Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Inspectora. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Inspectora. Mostrar todas las entradas

21 mayo 2025

MARÍA CID LÓPEZ

A satisfacción e o ánimo que produce facer este blog vén polo feito de querer dar a coñecer a vida de moitas mulleres, ourensás, que considero pioneiras e meritorias polos camiños que trazaron. Pero outra das recompensas que obteño é que contacten comigo as familias para ofrecerme fotografías ou información ou agradecemento por falar das súas nais, avoas...mulleres da súa familia. 

Neste caso quero agradecer encarecidamente que PABLO CID MIRANDA, sobriño neto de María, me enviase a fotografía de María Cid, a protagonista desta entrada. Para min motivo de grande emoción pois queda máis completo o tributo que lle brindamos. Grazas, Pablo, polas palabras que me enviaches. 

María Cid López[1] naceu nas terras de Valdeorras, Ourense, o 22 de marzo de 1900 e os seus pais rexentaban un comercio na cidade. O 7 de xuño de 1912 fixo o exame de ingreso no Instituto Provincial e logo matriculouse en catro cursos por oficial. As cualificacións obtidas foron brillantes pois sacou catorce Matrículas de Honra. Rematou os estudos en 1916 e o 5 de agosto de 1918 solicitou un certificado da Escola Normal de Ourense e comezou a traballar como mestra interina. 

Aprobou as oposicións de maxisterio en 1920 e tivo o seu primeiro destino provisional na escola de Barbadás, Ourense. Posteriormente accedeu á función inspectora.

(Fonte: Vida gallega : ilustración regional: Año VIII Volumen V Número 77 - 1916 octubre 30, p. 17.)

O acceso das mulleres á función inspectora materializouse no Real Decreto do 7 de febreiro de 1913 que dicía:

“Inspección femenina, a cuya gestión habrá de confiarse un número prudente de Escuelas de niñas. Se trata de un ensayo al cual va resueltamente el Ministro que suscribe, deseoso de contribuir a la obra iniciada en anteriores disposiciones de este departamento, por las cuales la mujer va logrando en España las facilidades necesarias para realizar su vida y toda la posible colaboración en la función docente. Es de esperar que las nuevas inspectoras cumplirán su misión con tal eficacia que anime a dar mayor alcance a este ensayo, cuyo desarrollo en la práctica servirá de norma para adoptar las determinaciones que se estimen más útiles”. [5]

Hai que dicir que para formarse para o corpo da inspección había que acudir aos Estudos Superiores de Maxisterio de Madrid.

Como dixemos, polo RD do 7 de febreiro de 1913 créase o corpo de inspectoras (Lei de Rafael Altamira). No artigo 2 indícase como se procedería co acceso:

Dous terzos da inspección procederían por nomeamento directo da Escola Normal Superior; outro terzo accederían por oposición que consistía na realización na Superior de Madrid de cinco exercicios:

-Exercicio escrito de dous temas sacados a sorte de entre vinte sobre Pedagoxía, Historia da Pedagoxía, Lexislación escolarcomparada e técnica da inspección.
-Exercicio oral a cinco temas sacados a sorte entre os mencionados anteriormente.
-Tradución do francés dun texto de Pedagoxía e sen emprego de dicionario.
-Exercicio práctico sobre a tramitación de algún expediente ou unha visita a unha escola.
-Exercicio práctico de ensinanza nunha escola nacional.

O RD do 4 de marzo de 1915 introducíronse modificacións pois accederíase á función inspectora por Auxiliarías e a proba escrita consistía na realizarción de tres exames:

-Exercicio escrito que consistirá nunha redacción dun informe sobre un caso práctico de lexislación escolar e outro sobre un punto de Pedagoxía ou Historia de Pedagoxía ou Organización escolar. Realizarase ante tribunal.
-Exercicio práctico: visita de inspección a unha escola pública ou privada e redactar un informe.
-Exercicio oral que consiste en contestar verbalmente a un tema sobre Piscoloxía pedagóxica, Organización escolar e Didáctica e a traducir correctamente do francés.

Durante o período da Ditadura de Rivera ditáronse o RD do 12 de febreiro e do 29 de agosto de 1924 e o RD do 13 de outubro de 1925 cos que houbo unha volta atrás no referido á inspección educativa. Houbo outro decreto máis neste período que foi o RD do 16 de abril de 1926 no que se estableceu que o Ministerio adscribía aos inspectores segundo conviñera e, polo tanto, considerábanse persoal da máis estrita confianza do réxime. Coa chegada da República derrogáronse os decretos da ditadura e restableceron aspectos do 5 de maio de 1913 pero ao longo do período foise axustando un regulamento de acordo coa nova conxuntura e cos propósitos que tiñan sobre a educación.[6]

No planteamento das oposicións é apreciable que houbo unha evolución no perfil da función inspectora ao longo das diferentes regulamentacións. Nun primeiro momento requeríase unha inspección erudita de coñecementos teóricos demostrados por medio da superación dunhas probas sobre a historia da pedagoxía; metodoloxía e lexislación. En 1913 buscábase unha faceta máis práctica xa que ademais de coñecementos de pedagoxía tiña que realizar exercicios de carácter práctico baseados no suposto da tramitación de expedientes e de carácter didáctico coa impartición de clases nunha escola nacional. En 1915 as oposicións introducían coñecementos de psicoloxía e os exercicios prácticos reducíanse á unha visita a unha escola e a redacción dun informe sobre a inspección. Agora ben, en todos os sucesivos procesos de oposición introduciuse o exercicio de tradución dun texto do francés para dar proba das destrezas do manexo dun idioma estranxeiro, o que demostra o interese de que os inspectores fosen persoas cultas e con capacidade de enriquecerse coa lectura de libros estranxeiros sobre cuestións pedagóxicas, didácticas ou metodolóxicas para estar ao tanto dos movementos reformadores e modernizadores europeos. 

Dito isto podemos continuar dicindo que, cumprindo os requisitos pertinentes, María Cid presentouse en 1929 ás oposicións á inspección. Ese ano ofertábanse oito prazas pero tras finalizar o proceso destacáronse os méritos de tres mestras máis, considerándose a posibilidade de que se lles adxudixase unha praza, segundo a regulamentación de 1915. Entre esas mestras meritorias atopábase María que sería nomeada inspectora da provincia de León en decembro de 1929 cun soldo de 4000 pesetas. No ano 1932  foi destinada a Murcia e despois a Santa Cruz de Tenerife. Logo xa obtivo o traslado a Ourense, tomando posesión do cargo o 25 de xaneiro de 1933. Asignáronlle a zona do Partido Xudicial de Carballiño (menos Cea e Piñor de Cea que se incluían noutra zona) e uns anos despois corresponderíalle a de Bande.

