Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta T. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta T. Mostrar todas las entradas

11 febrero 2026

HOMENAXE ÁS IRMÁS TOUZA NO DÍA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

O día 31 de xaneiro fun invitada a dar unha charla para contextualizar o fenómeno do holocausto nazi. Compartín mesa con persoas moi interesantes, entre as que estaban o meu grande amigo Xosé Carrión. Pero había unha invitada moi especial, Alejandra Touza, descendente das irmás Touza que nos contou as vivencias do seu avó nun campo de concentración, un relato desgarrado e moi penoso. Unha lembranza que lle quedou na memoria do non esquecemento. Relatos de vida que enchen os baleiros da historia. Para min foi moi interesante e entre todos e todas complementamos información, datos, sentimentos, emocións...



01 diciembre 2024

LAUREANA TEIJEIRO VIDAL

Laureana era a nai de Modesto López, galeguista amante da súa terra que foi paseado e asasinado na ditadura.

Laureana naceu en Cenlle e os seus pais eran Modesto Teijeiro, que era médico, e Olimpia Vidal. As súas irmás Elisa e Gloria fixeron estudos de maxisterio no Instituto ourensán. Laurenana amosou desde nena grandes dotes para a música, tal é así que en maio de 1897 a Deputación Provincial de Ourense concedeulle unha subvención de 1500 pesetas para pasar a Madrid e perfeccionarse no estudo da arte musical e declamación no Conservatorio. A continuación preséntase o expediente académico que me enviaron desde o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid:

En novembro de 1902 casou na Igrexa de Santa Eufemia do Centro en Ourense co comerciante Félix López Ugarte, vicepresidente da Cámara de Comercio e que era natural de Madrid. O matrimonio tivo catro fillos, Mercedes, Modesto, Félix e Leopoldo. 

Félix formaba unha Sociedade con Emilio Lóbit e eran os organizadores das corridas de touros na praza de Ourense. Chegou a ser alcalde conservador da cidade o 18 de novembro de 1913 en sustitución do liberal Ildefonso Meruén  que solicitou a dimisión. Felix, do partido conservador, permanecerá no cargo durante dous anos sendo substituído por Juan Taboada González. Félix faleceu o 24 de decembro de 1917 e Laureana sacou adiante aos seus catro fillos. A partir de entón a familia decidiu trasladarse a Madrid ata 1927, ano que regresa a Ourense.

Modesto, fillo de Laureana e Félix, foi colaborador da revista NÓS na que escribiu no número 115 de 1933 o artigo "Investigacións etno-morfolóxicas antre a poboación do Ribeiro de Avia". Así mesmo  inseriuse na Revista Vieiros, número 3 de 1965 un artigo inédito titulado "Ensaio de tipoloxía galega". Dito artigo foi publicado grazas a que Laureana llo facilitou á revista Vieiros, tal como indicou a Revista dicindo:

Con emoción pubricamos iste traballo centífico, aínda inédito de Modesto López Teijeiro que fora unha espranza pra Galiza polo seu esgrevio talento, e pola súa lealdade. Agradecemos con agarimo a súa nai iste agasallo que nos fixo pra Vieiros que se honra en apresentar iste estudo de outo valor prá ciencia e prá galeguidade. Modesto López Teijeiro, noso amigo e n oso irmán"

(Fonte: Separata do número 113 do Boletín NÓS.)
(Fonte: Vieiros: revista do Padroado da Cultura Galega do México. Número 3. 1965 setembro 21, p. 8.)

Modesto foi un home de profunda galeguidade e moi recoñecido nos círculos intelectuais. Foi socio do Seminario de Estudos Galegos e impartiu conferencias cuxa temática versaba sobre a constitución do pobo galego. Tamén participou na colaboración na recuperación do Ateneo de Ourense. Así mesmo formou parte da directiva da Xuventude Esperantista e impartía cursos desta lingua. Súa nai foi unha muller sensible coas ideas de Modesto, como demostra que entregase á Revista Vieiros os escritos do seu fillo.

Modesto traballaba na Banca e estaba afiliado ao Sindicato da mesma vinculado á U.X.T. Durante a ditadura foi detido e acusado de comunista. Paseárono e  foi asasinado o 27 de setembro de 1937 aparecendo o seu corpo na estrada entre Xinzo e Celanova.

Laureana faleceu o 16 de setembro de 1951.

Vid: Noticias. Orense. (1902, 14 novembro). La Correspondencia Gallega, p. 2; Orense (1913, 20 novembro). El Correo de Galicia, p. 2; Revista Adra. Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego. nº 13. Homenaxe a Carlos García Martínez. Santiago de Compostela. 2018.

20 octubre 2024

ELISA TEJADA LORENZO

Elisa naceu en Lobios e era filla do secretario do Concello, Jaime Tejada Rodríguez. Realizou os estudos de Maxisterio pero aos 16 anos presentouse ás oposicións a Administración e conseguiu a praza en Facenda. Foi destinada a Pontevedra e alí coñeceu ao que sería o seu home, o médico traumatólogo, Manuel Luís Conde Corbal, que tiña ascendencia ourensá pois seu pai era de Ourense e emigrara a Cuba. Casaron en outubro de 1951 na igrexa de San Miguel de Lobios. O matrimonio veu residir a Ourense e Manuel abriu un sanatorio sendo Elisa a súa principal axudante pois, de feito, ela era a que o xestionaba. Inseparable do seu home, que era grande amigo de Otero Pedrayo, Elisa quixo deixar á Fundación do insigne profesor intelectual e escritor as cartas que este lle enviaba a Manuel Conde. Elisa, xunto co seu home arroupábanse de grandes amigos da intelectualidade e cultura galega. 

Faleceu o 20 de novembro de 2023.

(Fonte: Galiciana. La Noche, 28 de xuño de 1961, p. 10)

Vid: La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Num. 11012 (11/10/1951), p 2; Chicho Outeiriño: " Elisa Tejada Lorenzo: funcionaria precoz, familiar, delicada e impulsora del sanatorio Conde Corbal", La Región, 24 de novembro de 2023; M.F. Romero, "Las cartas de Don Ramón, de vuelta al remitente", Faro de Vigo, 10 de outubro de 2017.

