Ben sabemos do grande problema que temos en Galicia cando chega o verán. Os nosos montes convértense en volcáns de chamas refulxentes que danzan ao seu libre albedrío arrasando todo canto tocan. Eu creo no negocio que hai tras todo isto, eu creo que hai incluso "industria dos incendios" senón non se entendería tanta desfeita.
Os montes arden e os lumes traen detrás uns culpables.
Pero hai árbores que non arden e hai mulleres que preveñen os incendios forestais. Iso di un libro que me atrapou e que paso a resumir. O libro titúlase "Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais", da editorial Catroventos, Pontevedra, e foi editado en 2019. O título foi o que me atrapou e, de seguida, tiven moito interese en lelo.
Trátase dun libro coordinado polo Proxecto Batefogo e nel colaboraron varias autoras de amplo espectro de coñecementos, biólogas, enxeñeiras, arquitectas, historiadoras, poetisas, educadoras...
Componse de varios artigos que, dende diversas perspectivas, analizan a actitude das mulleres co monte.
O libro abre cun poema de Celsa González Ogando titulado "Muller árbore" e di na súa última estrofa:
Somos mulleres que un día foron árbores.
Somos árbores que queren medrar en liberdade.
O Capítulo 1 do libro titúlase "Os incendios forestais e a variable xénero: estereotipos de ida e volta" escrito por Ana Cabana Iglesia. Nel desenvolve a idea de que a relación co monte hai que vela dende unha perspectiva de xénero xa que a interactuación das mulleres coa natureza foi e segue a ser diferente á dos homes, debido, maiormente a que os labores sobre el cun carácter máis profesonais esixían forza e vigor e diso encargábanse os homes quedando a muller para as faenas un tanto máis menores e colaborativas ou de coidado do gando, da casa.. en definitiva, traballos non profesionais. Di entón o libro que "As mulleres tiñan cabida xa dede cativas e desde a evidente desigualdade..." (p. 19).
Logo céntrase nas relacións que se deron e seguen a dar entre a poboación e o lume. Di que desde sempre en moitas latitudes non só en Galicia, o fogo foi considerado un medio e un xeito de "autodomesticación" polo que non era visto como algo malo e destrutivo de aí que se provocasen. As mulleres non interviñan na provocación destes lumes entendidos como "ordenadores" da natureza, senón que elas mantiñan unha relación máis no privado como a de crear o lume do lar, do fogar. Paralelamente, se os homes eran os que estinguían o lume en primeira liña, as mulleres quedaban relegadas a un papel secundario.
A autora segue a dicir que o monte en Galicia transformouse a partir dos anos corenta debido á política de repoboación forestal que impuxo o réxime franquista convertendo o que era unha superficie agraria nunha forestal polo que as mulleres perderon espazo e sentíronse desprazadas. Esta medida supuxo un descontento para as familias labregas e...aquí entra en xogo o lume...os incendios foron empregados polas comunidades locais como "arma en diferentes loitas", foi o chamado incendiarismo rural que aconteceu non só en Galicia senón en diferentes lugares do mundo. As mulleres tamén protestaban por este "forestalismo" pero aínda así, a autora dinos que na provocación dos incendios houbo e hai moitas menos mulleres que homes.
Logo disto, co retorno da democracia produciuse a devolución dos montes pero iso non supuxo un maior rol das mulleres sobre el xa que a comunidade de montes ía ser rexido polas asembleas encabezadas polos homes.
Pódese concluír dicindo que existe unha desigual relación co monte entre homes e mulleres e eu deduzo que o desexo de dominio do monte vén dado polo sentido de posesión e dominación que quere imprimir o home sobre el, pola contra, a muller establece unha relación protectora e auxiliadora.
O segundo capítulo titúlase "O lume como servizo dos ecosistemas. Unha ollada en clave de xénero" asinado por Beatriz Rodríguez Morales. Moi interesante pois plantea que a natureza pode percibirse de xeito prismático no que priman tres persectivas: como algo produtivo para o ser humano; como algo preciso para evitar o cambio climático ou como un benestar personal pola súa contemplación. Dentro dela o lume pode entenderse como servizo (regulador) ou como diservizo (risco).
Volta a indicar que a percepción da natureza tamén contempla unha visión de xénero. E resumindo di que hai poucos estudos que analizan a diferente percepción do lume que teñen os homes e as mulleres. Non obstante, en base a uns estudos realzados en Grecia dise que "Os autores informan dunha maior sensibilidade nas mulleres respecto ao efecto do incendio forestal en comparación cos homes, concretada na apreciación dun impacto estético negativo posterior ao incendio..."(p. 40).
