Etiquetas

Unha novela para aqueles que amamos a Galiza. O Libro e o Tapiz de Xabier Paz. O tapiz da raíña Urraca, unha muller valerosa e o libro de Xelmírez.


Como fiel seguidora das novelas de Xabier Paz mergulleime na historia máis complexa e incrible que narra no libro O Libro e o Tapiz. De novo Xabier fai que nos prendamos dunha literatura construída e cosida ata o mínimo detalle como se dun encaixe delicado se tratase, ou como ben di o título, un tapiz feito cunha urdime narrativa e con fíos de  poesía e sensualidade, xa que o autor é poeta. E é que Xabier pretende levarnos a unha literatura intelixente e hiperreflexiva, aquela da que non é doado desprenderse e teñamos que aferrarnos con firmeza para non perder o temón na travesía da historia. Xabier é dos escritores que cren nesa literatura de exercicio, na literatura que non permite despistes, da que foxe da frivolidade e fugaz historia. Por tal motivo, o seu traballo como narrador é ímprobo e dunha grande intensidade.

Non dubido que esta é unha das novelas máis esixentes á hora de lela pero non por iso menos sensible xa que Xabier introdúcenos da man de dous personaxes incribles, como son Urraca e Xelmírez,  na intrahistoria galega, a historia máis reafirmante de Galiza e a máis azarosa. En efecto, a novela trata da Galiza dos século XI e XII, tempos convulsos para esta terra que vai ver unha Compostela que frorece polo desenvolvemento do Camiño de Santiago, pola construción dunha das catedrais máis grandes ata agora vistas, por ser terra foco de peregrinacións, unha Galiza que se dinamiza culturalmente e, por tal motivo, unha terra cobizada polos reis, arcebispos, nobreza e monacatos. 

Durante este tempo centenares de personaxes que se mencionan na trama van formar parte da construción galega e así mesmo da súa deconstrución. Son personaxes todos históricos que navegan nesta novela pero remando en contra. Uns son descritos con alabanzas e outros con menos. Xabier ten claro o seu posicionamente, Galiza é tamén a do alén do Miño, a que tamén fala portugués e que, malpocada, foi seccionada, tallada polo río, por ambicións e conspiracións de reis, que non dubidaron en comenter actos impíos por afán de posesión. Unha Galiza que sucumbirá aos intereses cluniacienses, monacato colonizador e impulsor do novo rito gregoriano. Neste contexto galego serán dous os protagonistas, Urraca e Xelmírez, dúas vidas vinculadas na Galiza medieval, ávidas de poder e condeadas a convivir, condeadas a entenderse nunha Compostela que se rebela. Arredor delas unha inmensa constelación de personaxes dos que dependen.

A novela discorre como un caleidoscopio e con numerosas idas e vidas argumentarias pois todo depende de todo. Xa que así, Xabier, ofrécenos varios narradores en primeira persoa, nuns casos é Urraca quen fala e pensa e sofre, noutros é Xelmírez que ambiciona, noutros son os Condes de Traba que cren nun Reino de Galiza, noutros episodios é Tareixa a medio irmá de Urraca, tamén  Bernardo....Pero o nexo de conexión entre elas son a raíña Urraca e o arcebispo Diego Xemírez que xa están nas súas horas baixas, xa van desgastados e narran cunha perspectiva retrospectiva. Xabier fai que mediten os seus actos e amosen as súas debilidades na procura de xustificarse.

Pode ser a historia máis larezante? parece querer dicirnos Xabier.  En efecto, pois aquí sabemos das complicidades e rivalidades interesadas de monarcas e herdeiros tal como os tres fillos de Fernando o Magno, Sancho, García e Afonso, que non dubidaron en cometer un fratricidio con tal de conseguir o poder. En efecto, Xabier fálanos dunha relación impúdica entre irmáns pois Afonso asasina a Sancho e tamén apresa a García para quedarse el con todo o reino. E é que o ser humano parte e reparte ao seu antollo os territorios como se dun deus se tratase. Na contra, Xabier resalta a nobreza dos condes de Traba xa que teñen querenza pola terra e lamentan estes feitos e traizóns, e din: "Sen rei, a gran patria que chega até o Mondego...foi acosada dos lobos. Así imos minguando, comestos polo sur e polo Leste. Tallando o reino, o prelado procura o amparo do papado e de Cluny para o seu engrandecemento particular antes de defender o reino. Esqueceu Galiza e xa non lle importa ser cola de León...". (p. 44). 

