Etiquetas

12 junio 2022

MARÍA CID GINZO

Naceu en Ourense en 1907 e era filla do vicecónsul de Francia en Ourense e administrador de La Región, Ricardo Cid Martínez, e de Elisa Ginzo Soto que era irmá de Marcial Ginzo Soto, avogado que chegou a ser alcalde da cidade de Ourense. O matrimonio casou o 10 de outubro de 1906 pero dez anos máis tarde, o 16 de decembro de 1916, Elisa faleceu.

O tío de María, Marcial Ginzo, foi o impulsor do periódico La Región que logo sería adquirido por Ricaro Outeiriño. Despois fundou en 1930 o diario da mañá "Galicia" que se imprimía na rúa Progreso e logo pasou a imprimirse nunha imprenta da rúa Luis Espada ata 1957, ano no que desapareceu.

María realizou os estudos no Instituto ourensán no que ingresou no ano 1921. Fixo simultaneamente os estudos de Bacharelato, Maxisterio e a carreira de música converténdose nunha virtuosa pianista. Rematou os estudos cunhas cualificacións sobresalientes e en 1929 sacou as oposicións e comezou a traballar de mestra estando destinada na escola de Castrelo de Miño. As súas irmás  Dolores e Justa Elisa tamén sacarían a carreira de maxisterio.

(Ricardo Cid Martínez, pai de María Cid Ginzo)

En xullo de1932 casou con  Juan Hernández Herrón, mestre tamén pero logo dedicouse ao periodismo exercendo como tal en Madrid. O matrimonio trasladouse, polo tanto, a Madrid pero María continuou exercendo o maxisterio no grupo escolar Zumalacárregui no que impartía clases de música e canto.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

Vid:Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930). Tese inédita;  https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.9774.php; Vida gallega, 20 de xullo de 1932; Vida Gallega, 30 de setembro de 1922; La Región, 15 de xuño de 1932, 6; El Diario de Pontevedra, 10 de outubro de 1906; La Región, 16 de decembro de 1916; Vida Gallega, 10 de febreiro de 1929, p. 36.