Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Matrona. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Matrona. Mostrar todas las entradas

09 octubre 2022

MARÍA GARCÍA


María García naceu en Ourense  e tras realizar a validación de ingreso na Normal que era requisito  realizou os dous cursos de matrona e as prácticas no Hospital Clínico de Barcelona. 
En xaneiro de 1932 abriu a súa consultoría na cidade e anunciábase recurrentemente na prensa local indicando que era ciruxiá e profesora de partos. 
Consultaba na rúa Cisneros número 3 no segundo piso, Praza do Trigo. Un lugar suficientemente céntrico para as mulleres que prescisaban atención durante o embarazo. Tamén ofrecía servizos a domicilio e atendía gratis ás mulleres pobres da cidade.


(Elaboración propia) Vid: La Región, 28 de xaneiro de 1932.



22 junio 2022

ANTONIA NOVOA

Exercía en 1919 en Ourense a profesión de comadrona,  título que acadou na Facultade de Santiago. Tiña a consulta na rúa do Instituto número 30 pero logo trasladouse á rúa da Paz, número 16,  terceiro piso. 

Atendía partos, facía recoñecemento e seguimento do embarazo e tamén ofrecía pensión á parturentas garantizando hixiene. A consulta estaba aberta a todas horas e aseguraba discreción para aquelas mulleres que o precisasen.

 Rúa da Paz
(Elaboración propia)
Vid: La Región, 21 de xaneiro de 1917.

19 diciembre 2021

SARA ESTÉVEZ ÁLVAREZ


Sara Estévez Álvarez naceu en 1898 no pobo de Crespos, Padrenda. En 1916, cando tiña catorce anos realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. Tamén sacou o título de Mestra Nacional.
Completou a súa formación en Bos Aires como interna na Maternidade de Rawson e aquí sacaría a Diplomatura de Partera. Logo trasladouse a Madrid onde foi axudante do Doutor Varela Radio, unha eminencia no mundo da mediciña. Un galego, nacido en Pontevedra  e que estudou na Universidade de Santiago e despois se trasladou a Alemaña para seguir formándose. Estando en Madrid foi titor de moitos galegos que estudaban medicina na capital. Sara aprendería con el os interesantes adiantos técnicos que comezou a aplicar na xinecoloxía como a radioterapia. 

Outro dos seus mentores sería Sebastián Recasens, ciruxián e especialista en obstetricia e Xinecoloxía e de grande fama pola súa profesionalidade e por ter sido o médico xinecólogo que asistiu á Raíña Victoria Euxenia para dar a luz ao infante Gonzalo Manuel.

Sara tamén acabou sacando o Título do Seguro Obreiro de Maternidade que consistía en atender ás nais obreiras segundo se estableceu no Real Decreto do 26 de maio de 1931. A lei lexitimaba o papel da matrona nos partos das obreiras o que contribuía a diminuír o intrusismo na profesión.
De volta en Ourense instalou o seu consultorio para asistir a partos e facer curacións na rúa Libertad, nº 7 primeiro piso, e logo na rúa de Colón e finalmente na rúa Progreso, nº109 pero tamén abriu outro en Ribadavia a onde acudía dous días ao mes. Atendía previa cita chamando ao teléfono nº 27 e anunciábase diariamente na prensa local, tanto na Región como na Zarpa pero tamén na prensa de carácter nacional como na publicación El Blanco y Negro editado en Madrid.



(Fonte: La Región, 17 de abril de 1934, p. 5. Galiciana)
(Fonte: Blanco y Negro, 16 de setembro de 1934, p. 197.)

(Elaboración propia)
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Imaxe inicial, Programa de Festejos del Corpus, 1934;La Región, 26 de outubro de 1932, p. 6 El Eco de Santiago, 26 de decembro de 1919.




15 mayo 2021

MERCEDES MOURIÑO FERNÁNDEZ


Mercedes Mouriño Fernández naceu en Ourense o 4 de outubro de 1892 e tiña a titulación de Matrona que supuña dous anos de estudos revalidados no exercicio teórico-práctico ante un tribunal. 

Para facer os estudos de matrona había que ter máis de vinte anos e realizar a validación de ingreso nunha Normal. Pois ben, Mercedes realizou a proba de ingreso o 28 de setembro de 1923 que unha vez validada dáballe entrada aos estudos. Como por aquel entón non estaba casada non tiña que levar ningunha autorización do home.

