Os camiños e avances das mulleres non foron nin están sendo fáciles. O logrado ata o momento foi froito da constancia e a perseverancia de todas, a pesar dos numerosos atrancos. Houbo que agardar ata 2025 para que Galicia tivese, por primeira vez, unha Fiscala Superior.
Son tempos nos que hai que corrixir voces e buscarlles o seu feminino; non se trata de reverter roles, senón de coñecer e recoñecer a igualdade. A igualdade, en si mesma, non ten xénero: é simplemente igualdade.
Non podía deixar de mencionar neste blog este feito histórico, e sentir a ledicia de que este tributo, inédito e primeiro, recaia en mans dunha muller ourensá. Un alto cargo de tal relevancia na xudicatura está cuberto hoxe por Carmen Eiró Bouzas.
Nacida en Ourense en 1969, ingresou na fiscalía en 1998. Dende 2005 era a Fiscala da Audiencia Provincial de Ourense, e en 2020 foi designada fiscala delegada autonómica na especialidade de Medio Ambiente, Patrimonio e Urbanismo. En novembro de 2025 foi nomeada Fiscala Superior de Galicia.
A partir de agora, asumirá a representación institucional no ámbito da Comunidade e farase cargo da dirección efectiva do Ministerio Fiscal neste territorio. Un posto de alta responsabilidade que deberá exercer con nobreza, máxima ecuanimidade e honradez. No seu discurso de toma de posesión pronunciou estas palabras:
“Síntome profundamente honrada e, ao mesmo tempo, son consciente da enorme responsabilidade que implica asumir o cargo de máxima autoridade do Ministerio Fiscal en Galicia. É moito máis ca un posto institucional: é un compromiso de vida coa xustiza, coa legalidade e coa cidadanía en xeral”.
