O sentido da horizontalidade é aquel que implica desenvolver ou incentivar un poder de decisión e de participación máis ou menos igualitario de todos os individuos que conforman unha sociedade. Trátase, ao meu entender, dunha máxima que se sustenta nunhas conciencias conformadas na asimilación de que todos os individuos teñen a mesma categoría. Malia, isto non se está conseguindo.
Hoxe en día podemos mirar cun sorriso cando se imaxinaba un mundo de "ciencia fición" en datas próximas ao noso século (lembremos o éxito do cine futurista, como 2001 Odisea en el espacio que buscaba a orixe da humanidade no espazo; Blade Runner ambientada no 2019 na que se vían coches voadores; Mensaxe do futuro, ambientada no 2013 na que se vía un mundo apocalíptico; Misión a Marte que no ano 2020 enviaba pasaxeiros a Marte; A Illa; Mad Max...) Evidentemente, sabemos que todo iso non é posible pois o mundo discurre lentamente (aínda que nos últimos anos coa era internet o revulsivo foi evidente), pero facían pensar que a evolución do ser humano traspasaba os límites terrestres. Non me interesa a ciencia fición pois resístome a que se queira conquistar o espazo cando temos en gran descoido á Terra pero asómbrame que o ser humano sexa tan capaz de inventar uns mundos tan evolucionados e se vexa incapaz de crear un mundo xusto para que a humanidade non se degrade. Para iso non fai falla máquinas, nin compostos químicos, nin experimentos...só fai falla vontade humana.
Os valores da humanidade aliméntase pola conciliación e os pactos entre os seres que habitamos na Terra, simplesmente fai falla diálogo e entendemento para poder chegar a acordos nos que todos, homes e mulleres, teñamos a mesma categoría. Mais a historia non vai en liña recta, todo se fai difícil e danse pasos pero tamén retrocesos.
Nin que dicir ten que canto máis se saiba da historia das mulleres máis preparadas estamos para saber o que se leva feito e o que queda por reivindicar. Na actualidade hai un elevado número de publicacións (afortunadamente) que axudan a ir coñecendo a historia das mulleres pois, ata hai uns anos, a historia era xenuínamene masculina, centrada en feitos históricos políticos e económicos nos que os protagonistas eran os homes e na que se excluía o papel das mulleres no proceso histórico. A abundancia de investigacións sobre a muller están dando fe de que a intervención desta na historia non é inventada, senón que ten unha substentación palmaria. As mulleres non foron meras espectadoras do devir histórico senón que, malia non ter a debida categoría social e política pois lles estaba totalmente vetado as esferas públicas, contribuíron e propiciaron cambios substanciosos non só nos propios feitos históricos senón tamén en pro dos seus dereitos.
Na miña cidade das damas vivirían:
Lucy viviu na depresión do Afar en Etiopía e viviu hai tres millóns medio de anos. É a chamada avoa da humanidade xa que é o primeiro homínido bídedo que ata agora se coñece e grazas a ela coñécese máis sobre a evolución humana. Lucy estaba embarazada, así que, volvemos lembrar que a muller é a depositaria da humanidade de xeracións tras xeracións pois ten a capacidade de que se desenvolvan os embrións no interior do seu corpo. A muller na prehistoria non foi pasiva como se cre. Hai un libro moi interesante de Claudine Cohen que se titula "La mujer de los orígenes" onde deixa patente que "o home prehistórico tamén era muller" e traza a historia do papel da muller na prehistoria con capacidade de supervivencia. É importante relevar que a dureza do medio obrigaba a ter unha fortaleza de supervivencia moi grande e a muller na prehistoria tivo esa capacidade de adaptación. Pensemos que as condicións de vida nos inicios da humanidade eran tremendamente extremas polo que o protagonismo das mulleres tivo que ser moi importante para a supervivencia do clan.
Hypatia muller fóra dos estereotipos da muller grega. As mulleres gregas non tiñan dereitos e as atenienses a pesares do seu sistema democrático tampouco podían votar (aínda que si podían acudir ás asambles) e a súa vida estaba centrada no "oikos", é dicir, no fogar. O seu sitio era o xineceo e educábaselles para iso. Por iso Hypatia chega a nós deslumbrándonos coa súa sabiduría e os seus coñecementos. Debeu ser asombrosamente interesante a parte de superintelixente pois soubo situar a Terra no espazo orbitando arredor do sol algo que entraba en contradición co que se concebía entón. Ensinaba co método socrático, preguntas, respostas, discusións....axudando a que cada un fose conformando o seu coñecemento. Espectacular.
