Etiquetas

Non igualemos e equiparemos os termos feminismo e machismo!

Quen queira poñer a palabra feminismo en igualdade co machismo está moi errado. Nada ten que ver unha palabra coa outra en termos rotundos. Hai quen pensa que o movemento feminista é unha versión do machismo dado a volta. Craso erro.

Moitas son as diferenzas entre un e o outro. Vexamos cales.

O machismo é violento, é dominación, é retrógrado, é desigualdade, é intolerancia, arrogancia, é  chegar a cometer delitos.

O feminismo é liberdade, é modernidade, é recuperación de espazo, é tolerancia, é igualdade, non é violento, non comete delitos.

Ante aquelas persoas que pretenden criminalizar o feminismo hai que dicirlles que feminismo é un movemento de reivindicación das mulleres. É un movemento de xustiza. Non significa imitar ao machismo. Dise "o feminismo non é outra cousa que o machismo dado a volta". Esta afirmación e enunciado é intolerable e completamente errónea. O movemento feminista quere poñer en evidencia a igualdade e equiparación de sexos. Algúns pretenden ridiculizar este movemento indicando que se a muller quere a igualdade que acabe facendo as mesmas tarefas que o home. E, aínda que efectivamente, a muller demostrou que pode facer e desempeñar os mesmos traballos que os homes, non se trata de cuestión física. O feminismo non vai á cuestión física senón de mentalidade. 

Doe que moitas mulleres neguen ser feministas. Quizais o fan porque teñen esa idea de que o feminismo é outro machismo á inversa. Ou quizás o fan porque verdadeiramente non crean no movemento. Eu fago un chamamento ás mulleres, a todas. Todas temos que ser feministas. O feminismo é positivo, é necesario pois é o medio para sentirnos igualadas. Non se pretenden competir co home, preténdese que se nos recoñeza a igualdade dos dereitos como o home. Se as mulleres renegan do feminismo estamos abocadas a retroceder pois estaremos recoñecendo a nosa inferioridade. 

Tede en conta, que aínda que hai homes que si respectan e defenden o feminismo, a gran maioría deles aínda non o toleran pois élles moi difícil perder o espazo e, o que para eles é máis doloroso, o dominio.

Mulleres, non neguedes que sodes feministas. Por vós!!

LEMBREMOS. VAN 16 MULLERES MORTAS NO QUE VAI DE ANO EN MANS DAS SÚAS PARELLA. QUE PARE ESTA SANGRÍA XA!!!!

4 de xuño de 2021.