Pero o que se desprende deste capítulo é que a autora defende que o desenvolvemento rural e a prevención de incendios forestais precisan de incorporar esa visión e saber facer das mulleres: "Elas conforman máis da metade da poboación galega ctual, polo que o exposto constitúe non unha recomendación, senón unha reivindicación lexítima e unha necesidade para o progreso social...xa que as mulleres españolas demostraron unha maior atención, valoración e inclinación pola conservación dos servizos brindados polos ecosistemas ca os homes"...(p. 43).
O terceiro estudo titúlase " Montes veciñais, mulleres e un ecofeminismo posible" asinado por Lara Barros Alfaro. Di que en Galicia hai 2800 comunidades de montes vecinais en man común, o que supón un cuarto do territorio galego que están principalmente nas provincias do sur. O criterio de aproveitamento usufrutuario é dos veciños que teñen a soberanía colectiva e gobérnana de xeito democrático. A autora denomínaos "montes abertos". Despois dun repaso histórico indica que coa chegada do estado liberal a propiedade comunal foi marxinada e foise privatizando ou sendo xestionada polas institucións que comezaron a reforestar principalmente con especies non autóctonas.
Pero resalta a autora que as mulleres foron as máis contrarias e loitadoras contra esa política de privatización que se deu no Estado polos anos cincuenta e sesenta. Hai exemplos de mulleres que protestaron fortemente contra a repoboación e tratando de paralizala (Cerceda, Outes, Mazaricos...)"...as mulleres eran as principais protagonistas, pois eran elas as que máis realizaban tarefas en común, as que cultivaban os lazos de veciñanza, as que facían da relación unha forma de estar no mundo...dándolle sentido ao colectivo, entretecendo redes de amizade e contraprestación entre as familias veciñas das localidades..." (p. 55).
Finalmente fala de Ecofeminismo e de que cada vez hai máis mulleres que encabezan as comunidades que teñen moito que achegar e dicir.
O cuarto capítulo titúlase "As mulleres labregas, pasado, presente e futuro do rural" de María Ferreiro Santos e Isabel Vilalba Seivane. Fala da muda no agro en todas as rexións europeas e por ende en Galicia pasándose dun sistema agrario tradicional a outro de especialización por intereses de grandes empresas do sistema agroalimentario. Todo isto conlevou a un cambio social e tecnolóxico de grande calado e o peor de todo, a perda de poboación no rural que vai abandonando o campo. Di que en Galicia hai 1700 núcleos de poboación abandonados, 9200 aldeas con menos de dez de veciños e o 10 por cento dos concellos ten menos de mil habitantes. Por todo isto, a agricultura vai sendo marxinal. E este abandono produce a forestación de terras que eran agrarias, o que trae como consecuencia os incendios forestais (o 7,7% da superficie forestal ten o 50% dos incendios do Estado).
O papel das mulleres no rural estase minusvalorando e faltan oportunidades e iso a pesares de que na Declaración de Río sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento aprobada no Cumio Mundial sobre a Terra se recoñeceu o papel fundamental das mulleres no desenvolvemento e na ordenación do medio ambiente.
Por todo isto, a autora manifesta: "...as mulleres labregas tiveron historicamente un rol máis activo na alimentación da súa familia e da súa comunidade fronte a un modelo agroindustrial que enaltece o produtivismo...A súa resistencia histórica fai que as mulleres labregas sexan as compoñentes básicas para construír un sistema agrario e alimentario máis xusto" (p. 74)
Segue a dicir, e resumo, que no tocante ao monte ou á contorna natural a muller prioriza a dimensión afectiva por riba dos intereses económicos, trata de satisfacer as cuestións básicas e prioritarias e polo tanto ten unha actitude máis plural e inclusiva. De aí dedúcese que o manexo do monte por parte delas sería máis orgánico, menos mercantilista.
Os recursos da natureza esgótanse e o cambio climático é unha evidencia, polo tanto "as mulleres labregas deben ser suxeitos fundamentais nun cambio que deixe atrás os modelos patriarcais e capitalistas actuais e achegar, da man do feminismo en loita, verdadeiras solucións ás crises de desigualdade, ambiental, migratoria e sociolaboral actuais" (p. 77).
O capítulo 5 titúlase "Monte, casas e lume. Unha aproximación desde a crítica ecofeminista á ordenación do territorio en Galicia" das autoras María Novás Ferradás e Sofía Paleo Mosquera. Parten da dicotomía rural e urbán e do afastamento cada vez máis distante entre os dous territorios. Esa distancia conduce a unha devaluación do rural. E as planificacións levadas a cabo polas institucións non contribúen a un reparto equidistante e de respecto polo medio coa creación dun contínuo habitado moi disperso que provoca alteracións e intereses diversos.