30 mayo 2024

AS MULLERES TRABALLADORAS OURENSÁS NO DEBER DA TOMA DE CONCIENCIA.

Que a muller ourensá sempre participou dos traballos e foi unha traballadora empedernida non hai dúbida. Outra cousa é que comezando a ter un traballo remunerado e extradoméstico se organizase en aras de solicitar dereitos e liberdades.

Teño escrito no blog varias entradas que falan de movementos levados a cabo por mulleres ourensás de certos sectores laborais cuns afáns reivindicativos, como as leiteiras, as nodrizas, as agrarias...Tamén é coñecida a súa participación en mobilizacións, inauguracións da Casa do Pobo, celebracións do primeiro de maio, manifestacións cidadás...De todo isto dou conta na entrada que fala das Mulleres afíns ao socialismo.

Nin que dicir ten que desde a igrexa houbo un interese especial en crear un sindicato católico ligado á muller e no cal se levaban a cabo actividades encamiñadas á súa formación así como ás súas propias problemáticas laborales pero que agochaban o interese proselitista e unha intencionalidade de frear e impedir que a muller se escapase do seu control xa que sempre supuxo un aval social para asentar o seus axiomas.

No franquismo foi a Sección Feminina a que se encargou de prodigar entre as mulleres os valores patrios e as condutas femininas requiridas. No tocante ao traballo, ben é sabido que o réxime franquista impedía que a muller traballase pois o seu cometido era outro, non obstante, a situación das mulleres comezou a cambiar na década dos 50 e sobre todo nos anos sesenta como consecuencia das transformacións económicas e sociais que supuxeron «un progresivo incremento do traballo asalariado legal das mulleres, así como un maior acceso aos niveis medios e altos da educación. E todo iso comportou cambios nas propias estruturas familiares, o incremento da presenza das mulleres nas esferas públicas e unha maior difusión de novos modelos e valores propiciados polo discurso oficial franquista».

En 1961 aprobouse a Lei sobre Dereitos Políticos, Profesionais e Laborais da Muller, que acababa coa discriminación salarial e de acceso ao traballo, aínda que continuaba en vigor a necesidade da autorización do marido. Esta obriga mantívose ata 1976, cando entrou en vigor a Lei de Relacións Laborais.

As mulleres estaban a converterse no mundo nunha man de obra precisa, fundamentalmente para certo tipo de ocupacións. A Axencia EFE emitiu en maio de 1964 unha noticia desde Xenebra na que se indicaba que segundo datos da OIT as mulleres supuñan unha terceira parte da man de obra mundial, isto é vintesete mulleres de cada cen facían un traballo remunerado fóra do seu fogar(1). España estaba por detrás do resto dos países. No 1965 e segundo datos do Instituto Social da Muller a índice laboral da muller en Francia, Italia e Alemaña e EE.UU. achegábase ao 30%; en Rusia era dun 45% e Xapón un 40% e España era dun 15,8% da súa poboación activa. (2)

Lonxe quedaba España das ansias reivindicativas que as mulleres traballadoras do resto de Europa estaban solicitando pois a igrexa e o réxime tiñan ben entrenzado o seu labor para traer da man á muller traballadora para que esta non se desviase das lindes establecidas. 

En xaneiro de 1960 Ourense recibe a visita do Consiliario Nacional de Xuventude Obreira Católica Feminina que viña coa aspiración de elevar a moral das mulleres traballadoras (3).

A Sección Feminina vai ser a que dirixa a súa mirada ás mulleres ourensás e organizou cursiños destinados ás mulleres traballadoras, oficinistas, empregadas, comerciantes...pero sempre sazonados cunha  liturxia conservadora e doméstica. En 1970 creouse en Ourense a Residencia-Escola para as mulleres traballadoras de Ourense rexentada pola Sección Feminina. Estaba situada en Mariñamansa  e estaba destinada ás ourensás que procedían da provincia e viñan traballar á capital e tiñan que parar en pensións ou habitacións realquiladas moitas das veces en situación de incomodidade. Había que pagar 2000 pesetas como pensión completa e ademais recibían cursos e formación profesional tanto para as pensionistas como para as externas. 


(Fonte: Foto Reza. La Región. 25 de novembro de 1970, p. 13.)

A Sección Feminina tamén colaboraba coa Escola Sindical impartindo cursos destinados ás mulleres traballadoras. Nesta escola sindical na que colaboraban tamén avogados ofrecíanse charlas sobre os dereitos laborais da muller, a seguridade social, regulamentación do traballo. (4)

Por outra banda estaba a HOALF cuxa presidenta era Carmen Nogueiro. Dita agrupación supuña o apostolado adulto feminino de Acción católica obreira e que desde 1967 tiña xa varias militantes en Ourense. A pretensión era evanxelizar ás mulleres traballadoras e crear mulleres capacitadas e responsables e nas súas reunións trataban sobre os problemas laborais. Todo conduce a pensar que desde o mundo eclesiástico e da Sección Feminina pretendíase evitar que a muller que xa estaba incorporándose ao mundo laboral se contaxiase de ideas que as alonxasen do camiño que sempre se trazou para a muller. (5).