Era profesora de partos con exercicio e práctica na clínica do doutor Don José Carlos Herrera, profesor na Facultade de Mediciña en Santiago de Compostela. Foi, polo tanto, alumna do Gran Hospital Real de Santiago e unha das pioneiras na mediciña da muller e tiña a súa consulta na Avenida de Bos Aires, nº 41 pero en 1929 traslada a súa consulta ao número 125 da mesma rúa, fronte ao Cuartel da Garda Civil. Ofrecía servizos profesionais con habitación e servizo completo para as mulleres que nas súas casas non podían ser asistidas cos coidados que o parto requiría. Anunciábase diariamente na prensa local tanto en La Región como La Zarpa.

(Fonte: La Zarpa ,26 xuño 1924)

Os estudos de matrona comprendía dous anos e logo de aprobalos as alumnas tiñan que superar a proba xeral teórico-práctica diante dun tribunal.

Era unha profesión de gran demanda xa que por aquel entón non había médicos que tivesen a especialidade de xinecoloxía. Sería o doutor Peña Rey o primeiro en crear unha clínica en Ourense de obstetricia. 

En febreiro de 1946 Mercedes casou con José Núñez Lago traballador de Renfe e o matrimonio residiu na Avenida de Bos Aires, número 125 fronte ao Cuartel da Garda Civil. 

Mercedes exercía a beneficiencia municipal asistindo ás mulleres necesitadas do Ourense de 1924 que ingresaban na Casa de Socorro. Deste xeito supuña un importante apoio para moitas ourensás que atoparon nestas profesionais unha axuda para traer ao mundo aos seus bens máis queridos, os seus fillos. Xunto a ela tamén exercían a profesión: Aurea Soto, Sara Estévez, Martina Alejandra, Elvira Fernández...

Segundo estudos do doutor-investigador David Simón, Mercedes Mouriño foi represaliada xunto con Ofelia Soto e unha importante nómina de facultativos médicos e sanitarios. Non era raro ter no punto de mira ás matronas pois exercían un labor de compromiso social coas mulleres. 

(Elaboración propia  a partir de fontes diversas.Vid: La Zarpa ,26 xuño 1924; La Zarpa ,5 xaneiro 1929; Alberto Gomis y Dolores Ruiz-Berdún, ambos profesores de Historia de la ciencia en la Universidad de Alcalá, titulado Compromiso social y género: La historia de las matronas en España en la Segunda República, la Guerra Civil y la autarquía (1931-1955 ) 

20 abril 2019

OFELIA SOTO GARCÍA

Introducimos no blog unha achega importante e agradezo a información ofrecida por Nacho Rivero Madriñán e Marosa Salgado Madriñán netos desta grande muller.

Dona Ofelia Soto García naceu o 5 de xuño de 1908 en Nogueira de Ramuín. Era filla de Eulogio Soto Pombar,  que era irmán de Sara, Josefa,  María Aristides, Margarita e Mercedes, algunhas delas figuran neste blog.

Ofelia, cursou o Bacharelato no Instituto de Ourense. Casou en marzo de 1928 con Don Modesto Madriñán Neira, fillo do avogado e Oficial Maior da Deputación Provincial, don Luís Madriñán. Casaron na Igrexa de Santa Eufemia e tiveron 11 fillos. Dona Ofelia, xa con fillos, examinouse en Santiago de Matrona tras os seus estudos e prácticas co Doutor Peña Rey, obtendo o título. Logo exerceu como comadroa de Ourense e axudou a traer ao mundo a moitos nenos. Traballou  como matrona titular do Hospital Provincial (Deputación)  e do Concello e tamén foi a primeira comadroa da Seguridade Social en Ourense segundo se instalou. Traballou cos primeiros xinecólogos de Ourense, a moitos deles case os formou nos seus primeiros pasos despois de rematar na Universidade. Era a única comadroa que facía turnos de noite e tivo o primeiro teléfono da cidade que non estaba en lugar público. Exercería a profesión con grande vocación ata que se xubilou.

Non obstante, a vida de Ofelia non foi doada pois sufriu o proceso de depuración que se levou a cabo no Colexio de Médicos de Ourense durante o franquismo entre os anos 1939 e 1943. A orde do 6 de outubro de 1939,  publicada no Boletín do Estado o día 7 de outubro, ordenadaba a depuración de médicos pola súa conduta político-social en relación ao Glorioso Movemento Nacional. A partir de 1940 comezóuselles a abrir expediente a moitos médicos da provincia e nesa relación incluíuse á matrona Ofelia Soto García pois tamén era sospeitosa de conduta contra o GMN por estar a traballar con moitos deles, finalmente non foi sancionada.

