Etiquetas

Nacidas para ser queridas, nacidas para querer

Hoxe veño disposta a falar. Si, porque é intolerable calar máis. Estamos asistindo a unha serie de asasinatos e agresións contra as mulleres nos últimos días por parte das súas parellas. Algo intolerable que demostra que a perda do "control e dominio" sobre a muller leva ao home á loucura, pois o seu desexo é pretender o dominio perpetuo do masculino sobre o feminino.

O feito de querer e ser queridas é algo innato á muller ou é educaciónal? Sexa dun xeito ou doutro, ao longo da historia isto considerouse unha boa cualidade nas mulleres, pero flaco favor , xa que supuxo, ao meu entender, que fosen facilmente dominadas. O feito de querer e ser queridas non é malo de seu, o que é malo é que iso supuña levarse ao engano.

A muller ten unha conformación condutual que non tende á violencia gratuíta nin ao dominio; o home ten unha actitude de proacción cara o dominio, cara o control, cara o espazo. E isto foi así ao longo da historia pero e é algo que aínda permanece dado que a educación, explícita ou non explícita, a directa ou indirecta nas familias e nos medios (escola, publicidade, cine...) tenden a marcar eses estereotipos. A cales me refiro? A da muller que está para querer e ser querida e a do home que está para dominar. 

Todo mundo quere ser querido, todo o mundo quere ser aceptado, pero no caso das mulleres parece que esa actitude é máis intensa que no home pois ao longo dos séculos e séculos fóiselle inoculando como rol principal. Por iso parece estar disposta a sufrir e a aguantar situacións que as pon en perigo. 

Temos que ser conscientes da situación para poder poñer distancia, fuxir e imporse ante ese home dominante. A muller debe deixar de ser compracente para poder situarse a un nivel de igual a igual. Ben é certo que en milleiros de anos  se nos preparou para o coidado dos demais, pero isto non pode confundirse co servilismo e a submisión. Podemos coidar, podemos atender, pero sen perder a balanza do equilibrio.

O noso rango como ser humano é exactamente igual ao do home. Cómpre que este o acepte de forma inapelable. Por iso hai que implicalos na loita pola igualdade para asumir que temos tantas capacidades como eles, aínda que as nosas capacidades sexan de tipo diferente.

A muller non debe disporse para o dominio nin a vexación. Debe ser capaz de arrincar esa raíz e rebelarse ante aquel que a agrede. Debemos ter claro que non nacimos para ser queridas nin nacimos para querer a aqueles homes que pretenden humillarnos. É intolerable esa actitude arrogante de tantos e tantos homes. 

27 de abril de 2021.