Galaplacidia, outra das miñas mulleres. Filla de Teodosio I e Gala. Naceu no ano 388 da nosa era e viviu sesenta e oito anos. Ela converteuse na peza fundamental nun momento de desmoronamento do imperio romano de occidente. Tivo unha vida moi complicada e dura. Foi refén dos visigodos na súa chegada a Roma e obrigada a casar co fillo de Alarico. O matrimonio tivo que fuxir a Hispania e cando morreu Ataúlfo, o seu home, Constancio fíxoa a súa muller pois o emperador Honorio, que era irmán de Galaplacidia e heredeiro do imperio de occidente, así o dispuxo. Pero cando morreu Constancia ela escapou a Constantinopla e de alí a pouco, ao morrer Honorio, Teodosio II puxo no trono do imperio de occidente ao fillo de Galaplacidia chamado Valentininano III, pero como aínda era pequeno foi Galaplacidia a rexente. Exerceu o cargo con maestría e dilixencia demostrando que as mulleres tamén eran quen de conducir un imperio.
Teodora a emperatriz do imperio bizantino e, por dicilo, muller de Xustiniano. Pero non está na miña cidade das damas por ser a muller dun emperador, está porque para min ela foi unha muller tamén moi salientable. Proviña dunha infancia un tanto turbia e dunha xuventude un tanto libertaria pois na Constantinopla, cidade cosmopolita do medievo, ela traballaba no espectáculo e entretenemento e algunha biografía, como a de Procopio, di que tamén na prostitución. Deixou todo para casar cun comerciante co que viaxou por moitos lugares ata que coñeceu a Xustiniano. Casaron namorados. O papel relevanta de Teodora comeza coa revolución de Nika, unha revolta civil contra a subida de impostos de Xustiniano. Dita revolta foi intensa, tanto que o propio Xustiniano quería fuxir pero Teodora prohibiullo porque consideraba que un rei non podía abandonar nunca o seu trono. O carácter e temperamento de Teodora fixo que gozase de moita respetabilidade. O seu rostro, reflectido nos mosaicos da igrexa de Rávena dan mostra da súa mente lúcida, unha muller que estaba á altura do seu home, non en van, Xustiniando sempre quixo que o acompañase. Por que me gusta Teodora? porque levou a cabo unha serie de leis que favoreceron ás mulleres, condenou os prostíbulos por ser lugares de ultraxe para as mulleres, indicou que os fillos ilexítimos fosen recoñecidos e creou centros para apartar ás mulleres da rúa. O que se pode dicir, unha muller benefactora das mulleres.
Cristina de Pizan, outra referencia, outra marabilla de muller, foi a primeira editora da historia nacida en 1364 en Venecia. Era a filla dun filósofo e astrólogo pero a valía de Cristina é que era autodidacta. Falaba varios idiomas e inmiscuiuse no Humanismo. Mantivo á súa familia sendo escritora, poetisa, editora...Pero a valía desta muller está nun dos seus libros "La ciudad de las damas" o que poderíamos chamar o primeiro libro feminista da historia. Fala dunha cidade na que reina unha muller e onde viven as mulleres que para Cristina Pizan son importantes facendo alusión ás súas virtudes e ás virtudes de todas as mulleres en xeral desmontando todas as ideas misóxinas da época. Cristina creara "Quelle de la rose" que era unha agrupación de mulleres que debatían sobre o acceso das mulleres ao coñecemento e defendían a educación da muller seguindo a Bocaccio.
As miñas mulleres das Querelle de Femmes un interesantísimo movemento que durou dende o século XVI ata a Revolución Francesa constituído por mulleres que debatían sobre o dereito das mulleres a formarse e acudir incluso á universidade. Admíroas por defender as capacidades das mulleres. En España o movemento chegaría tarde pero destacarían Teresa de Cartagena e Isabel de Villena.
Olimpia de Gouges, admirada por min, foi quen de defender ese principio de igualdade entre xéneros. Cando nos inicios da Revolución Francesa a Asamblea Constituínte redacta a Declaración dos Dereitos do Home e do cidadán deixara completamente ao marxe ás mulleres. Así pois, foi Olimpia a que redactou en 1891 a Declaración dos dereitos da muller e da cidadá. Foi un paso importante pois equiparou aos homes e mulleres en dereitos. Olimpia arengaba ás mulleres: "Mujer, despierta; el rebato de la razón se hace oír en todo el universo; reconoce tus derechos". O nobre Condorcet, militante xirondino, consideraría aceptable as palabras de Olimpia pois el tamén consideraba que a muller tiña unha categoría similar a un escravo. Nunha Francia que entraba en convulsión revolucionaria e que nas sucesivas fases ía degradando os seus principios, Olimpia comeza a ser un estorbo pois critica ás políticas do xacobinos Robespierre e Marat. Con ela marcha a chama dos primeiros pasos dos dereitos das mulleres.