Comezou a ter notoriedade entre a sociedade ourensá. Era habitual vela formar parte de tribunais de oposición. Tamén acudía ás Semanas Pedagóxicas como á de Ribadavia onde disertou sobre “La ficha escolar”. Nesta charla puxo de manifesto un concepto novo de ensinanza-aprendizaxe e os posibles condicionantes de aprendizaxe na escola[2]. Comezou dicindo que unha das características fundamentais da Escola é o coñecemento que se debe ter do  dobre aspecto, físico-psicolóxico, dos nenos. Mantiña que as escolas debían proporcionarlles aos cativos o traballo máis adecuado ás súas aptitudes e aficións. Indicou que o docente debía facer unha observación exhaustiva dos educandos para lograr éxito no estudo comezando pola realización da ficha paidolóxica de cada un dos escolares na que se debía recoller os seguintes datos: o nome do neno, idade, data de ingreso na escola, estado da cultura, nomes dos pais, idade destes no nacemento do fillo, enderezo, profesión, etc. Tamén debía incluír o peso, talla, musculatura, deformacións, sangue, agudeza visual, agudeza tactil, enfermidades padecidas, pronuncia, etc. Na ficha tamén deberían constar os traballos e as referencias dos pais, avós, bisavós e tías, incluso as enfermidades que padeceron e idade á que faleceron. Ademais debía anotarse información sobre cuestións psicolóxicas conxénitas e as aptitudes, actitudes, aficións, memoria, vontade, imaxinación... Toda esta información, física e psíquica, dos nenos debía servir para que o docente soubese adaptar a aprendizaxe a cada neno. 

Tamén era propio dela reunirse cos mestres da súa zona para chegar a constituír un Centro de Colaboración Pedagóxica e compartir experiencias entre todos. En concreto en Boborás indicou aos docentes a influencia decisiva que teñen no labor educativoas novas institucións culturais. E noutra ocasión ela mesma encargouse dos preparativos da excursión cos nenos de Boborás, actividade que sería resaltada na prensa :

“Los niños rebosando emoción y alegría, van ocupando sus puestos. Nuestra eximia inspectora doña María Cid López vence con insuperable entusiasmo el agotamiento producido por largos y fatigosos días de peregrinación visitando escuelas enclavadas en inhóspitos lugares y se dispone con ejemplar grandeza de alma, a dirigir la excursión, dándole así solemnidad y prestigio…” [3] 

Era unha muller de convicións modernas e, por tal motivo, estaba fichada como "afecta ao Republicanismo":

(Fonte. PARES. Centro Documental de la Memoria Histórica, DNSD-SECRETARÍA,FICHERO,12,C0142700

En 1937 ocupou o cargo con carácter interino de Xefa Inspectora polo cese de Don Afonso Iniesta. O 22 de novembro de 1939 foi nomeada Inspectora xefa de Primeira Ensinanza desta provincia, cargo do que cesará voluntariamente o 17 e novembro de 1944. Anos despois, en xaneiro de 1950, cesa voluntariamente nesta provincia para pasar a prestar servizos en calidade de agregada en Toledo:

En las oficinas de la Inspección de Enseñanza Primaria de Orense a veinticinco de enero de mil novecientos cincuenta, se extiende la presente diligencia para hacer constar que, con fecha de ayer, se ha recibido del Ilustrísimo sr. Director General de Enseñanza Primaria una comunicación que, copiada a la letra dice:
Con esta fecha, el Excmo Sr. Ministro del Departamento me comunica lo siguiente: “Ilmo Sr. Este Ministerio acuerda que la Inspectora de Enseñanza Primaria de la provincia de Orense, Doña María Cid López, pase agregada a la Inspección de Enseñanza Primaria de la provincia de Toledo, si bien seguirá percibiendo sus haberes por la plantilla de Orense. Lo que traslado a V.I a los efectos oportunos. Dios guarde a Vd muchos años. Madrid, a 18 de enero de 1950, etc.
Y para que conste, a los efectos que en orden se tramita, lo firmo en Orense, con el visto bueno del Sr. Inspector Jefe, en la fecha señalada.

Inspector jefe. Emilio Nogueira
Inspectora Secretaria: Antolina Vila[4].

Con data de 12 de setembro de 1952 reintégrase de novo na plantilla de inspectores en Ourense, actividade que compaxinará coa súa incorporación ao plantel de profesorado da Normal de Mestras. 

Exerceu de inspectora ata o ano 1966. En maio de 1968 o maxisterio do Barco de Valdeorras tributoulle unha homenaxe e o alcalde fíxolle entrega dunha placa de prata. A dedicación de María Cid na función inspectora era, deste xeito, recoñecida e agradecida.

A nosa insigne muller faleceu en 1978 pero a súa memoria permanece.