Ben é certo que estas iniciativas podían conducir a unha maior implicación das mulleres nas reivindicacións tanto laborais como sociais. De feito, nun artigo que se publicou na prensa asinado por Isabel A. Lorenzo falaba de oportunidade que se lle ofrecía á muller por medio dos cursos da Delegación Provincial de Sindicatos  hora de encarar a súa vida laboral e concienciarse socialmente e dicía textualmente:

La Secretaría del Departamento Provincial "Trabajo de la mujer" de la delegación provincial de Sindicatos ha convocado hace unos días mediante carta circular, una asamblea de mujeres trabajadoras con el objeto de establecer con ellas un contacto previo a las próximas elecciones sindicales. Era la primera vez que en nuestra ciudad se proyectaba una reunión a este nivel...la asistencia de aproximadamente trescientas mujeres trabajadoras, desde limpiadoras a licenciadas, puso de relieve que la convocatoria había suscitado el suficiente interés. Y el que haya sucedido así es un síntoma notable, si se tiene en cuenta que la incorporación de la mujer al trabajo fuera del hogar es una realidad, si bien parcial, reciente y que, como consecuencia, la mujer no ha entrado aún de lleno en la comprensión y el dominio de su propia problemática sociolaboral y de la problemática laboral en general. El hecho, no obstante, de que un grupo tan numeroso de mujeres haya acudido a la mencionada asamblea indica, evidentemente, que existe una inquietud...en torno a unos intereses también comunes. Hay que esperar que esa toma de conciencia se generalice, para que la incoporación de la mujer a la población activa....se realice con todas y hasta las últimas consecuencias.,,,(6)

En efecto, nestas palabras deféndese que a muller ten que tomar conciencia dos seus dereitos e que ten que ser ela a que a que sinta a necesidade de esixilos e pedir as oportunidades para as que debe estar perfectamente preparada.

Son retos que aínda, a día de hoxe, deben perseguirse.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
(1) "Mujeres y trabajo", La Región, 23 de maio de 1964, p. 10.
(2) "Las barreras de la mujer española", La Región, 1 de outubro de 1965, p. 16.
(3) La Región, 9 de xaneiro de 1960, p. 3.
(4) "Cursillo para mujeres trabajadoras·, La Región, 2 de marzo de 1971, p. 9.
(5) José Carlos, " La HOALF pretende crear una sociedad nueva con mujeres capacitadas y responsables", La Región, 16 de febreiro de 1969, p. 20.
(6) Isabel A. Lorenzo. "La mujer hacia su integración social y laboral·, La Región, 14 de maio de 1971.

25 noviembre 2022

MARÍA DE LA TORRE Y HACHA (María de la Torre Acha)

Foi a primeira concellala nun municipio de Ourense.

María naceu en Ourense e era filla de María de Acha y Larrauri. En canto ao pai, probablemente fose Eladio de la Torre Fernández que era sarxento militar e desde Tarragona foi destinado a Ourense en 1897 pois nomeárono Vixiante do Canal do Loña, cargo ao que renunciou en maio dese mesmo ano. Este faleceu en Ourense o 31 de xaneiro de 1917. A nai de María  faleceu o 20 de novembro de 1952. María tiña unha irmá chamada Marina. A familia residía na Rúa Lamas Carvajal, número 2, segundo piso. 

Unha das tías era Venancia de Acha, casada co comandante militar, Don Antonio Balvís Forneiro, destinado en Sobrado dos Monxes, un home recoñecido na provincia. Outra das tías por parte do pai era Herminia de la Torre Fernández e curmá de María de la Torre Parada.

Tiña o título elemental de Maxisterio, expedido o 29 de decembro de 1911. Comezou a exercer como interina en 1910 pero quixo promocionar e en 1912 obtivo na Normal de Pontevedra o Grao Superior de Maxisterio acadando na Reválida a cualificación de sobresaliente. Ese mesmo ano foi para a escola de Riocaldo en Lovios e ao ano seguinte foi á de Fonteita en Chandrexa. En 1914 presentouse ás oposicións en Santiago e, tras aprobalas, adxudicáronlle praza no pobo de Berrande en Vilardevós. Foi a mestra titora de prácticas de Carmen López Bello na escola de Cartelle no curso 1917-1918.

(Fonte: La Región, 18 de xuño de 1914, p. 2. Galiciana.)

Alí, en Cartelle, estivo exercendo durante varios anos ata que, posteriormente, foi destinada en 1923 á Vilamarín. Alí compaxinou o seu traballo co da concellería. En 1934 cambiou de escola para a de Tamallancos, no mesmo concello, En 1944 foi destinada a Tamallancos e de aí pasaría á escola de Pereiro de Aguiar.

María de la Torre, estando de mestra en Vilamarín, foi nomeada tenente-alcalde do concello en 1925 polo que foi a primeira muller que ocupou este cargo  politico na nosa provincia. No Concello de Ourense serían nomeada concellalas Blanca Calvo e María Amor Roland.

No anexo do 8 de marzo de 1924 do Estatuto municipal incluía por primeira vez no censo para poder votar ás mulleres maiores de 23 anos, solteiras, non tuteladas por homes ou polo Estado. Posteriormente, tamén as que reunisen estes requisitos podían postularse para un cargo político. Pero, realmente, isto non se aplicou pois para designar concellais, serían ao fin os Gobernadores. E, en efecto, algunhas  foron designadas para cargos políticos nos gobernos municipais, e en Ourense, unha delas foi María de la Torre.

O procedemento de nomeamento de María de la Torre concellala foi o seguinte. O tenente de Infantería Máximo Macho levou a cabo unha inspección no Concello de Vilamarín por orde do Gobernador Civil. Tras dita inspección ocular atopáronse moitas irregularidades polo que toda a Corporación foi suspendida sendo substituída por un novo alcalde e concellais. O novo alcalde sería José Blanco González e, María de la Torre sería nomeada segunda Tenente Alcalde. Así pois, a nova corporación estaba formada polo alcalde e dez concellais, sendo María a única muller. O dicurso pronunciado polo Sr. Macho destacou a incorporación desta "distinguida señorita" da que dixo que era unha muller moi culta e que estaba desempeñando un importante labor na escola de Vilamarín, e ademais afirmou:

era de esperar una labor fructífera y delicada, que será, a no dudarlo, un valioso elemento de colaboración para el señor alcalde electo Don Juan Blanco, maestro nacional de Reádegos...El Señor Blanco contestó al Señor Macho agradeciendo las frases laudatorais para todos y especialmente las dedicadas a los maestros, y dedicó elogios muy merecidos para el digno señor gobernador, que llevó al Municipio la primera señorita, a fin de que con su talento y belleza colabore al engrandecimiento del mismo... (1)

Posteriormente tomou a palabra o novo Alcade que tamén dedicou eloxios para o señor Gobernador que "llevó al Municipio la primera señorita, a fin de que con su talento y belleza colabore en el engrandecimiento de este Muncipio" (2).

