Etiquetas

Que non nos rouben a Historia

Non hai nada máis difícil que contestar a unha pregunta sinxela. O outro día na clase unha das miñas alumnas preguntoume por que os homes consideraron ao longo da historia ás mulleres inferiores. Nese intre pasáronme pola cabeza infinidades de argumentos aos que lles tiña que dar un orden e coherencia para poder dar unha resposta concisa e entendible.

En efecto, desde cando os homes comezaron a considerar ás mulleres inferiores a eles e como xustificaron a súa anulación na historia e a súa "ausencia" no recorrer dos tempos?

Na resposta comecei falando da natureza e do seu funcionamento e de como esta se organiza en base á selección natural das especies, de tal xeito, que sobreviven os máis fortes. Pensei que arrincando con esta argumentación iría fiando unha xustificación. Nos inicios dos tempos, cando os primeiros grupos humanos comezaron a deambular polas terras inóspitas, cando a supervivencia era un exercicio físico e mental e supuña un esforzo sobrehumano, a capacidade de forza física dos homes era unha cualidade sobrevalorada xa que había que buscar alimento, cazar, loitar...e  as mulleres, ás que non se lle nega a súa resistencia física eran as depositarias da mantenza do grupo como criadoras dos vástagos. Ben é certo que xa hai estudos que indican que non foi precisamente a prehistoria a época na que se consideraba ás mulleres desiguais aos homes do grupo ou clan, xa que precisamente elas tiñan a encomenda suprema de mantenza grazas á capacidade de procreación. 

Malia segundo avanzan os tempos, e coa cada vez maior división do traballo na era dos metais e logo xa nas primeiras civilizacións o poder era o que mandaba, a forza era a que imperaba e as ansias de poder de ocupar territorios e facer guerras, esas guerras que tanto gustan aos homes, eran os propósitos que realimentaban a autoridade e para todo isto a muller non era idónea pois carecía desa ambición, non servía para ditos propósitos pois non tiña forza física nin capacidade de decisión quedando excluída e recluía. Seguro que se ao longo dos tempos as mulleres tiveramos máis poder de decisión e contasen con nós aforraríanse moitas guerras.

Segundo pasan os anos da historia as mulleres foron sufrindo a mordaza nas bocas e a venda nos ollos e íanse agrandándo. A isto hai que engadir o rol da relixión  xa que nos acusou de conducir á humanidade ao desastre e ao desterro do paraíso terrear por tentar ao Home. 

As mulleres fóiselles arrebatando a posibilidade de acceder á educación, ao traballo remunerado, de acceder á vida social e política...e moitas, ao longo dos tempos, acabaron aceptaron esa condición de filla, nai e muller mentres os homes dirixían a historia dos tempos.

No imaxinario foi quedando que os avances se lograban por medio de dominación, guerras, brutalidade e iso é a "horma" dun Home dominante e poderoso fronte á muller concebida como débil. Polo tanto, a máxima de "selección natural" seguiuse mantendo ao longo dos tempos aínda que cambiando de xeitos e procedementos. Aínda hoxe podemos en día en pleno estado de benestar temos que falar de selección natural pois seguen a existir prácticas económicas e empresariais depredadoras.

Así que, a resposta á miña alumna, foi bastante longa pero entre medias ela apostillou se non será que os homes nos teñen medo. Outro compañeiro chegou a dicir que el consideraba ás mulleres máis fortes pois duramos máis anos de vida o que leva implícito que recoñece a nosa fortaleza e que nos mira como iguais. Somos iguais pero temos dereito a recuperar o que ao longo dos séculos se nos negou.

Non sei...é complexo. O que está claro é que todos os logros das mulleres, por pequenos que se queiran ver, son grandes logros. As investigacións históricas están desvelando a historia das mulleres, e non é HISTORIA MENOR, non aceptemos que a historia sobre mulleres ten unha categoría inferior á historia dos homes. Si, algúns chegan a pensar que é unha historia de segunda clase ou que é historia de inferior categoría pois a historia con maiúsculas é a que viñeron facendo os homes ao longo dos tempos coas súas guerras e conquistas...Eu só lles digo que están totalmente equivocados. Só faltaría que tamén queiran apropiarse  da historia!!

Historia somos todos e contan tanto os anónimos como os nomes propios. Xa non queremos historia de emperadores, reis, guerras, exércitos...queremos a historia social que é a real e a que move o mundo... e dela non se poden excluír ás mulleres.

Como moralexa, mentres a forza e a irracionalidade teñen a duración dun misto, prende e logo rapidamente se esgota e apaga, a racionalidade  parece débil pero ten a resistencia e resiliencia do tempo, é como unha vela prendida. David contra Goliat, racionalidade fronte brutalidade. A chama de esperanza dos cadros históricos.

27 de marzo de 2022.