(Elaboración propia. Entrada suxeita a publicación)
[1] Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento. El magisterio español, Revista General de la Enseñanza, Número 4101, 6 de maio de 1913, p. 243; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza Número 6232, 21 de febreiro de 1922, p. 362; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza Número 8369, 5 de agosto de 1929, p.15; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza , Número 8970, 14 de abril de 1932, p. 70; El Magisterio español, Revista General de la Enseñanza, Número 8982, 12 de maio de 1932, p. 238; El Progreso, Número 10824, 7 de maio de 1929, p.3; La Libertad, Número 3052, 29 de decembro de 1929, p.10; El Día de Palencia, Número 12584, 9 de xaneiro de 1930, p. 6; El Pueblo gallego, Número 5046, 24 de novembro de 1939, p. 1; Número 3115, 23 de marzo de 1934, p. 10; Manuel SOUTO CACABELOS, Manuel “Boborás. Labor cultural”, El Pueblo gallego, Número 3417, 21 de marzo de 1935, p. 11; Número 3500, 26 de xuño de 1935, p. 3; El Correo gallego, Número 25563, 13 de marzo de 1954, p. 5.
[2] “Semana Pedagógica en Ribadavia”, La Zarpa, 11 de abril de 1934, p. 1.
[3] El Pueblo gallego, Número 3519, 18 de xullo de 1935, p. 13.
[4] AHPOu, Libro registro de inspectores (1947-1971), p. 21, Caixa 24121/12.
[5] Real Decreto del 7 de febrero de 1913, Gaceta de Madrid, 9 de febreiro de 1913, pp. 338.
[6]Vid: LÓPEZ DEL CASTILLO, Mª Teresa, Historia de la inspección de primera enseñanza en España, Madrid, Ministerio de Cultura y Deporte, 2013; FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La inspección de Primera Enseñanza en la España del primer tercio de siglo XX: modelos, contextos y protagonistas” Historia Caribe - Volumen XIII N° 33 - Julio-Diciembre 2018 pp 179-218; MAYORGA MANRIQUE, Alfredo, “La inspección en el nivel de la educación primaria. Proceso histórico, Revista de Educación. Inspección educativa, 320, Setembro-Decembro de 1999, pp 13-41; GÓMEZ SANMIGUEL, Eva, Inspectoras de primera enseñanza en el segundo tercio del siglo XX, Tese de Doutoramento, Universidade Complutense de Madrid, 2017; CAMACHO PRAT, Alexandre, “Los antecedentes remotos de la inspección educativa durante el antiguo régimen”, Supervisión 21. Revista de educación e inspección, nº 38, 2015, versión dixital; RAMÍREZ AISA, Elias: «Génesis y configuración de la Inspección de Educación en la España liberal, 1808-1874». Madrid: UNED, 1998. Director: Dr. Manuel de Puelles Benítez.. Historia de la Educación [Internet]. 23 Sep 2013 [citado 14 May 2020]; 17(0): 536-537. Disponible en: https://revistas.usal.es/index.php/0212-0267/article/view/10764.

Foto: Vida gallega : ilustración regional: Año VIII Volumen V Número 77 - 1916 octubre 30, p. 17.

20 abril 2025

JOSEFA VÁZQUEZ LINARES

(Entrada suxeita a publicación nun libro).
Naceu en Cartagena, Murcia, o 21 de xaneiro de 1902. Era filla dun tenente coronel chamado Antonio Vázquez Monreal e de Rosa Linares. 

Estivo como mestra na sección preparatoria no Instituto Escola un centro fundado en 1918 en Madrid e pioneiro na aplicación de pedagoxías modernas e renovadoras e constituíu xunto coa ILE e a Xunta para Ampliación de Estudos unha iniciativa para a provocar un cambio na educación en España. Exerceu como mestra de párvulos na escola de Simancas desde 1928 a 1933. 

Ingresou na Escola Superior de Maxisterio en 1925 na sección de Letras e en 1932 presentouse ás oposicións de Inspectora realizando os exercicios con sobrada capacidade e realizando o último exercicio práctico preceptivo das oposicións e de duración de tres horas na escola de nenos da rúa Villamagna, número seis. 

Unha vez que as aprobou foi destinada no outubro dese mesmo ano á provincia de Ourense, concretamente toma posesión o 2 de xaneiro de 1932. 

Encargaríase da zona sete que comprendía as escolas de Canedo e Pereiro de Aguiar e as do partido de Viana do Bolo. A maiores das súas responsabilidades como inspectora tamén era asidua nos cursiños de perfeccionamento do maxisterio e un dos seus temas preferidos de exposición era A personalidade do neno no que desenvolvía a teoría da importancia que este carácter ten á hora de levar a cabo a súa aprendizaxe.

En 1934 trasládase a Sevilla como inspectora, cesando do cargo en Ourense o 21 de febreiro de 1934.[1].

[1] AHPOU, personal, Libro registro personal. Personal de la Inspección, (1932-1968), C.24121/11; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 7315,3 de outubro de 1925, p. 20; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 8984, 17 de maio de 1932, p. 265; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 9067, 26 de novembro de 1932, p. 285; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza,  Número 9241, 13 de xaneiro de 1934, p. 73; “Acuerdos de la Junta de Inspectores de primera Enseñanza de Orense”, La Zarpa, 13 de diciembre de 1932, p. 7.

16 febrero 2025

MATILDE CAMACHO JÁUDENES

(Entrada suxeita a publicación en libro). Naceu en Jerez de la Frontera o 21 de outubro de 1908 pero foi unha destas mulleres que viñeron á Ourense a exercer a súa profesión deixando a súa impronta. 

Era filla de de León Camacho Ceprián, capital de cabaleiría, e natural de Visos del Marqués, Cidade Real, e súa nai era Matilde Jáudenes y Nestares nacida en Pamplona. Realizou estudos de maxisterio na Escola Normal de Mestras de Segovia, alí fixo o exame de ingreso o 2 de xuño de 1923 e estivo matriculada ata 1927, realizando os catro cursos nos que sacou unhas notables cualificacións e destacando nas materias de Aritmética e Xeometría; Música; Gramática Castelá; Álxebra; Historia Natural; Literatura Española; Ampliación de Xeografía de España e Historia da Idade Contemporánea[1].

Aprobou as oposicións de maxisterio en Madrid no ano 1929. Era mestra en Cidade Real, na auxiliaría de Malagón. Ao aprobar as oposicións á Inspección en 1934 veu destinada á provincia de Ourense onde tomou posesión o 1 de xaneiro de 1935 e adxudicándolle a zona nove que era a do partido de Trives. Era moi ben recibida nas visitas que facía ás escolas como así o manifestaron os veciños de Castro Caldelas da que dicían que era distinguida e compracente inspectora. As súa visitas considerábanse un acto social e incluso festivo pois era recibida con todas as honras, recolléndose o evento na prensa con palabras sempre eloxiosas:

El día 20 del actual y en el auto de línea, llegó a esta villa, al objeto de girar visita a las escuelas de su zona, la inspectora de Primera enseñanza con destino en esta provincia la Señorita Matilde Camacho Jaures.

Procede la joven y agraciada inspectora, de las últimas oposiciones a inspectores, y une a sus muchos encantos femeniles una conversación amena y atrayente a su elegante distinción, una gran amabilidad a su sólida cultura literaria y pedagógica una natural sencillez; en fin, resulta una persona hecha a propósito para el cargo.