Xabier parece enaltecer aos Traba como dignos defensores da Galiza engrandecida. Eles, tras a ignominia contra o seu rei García tampouco aceptarán nunca ao rei aragonés, o Batallador, segundo home de Urraca, xa que os carga de cartas de foro e coutos polo seu afán expansionista. Eles defenden como lexítimo rei ao fillo da infanta Urraca, Afonso Raimúndez, e din: "para manter Galiza enteira....Para nós o río nunca foi fronteira. O reino de Galiza é un inda que existan dous condados ao sur do Miño.". (p. 44). É`preciso ter o apoio de convenencia de Xelmírez para defender a Urraca e ao seu fillo fronte ao Batallador.

Xabier caracterízase por buscar personaxes históricos que lle parecen extraordinarios polos seus actos e pola súa forte personalidade. É tal que así que nesta novela deixa patente esa certa admiración polos protagonistas desta historia. Urraca, raíña de León e condesa consorte de Galiza, filla de Afonso e de Constanza, é muller pequena pero intelixente. Ela maxina o seu tapiz. Lembra a súa nenez, os seus días de falas coa concubina do seu pai, Zaida, muller sensual. Lembra ao seu pai, os seu matrimonios, primeiro con Raimundo de Borgoña e logo con Afonso o Batallador, aínda que o seu amor verdadeiro foi o Conde Gómez González que viu morto. Ela xa é maior e vai tecendo o seu tapiz. É raíña triste pois herdou compromisos do pai sen herdar os seus socorros, como di o autor. Unha muller de tan grande linaxe tivo unha vida cruenta e cruel. Ela que non foi ben recibida pois os prelados misóxinos dicían das mulleres: "A que non se atreve a tolemia da muller, que non intenta a astucia da serpe, que non ataca a moi criminal víbora? (p. 48). Nestas augas, como ía nadar a raíña Urraca? Mais o seu pai preparouna como un home pois non tiña fillo varón. Por iso Urraca foi muller completa, amais de muller. Sería forte e intelixente pois foi educada nas artes liberais e tamén na caza, unha muller que é quen de dominar ao cabalo, que é quen de gobernar e que é alcumada A Temeraria. Mais Xabier amosa dela a súa sensibilidade e que se deixa levar polas ensinanzas de Zaida. Urraca herdará un trono e a coroa como lexítima pois non hai varóns que sosteñan pero, di Xabier, que ten medo aínda que matina que houbo outras antes que ela como a princesa Elvira a rexente de Sancho o Craso, Ermesinda de Carcasona...elas ensináronselle que o goberno se dividía en dous poderes: rexer o reino e ordenar o palacio. Zaida tamén a calma para falarlle de tantas outras mulleres que foron ricas de sabiduría como a fermosa Tawaddud familiarizada coas ideas de Hipócrates e Galeno. Faláballe de mulleres do seu mundo que foron sabias, médicas, mestras, poetisas... Cóntalle o que facían. Xabier nunca elude o feminismo e aquí ponnos de relevo a vida destas mulleres do medievo cristiá e musulmán.

Urraca reflexiona sobre o poder e o desexo. Dúas paixóns que acaban movendo o mundo e que aínda hoxe o fan: "Velaí o que move a vida da meirande parte dos home, un querer que agrasa e un poder que destrúe. Quen desexa nunca ten abondo, vaise consumindo no devezo polo que non ten, que sempre será m áis que as súas posesións e quen persegue o poder nunca o terá pleno sen ameazas e adversarios" (p. 70).

Zaida, é ese outro personaxe que discrepa e desentoa de todo o ambiente hostil e gris de Urraca. O mundo da concubina é contraposto e vestido de sensualidade. Xabier ponnos en relevo a magnífica cultura e legado islámico. A cor, o olor, os xardíns, as cidades de luz, a auga, que fan brotar da terra árida. "O xardín é para nos imaxe do paraíso", di Zaida. A concubina do seu pai marcaría unha fonda pegada na súa memoria por ser muller de luz, de brío, de enerxía. Lembra os seus adobíos e aromas e as súas leccións sobre que é a beleza e o corpo das mulleres, os seus segredos. 

