Etiquetas

Os minutos na historia dos dereitos da muller

Como non imos facer unha discriminación positiva coa muller? É obrigado e é preciso facela pois o atraso na nosa condición de ser humano, de persoa é aberrante. Desde a orixe do ser humano hai dous millóns de anos,  a andaina comezou coa vantaxe do home, a lei do máis forte, xa que entón era prioritario a supervivencia. Depositábase no home a capacidade de sobrevivir en situacións hostís xa que era o que tiña forza física. E esa andaina cada vez collía máis vantaxa, relegando á muller a un  mero ser pasivo no desenvolvemento das civilizacións. Últimos estudos indican que durante a Prehistoria, talvez a muller non fose un ser tan pasivo na toma de decisión, malia todo, no discurrir das civilizacións o papel destas foi secundario, porque aí as quixeron situar.  É por iso que se medimos o tempo que levamos de atraso podemos facelo do seguinte xeito.

Hai 250.000 anos apareceu o ser humano sapiens, é dicir, hai 2500 séculos ata o día de hoxe. Durante todo este longuísimo tempo, as mulleres non constituían máis servizo que a de servir de preñadas para o orgullo da descendencia do home. As ansias de perpetuidade do masculino traslocíase no desexo da descendencia, sobre todo de fillos varóns. Polo tanto, a muller non tiña en si a toma de decisións. O relegamento, tanto  psíquica, intelectual como física era evidente (pensemos que nalgunhas culturas as mulleres están en espazos separados dos homes). Non obstante, o relegamento das mulleres ata os primeiros indicios de reivindicacións entorno a finais do XVIII, era palmario. Lamentablemente, aínda hoxe en día se mantén nalgúns países e noutros preténdese dar pasos atrás con políticas retrógradas e radicais que añoran os tempos das ditaduras.

As revolucións burguesas do século XVIII traerán novos aires de liberdade. Neste optimismo de cambio do Antigo Réxime, vai cobrar importancia os movementos reivindicativos da muller. Xorden voces como a de Mary Wollstonecraft que defende a educación da muller; a de Olimpia de Gouges quen defendeu que, de igual forma que durante a Revolución se proclamaron os Dereitos do Home e dos Cidadáns, hai que Reivindicar os Dereitos das Mulleres: "A muller nace, permanece, e morre libre ao igual que o home en dereitos". Valente, dicir isto!

Sabemos que moitas mulleres, a partir do século XIX sacan a mordaza e alzan as súas voces, moitas próximas a nós (Bazán, Arenal...) Con xustiza, con dereito...Fóra as mans atadas!

Volvendo ao comezo. Se consideramos que levamos 2500 séculos de aparición do ser humano sapiens, cantos lle corresponde ás mulleres? Pois lamentablemente só catro, do XVIII ao XXI, é dicir, 0,16% da historia.

Se consideramos o valor da humanidade equivalente a un día, a 24 horas, o que lle corresponde á muller é de tan só 0,0384 horas, é dicir 2,3 minutos de historia reivindicativa da muller.

Como non imos facer DISCRIMINACIÓN POSITIVA? É preciso valorar por riba de todo á muller, é de perogrullo que se deben lanzar leis que posibiliten a igualdade. Débese priorizar políticas que poñan á muller en relevancia, débense penalizar ás empresas que pagan menos ás mulleres, débense poñer máis mulleres en postos directivos, débense acostumar os homes a que as mulleres somos unha forza imparable para poñernos ao seu nivel.

30 de maio de 2021.