Según nos han manifestado varios de los maestros, cuyas escuelas han visitado, conoce a perfección la escuela primaria y tiene un tanto esmerado para la dificilísima misión que se le ha confiado.

Muy de veras felicitamos a la señorita Camacho y le deseamos muchos éxitos en su nueva labor docente en pro del niño de la Escuela y del maestro, éxitos que son de esperar dada sus excelentes cualidades[2].

Promoveu na zona a creación do Centro de Colaboración de Castro Caldelas que animaba a participación do profesorado da zona xunto coas autoridades para un bo funcionamento das escolas. Permaneceu ata 1937 pois ese ano regresou a Cidade Real e, en 1946 foi trasladada a Murcia, onde constaba que seguía traballando en 1961.

[1] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32-09603-00071-010; [2] Visita de Inspección, La Región, 27 de febreiro de 1935.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes. El Magisterio español, número 8362, 27 de xullo de 1929, p. 10; El Noticiero gallego, nº. 1952, 4 de marzo de 1934, p.4; El magisterio español, nº 9383, 18 de decembro de 1934; El Pueblo gallego, nº 3363, 17 de xaneiro de 1935, p.13; El Pueblo gallego, Número 3609, 31 de outubro de 1935, p. 4; “Nombramiento en virtud de traslado de Inspectores de Primera Enseñanza”, La Noche, 23 de abril de 1946, p. 1.

29 enero 2025

FRANCISCA VICENTE MANGAS

(Entrada suxeita a publicación. Non copiar). 
Non haceu en Ourense pero veu exercer como inspectora e deixou unha interesante impronta pola defensa dunha educación laica e activa.

Naceu en León e era filla de José María Vicente, profesor da Normal de Mestres de León. En 1922 ingresou na Escola Superior de Magisterio e en xullo de 1924 aprobou as oposicións a escolas nacionais do rectorado de Madrid. En 1925 pasou a rexentar a escola de Rioseco de Tapia, León, permanecendo en dita escola durante varios anos. En 1928 solicitou a excedencia para exercer como profesora Auxiliar de Pedagoxía na Escola Normal de Mestras de Cidade Real, en 1929, foi nomeada Auxiliar de pedagoxía na Normal de Palencia e en 1933 ocuparía o posto de Auxiliar na Normal de León.

En febreiro de 1933 foi nomeada inspectora de Ourense ocupando a praza vacante de Piedad Fernández López, polo tanto, tivo que solicitar a excedencia na Normal de León. En maio dese mesmo ano foi nomeada inspectora de Primeira Ensinanza na provincia de León sendo a única candidata a aspirar a dito posto.

No cursiño de perfeccionamento para mestres celebrado en Ourense entre os días 14 e 28 de maio de 1933 Francisca Vicente pronunciaría unha interesante charla titulada Laicismo onde defendeu que era preciso unha formación densa dos homes do país desde a escola pois estábase operando unha nova estruturación nacional. Afirmaba que a escola laica non viña a significar incompatibilidades de diferentes crenzas e avogaba por unha humanidade solidaria e tolerante:

Se aspira a que la humanidad, hoy en formación, conviva unida por lazos de solidariedad, y así lo proclama el artículo 48 de la Constitución; a que la mayor tolerancia evite incompatibilidades nacidas de diferentes creencias. Es así como se hizo necesaria la escuela laica.

La mayoría de las escuelas nacionales no se desenvuelven dentro del más puro laicismo. En unas por timidez se huye hasta de pronunciar la palabra religión y otras escuelas van más allá de lo que laicismo significa, convirtiéndolas en ofensores de la creencias religiosas del pueblo donde radican.

Las escuelas ha de ser respetuosas con todas las religiones, pero sin profesar ninguna.

La misión del Maestro como la de todos los organismos dedicados a la enseñanza, no está en criticar la escuela laica, sino en aceptarla de buen grado por lealtad al Estado que las mantiene con ese fin; y si en algún momento sintiéramos escrúpulos de conciencia, tenemos una puerta por donde salir honrosamente antes de manchar nuestra conducta…

Los enemigos de la escuela laica se destruye la moralidad del niño. La escuela laica y lo mismo la confesional pueden deformar moralmente al niño si el maestro que la dirige no se cuida de evitarlo[1].

Tratábase dun tema comprometido nun momento no que a República estaba levando a cabo a implantación dunha escola laica. Francisca manifestouse defensora dese laicismo desde o punto de vista do deber moral dos docentes de formar aos escolantes na tolerancia no respecto polas crenzas evitando as disquisicións. Expuxo logo unhas normas para contribuír á formación moral do neno facendo resaltar canto pode facer nese aspecto un Mestre culto e de intachable conduta profesional e privada. Lembra a influenza que determinados homes exerceron en momentos históricos pola soa influenza da súa personalidade e cita a Francisco Giner de los Ríos e o seu espírito laico e considera que el actual estado das cosas parece inspeirado por el.

Rematou desexando que o espírito de Giner guiara aos mestres no seu labor de espertar ao pobo rural aínda adormecido.

Francisca estaba declarando así que os seus principios pedagóxicos estaban na liña da ILE e tiña unha perspectiva da ensinanza moderna e progresista.

Estaba casada con Rafael Álvarez, inspector de Primeira Ensinanza. Un home defensor da educación activa e da Institución Libre de Ensinanza. Co alzamento militar de xullo de 1936 foi detido e levado ao cárcere de San Marcos. Logo foi xulgado e fusilado. Este feito supuxo un trauma para Francisca que se apartou do labor educativo e se trasladou a Sevilla onde faleceu[2].

[1] “Desarrollo del Cursiño de Información Cultural y Pedagógico”, Magisterio Orensano, nº 57; 24 de maio de 1933, p. 2[2] Poy Castro, Raquel. (2012) Educadoras y educadores en León al filo de la guerra civil. Auge, Depuración y Parálisis. Aula, 18: 181-205. (Elaboración propia a partir de diferentes fontes. El Distrito Universitario, 26 de outubro de 1922, p. 3;El Magisterio Español, 26 de  novembro de 1923, p. 10; La Libertad,  5 de xullo de 1924, p. 7; Magisterio Español, 19 de xaneiro de 1925, p. 5; El Magisterio Español, 11 de febreiro de 1929, p. 8; El Magisterio Español,  31 de marzo de 1930, p. 26; El Magisterio Español, 17 de xaneiro de 1933, p. 12; El Progreso, 26 de febreiro de 1933, p. 3; Vida Gallega, 10 de marzo de 1933, p. 49; El Magisterio Español, 4 de abril de 1933, p. 14; La Libertad, 13 de maio de 1933, p. 11.)