Tomou a palabra María de la Torre prometendo facer todo o posible na colaboración que dela se solicitaba.

E, en efecto, María de la Torre y Hacha convertiríase na primeira muller concellala da provincia. No concello de Ourense, lembremos, que Blanca Calvo e María Amor tamén chegaron a ser concellalas en 1925.

Coa chegada da Ditadura, María de la Torre foi denunciada ante a Comisión de Depuración do personal de maxisterio e imputáronselle os seguintes cargos: haber cambiado coa chegada da República; saudar co puño en alto; que non era moi relixiosa e que provocara algúns escándalos. Mais María defendeuse nos descargos dicindo que eran incertas todas esas acusacións. Di:

Que son totalmente inciertos los cargos que se me formulan, ignoro por quien, aunque supongo que será por algún enemigo personal o por alguien que tenga interés directo en que se me infiera un castigo, que lleve como consecuencia el que la escuela que regento quede vacante. Ciñéndome a los cargos que se me formulan afirmo:

 Primero que antes del advenimiento de la República he sido tan amante del orden que ayudé en la medida de mis fuerzas a la labor del General Primo de Rivera desempeñando el cargo de teniente Alcalde del Ayuntamiento de Vilarmarín, según se puede justificar pidiendo certificación al Ayuntamiento referido. Al sobrevenir el cambio de régimen, no cambié de ideas ni de moral, para  esta que se emplea por quien me haya denunciado, dando claramente entender al producirse con semejante vaguedad que nada en concreto tenía que decir contra mí.

Acompñaño para justificar mi conducta y actuación, tanto moral como política, certificación expedida por el Delegado Militar en el Ayuntamiento de Villamarín, y declaraciones juradas de los Sres Sacerdotes del Distrito, los cuales interesa que sean ratificadas.

Que olvidé mis sentimientos religiosos. Esto es otra vaguedad como la anterior pero puestos a rebatir el cargo, sostengo que no los olvidé ni en público ni en privado, tanto en lo que se refiere a mí personalmente, como a fomentar el cumplimiento de los deberes de religión, entre las niñas cuya educación tenía confiada.

Que di no poco escándalo. Cabía preguntarle al que tal cosa dijo de mí, cómo y en qué di escándalo poco o mucho. Nada tengo que decir a este respecto, puesto que este cargo roza ya mi honradez personal...

Que saludaba a mis compañeras con el puño en alto. A este respecto me remito al adjunto informe de la Jefatura Provincial de F.E.T. y de las J.O.N.S ...

Suplico a la Comisión, se tengan por contentados los cargos contenidos en el pliego que devuelvo.

Tamallancos, 29 de Diciembre de 1937.

Con estas alegacións que realizou María de la Torre a Comisión de Depuración acordou confirmala na súa escola (2).

(Elaboración propia a partir de diversas fontes e hemeroteca. E de novo quero dar as enormes grazas a Rafael Salgado por facilitarme esta fotografía)
(1)El Correo de Galicia, 5 de xullo de 1925, p. 12. (2) "Nuevo Ayuntamiento",  La Región, 12 de maio de 1925, p. 1.
Vid:La Región, 2 de outubro de 1912, p. 3; La Correspondencia Gallega, 14 xuño 1914; Diario de Pontevedra, 2 de Outubro de 1912, p. 2; La Región, 12 de maio de 1925, p. 1; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo: 20 de xaneiro de  1912; El Eco de Galicia, 30 de agosto de 1925, p. 24; El Pueblo Gallego, 15 de xaneiro de 1944, p. 5;La Región, 20 de novembro de 1952;  El Pueblo Gallego, 14 de agosto de 1958, p. 11; (2)MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32_13248_00262_013.

18 julio 2021

AMALIA TOVAR MORAIS


Amalia Tovar Morais naceu en Ourense o 19 de marzo de 1916 e era filla dun empregado de Correos, Don Enrique Tovar e era irmá de María de los Ángeles Tovar Morais que tamén figura neste blog. Aos dez anos (1926) ingresou no Instituto Xeral e Técnico da cidade, despois de facer a proba de ingreso o 5 de xuño de 19126 e realizou tres cursos con excelentes notas para logo solicitar certificado de traslado a outro centro. Consta que estivo examinándose no Colexio Privado Balmes de Pontevedra fundado por Don Gerardo Santos Méndez obtendo cualificacións de sobresaliente. Era considerado un dos mellores centros educativos da súa época e estaba situado na coñecida Praza das Galiñas, hoxe Méndez Núñez.

O centro, ademais de impartir clases de bacharelato e Maxisterio, tamén impartía clases de Comercio. Amalia desempeñou o posto de funcionaria de Facenda na Delegación de Ourense en 1935.

En decembro de 1939 contrae matrimonio con Don José Díaz Fernández que traballaba de Auxiliar en Facenda, primeiro destinado en Oviedo e logo veu a Ourense.


Como a maior parte das mulleres ourensás desta época, tamén Amalia participaría de xeito activo en homenaxes que se lle rendían na cidade a Calvo Sotelo ou ao Cardeal Quiroga, contribuíndo económicamente cunha pequena cantidade para os eventos. Así mesmo cando houbo un chamamento ás mulleres para coseran a roupa dos soldados do exército nacional no propio Liceo ourensán, tamén Amalia formou parte do grupo de voluntarias.

Temos que considerar que estas participacións das mulleres ourensás en eventos de carácter patriótico eran bastante normais na época da guerra e na ditadura pois, en efecto, o réxime facía fincapé no rol moral que debían ter as mulleres pola causa nacional e patriótica.