Urraca é muller culta que ambiciona unha Galiza definida aquela que tamén chega a terras de Portugal. É consciente de andar en augas procelosas, conspiradoras contra ela, mesmo da súa medio irmá Tareixa, froito da unión de Afonso VI con Ximena Muñoz, que recibira en herdanza as terras de Portugal. Urraca maltratada por un home "brután" como foi Afonso o Batallador que pulsou a Diego Xelmírez, o mesmo que, cal raposo, empurraba ao propio fillo de Urraca a porse contra a súa nai. Unha muller que sempre tivo como interese o seu reino pero que tamén se pon ao carón das mulleres e vainas protexer, ben cos foros, ben evitando que recaesen nelas a expatriación dos maridos, costumes que de antergo viñan prexudicando ás mulleres por non seren consideradas. Urraca quixo facer ver ás mulleres como ela se fixo ver deixando ao Batallador, home desalmado, e querendo libremente a Gómez González co que tivo dous fillos.

Fronte e contra ela, Xelmírez, un bispo con ínfulas de papa en Compostela, materializada esa cobiza na Catedral. Un alto clérigo apadriñado por Cluny e o Sumo Papado, sempre disposto a subir chanzos, desde o señorío eclesiástico compostelán a querer o patriarcado, que case é conseguido grazas ao papa Calisto II, pois, como expresa moi ben Xabier: " Sempre quixen acadar un patriarcado para Compostela...sería a dignidade apropiada para a miña Igrexa..." (p. 245). Desde a súa chegada non parou de trazar as súas redes clientelares a comenencia. Xabier preséntanos un arcebispo que non ten pudor e vese impulsado pola avaricia persoal. É ese Xelmírez que empurrou a revoltas, o Xelmírez  Señor máximo de Campus Stellae. Tamén un Xelmírez loitador contra os sarracenos cunha galera guerreira para defensa do señorío. Santiago vai quedar baixo a autoridade de Roma e do seu arcebispo, Xelmírez, o eclesiástico de máis poder de Hispania. E se Urraca trama un tapiz, Xelmírez "pon en letra os feitos", fai o libro,  porque como di "os feitos vense na escrita" (p. 173).  Será Munio Afonso quen traza a historia que lembrará ao Arcebispo, será denominada Historia Compostelana. Un libro e crónica no que fai un repaso dunha poderosa  Igrexa que senta na súa cátedra a eclesiásticos e bispos que son movidos pola ambición e non teñen reparo en roubar as reliquias. Son bispos que demostraban ter máis aferramento ao mundo terreal que ao espiritual. Que moven as dióceses, de aquí e logo acolá. Na historia escrita por Munio falarase de moitos bispos que antecederon a Xelmírez, pero deles contará pouco para que non lle fagan sombra a Xelmírez, aínda que non pode evitar citar a Dalmacio que no Concilio de Clemont conseguira que a sé da diócese quedara definitivamente en Compostela, e, polo tanto, as posesións desta pasaban ao bispo e non estarían sometidas a ningún metropolitán. Xelmírez, herdeiro deste tributo fará uso e abuso del. Quere unha crónica para ennobrecerse :"Será unha crónica da máis alta dignidade, composta cos fíos de ouro de poder..."( p. 175) para indicar que foi quen de poñer no redil a un sacerdocio falto de vocación e de aptitude, que foi quen de rematar co Priscilianismo e onde menta aos seus aliados os abades de Cluny, algúns papas, os nobres condes de Traba...

Xabier quere dar conta do rol da Igrexa pois sabe que vai ser a que exerza un control férreo sobre unha sociedade galega xa subxugada pero que aínda así saberá rebelarse. Os capítulos dedicados ao mundo eclesiástico ábrenos a conciencia do gran poder da Igrexa e do monacato en Galiza. Pón de relevo o mercantilismo reliquiario de entón e narra como foron roubados polos prelados as reliquias de San Silvestre, de santa Susana, de San Frutuoso que foron levados a Compostela. 

A historia narrada é a plasmación figurada dos pensamentos dos dous protagonistas no remate das súas vidas, cando a vellez convértese nunha retrospectiva da vida. Xabier expresa os seus supostos sentimentos que acaban sendo verdadeiramente cribles e humanizadores.  Estas dúas figuras achégansenos confensando o por que dos seus feitos e propósitos e acaban amosándonos padecementos e ambicións nun tempo moi incerto e inseguro. Destes dous personaxes, Xabier parece decantarse por Urraca, xa que el ten un don especial para comprender o sufrimento das mulleres e Urraca sufriu. Pero, así e todo, soubo enfrontarse de xeito moi valente ante os seus opositores, soubo estar á altura nun mundo rexido polos homes, nobres e eclesiásticos, e foi quen de termar os duros envites. Unha muller que voltou casar para conseguir o reino de León con Afonso o Batallador, un home que a maltratou e que ela desprezou e aborreceu ata chegar a abandonalo. Xabier parece querer destacar dela que o que máis lle primaba era a xustiza pola fartura de ser sempre a "consorte de".

