Etiquetas

15 febrero 2025

AS MULLERES DO CAMPO, AS MULLERES RURAIS, E A SÚA CONTRIBUCIÓN NA HISTORIA


Esta entrada está destinada a reflexionar acerca das mulleres do campo e a súa contribución na historia. É ben certo que no relato histórico hai unha tendencia a focalizar a atención nas elites, persoas e grupos sociais que detentaron o poder, a influencia, os saberes...maiormente de procedencia social relevante. Aquí incluiríamos a aquelas mulleres que ao longo da historia foron destacando e que pola súa condición puideron ser significativas.

Pero (conxunción máxica pois relativa as afirmacións) agora que a historia trata de ser inclusiva e xustificar o rol das mulleres na mesma, imos vendo que houbo feitos promovidos por mulleres anónimas que actuaron de forma grupal e eran de procedencia máis humilde. Foron mulleres que non se amedrentaron á hora de protestar, reivindicar, solicitar...

Mesmamente neste blog falamos das mulleres que de xeito grupal foron capaces de promover actuacións que consideraban xustas. Tamén é verdade que moitas mulleres que aquí se presentan tiñan unha procedencia rural, co cal teñen máis valor, se cabe, que aquelas cuxas familias máis burguesas que facilitaban ou non impedían que as súas fillas progresaran.

Dito o cal, agora quero dedicarme a falar desas mulleres rurais, que permaneceron no campo, que apenas asistiron ás escolas pero que tiveron a escola da vida, a escola do esforzo, a escola do traballo, a escola de levar as rendas dunha casa e unha facenda, a escola de sacar adiante aos fillos e fillas. Para min, ningún demérito, en absoluto. Para min, uhhas verdadeiras heroínas.

Vexo na miña propia familia a estas mulleres. Mulleres que traballaban no campo tal que un home. Lembro a un tío dicir sobre a miña tía: "é miña muller pero no traballo é como un igual a min". Si, porque a muller rural contribúe igual que o home polo seu tesón e forza física. Implicaba para elas xornadas laboriosas de traballos moi arduos que esixían un grande esforzo pero nos que demostraban estar á mesma altura de capacitación que os homes. Son fabricadoras do alimento, do sustento familiar. 

As mulleres do campo sufriron a emigración dos seus homes e estas acabarían exercendo como verdadeiras “cabezas de familia” ao ter que rexentar e administrar as propiedades, coidar da casa, dos fillos, etc. En certa medida, este novo cometido conferíalles un estatus de valía e autosuficiencia o que deu lugar a que se argumentase que non estaba de máis conferirlle os mesmos dereitos que os homes. Así dicía un artigo publicado en La Región:

La mujer gallega cuando su marido parte y la deja en medio de la soledad y en la esfumada lejanía, sobre ella pesan los deberes de ciudadanía que antes exigían al marido, más ella no tiene un código de leyes que le dé los derechos que exoneran y defienden a aquel…(1)

E non esquezamos tampouco ás mulleres que emigraron tamén. Eu teño en mente ás mulleres da miña familia que marcharon. Unha delas marchou soa a Barcelona e alí traballou de asistenta e a familia adorábaa pois as galegas levan o traballo no sangue. Outra marchou nuns anos moi difíciles a Suiza e alí traballou arreo pois a muller galega non lle ten medo ao traballo. Si, foron mulleres valentes e atrevidas que aprenderon da universidade da vida.

Mulleres do campo, rurais das que apenas se fala na historia pero fixeron historia. 

Deteñámonos no rol das mulleres do campo na ditadura. Precisamente, esas mulleres do campo foron obxecto de interese por parte das forzas vivas e por parte do novo réxime de querer atraelas pensando aproveitar o que pensaban que eran "iñorantes". Pero non, a muller galega do campo é moi lista e sabe actuar con disimulo.

Na guerra civil xogaron un papel primordial pois adoptaron o rol de protectoras e encumbridoras dos seus xa que, como eu digo, "non hai muller cobarde na defensa dos seus". Elas serviron de escudo protector dos seus homes, pais, fillos...Moitos salváronse grazas a elas que os agocharon, levábanlles comida, enganaban aos perseguidores....Arriscaban a súa vida pois eran moeda de cambio, de chantaxe e sentían o alendo na caluga. Si, moitas mulleres rurais, esas mulleres das que pouco se fala, foron tan protagonistas como os homes.

No libro de Xosé Neira Vilas, "Guerrilleiros", dise:

A muller galega tivo unha presencia moi activa na nosa loita; e en boa medida a ela debémoslle a sobrevivencia da guerrilla. Nos abastecementos, na propaganda, nas tarefas de intelixencia, na desinformación ó enemigo, no aseguramento de puntos de apoio, na función de enlaces...En todo" (2).

Non hai dúbida, eran mulleres do campo, eran mulleres anónimas. Moitas sufriron o cárcere, dalgunhas delas fálase neste blog.  Elas non foron principais no interese na historia...pero elas silenciaron moitas historias que ao saír á luz reflicten o valiosas que foron.

Así que, para concluír, un recoñecemento ás mulleres campesiñas que tamén deixaron a pegada na historia. Reivindico unha historia común, non xerárquica baseada nos feitos e acontecementos nos que os  únicos protagonistas sempre foron os homes.

(Elaboración propia. Reflexións propias). (1) Yebra Rodríguez, G., “La emigración y el feminismo”, La Región, 6, xaneiro de 1918, p. 1. (2) NEIRA VILAS, X. (1991). Guerrilleiros. A Coruña. Edicións do Castro, p. 41.