(Fotografía do seu Instagram)
Se teño que dicir algo de comezo sobre María, diría muller creativa, muller ourensá, muller galega, dinámica e desenfadada que espalla, a través do seu canle de instagram, un mundo diverso e rico sobre as "maneiras ao galego" de ver o mundo e de como Galicia influíu no mundo máis do que pensamos.
Naceu en Ourense nun ano enteiro e milenario, o 2000. Estudou no IES Universidade Laboral onde destacou polas súas brillantes cualificacións. Tamén alí formou parte da agrupación teatral representando con ela numerosos papeis, aínda lembro o seu brillante papel na obra de Lisístrata que tan magníficamente dirixiu Matilde Álvarez.
María rematou bacharelato e estudou a carreira de Educación Infantil e agora está facendo Pedagoxía.
Ademais de estudar realiza, graba e monta vídeos de Instagram que son de grande riqueza temática pois aborda numerosos asuntos aínda que maiormente fala da lingua, de Galicia, dos galegos, dos costumes, da etnografía, das verbas....Amosa un grande escaparate ao mundo sobre a idiosincrasia galega e faino desde o respecto, a delicadeza, a tolerancia e o orgullo. Nos seus vídeos non hai estridencias, senón que hai empatía, simpatía e gracia e dá ledicia vela cando leva algún adobio tradicional galego como panos, perendengues, colares...Un chiscar sempre á súa terra.
É unha fervente defensora da lingua galega e ofrece vocablos novos ou fai corrección de ditos que non son correctos ou ofrece refráns, frases que están na tradición galega.
E vai cada vez a máis e atrévese a ir á Arxentina para amosarnos palabras que son de orixe galego, levarnos ao Centro Gallego, falarnos de Castelao, ensinarnos os pratos típicos da Arxentina, esa quinta provincia galega...un verdadeiro caleidoscopio cultural.
É multidiversa nos asuntos que aborda, pois tamén fala do medio ambiente amosando como disfruta estando nunha paisaxe natural, sobre feminismo, arte, literatura... de aí que todos os días sexa unha sorpresa. Vai a numerosos eventos para retrarmitírnolos dun xeito divertido pero rigoroso. Ten máis de 30.000 seguidores o que demostra que non deixa a ninguén indiferente. Pero o dito, María sempre demostra a querenza pola lingua e por Galicia e como ela dixo: "Nos meus contidos a identidade ten un peso moi forte, pola miña identidade galega, pola miña lingua, pola defensa dos dereitos humanos".
Grazas a ela, moitos mozos e mozas perciben o galego e a súa cultura como algo bo e xeneroso, e iso a María énchea de orgullo.
Así pois, María é unha muller sumamente interesante, unha comunicadora do século XXI, por suposto, ourensá.