E nesta trama non podían faltar as revoltas composteláns, episodio inédito no que o pobo maniféstase contra o poder sen reparo. Nelas Urraca vivíu o que ningúen rei e raíña vivira  pois foi apedreada, aldraxada, espida e tirada ao barro. Ela veu a Galiza para impor a súa persoa e atopou a un Xelmírez que aproveitou para solicitar o goberno de Santiago e tamén encontrou ao Conde de Traba reivindicando un reino de Galiza e como rei a Afonso Raimúndez, fillo de Urraca. Urraca está soa e xa tivera que acceder, ante a presión dos nobres Traba e o propio Xelmírez, a que en 1111 coroasen ao seu fillo como rei de Galiza. Galiza independente de León? Pouco duraría xa que o Batallador non ía consentilo e así, xa temos á sociedade galega dividida. Pero Urraca aínda tería máis frontes abertos, tamén coa súa medio-irmá Tareixa, do reino de Portugal, que tamén ten intención de ocupar Galiza e voltar a unificala. Xabier narra o episodio das revoltas de Compostela cun gran ritmo narrativo e maxina os pensamentos de Xelmírez  ao agocharse coa raíña baixo o altar e di: "o lume das fachas botadas polos vilegos alzados converteu nun repente a paixón en compaixón...Consumido o desexo na cacharela que nos coutaba, apliqueime a convencela para que se salvase, pois ben sabía eu que a xenreira dos amotinados era contra min, o seu bispo, antes ca contra a raíña " (p. 168). Tras este grande disturbio de 1117 virían máis  e nun deles Urraca, que tamén pretendía as rendas e arrebatarlle o señorío ao arcebispo, non dubidou en prender a Diego Xelmírez mais tivo que recuar pois Cluny, o propio fillo,os nobres puxéronse ao fronte, mesmo o papa ameazou con excomulgala. Finalmente Urraca dobrégase e tivo que Xurar fidelidade a Xelmírez.

A xeito personal, considero, que ademais de trazarnos o enfrontamento e o pulso constante de dous personaxes tan excepcionais na nosa historia, como foron Urraca e Xelmírez, Xabier acaba facendo un tributo a Galiza. É unha novela metáfora de Galiza, do seu sufrimento frointeirizo, das súas loitas cainitas, dunha terra que sufríu as loitas de poder entre as propias familias e a Igrexa, a terra esnaquizada, agora cosida agora rota e resgada. A Galiza, reino Suevo, a comodín de vendas e tratados, unha Galiza que sempre foi terra sufrinte entre o poder temporal e espiritual. A Galiza querida por uns/unhas e ignorada por outros/as. Xabier parece querer deixarnos claro, de aí que lle dedique o epílogo da novela aos Traba, mantedores do Reino de Galiza, que cre nese Reino de Galiza como bo amante da súa terra, pois di: "Pasan os anos e os Traba, familia todopoderosa alén do Tambre, cimento do reino, segue a criar e educar reis. Trabes do reino..." (p. 262).

Tras a lectura da novela queda durante un longo tempo a meditación e recapitulación do lido,  tal como os protagonistas narradores fan repaso dos seus feitos. No transcurso dos días non para de bulir na cabeza tantos acontecementos,  así como a imaxe dos dous personaxes principais que acadaron sendo carnais pola humanización que lle outorgou o autor. É por iso que após de mergullada nunha historia tan complexa parece quedar un síndrome de baleiro ao rematala,. 

A escrita é brillante, todo un un alarde de elevada cultura que fai  ennobrecer a nosa literatura galega. Unha novela arriscada pois narra un período de grande complexidade da historia de Galiza mais, de novo, é unha demostración  de que Xabier Paz é deses escritores que non teme as dificultades e que escribe amodo, co pulso firme da man para ofrecer unha exquisitez narrativa. Unha novela urdida con grande intelixencia e sentimento poético.

Rosa M.Cid Galante.

17 de febreiro de 2024.