O artigo defende a necesidade da xestión eficiente do monte compatible coa vida na contorna. De novo alude á política franquista de repoboación que sería logo herdada e intensificada polos propietarios privados que viron no aproveitamento forestal unha inversión (industria papeleira).
E as autoras din: "Paradoxalmente, as mulleres, quen tradicionalmente ficaron excluídas da toma de decisións e definición lexislativa que estableceron o ordenamento dos nosos montes, lugares e casas, teñen porén sido pioneiras na exemplificación de loitas na construción da teoría e crítica feminista e ecoloxista en clave propia desde hai varias décadas. Existe unha longa tradición de mulleres que actúan en contra da destrución ecolóxica revelándose fronte á capacidade do capitalismo..." (p. 89-90)
Por todo isto, na xestión dos montes non poden excluírse ás mulleres.
No capítulo 6 titulado "Os sistemas agroforestais. Unha ferramenta sustentable do uso do territorio" escrito por María Rosa Mosquera Losada; no capítulo 7 "Coidados. Comunidade e resiliencia antes e despois dos lumes" asinado por Lola Ferreiro Díaz; e no capítulo 8 titulado "Reaprender a vivir cos incendios forestais nun contexto de cambio climático" escrito por M. Conceiçao Colaço, o tema principal van ser os lumes.
É unha evidencia que Galicia ten unha ampla superficie forestal, a maior de Europa pero, ten á contra a de padecer o maior número de incendios, por exemplo, do 2000 ao 2018 houbo en Galicia 12000 lumes que queimaron unha superficie similar a Pontevedra. E este ano 2022, segue a ser frustrante ver de novo uns incendios tan virulentos. Neste ámbito, as autoras veñen a dicir que as mulleres poden asumir ser vertebradoras do desenvolvemento do rural que evitaría os incendios. Non lle levo a contra pois, en efecto, neste blog das nosas mulleres ourensás temos nomes de mulleres que tiran polo agro, polo rural e por preservar unha forma de vida tranquila, natural e sostible. Estou pensando en Celsa e Marta, Eva, Sonia que son pioneiras neste eido.
Lola Ferreiro di que as galegas do rural tiveron e teñen un papel relevante contra o mal endémico dos lumes e na defensa do hábitat, polo tanto hai que contar con elas no traballo de estruturación do monte e do rural.
No estudo de Conceiçao indícase que a piromanía é máis propia dos homes que das mulleres pois os primeiros teñen unha intencionalidade de obter beneficio e as mulleres non teñen atracción polos lumes. En relación á implicación das mulleres na planificación na área forestal en Portugal, di que na actualidade nas áreas municipais que levan este asunto hai paridade, máis logo no campo operativo, loxístico e técnico hai moi poucas mulleres:"A constatación de que na planificación e xestión forestal existe paridade nos servizos públicos que interveñen no terreo é moi positiva, pois presupón unha boa variedade de perspectivas....pero existe un gran desequilibrio no eido da investigación e da actuación directa no terreo co lume..." (p. 143).
E gustaríame concluír con estas outras palabras da autora: "A relación das mulleres co lume é realmente diferente da dos homes, como tamén o é a maneira de expresar as súas emocións ante os incendios, onde o medo e o sentimento de impotencia parecen estar máis presentes..." (p. 146).
O que eu penso, a muller sempre busca construír, non destruír.
O derradeiro capítulo titúlase "O proxecto Batefogo: educación ambiental e participación social en clave de xénero" escrito por varias autoras. O proxecto está formado por varias mulleres e homes que son conscientes do problema do lume en Galicia e buscan solucións sabendo que estas se atopan no terro social e educativo.
Finalmente o libro remata presentándonos iniciativas de mulleres, entre as que figuran dúas ourensás, Eva e Sonia, que traballan no ámbito natural e que grazas as cales pode falarse de esperanza do rural e do coidado da contorna. Esas mulleres son:
Nela Abella no Barbanza.
Dora Cabaleiro, proxecto Ribeiregas na Fonsagrada.
Vanesa Casgtro en Montenoso.
Sonia Couso, en Amarelante, Manzaneda.
Conchi Docampo, Burbullas de Sol en Vedra.
Belén Fervenza en Redondela.
Eva González, Carabuñas, Vilar de Santos.
Carla Pérez en Salceda de Caselas.
Ermitas Rodríguez, La Cabreta, en Mera.
Carmela Valiño, Milhulloa na Comarca do Ulla.
Todas estas mulleres máis algunha máis que eu mesmamente teño no blog e que mencionei antes, Celsa e Marta, son referentes no respecto por preservar todo o natural e o humano da contorna rural onde non teñen cabida os lumes. É, de novo e sempre, a muller como protectora.
(Poema de Celsa González Ogando. Inicia o libro)10 de xullo de 2022.