07 mayo 2023

CARMEN CASTILLA POLO

Foron moitas as mulleres que non sendo naturais de Ourense viñeron a exercer na nosa terra deixando unha interesante impronta polas ideas refresecadas e novidosas que portaban. 

Referenciamos hoxe a unha muller ilustre que naceu en Logroño no ano 1895. Era filla de  Cesáreo Castillo e de Rosa Polo. Fixo os Estudos Superiores en Madrid e conseguiu o título de Mestra Normal. Estivo pensionada na Escola de Señoritas de Madrid e tivo unha relación estreita con María de Maeztu, a directora. En 1920 entrou no corpo de inspectoras e o seu primeiro destino provisional foi en Teruel. 

Entre 1921 e 1922 obtivo unha beca e trasladouse a Massachusetts e profundizou nos saberes de bioloxía e organización escolar. Durante a súa estancia visitou escolas e Universidades para coñecer os métodos didácticos e pedagóxicos.

Ao remate do período becario retornou a España e exerceu como inspectora en diversas provincias, entre elas a de Ourense a onde veu destinada en 1931 correspondéndolle a zona de Ribadavia, Celanova, Bande, Allariz, Xinzo e Verín. Pasaría a ser unha compañeira máis de Antonia Ortiz e de  María Cid, renombradas mulleres que exercían con profesionalidade.


(Fonte: La Región, 27 de agosto de 1931)

Permaneceu en Ourense durante un ano pois en agosto de 1932, por concurso de traslado, foi destinada a Salamanca. Seguro que imprimiu na ensinanza de Ourense eses aires de modernidade pedagóxica.

No ano 1933 casou co empregado de Facenda Emilio Álvarez e o matrimonio estableceu a súa residencia en Madrid. Coa chegada da Guerra Civil e a ditadura abríuselle un expediente de depuración e retirárona do seu cargo de inspectora. Estivo sometida a un Consello de Guerra por estar afiliada ao Sindicato de Traballadores do Ensino e ao Partido Socialista.

(Fonte: El Progreso, 31 de xullo de 1948, p. 1)

En 1947 reincorporouse no seu cargo e exerceu na provincia de Lugo. Seguiu formándose e especializouse en linguaxe de signos e foi socia fundadora da asociación de logopedia e foniatría. As súas ansias de perfeccionamento facían que Carmen estivese sempre renovándose e reciclándose, algo que a prensa tamén eloxiou cando participou nus cursos de formación agropecuaria para mestres que se celebraron en Lugo en xullo de 1948:

La inspectora de Primera Enseñanza doña Carmen Castilla que ha obtenido una pensión para ampliar estudios en el extranjero y que siente gran entusiamso por la obra iniciada en el cursillo, antes de ausentarse quiso hacer su aportación a las enseñanzas pedagógicas, explicando una lección aque versó sobre Organización Escolar. Los maestros que escucharon la disertación de la culta inspectora no ovidarán jamás tan amena como instructiva lección. Uno de los ideales que guían a doña Carmen Castilla en su viaje a Inglaterra, Bélgica, Holanda y Dinamarca, es el estudiar la organización de la Escuela Agrícola en cada una de dichas naciones, para ofrendar a la región gallega cuanto considere de aplicación a la cruzada iniciada por la Inspección provincial de Primera Enseñanza de Lugo. (1)

Estivo traballando ata os setenta anos ata xubilar en 1965 e rendéuselle unha bonita homenaxe. Faleceu en Madrid o 5 de marzo de 1979 á idade de 83 anos.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. (1) "Cursillos de formación agropecuaria para maestros nacionales" El Progreso 31 de xullo de 1948, p. 4; El correo de Galicia, 4 de febreiro de 1932, p. 4; La Región, 27 de agosto de 1931, p.1; Entrada Wikipedia Carmen Castilla Polo; Flores y abejas : revista festiva semanal, Número 2566, 30 de novembro de 1965, p. 1)

01 mayo 2023

ISABEL NOGUEROL FIDALGO


Probablemente naceu en Bos Aires como súa irmá Aurora Rosa Noguerol Fidalgo, irmá de Isabel, que naceu o 29 de xaneiro de 1898 en Bos Aires e que se matriculou no Instituto de Ourense en 1914. Rosa exerceu de mestra na escola de Vilar de Ordelles e Rairiz de Veiga e era a muller de José Mascareñas Diz. Rosa e Isabel eran irmás e  fillas de Florinda Fidalgo Álvarez. Isabel non se matriculou no instituto senón que realizou os estudos no Colexio Modelo, dirixido por Ángel Ferrín.

En 1911, xunto con outras compañeiras e acompañadas polo director, foi a León para examinarse da reválida na Normal Superior e obtivo unha notable cualificación. Presentouse ás oposicións en 1919. Estivo destinada na escola de Sorga, en Celanova, pero despois pasou á de Castro Caldelas. En 1927 casaría con Manuel Penín Nóvoa que tamén era mestre nesta vila e que tamén acabaría exercendo no grupo escolar Curros Enríquez do que era directora Isabel Noguerol. O matrimonio tivo un fillo chamado Manuel Penín Nogueira que era procurador. 

Sendo mestra en Castro Caldelas presentouse varias veces ao concurso aberto polo Maxisterio Español obtendo premio en tres ocasións. O concurso consistía en presentar traballos sobre materias escolares e Isabel presentou corenta leccións sobre Linguaxe cuxo mérito didáctico foi tan recoñecido que acabou sendo publicado en "La Escuela en Acción". Así mesmo na exposición de traballos de escolares en Castro Caldelas manifestou que pais e mestres debían colaborar conxuntamente na educación dos nenos.

En 1933 realizou as oposicións para dirección de escolas graduadas e unha vez aprobadas foi destinada á provincia de Badaxoz. Presentouse en 1934 ás oposicións a Inspectora de Primeira Ensinanza e tamén se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras en Madrid. 