Elaboración propia:Vid: Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa M., "Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)", Historia de la Educación, nº 26, 2007, pp.437-470; El Progreso, 1930 outubro 7; El Pueblo gallego, 1935 xaneiro 25; La Región, 10-2-1917; 22-9-1926; 3-6-1930; 18-11-1939..



23 mayo 2021

TETÉ TORRE REZA

Loli Sanfer facilitoume o nome doutra ourensá a destacar. Trátase de Teté Torre, magnífica soprano que desde moi nova formou parte da Agrupación Lírica de Orense, compañía que gozou de éxitos e recoñecemento en toda Galicia a mediados do século XX. Actuaban por toda a xeografía galega interpretando zarzuelas como "Katiuska", "La Canción del olvido","La viejecita". Nestas interpretacións destacaba a voz de Teté Torre polo seu canto excepcional. Na cidade ourensá a agrupación agasallaba ao público con zarzuelas como "Luísa Fernanda" de Moreno Torroba na que Teté Torre representaba o papel principal. O Mestre Vide foi outro dos compositores escollidos para ser interpetados pola Agrupación Lírica coa obra "Miñatos do vran" e, de novo, Teté Torre era a voz principal.

Podemos atopar na hemeroteca un gran número de referencias á voz de Teté Torre, á súa capacidade interpetativa, á capacidade tímbrica e a gracia que tiña, cualidades que fixeron que interpretase case sempre os papeis principais.

Casou con Catlos Trapote e tiveron cinco fillos mais Teté non deixou de cantar. Coñecéronse os dous na Agrupación Liceo onde Carlos era o actor e Teté a soprano.



(Fonte: La Región, 16 de xuño de 1961, p. 3)

(Elaboración propia. Vid: La Noche, 27 de outubro de 1952; El Pueblo gallego, 24 de xaneiro de 1959).




27 diciembre 2018

ESPERANZA TRIGO GÓMEZ

Esperanza naceu en Villajuán, Pontevedra, o 4 de marzo de 1896. Consta nos rexistros de matrícula do Instituto Xeral e Técnico de Ourense.
Realizou aos 15 anos o exame de ingreso o 2 de xuño de 1911 na Escola Normal de Pontevedra e matriculouse desde 1910 a 1915 na Normal desta cidade. Ali estudou Lingua castelá, Relixión, Nocións de Aritmética e Xeometría, Debuxo, Caligrafía, Aritmética, Relixión 2, Debuxo 2, Francés 1, Xeometría e Francés 2. 
No curso 1917-1918 consta matriculada no Instituto de Pontevedra nas materias de Xeografía Xeral de Europa, Latín 1, Xeografía especial de España e Latín 2 acadando unhas moi boas cualificacións. 
O derradeiro curso fíxoo no Instituto Xeral e Técnico de Ourense por libre, matriculándose en Historia de España, Preceptiva e Composición, Historia Universal, Álxebra e Trigonometría, Psicoloxía e Lóxica, Psicoloxía e Hixiene, Historia da Literatura, Física, Historia Natural, Agricultura e Técnicas, Química Xeral e Ximnasia.  
O 23 de agosto solicitou o Título de Bacherelato e o 22 de Setembro dese mesmo ano expide unha Certificación para a Universidade de Santiago. 
Cursou a carreira de Farmacia para poder rexentar a farmacia que era do seu home e que estaba situada en Vilagarcía de Arousa.
A fotografía amosa o lugar onde se situaba a Farmacia, na Praza de Galicia en Vilagarcía de Arousa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento, publicada pola Universiade de Vigo, versión CD.
Así mesmo: O faiado da memoria

09 julio 2017

ANGELES TOVAR MORAIS

Ángeles Tovar naceu en Puente Mayor no 29 de outubro de 1914. Era filla de Enrique Tovar, funcionario do Estado.

Matriculouse no Instituto Xeral e Técnico de Ourense no ano 1926, tras realizar o exame de ingreso do 5 de xuño á idade de 12 anos. Estivo matriculada en cinco cursos, os tres curso de bacharelato elemental e dous cursos de bacharelato universitario realizando os estudos por libre e oficial, concretamente dous por libre e tres por oficial. Obtivo o título cunha cualificación notable expedido o 30 de setembro de 1928 e solicitou o ingreso na Escola Normal de Mestras de Ourense o 3 de agosto de 1932. Era irmá de Dona Amalia Tovar Morais que tamén cursou estudos no Instituto.

Estivo de mestra na escola de San Jorge de Touza e logo na de Vilar de Ordelles en Esgos. 

Estaba casada con Manuel Fernández Quintas, xerente da entidade Herederos de Severo Fernández. Casaron en maio de 1940 e tiveron tres fillos, Juan Manuel, Alfonsito e Ángeles Fernández Tovar (Cuca Tovar) que tamén está neste blog e foi unha destacada activista feminista e militante tamén do Partido Comunista, como tamén o fora a súa nai que foi candidata ao Congreso nas elección de 1979.

Esquela de Juan Manuel
(Fonte: El Pueblo Gallego, 22 de outubro de 1955)

O 1 de marzo de 1979 celebrábanse as eleccións a Cortes e o 3 de abril as municipais. Nos inicios de febreiro de 1979 o Partido Comunista convocou un acto no Ateneo para facer presentación dos seus candidatos. A campaña desenvolveuse en dúas fases e o PC non estaba a favor das eleccións xerais pois non consideraban oportuno o momento da convocatoria pero comprometeuse a dar o máximo esforzo nas dúas campañas (xerais e municipais) unificando a campaña pola proximidade das dúas datas.

O doutor Peña Rey, lider do PC en Ourense, fixo historia do labor desenvolvido polo Partido Comunista a pesar das grandes dificutlades que tivo en Galicia nas anteriores eleccións. Identificouse coa autonomía de Galicia e a loita contra o paro. Referiuse ao problema das coalicións e se opuxo a determinadas restricións impostas polas normas da convocatoria. Amosouse partidario da democratización dos Concellos e a creación inmediata de cartas municipais e resaltou a negativa do PSOE, polo cal o partido foi só, cun programa para ofrecer a todas as forzas democráticas dentro dos Concellos.

