan complexo que as decisións dos sufraxistas están condicionadas por intereses mediáticos, xa que os medios de comunicación  teñen moita influencia e forman parte de grupos empresariais aos que lles interesa ir conformando unha sociedade que non vaia en contra dos seus intereses e por iso crean noticias falsas, dan información sesgada....tratan de crear opinión ao seu favor. Así mesmo, as eleccións están condicionadas por outros axentes activos mundiais (Axencias de cualificación económica, Banco Mundial, OMC....) que crean pánico e incitan a votar a aquelas opcións que seguen mantendo os beneficios mundiais que reduzan o papel do Estado evitando sociedades subsidiarias. Que dicir dos grupos sociais chamados minoritarios? Son atendidas as súas demandas? En cantos países hai que leis que amparan dereitos das minorías? En cantos países se respectan os dereitos das mulleres como mulleres?

Así pois, estamos nun mundo no que hai redes clientelares por intereses que dan lugar a que non vivimos nun mundo tan libre. Ao capitalismo lle interesa mirar para outro lado cando hai países que, sen respectar os dereitos humanos e non son democráticos, son do "noso interese" e, sen embargo, considera inimigos e masacra a aqueles que lles interesa tumbar. Entre as altas esferas financieiras hai tamén moita vasalaxe e clientelismo. É por iso que temos que falar de neofeudalismo xa que hai países privileixados fronte a países non privilexiados aos que lles seguimos quitando os seus recursos. A economía mundial segue a ser neofeudalista, un QUID PRO QUO, e unha fortísima desigualdade social mundial.

Polo tanto, o que pensamos que é democracia, talvez non o sexa tanto ou acabe sendo algo turbia. Non obstante, é importante seguir confiando en que a sociedade se forme e se informe cada vez máis para ser quen de tomar as decisións adecuadas e crear un mundo harmónico, no que non haxa apariencia de respecto polos demais, polo medio ambiente, polos homosexuais, polas mulleres...Si, digo APARIENCIA, pois vemos que hoxe en día, parecen defenderse moitas cousas pero no fondo segue habendo  "micro-machismos", "micro-homofobia", "micro-clasismo", "micro-odios"...a parte dos que non son xa micro e están sendo macro.

Agora é fácil co internet que unha idea percorra o mundo en cuestión de segundos. Hai que estar alerta e ser moi xuizosos e ter claro que é preciso seguir perfeccionando e perfeccionándonos. Non pode ser tan dificil levarnos ben. 

Rosa María Cid Galante.

19 de xullo 2021.