Segundo Vázquez Ramil, Isabel Noguerol estivo na Residencia de Señoritas de Madrid desde 1933 a 1936. En 1937 regresou a Ourense e ocupou a dirección do grupo escolar Curros Enríquez. Despois estivo uns anos na graduada de Mérida pero en 1943 volveu á cidade ourensá. 

(Fonte. Galiciana."El grupo escolar Curros Enríquez necesita ampliarase urgentemente", La Región, 15 de xaneiro de 1965,p. 5)

David Paz Nóvoa púxose en contacto comigo e, como digo sempre, as contribucións da ourensanía son dun valor imponderable para este blog. Comentoume que Isabel Noguerol foi directora do Colexio Curros Enríquez  ata 1966. Tamén me achega unha noticia de prensa sobre a homenaxe que as autoridades, pais e nais e alumando lle renderon a Isabel cando se retirou. Ela manifestou nesa ocasión que a educación fora todo na súa vida e que xa a botaba en falta nada máis xubilarse.

(Nota de prensa facilitada por David Paz Nóvoa. Fonte: La Región, 19 de xuño de 1966)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)Vid: El Miño, 6 de outubro de 1911,p. 2; La Correspondencia Gallega,  9 outubro 1911; El Correo de Galicia , 7 de abril de 1919;  El magisterio español, 22 de decembro de 1924; El magisterio español; 12 de xaneiro de 1927Eco de Galicia, 15 de novembro de 1927; "Trabajos escolares", El Correo Gallego, 17 de xullo de 1930, p. 9;  Magisterio orensano, 8 de decembro de 1932 , p.1;  La Libertad, 12 de xaneiro de 1934; El Debate, 13 de maio de 1934; El Progreso, 14 de outubro de 1937; ; El pueblo gallego, 13 de setembro de 1934; Vázquez Ramil, R., Mujeres, educación en la España contemporánea. La ILE y la Residencia de Señoritas de Madrid, Akal, Universitaria, Madrid, 2012; La Región, 10 de outubro de 1962, p. 7.

19 febrero 2023

LUCÍA LUCHA GARCÍA DE LA LLAVE

( Entrada suxeita a publicación.)

Lucía Lucha[1] era natural de Segovia. Comezou os estudos de maxisterio en 1913 e rematounos en 1917. Aprobou as oposicións de maxisterio en 1918 e estivo destinada en Nava de la Asunción, Segovia e logo en Madrid. O 29 de decembro de 1921 casa na Capela de Santa Bárbara da Catedral de Segovia co tamén profesor Juan Monje. 

En 1922 foi destinada á escola de Fuentepelayo, Segovia. Era unha mestra que tiña un interese especial pola renovación educativa por ese motivo en agosto de 1927, ela e o seu home, Juan Monje, solicitaron estudos de ampliación á Deputación de Segovia que lle outorgou unha pensión de 1500 pesetas a cada un e percorreron diferentes escolas de España durante tres meses. A raíz destas viaxes xurdiron publicacións, congresos e seminarios nos que había intercambio de experiencias[2]

No ano 1931 por consorte foi á escola graduada de Bétera en Valencia, regresando a Segovia en 1934 para exercer en Tirso de Molina. Ese mesmo ano preséntase ás oposicións á inspección e aprobará o exercicio. 

O 1 de xaneiro de 1935 tomou posesión como inspectora a Ourense e adxudicóuselle a zona de Bande menos Pontedeva e o concello de Quintela de Leirado do partido de Celanova. Foi nomeada secretaria de Inspectores en febrero de 1937 e progresivamente foi ascendendo de soldo. Despois de ser inspectora da zona de Bande pasou á zona de Xinzo de Limia. O matrimonio afíxose á vida en Ourense e fixou a súa residencia de xeito permanente na cidade. 

Juan Monje Cebrián, o seu home, vai ser o director da graduada da cidade e tamén impartirá clases durante moitos anos na Academia Xesta. Era un home de grande cultura e dotes para a ensinanza formando a xeracións de alumnos pero, lamentablemente, faleceu a unha curta idade o 29 de agosto de 1949. O matrimonio tivo unha filla chamada Pilar Monje que se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e exercería como mestra. Pero unha grave doenza fixo que tivera que ser intervida cirúrxicamente en Madrid falecendo en abril de 1953.

(Fonte: La Región, 25 de marzo de 1954, p. 3)

Lucía seguíu exercendo como inspectora de educación e en marzo de 1960, coincidindo co cincuenta e dous aniversario da lei fundacional do Instituto Nacional de Previsión, celebrouse no despacho do director a entrega de premios a inspectores, mestres e nenos mutualistas e un dos premios foi para Lucía Lucha consistente en 3000 pesetas. No novembro de 1961 xubilou e foi homenaxeada polos seus compañeiros pola “competencia, simpatía y dedicación a la enseñanza y a los maestros[3]. Os inspectores falaron dos méritos de dona Lucía e incluso solicitaron ás autoridades que lle fose outorgada a Medalla de la Orden de Alfonso X el Sabio. Cesou do seu cargo por xubilación o 10 de agosto de 1961.

Cese de la Señora Lucha:

En las oficinas de la Inspección de Enseñanza Primaira de Orense, a uno de septtiembre de mil novecientos sesenta y uno, se extiende la presente diligencia para hacer constar que, con fecha diez de agosto último, ha cesado en su cargo y sueldo....la Inspectora de E.P. de esta plantilla, Doña Lucía Lucha de la Llave, por haber cumplido la edad reglamentaria para la jubilación forzosa. Y para que así conste, extiendo la presente, con el visto bueno del Sr. Inspector jefe y sello de esta oficina, con la fecha arriba expresada[4].

(Elaboración propia a partir de diversas fontes bibliográficas e de hemeroteca de Galiciana. Entrada que forma parte dunha investigación sobre inspectoras ourensás con vistas á publicación).