Entre os candidatos ao Concregos estaba unha muller e eran Jesús Redondo, Cuca Tovar ( Ánxeles Fernández Tovar, filla de Ángeles Tovar) , Carlos Blas Rodríguez, Xaime Rodríguez Mondejo, Xosé Arias Carballo..

Entre os candidatos ao Senado estaban José Liceras Miranda, María de los Ángeles Tovar Morais (nai de Cuca) e Antonio Rodríguez González.

Logo para as Municipais estaban as seguintes candidatas: Ángeles Tovar Morais; Mercedes Macía Viñas, Aurora Vázquez González e María Dolores Alonso Reverter.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Consulta hemeroteca vid: El Pueblo Gallego, 6 de febreiro de 1979, p. 16).



10 diciembre 2013

MARGARITA TABOADA

Cando unha persoa se pon a investigar atopa, entre outras cousas, a compañeiros, amigos e coñecidos que se entusiasman coma unha para indagar sobre algunha das nosas mulleres ourensás. E estamos nese caso. 

Cando eu atopei o nome de Margarita Taboada entre os rueiros de O Carballiño quixen saber de quen se trataba pois dedicarlle unha rúa a unha persoa é algo moi significativo. 

Na pescuda de información tiven unha grata compañía e colaboración por parte dos meus compañeiros de traballo na Laboral Asunción Pérez que contactou con Begoña que traballa no Concello de O Carballiño e de José Pérez que me puxo en contacto con José Benito, párroco de O Carballiño. Pois ben, todos eles recompuxeron un pouco os trazos vitais de Margarita Taboada.

Margarita Taboada era natural de Lalín pero vivíu en O Carballiño. Esta tiña en propiedade un piso no que viviría Don Evaristo Bahamonde o encargado de obras do templo da Veracruz. Pois ben, Margarita Taboada acabou cedendo a casa parroquial e os terreos para a construción da igrexa. Ante tanta xenerosidade o Concello quixo honrala dedicándolle unha rúa, por iso no Carballiño hai unha rúa chamada Margarita Taboada.

Despois pescudei na hemeroteca que me ofreceu datos desa muller caracterizada polas súas obras de caridade e pola súa humildade. Como puiden comprobar, era unha muller moi devota e que participou en numerosos eventos públicos relixiosos.

Finou o 4 de outubro de 1928 e a prensa da época resaltou a súa figura como unha muller moi entregada á vila de Carballiño.

(Elaboración propia)

15 julio 2011

LOLA TOUZA DOMÍNGUEZ, JULIA TOUZA DOMÍNGUEZ e AMPARO TOUZA DOMÍNGUEZ

As irmás Touza, Dolores, Amparo e Julia, naceron en Ribadavia e grazas a elas salváronse moitos xudeus que chegaban á estación de ferrocarril de Ribadavia para pasar a fronteira de Portugal fuxindo dos nazis..
         As irmás Touza eran Dolores, Amparo e Julia Touza Domínguez. A maior era Dolores que naceu en 1890, seguida de Amparo dous anos menor, que naceu no 1892 e a máis nova, Julia, naceu no 1901. Eran de familia humilde e numerosa pois eran sete irmáns e vivían na rúa do Xuíz Viñas, número dous, pero foron tres nenas que tiveron unha infancia feliz pois eran alegres, curiosas  e inquedas. Xa desde a súa infancia podíase prever a súa heroicidade. A familia estivo sempre moi unida e apoiaron a Lola cando tivo un fillo de solteira pois sabían que ese feito provocara certo escándalo nunha vila tan pequena e pechada.
            Lola, Amparo e Julia eran emprendedoras e para saír da situación de escaseza por ser tempos moi difíciles de guerra e moita fame rexentaron o casino de Ribadavia e ademais crearon outro negocio consistente nun posto-quiosco na estación de tren de Ribadavia. Vendían rosquiñas, melindres, froitas e incluso bebidas como licor café e viño da comarca. Era un quiosco hexagonal con xanelas por todos os lados e ata daban caldo galego quente para os días de inverno[1]. O negocio daba resultado pois, daquela, a estación de Ribadavia tiña moita actividade e mobilizaba moita xente. Tamén os nenos do colexio aproveitaban os recreos  para ir ao quiosco a probar os doces caseiros.