Mary Wollstonecraft é outro eslabón máis na conquista dos dereitos das mulleres e en 1892 redacta a Vindicación dos dereitos da muller, tamén animada por Condorcet, centrándose na necesidade de dar unha educación e formación ás mulleres...mais non declara abertamente a igualdade entre xéneros. Foi atrevida á hora de contrarrestar as opinións de Rousseau acerca das mulleres pois o filósofo, aínda que moi lúcido en moitas cousas, no tocante á muller foi bastante recalcitrante pois indicaba que as mulleres debían simplemente dedicarse ao que tiñan que dedicarse, é dicir, á vida da casa. A vida de Mary non foi doada xa desde a infancia na que foi testemuña dos maltratos que o seu pai profería á súa nai pero ela tamén tivo as súas contradicións, a razón e o corazón ían por separado. Os sentimentos de Mary non correspondidos fixeron que vivise nun tormento. Por iso, eu son máis de Gouges que de Mary pois Gouges casou e cando enviuvou continuou ela soa na loita sen pretender que outro home a protexera, de feito consideraba que o matrimonio era unha tumba para a muller. Mary foi dando tumbos en amores e relacións, incluso pareceu tolear con Gilbert Imlay, tanto que despois de ser ninguneada por el Mary quixo suicidarse. Ela chegou a dicir que sen amor non era capaz de vivir. En fin, paréceme que unha muller non ten que deixarse levar tanto polo sentimento e a paixón, ten que ser algo máis racional e facerse valer. Pero...non se pode negar a valía dos escrito de Mary.
Emmeline Pankhurst, impresionante, a primeira loitadora pola igualdade e o dereito das mulleres ao voto. A cabecilla das sufraxistas de finais do século XIX e trouxo de cabeza á sociedade pois o seu activismo non quedaba na mera palabra senón que era actuación e provocación. Chegou a estar encarcerada pero a súa valentía non se veu abaixo. Foi unha tremenda convencida pola causa e aglutinou a un gran grupo de mulleres.
Irena Sendler á calada e humilde Irena ocultaba na súa aparente fraxilidade unha tremenda fortaleza e valentía. Cando Polonia foi ocupada polos nazis ela sabía o que ía pasar. La pobre Polonia, un territorio que estivo na disputa entre imperios (xermánico e ruso) e que non se materializou ata o fin da primeira guerra mundial na recomposición do mapa europeo tras o Tratado de Versalles, seguía a ser disputado e demandado por Hitler no seu espazo vital. Esa Polonia que foi mascrada na súa identidade e cunha poboación reducida a guetos tróuxonos personaxes que merecen estar na memoria. É o caso de Irena. Ela coñeceu as condicións de vida que se estaban dando nos guetos xudeos e logrou introducirse neles aínda sabendo dos riscos para a súa saúde. Desde alí púxose en contacto con activistas e xudeos e comezou a salvar a milleiros de xudeos do holocausto de xeito clandestino. Non podo sentir máis respecto por estas mulleres que non pensaban nos riscos que corrían. Houbo máis casos e invítovos a ler un libro baseado en feitos reais que relata outra historia dunha muller que acubillou en diferentes lugares da súa casa a unha familia xudea e a un soldado alemán desertor...impresionante lectura: El secreto de mi madre de J.L. Witterick. É sinxelo pero non por iso menos impactante.
Rosa Park, muller que loitou polos dereitos dos negros. Imaxino o autobús no que ía Rosa e imaxino a súa cara e o seu corpo negándose a levantarse do seu asento para que se sentara un branco. Valente, arroiadora, faísca que fixo prender a marcha dos negros e a figura de Martin Luther King. Que tremendo valor. Rosa era muller e ademais era negra, todo se lle puña en contra, pero aí estivo, en pé.
En España teño tamén moitas mulleres ás que admiro.
Clara Campoamor, Victoria Kent, María Luz Morales, María Zambrano, Dolores Ibarruri....das que falarei noutra ocasión.
Eu quixera ser como todas elas.
Os homes que non conciben que a muller ten as mismas capacidades que eles é porque eles non teñen as capacidades suficientes para ver o obvio.
16 de agosto de 2021.