Deste xeito, estamos ante unha grande muller, unha traballadora vocacional e profesional e moi querida pola xente xa que sempre axudou aos mais necesitados e conseguía canastillas para os pequenos. Por iso, non é de extrañar que fose madriña de multitude de nenos porque llo pedían os pais.



                                           La Región,  15 de xaneiro de 1936

Xa con case noventa anos estivo presente no parto dalgunhas das súas netas. Medio Ourense e os seus arredores lembran a Doña Ofelia.





Na ilustración que aparece a continuación pódese ler o marabilloso escrito na prensa que o Doutor Martinón Sánchez escribiu sobre Ofelia Soto cando esta faleceu. Dedícalle a Ofelia Soto unhas fermosas palabras. Creo que moi ben merecidas. Dito recorte foi facilitado pola familia:

(Recorte de prensa enviado pola filla de Ofelia Soto)

Nota: Información e fotografías facilitadas pola familia de Ofelia Soto.
Véxase tamén:  David Simon: Médicos orensanos represaliados en la Guerra Civil y en la postguerra. Historias de "Longa Noite de Pedra", Fundación 10 de Marzo, Colección de Estudios Nº 8, Santiago de Compostela, 2010, páx. 113.
Heraldo Gallego, 29 de abril de 1928
Vida Gallega, 20 de abril de 1928
El Pueblo Gallego, 1 de abril de 1928
El Pueblo Gallego, 10 de setembro de 1958
El Pueblo Gallego, 21 de xuño de 1960
El Pueblo Gallego, 13 de agosto de 1961.

07 abril 2019

JOAQUINA ALONSO BOENTE

Joaquina Alonso Boente naceu en Petín o 22 de setembro de 1888. Ingresou aos 39 anos, no ano 1927, na Facultade de Mediciña para realizar os estudos de Matrona. Acadou o título en 1929 coas maiores cualificacións, motivo polo cal recibiu moitas felicitacións. Era a muller do farmacéutico de Salceda de Caselas, Don Enrique García Cesar, e sobriña do que fora gobernador en Pontevedra, Don José Boente.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1939), Tese de Doutoramento, Universidade de Vigo, 2006; El Pueblo Gallego, 11 de xullo de 1929.; El Eco del Condado, 10 de xaneiro de 1929.; El Eco del Condado, 10 de outubro de 1928.

20 abril 2010

NIEVES FERNÁNDEZ CRUZ

Naceu o 16 de marzo de 1892 en O Barco de Valdeorras. Ingresa na Facultade de Medicina para realizar estudos de matrona no curso 1914-15 cando contaba con 22 anos. Estuda por libre e consegue un brillante expediente. 

Para a  regulación dos estudos de matrona ditouse a Real cédula o 10 de decembro de 1828, e de forma máis exhaustiva, a do 21 de novembro de 1861 onde se regulou o ensino de practicantes e matronas. 

Para realizar esta especialidade requiríanse unha serie de condicións: ter cumpridos 20 anos, ser casada ou viúva, ter cursado a primeira ensinanza elemental completa e ter aprobado as disciplinas seguintes: obstetricia, fenómenos do parto e sobreparto naturais e os laboriosos, regras para asistir ás parturientes e paridas e aos nenos, primeiros e urxentes auxilios e maneira de administrar auga. 

Os estudos e prácticas efectuaríanse a porta pechada e en horas distintas dos practicantes. Dita sección autorizouse en Madrid, Barcelona, Granada, Santiago, Sevilla, Valencia e Valladolid. O RD de 10 de agosto de 1904 no seu artigo 13 dicía que para facer a inscrición no primeiro curso de matronas esixíanse estes requisitos: primeiro, ser maior de idade; segundo, certificado de aprobación nunha Escola Normal de mestras, da ensinanza primaria superior; terceiro, autorización do home se fora casada.


Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento inédita; ORTIZ GÓMEZ, Teresa, “De matrona a matrona: Francisca Iracheta y la divulgación de la ciencia obstétrica en España en 1870”, en Arenal, nº 1, vol. 6, pp. 183-195.