            Aquí comezaría unha trama secreta cuxas protagonistas van ser as tres irmás e que supuxo un feito altamente encomiable xa que, arriscando a súa vida, salvaron a centenares de xudeus que escapaban da persecución nazi.
            Un día do ano 1941, o ano da terrible guerra, as irmás atoparon a un home de estatura elevada, barbudo e sucio, tapado cun abrigo de mendigo estaba agochado nunha esquina do único banco do andén. Levaba todo o día mirando de xeito desconfiado. Ao chegar a noite unha voz sae do quiosco: “Mira ese hombre, lleva todo el día ahí sentado sin coger el tren…”. Lola achegouse a el e faloulle  pero el non a entendía e observábaa con desconfianza cos seus ollos azuis. Parece ser que era de Lyon de onde se escapara do campo de concentración, xunto cun asturiano ao que mataron os nazis tras a fuxida[2].
            De inmediato quixeron axudalo e Lola foi falar con Francisco Estévez, que estaba descargando ladrillos dun vagón, para pedirlle o favor de que levara a ese home a Portugal. Pola noite, Francisco e Ramón Estévez acudiron á casa de Lola coas canas de pescar e contou Ramón Estévez: “Nos levantamos a las cuatro y nos fuimos a casa de Lola. Ya estaban preparados, estaban detrás de la puerta . Lola sacó del bolsillo cuatro duros …”[3] Déronlle unha cana ao home e foron ao Miño. Tras varias horas chegaron a Frieira  despediuse de Ramón dicindo: “Lembrareite toda a vida, amigo”. Cruzou o Miño e chegou a terras Portuguesas. A partir de entón, comezou unha rede clandestina encabezada polas irmás Touza que conseguiu salvar a centenares de xudeus.
            Entre 1941 e 1945 numerosos xudeus, belgas, polacos, alemáns… viaxaban na liña Hendaya-Vigo pois fuxían dos campos de concentración nazi[4]. A rede comezaba en Xirona ata Medina del Campo e desde alí continuaba ata as estacións de Monforte e Ribadavia, coñecida como a Estación Liberdade. Os xudeus traían un visado feito polo cónsul portugués, Arístides Sousa, quen segundo parece, era o que daba aviso ás irmás, por medio dun telegrama, de que no tren ía algún xudeu. Ao chegar a Ribadavia os xudeus preguntaban por “la madre” que era o alcume de Lola. As irmás agachaban aos xudeus no seu quiosco e durante a noite levábanos á súa casa permanecendo alí ata poder cruzar a fronteira a Portugal andando ou en coche. Deste xeito as irmás foron salvando a dous por semana e a cada un dábanlle unhas moedas que gañaran  nos bailes que organizaban no seu casino e que ían gardando celosamente nunha bolsiña no caixón do aparador.
            Contaron coa colaboración dos taxistas Xosé Rocha e Javier Míguez “El Calavera”; un tonelero chamado Ricardo Pérez “El Evangelista” que estivera en Nova York e sabía inglés e polaco actuando de intérprete entre as irmás e os xudeos; e Francisco e Ramón Estévez[5]. Esta trama foi levada con moitísima discreción e lealdade entre todos e apenas foi coñecida entre as xentes do pobo. É evidente que, supuña un risco moi alto para todos pois, de feito, algunha vez viñeron os da Gestapo a Ribadavia, que por entón andaban en Galicia polo wolframio para os seus acorazados e tanques, a preguntar por “la madre”. A lealdade e o silencio mantivo a todos unidos conseguindo salvar a máis de cincocentos xudeus.
            No casino das irmás organizábanse os bailes de pasodobres e tangos, todo dentro da normalidade. Pero esa normalidade agochaba unha coartada. No aparador da súa casa era onde gardaban unha bolsiña coas moedas que gañaban para despois darllas aos fuxidos.
            Todos, un a un, foron escapando, grazas ás irmás Touza, dos terrores das persecucións inhumanas. Desde 1941 a 1945 as irmás axudaron a dúas persoas por semana. Elas eran a forza e a liberdade. A estas mulleres había que facerlles xustiza para que a Historia as recoñecese.
            No ano 1964, outro dos homes que grazas a “la madre” puido escapar do terror, quixo saber que fora daquela muller que o levara unha noite sen lúa ao outro lado da fronteira, que o levou camiño á liberdade. Era Isaac Reztmann que se atopaba en Nova York e se convertera nun próspero comerciante alemán de pais xudeus. Isaac coñecera a un galego chamado Amancio Vázquez que viña a Galicia durante as vacacións, e  pediulle que preguntara polas irmás Touza. Foi así como a historia transcendeu ata chegar a un libreiro de Vigo chamado Antón Patiño e con el comezaría a saír esta historia á luz.
            Ela viviron a súa historia con total silencio, tal foi que nin os seus descendentes chegaron a coñecer. Sabían que arriscaran moito a súa vida e non querían que eles sufriran por nada. As tres irmás non casaron pero tiveron descendencia. Julio Touza lembra á súa avoa Lola con estas bonitas palabras: “Ellas ayudaban a estas personas de manera desinteresada y nunca lo hicieron público. Tampoco lo contó mi padre. Eran solidarias por naturaleza y no solo con judíos huidos, sino también con prisioneros de la Guerra Civil, a los que daban comida a través de los barrotes de la cárcel”. Dela di que era unha muller moi forte e con tesón[6].
            O tempo deu oportunidade de sacar á luz unha historia que arrepía de emoción. Esta historia é un exemplo da forza das mulleres por construír un mundo máis xusto. Mulleres que non tiveron medo a arriscar a súa vida por salvar a dos demais para que acadaran a liberdade, tal  como se grava na placa que Ribadavia lles dedicou: “Ás tres irmás, Lola, Amparo e Julia Touza, loitadoras pola liberdade”.
            A valentía das irmás tamén foi eloxiada pola Asemblea Universal Sefardí: “Nuestro testimonio de admiración y gratitud para Lola, Amparo y Julia quienes aún a riesgo de sus vidas han salvado a sus semejantes, a nuestros hermanos, de una muerte segura”[7]. Así mesmo foron honradas pola Fundación para a Paz de Simón Peres e plantouse unha árbore en Xerusalén na que se di: “A las hermanas Touza es un ejemplo para el futuro de amor y de valor, principios escasos en estos tiempos de odio”. Pero ademais solicitouse por parte da Rede Sefardí de España e o Centro de Estudos Medievais de Ribadavia que foran declaradas Xustas das Nacións, que é o máximo recoñecemento o Estado Israelí fai a persoas que axudaron aos xudeos durante o Holocausto.
            O que fixeron as irmás Touza foi tan digno e de tanta valentía que en libros, artigos, reportaxes, etc, relataron a súa fazaña igualándoas á marabillosa xesta de Oskar Schindler por iso son chamadas “Las Schindler gallegas”. Incluso Hollywood preparou en 1918 un musical sobre as irmásTouza en base á novela de Ruiz Barrachina titulada Estación Libertad.[8]
            Dolores faleceu en 1966, Amparo en 1981 e Julia en 1983. Fóronse en silencio porque elas quixeron pero a súa historia quedou gravada nos corazóns de todos os que salvaron e conseguiron a liberdade.
           