[1] El magisterio español, 29 de xaneiro de 1918, p. 153; El magisterio español, 29 de xuño de 1918, p. 455; La Tierra de Segovia, 5 de agosto de 1921, p. 4; La Tierra de Segovia, 22 de decembro de 1921, p. 4; Suplemento a La Escuela moderna, 23 de setembro de 1931, p. 3; El Magisterio Español, nº 9257, 20 de febreiro de 1934, p. 13; Luz , 11 de agosto de 1934, p. 10; El Siglo futuro, 28 de decembro de 1934, p. 6;; El Pueblo gallego, 17 de xaneiro de 1935, p.13; La Región, 20 de agosto de 1950, p.2; El Pueblo gallego, 1 de marzo de 1960, p.7. [2] ORTIZ DE SANTOS, Rosa, “Estampa y aportaciones de tres maestros renovadores: Norberto Hernanz, Pablo de Andrés y David Bayón”, Reidocrea, Vol. 7, cit. 13, p. 7; El Magisterio Español, nº 7813, 10 de agosto de 1927, p. 3 [3] El Pueblo gallego, 30 de novembro de 1961, p. 11. [4] AHPOU, Libro registro inspectores (1947-1971), p. 54, C-24121/12.

27 noviembre 2022

ANTOLINA VILA PUGA


Naceu en Laza, Verín, o 18 de marzo de 1910. Era filla de Ricardo Vila Oterinos natural de Laza, de profesión propietario e de Carmen Puga Franco nacida en a Garda e dedicada aos labores domésticos. Tras realizar os estudos primarios, Antolina, cumpridos os quince anos, solicitou o 26 de agosto de 1926 á dirección da Normal poder realizar o exame de ingreso. Iniciou os estudos de maxisterio en 1925 e rematou a carreira en 1929 cun expediente de notables cualificacións. Preparou os cursillos prescritivos de final de carreira na Academia Xesta e acudiu a Santiago a examinarse obtendo unha puntuación sobresaliente. Foi destinada ao colexio de Curros Enríquez en 1934. Figura no embarque do Destroyer Fame o 21 de novembro de 1936, en plena Guerra Civil, o que pode entenderse como emigración con destino a Francia para evitar a guerra[1]. A estadía sería moi curta pois regresou trancorridos uns meses.

Tras a súa chegada, continuou exercendo como mestra e entrou a formar parte da Xuventude feminina de Acción Católica pois era unha muller educada nos principios morais e relixiosos propios da época e sería das primeiras socias da Asociación de Mestres Católicos que se formou en marzo de 1937 integrada na Federación Católica de Maestros Españoles actuando como portavoz e iniciadora da agrupación na cidade ourensá e participando nas semanas pedagóxicos que esta organizaba. Para ela era unha honra formar parte da Asociación xa que “La Asociación de Maestros Católicos nace pletórica de vida con la vitalidad propia de una obra de tan elevados fines como son: Niño, Escuela, Maestro, Cultura Española. Es, por consiguiente, eminentemente profesional y como tal establee de manera terminante su neutralidad”[2] . Son as palabras que pronunciou Antolina o 4 de marzo de 1937 na Asemblea da recén creada Asociación.

Accedeu ao cargo de inspectora con carácter provisional desta provincia o 21 de febreiro de 1939 e adxudicóuselle as escolas de nenas da zona octava que comprendía o Partido de Verín, concello de A Veiga, A Gudiña e a Mezquita. Tras este período interino pasa a ser directora, en 1942, da escola graduada Curros Enríquez.

Presentouse ás oposicións de inspección en 1946 e é unha das 92 opositoras para as 50 prazas que se convocaron e ese ano xa é inspectora provisional en Ourense. O 12 de abril de 1947 posiciónase como inspectora propietaria agora na zona de Poboa de Trives. Tiña en 1954 ao seu cargo a zona dúas que comprendía as escolas de Vilamarín, A Peroxa, Coles; Canedo; Nogueira, Pereiro, Esgos, Vilariño de Conso, O Bolo e o Partido de Trives.

Diligencia de posesión.

En el día de la fecha, y cumpliendo lo dispuesto en comunicación nº 4501 del Ministerio de Educacion Nacional, de fecha 30 de junio último que literalmente dice: “en atención a la conveniencia de la enseñanza, esta Dirección General ha acordado nombrar Inspectora Secretaria de la Inspección de Enseñanza Primaria de la provincia de Orense a Doña Antolina Vila Puga” se procede en su virtud a dar posesión del destino para que ha sido nombrada a la mencionada Señorita Vila Puga, que se hace cargo de los libros y documentación de la Secretaría de esta Inspección.

Y para que conste, se extiende la presente diligencia de posesión que se firma y sella con el de esta oficina, en Orense a siete de julio de mil novecientos cuarenta y siete.

Firmado: Inspector Jefe. [3]

Acudía como inspectora aos cursos de alimentación e nutrición que se organizaban co obxectivo de que o profesorado adquirira as nocións básicas para que logo se transmitiran aos pais dos alumnos co fin de mellorar a súa nurición. Tamén asistía xunto con outras compañeiras como María Cid ás reunións mensuais dos mestres alfabetizadores que se celebraban no salón de actos da Inspección de Primeira Ensinanza. Eran campañas que se facían desde a administración para levar a cabo as ensinanzas básicas para a poboación adulta. Así mesmo, en numerosas ocasións foi Presidenta de Tribunal de oposicións de maxisterio.

En 1961, segundo se publicou no BOE do 18 de outubro, obtén o ascenso ao quinto escalafón de inspectores cobrando un soldo anual de 30.960 pesetas. Aínda exercía como inspectora en 1970 e participou nos XI Cursos organizados na cidade sobre Alimentación e Nutrición onde saudou afectuosamente a todos os mestres participantes.

Faleceu en Ourense o día 22 de de agosto de 2010 cando tiña cen anos cumpridos.

 

Por engadir un dato anecdótico. A familia de Antolina Vila sempre contou coa axuda dunha asistenta do fogar chamada Benita Rivas Feijóo. Cumpridos noventa anos aínda seguía ao servicio da familia de tal xeito que estivo traballando durante setenta e cinco anos na casa dos Vila. Dise desta muller que naceu en Rairiz de Veiga en 1871 e que aos quince anos entrou a servir na casa da familia de Ricardo Vila en Laza. Tantos anos traballando para a mesma familia deu lugar a unha estreita vinculación. Este dato foi recollido incluso pola prensa:


(Fonte: Pueblo: Diario del Trabajo Nacional, 11 de decembro de 1961, p. 6)

