Etiquetas

26 noviembre 2023

ELISA e MARINA SUÁREZ NOGUEROL

Sempre digo que o blog non medraría tanto se non fose polas interesantes suxestións que recibo de persoas que se poñen en contacto comigo. Neste caso debo agradecer a contribución de 
María Milagros Conde Sánchez, do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que me achegou esta bonita fotografía de Normalistas na que figuran as súas dúas tías avoas: Elisa e Mariña Suárez Noguerol. Tamén a imaxe de cabeceira e a do Pazo de Palacio foron proporcionadas por ela. Contoume que, en efecto, as súas tías avoas exerceron de mestras, por conseguinte e como non podía ser doutro xeito, investiguei sobre a traxectoria de cada unha delas e outra parte da historia contouma Milagros.
Eran fillas de Manuel Suárez González natural de Penela de Orbán e de profesión perito agrimensor e de Rosa Noguerol Fernández natural de Bouzas. Os avós por parte paterna eran Isidoro Suárez e Rosario González e, por parte materna eran, Ramón Noguerol e Bibiana Fernández. O matrimonio tivo oito fillos que se chamaban Gumersindo, Luz, Mercedes, Dorinda, Isidoro, Marina, Bibiana, Elisa e Arturo, que tiña unha droguería moi renombrada na rúa Lamas Caravajal. 

(Fonte: Esta fotografía das alumnas da Normal de 1919 pertence a María Milagros Conde Sánchez a quen agradezo o seu permiso para poñela neste blog. Nela figuran a súas tías avoas: Elisa e Marina. Elisa está na última fila e é a primeira pola esquerda e Marina está na terceira fila, é a segunda pola dereita. Trátase dunha imaxe preciosa de cando as estudantes de maxisterio cursaban na Normal da rúa do Progreso. E como non podía ser doutro xeito, sempre acudo ao meu amigo Rafael Salgado, ao que sempre lle estarei agradecida para que me resolva todas as miñas dúbidas. Neste caso tratábase de saber quen eran os profesores que aparecen na fotografía xunto ás normalistas e díxome que son Luís Fernández Pérez "Xesta", (sentado á dereita); Emilio Vázquez Pardo (sacerdote sentado na segunda fila, á dereita de Luís Fernández) e, o outro profesor que aparece é Rogelio Núñez Couto (sentado na primeira fila á esquerda). 


Marina Suárez titulouse nos estudos de maxisterio. Naceu o 24 de abril de 1896 en Orbán, concello de Vilamarín. Fixo o ingreso na Normal de Ourense o 8 de xuño de 1915, cando tiña dezanove anos no que obtivo o aprobado. Nese exame de ingreso explicou as partes da oración gramatical. O primeiro curso fíxoo por libre pero nos sucesivos matriculouse por oficial. Marina rematou os estudos destacando sobradamente nas materias de Debuxo, Bordado, Relixión, Historia Medieval e Música. Revalidou os estudos o día 4 de febreiro de 1920.

          
(Exame de ingreso de Marina. Arquivo da Universidade de Vigo. Expedientes Académicos.)

Marina comezou a traballar como interina e no ano 1929 déronlle a praza de "Vilar de Mulleres" en Carballedo. Presentouse aos cursiños de selección en 1933 e  mentres tanto exercía nas escolas de interina. No ano 1934 foi nomeada para a escola de Alvarellos en Boborás e no ano 1937 seguía exercendo nesa mesma escola ata que cesou en setembro de 1939. Xunto coa súa irmá coidou do pazo pero seguía a dar clases aos nenos e nenas dos caseiros do Pazo.

Elisa Suárez Noguerol naceu en Orbán, concello de Vilamarín, o 24 de agosto de 1898. Matriculouse, aos dezaseis anos, na Escola Normal de Ourense e e o 25 de abril de 1915 enviou unha carta á directora da Escola Normal, Dona Leonor López Pardo, solicitando poder examinarse do exame de ingreso e dalgunhas materias do primeiro ano que eran Relixión e Historia Sagrada, Nocións de Aritmética e Xeometría, Costura e Debuxo que as preparou por libre e superou todos os exames. No exame de ingreso explicou as partes da oración e foi cualificada co aprobado. Os demais cursos realizounos con matrícula oficial ata acadar a titulación en 1921. Destacou sobradamente en Música, Caligrafía, Debuxo, Bordados, Nocións de Xeografía e Xeografía rexional, Nocións xerais de Historia e Historia da Idade Media.

As dúas irmás remataran xuntas a carreira e Elisa, o mesmo día que a súa irmá Marina, o 4 de febreiro de 1920, pagou os dereitos de reválida e solicitou a expedición do título o 12 de novembro de 1924. Ambas as dúas irmás recollérono o 9 de xaneiro de 1926.

(Arquivo da Universidade de Vigo. Expedientes académicos. Exame de ingreso de Elisa Suárez.)

Elisa solicitou cubrir prazas de interinidade e un dos seus primeiros destinos foi a Sección Graduada de Carballiño, en 1933 solicitou participar nos cursiños para ingreso no Maxisterio Nacional presentándose durante os seguintes anos. Mentres tanto continuou varios anos como interina en varias escolas da provincia e, en 1940, estaba exercendo na escola de Xurenzás, en A Ventosa.

Elisa non casou e dedicouse á ensinanza info dunha escola a outra pero deixouno para coidar do Pazo no pobo de Palacio, pertencente a Santa Mariña de Orbán. Non obstante, a súa entrega á ensinanza continuou pois, ela e máis a súa irmá, daban clases aos fillos e fillas dos caseiros do pazo e tamén aos seus sobriños, preparándoos para os exames de ingreso nos estudos superiores. 

O pazo pertencía a Francisco Taboada Ulloa e foi mercado por Isidoro e Rosario, os avós de Elisa e Marina, naturais de Avilés e comerciantes de potes, pois posuían unha industria de metalúrxica, que decidiron establecerse na zona de Vilamarín. No pazo hai unha habitación que se chama "a habitación do Rei" porque se pasaba por estes lares tiña sitio de descanso para el.

Era unha muller moi relixiosa e doou bens á igrexa e deixou dito que os seus herdeiros tamén doasen para misas e o mantemento da parroquia.

Elisa crese que faleceu no ano 1983.

(Debuxo do Pazo de Palacio realizado por Juan J. Veiga da colección particular de Milagros Conde. Fotografía cedida para poñer neste blog.)

Marina e Elisa eran mulleres moi cultas e proviñan dunha familia amantes dos libros. Estudaron na Normal de Ourense situada na rúa do Progreso por tal motivo residían na capital na rúa Viriato. As dúas sempre xuntas, indo á par coa súa vocación, contribuíron a culturizar ás nenas dos pobos de Ourense. Estamos a falar duns anos difíciles no que o desempeño do maxisterio era un labor arduo e sacrificado polo difícil desempeño dos lugares recónditos a onde había que exercer.

Elaboración propia a partir de diversas fontes e da información que me proporcionou Milagros Conde á quen lle estou enormemente agradecida. Vid: Expedientes académicos. ARUVI (Arquivo da Universidade de Vigo); El Ideal Gallego, 15 de maio de 1929, p. 5; La Región, 12 de xuño de 1931,p. 1; Galicia, 12 de outubro de 1933, p. 6; El Pueblo Gallego, 5 de decembro de 1934, p. 11; Galicia, 1 de agosto de 1935, p. 2; La Región, 9 de setembro de 1939, p. 3; La Región , 28 de xaneiro de 1940; La Región, 2 de maio de 1972.