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Garrido Vilariño, Xosé Maneul, “Las hermanas Touza-Domínguez, justas entre las naciones” en August-Zarebska, A e Martín Villora, T. (eds) Guerra, exilio, diáspora. Aproximaciones literarias e históricas, Wroclaw Wydawnichtwo Uniwersytetu Wroclawskiego, (2014) 129-134.
Mejuto, Eva, Memoria do silencio, Vigo, Xerais, 2017.
Patiño Regueira, Antón, Memoria de Ferro, Vigo, Promocións Culturais Galegas, (2005) 153-156.
Ruiz Barrachina, Emilio, Estación Libertad, Madrid, Esfera de los libros, 2016.
Touza David, Alexandra , Lola, Amparo e Xulia, as irmás Touza, (Ribadavia, Ponle Cara al Turismo, 2019


[1] Alexandra Touza David, Lola, Amparo e Xulia, as irmás Touza, (Ribadavia, Ponle Cara al Turismo, 2019) 5.
[2] Paco Rego, “La gallega que salvó a 500 judíos” https://www.elmundo.es/suplementos/cronica/2008/678/1223919740.html consultado o 14 de abril de 2020.
[3]  “Caridade , valentía…e silencio “ www.crtvg.es/tvg/a-carta/reporteiros-04-02-2012 citado por Garrido Vilariño, Xosé Maneul, “Las hermanas Touza-Domínguez, justas entre las naciones” en August-Zarebska, A e Martín Villora, T. (eds) Guerra, exilio, diáspora. Aproximaciones literarias e históricas (Wroclaw Wydawnichtwo Uniwersytetu Wroclawskiego, 2014) 132.
[4] Main Montero, “Las hermanas Shindler gallegas que salvaron a 500 judíos de holocasto” https://elpais.com/cultura/2018/04/25/actualidad/1524609887_725436.html consultado o 14 de abril de 2020.
Iván Fernández Amil, “Hermanas Touza: las tres gallegas que salvaron a cientos de judíos de los nazis” https://www.elespanol.com/quincemil/articulos/cultura/hermanas-touza-las-tres-gallegas-que-salvaron-a-cientos-de-judios-de-los-nazis consultado o 14 de abril de 2020.
[5] Antón Patiño Regueira, Memoria de Ferro, (Vigo, Promocións Culturais Galegas, 2005) 153-156.
[6] Main Montero, “Las hermanas Shindler gallegas que salvaron a 500 judíos de holocasto” https://elpais.com/cultura/2018/04/25/actualidad/1524609887_725436.html consultado o 14 de abril de 2020.
[7] Paco Rego, “La gallega que salvó a 500 judíos”…web.cit.
[8] Miguel Lorenzi, “Hollywood prepara un musical sobre las hermanas Touza, “Las Schindler gallegas” https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2017/01/23/hollywood-prepara-musical-sobre-hermanas-touza-schindler-gallegas/0003_201701G23P27991.htm consultado o 15 de abril de 2020.
Vid: Las Schindler gallegas

15 junio 2011

SALUD TORRES DÍAZ (DÍEZ)

Salud naceu en Ourense ás dez da mañá do 12 de agosto de 1911 e era filla de Silvio Torres Bellido que era de Onil, Alicante, e de profesión cocheiro, e de Julia Díez Borrajo que era de Coia, Allariz. O matrimonio vivía no número 93 da rúa do Progreso. 

Nesa rúa era onde Salud adoitaba a xogar e nunha ocasión, o 15 de febreiro de 1920, cando tiña oito anos, foi atropelada na Ponte Pedriña á saída da rúa do Progreso por un coche conducido polo banqueiro Señor Fuentes. O atropelo causoulle graves lesións polo que foi levada á Casa de Socorro e recoñecida polo Doutor Julio García. Feitas as curas Salud puido regresar ese mesmo día á súa casa. A noticia do atropelo saiu en toda a prensa local e galega pois, certamente, debeu ser alarmante.


(Fonte: Arquivo do Rexistro Civil de Ourense).

En 1926 fixo o ingreso para o Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense pero non consta o seu expediente. 

Foi delegada de UXT e militante do Partido Comunista e participou nun mitin organizado polo Comité Provisional de la CGTU celebrado no teatro Principal en abril de 1934 e que estaba presidido polo deputado comunista Bolívar. En dito mitin  interveu xunto con Manuel Pousa, Rafael Ochoa, Benigno Álvarez, Manuel García Filgueira e Francisco Paladini. Asistiron ao evento as  organizacións campesiñas coas súas respectivas bandeiras e ao finalizar o acto cantaron os Coros proletarios a Internacional. 

(Imaxe creada por IA na que se recrea a intervención de Salud Torres no Principal).

Nesa época seu pai estaba delicado de saúde e faleceu en xullo de 1934 mentres Salud e Silvio estaban en plena militancia activa.

Salud foi detida xunto co seu irmán Silvio en outubro 1934 durante a folga xeral dese ano acusada de comunista e por incitar aos soldados á rebelión e foi sometida a un Consello de Guerra. No inicio da Guerra Civil detivérona e levárona ao cárcere de Celanova e o 29 de outubro de 1937 "paseárona" e fusilárona. Tiña vinte e cinco anos. O seu cadáver apareceu no lugar de Lomba de Lamas (Xinzo de Limia). 

(Fonte: «Comunistas detenidos», Galicia, 21 de outubro de 1934, p. 1).

(Fonte: El Compostelano, 22 outubro, 1934. De Galiciana)


(Fonte: «Por hojas subversivas», La Región, 21 de outubro de 1934, p. 5).

Claudio Rodríguez Fer dedicoulle o seguinte poema:

O TERROR EN CARRO DE VACAS

Ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

Non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

O carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
coma se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo

Pero non doeron máis a María de Beiro
os balazos que coseron o seu corpo
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo

Non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza,
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono.

Elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna

Ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas

Fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo

Vid: Nomes e Voces e investigación en aquivos. Vid: «Orense», El Pueblo gallego, 8 de abril de 1934, p. 12; «Orense», El Pueblo gallego, 11 de abril de 1934, p. 121; «Notas», El Compostelano, 22 de outubro de 1934, p. 2; «Por hojas subversivas», La Región, 21 de outubro de 1934, p. 5; «Comunistas detenidos», Galicia, 21 de outubro de 1934, p. 1