[1] Atopouse no CDMH uns documentos moi interesantes nos que se sinala que Antolina Vila solicita pasaporte para o Destroyer inglés que saiu o 21 de novembro de 1936 e outro que indica que se embarcou no buque FAME ese mesmo día. Pero esta saída debeu ser moi curta pois nos primeiros meses do ano 1937 volve a estar presente na nosa cidade exercendo como mestra. CDMH PS Santander O C0071, nº 575 e CDMH PS Santander o C0080, nº 163.Hai unha tese doutoral moi interesante sobre o tema na que se aborda as etapas destas saídas de emigrantes forzados de Miguel Mayoral Guiu, Evacuación y acogida en Francia de los refugiados de la Guerra Civil española procedentes del Frente Norte (1936-1937) Tese de Doutoramento, Universidade de Salamanca, Facultade de Xeografía e Historia.
[2] “Federación Católica de Maestros Españoles”, La Región, 7 de marzo de 1937, p. 4.
[3] AHPOU, Libro registro de inspectores 1947-1971, p. 10, C- 24121 /12


(Elaboración propia. Entrada suxeita ao rexistro da propiedade)

31 diciembre 2015

PIEDAD FERNÁNDEZ LÓPEZ

Piedad naceu na vila de Castro Caldelas o 19 de xaneiro de 1899. Era filla de Pascasio Fernández e Remedios López. 

Aos quince anos, no ano 1914, ingresou no Instituto Provincial de Ourense e matriculouse por libre en materias soltas e o 13 de agosto dese ano solicitou o Certificado de traslado  á Escola Normal de León. 

De aquí pasaría á Residencia de Madrid, dirixida por María de Maeztu, onde permaneceu desde 1919 ata 1924. Consta que se matriculou no Instituto Cardenal Cisneros no ano 1920-1921. Logo estudou na Escola Superior de Madrid na que destacou polas súas brillantes cualificacións foi nomeada profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Mestras de Baleares cun soldo anual de 1500 pesetas. En 1929 foi pensionada pola Xunta de Ampliación de Estudos designándolle o cargo de repetidores de Español na Escola Normal de Carcassonne, na comarca de Languedoc en Francia.

En 1932 regresou a Ourense por concurso de traslados e ocupou a praza de profesora auxiliar na Escola Normal de Mestras de Ourense exercendo tamén como Inspectora de ensino primario

Nestes anos a ATEO era unha asociación que tiña unha grande aceptación dentro do maxisterio ourensán. Se ben é certo, foron poucas as mulleres que chegaron a afiliarse (Ver entrada de Mulleres na ATEO), si houbo mestras e inspectoras que simpatizaron coa agrupación, entre as que figuraba Piedad Fernández.

Pero Piedad enfermou e tivo unha longo padecemento ata que faleceu o 12 de xuño de 1933 aos 33 anos de idade.

(Fonte: El Pueblo Gallego, 15 de xuño de 1933, p. 11)


O seu falecemento foi moi sentido polos membros da ATEO da que dicían que compartía con eles os ideais republicanos:

Una prolongada enfermedad arrebató la vida de la Srta. Piedad Fernández, Inspectora de primera enseñanza de Orense. Su abolengo republicano encuadró a esta compañera en una conducta de liberalidad y le legó la más rica de las herencias una vida sin prejuicios. Doble motivo tenemos para lamentar la pérdida de Piedad Fernández. Lo lamentamos por maestros y niños, la lloramos porque esta Inspectora era de las nuestras. Reciba su familia el aliento consolador que le envían los muchachos de la ATEO.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Esta entrada é un pequeno extracto dun estudo que estou elaborando sobre inspectoras ourensás)

27 marzo 2012

ANTONIA ORTÍZ CURRAIS

Antonia naceu en Corgo, Lugo, en 1886. Estudou maxisterio por libre na Escola Normal da Coruña e conseguiu o título de mestra superior. Isto permitíalle rexentar escolas completas e nas cidades. 

Realizou as oposicións entre 1907 e 1909 e tivo o seu primeiro destino na escola anexa á Escola Normal de Pontevedra en 1908. 

Preparou as oposicións para a inspección e chegou a ser a primeira muller en Galicia en conseguilo. Veu destinada a Ourense en 1920 sendo a primeira inspectora en Galicia. 

Tamén tivo unha estadía no estranxeiro para ampliar os estudos e profundou nas pedagoxías modernas. 

Exerceu sempre en Ourense como inspectora e tivo un grande recoñecemento na cidade. Xubilou en 1956.

Teño constancia que ela residía na Avenida de Zamora e de que faleceu en decembro de 1985, aos 99 anos, e está enterrada no Cemiterio de San Francisco da cidade de Ourense.


Para coñecer máis en profundidade a traxectoria desta muller ver enlace: Artigo de R.M.Cid Galante Revista Eduga

01 mayo 2011

SARA RUMBAO CONDE

Naceu en Allariz o 24 de xaneiro de 1888. Matriculouse no Instituto de Ourense no curso 1910-11 para cursar os estudos de Maxisterio. As materias que cursou foron Relixión e Historia Sagrada; Gramática castelá de 1º; Nocións de Aritmética e Xeometría; Nocións de Xeografía e Historia e Debuxo. En todas elas sacou sobresaliente. 

Tan só realizou un curso pois, como é sabido, a partir de 1912 suprimíronse os estudos de maxisterio para mestras nos Institutos. Polo tanto, solicitou traslado á Normal de León. 




Titula na Normal de León en 1912 como Mestra de Primeira ensinanza no grao elemental sacando a cualificación xeral de sobresaliente. A continuación trasladouse á Escola Normal Central de Mestras onde aparece rexistrada ata 1914 acadando unhas cualificacións brillantes que lle fan conseguir o título de maestra nacional de primeira ensinanza superior cando tiña 44 anos. Comezou a exercer a docencia desde 1918 sendo mestra na escola de San Martín de Pazo de Allariz. 

En 1932 ingresou na Escola Normal de Ourense para realizar o Curso Profesional. No expediente consta que estivo de mestra no Colexio Curros Enríquez e chegada a ditadura foi examinada pola Comisión de Depuración que, finalmente, confírmalle a praza no centro pois os informes sobre ela eran favorables.

Posteriormente, exerceu como inspectora e estaría destinada en Córdoba e despois veu para  A Coruña.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese de doutoramento en publicación; Galicia, 2 de outubro de 1932, p. 1; "Información del magisterio", Galicia, 21 de setembro de 1935, p. 6; "Nombramientos de maestros interinos grado profesional", El Eco de Santiago, 3 de marzo de 1937, p. 2.