María Sánchez Fernández sendo alumna da Normal escribiu na revista NÓS no apartado "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza" o conto "Zorro por Lebre", que foi recollido pola autora no pobo San Miguel de Melias, Coles. Trátase dun conto popular onde se amosa a retranca típica do galego. Fala de que un home alcumado "Lalín" ía por viño onde o sacristán e un día, mentres medían o viño o Lalín díxolle que traía unha lebre pero ao rematar a cea o vinateiro comezou a dicir "dous dous dous dous" imitando ao raposo. Deste xeito soubo que lle deran zorro por lebre. Pero o interesante é o comentario que fai a autora ao pé de páxina falando das onomatopeias, da súas interpretacións, das variantes segundo a zona, e incluso cita a Vasconcelos, o lingüista, filólogo portugués. Todo isto dá mostras do coñecemento que María Sánchez ten sobre o tema.
María exerceu como mestra e no ano 1934 ocupaba a praza como interina na escola mixta de Entrambosríos da Peroxa. No ano 35 estaba admitida nos Cursiños Especiais do Maxisterio. Nos novos plans de estudos das Normais, no RD do 29 de setembro de 1931, debido ao nivel de esixencia nas probas de ingreso e na reválida xa non era preciso realizar as oposición poisa o longo deste proceso xa se establecía a selección dos futuros mestres e mestras.Si debían realizar tres cursiños (cursiños de selección profesional) e ir superándoos para acreditarse como docentes. No ano 1936 seguía exercendo na escoliña de A Peroxa. Continuou o seu periplo laboral e no ano 1939 estaba exercendo na escola de Souteliño de Laza. Alfonso Vázquez Monxardín di de María Sánchez que sería Inspectora na zona de O Barco e participaba nos Cursos Culturais organizados desde a Normal.
Non sería a única muller que colaboraría puntualmente coa revista, tamén outras estudantes da Normal, e que, segundo Monxardín, eran alumnas de Vicente Risco, enviarían algún escrito para a revista.
Revista Nós, 15 de marzo de 1934, Ano XVI, nº 123, p. 55.
Vid: La Región, 6 de agosto de 1935; 27 de setembro de 1935; 6 de novembro de 1936; El Compostelano, 4 de novembro de 1936; El Correo gallego, 31 de outubro de 1939; Afonso Vázquez Monxardín. As mulleres na revista Nós; Xosé Lois Carrión, Revista Nós, escasa presenza feminina