Ese libro titúlase "As mulleres do monte" escrito polo periodista valdeorrés José Antonio Gurriarán, editorial Galaxia e editado en 2015. É un libro sobre a memoria, a memoria histórica que todos e todas debemos defender. Non podemos esquecer ás vítimas da inxustiza.
Introduce o libro falando da Xeración do silencio que son os nenos e nenas da posguerra que viviron na ignorancia porque os seus pais non contaban nada polo medo. Di o autor que había como un desexo de sepultar e diluír o pasado. Pero o libro vén a contar esas historias soterradas baixo sedimentos de guerra e represión. O autor vai desenterrando nomes de homes e mulleres, principalmente da zona limítrofe entre Ourense e León, que tiveron un gran protagonismo e que crían nos ideais de liberdade. Como di o autor "Sentín curiosidade, tamén por saber que sucedeu na miña vila e en toda Galicia nos días previos e nos inmediatamene posteriores ao 18 de xullo de 1936, cando estalou a gran traxedia que empuxou ao monte e á fronteira portuguesa a miles de persoas que estiveran comprometidas coa legalidade da República" (p. 20).
O libro ciméntase sobre unha exhaustiva recompilación de testemuñas dos sobrevivintes e tamén de documentación diversa. Tras dez anos de intensa pescuda redactou un libro conmovedor... O obxectivo do libro é sacar á luz o nome de moitas mulleres activas na guerras e di: "Na medida en que falo con persoas que viviron a traxedia e investigo nos arquivos vou descubrindo un feito que ignoraba en toda a súa amplitude: o gran papel que tiveron as mulleres na guerrilla antifranquista que operaba nesa área" (p. 23). En efecto, este libro é a demostración da participación directa de moitas mulleres contra a ditadura e iso é un valor engadido para a historia das mulleres. Mulleres republicanas, solidarias, que aguantaron vexacións e interrogatorios crueis, tortura e incluso a morte cando eran capturadas. Mulleres que pasearon por cárceres, tribunais, campos de concentración...
Comeza a súa andaina e topa con Luzdivina Valle Fernández en Casaio. Ela ten medo a falar e non quere identificarse. É desconfiada e teme que José a estea enganando.
Vai ser no capítulo 1 onde nos fala de A Toña, de Antonia Rodríguez López. Foi visitala á súa casa na Porte des Lilas, París, en 2003. Ela nárralle como foi a travesía no barco atuneiro desde Luanco ata Saint Jean de Luz dun grupo de fuxidos, todos homes, e ela a única muller. Á chegada agardávaos Indalecio Prieto. Ao chegar, di, tiraron as armas ao mar. Antonia tamén levaba armas, ela sabía disparar. "Como non iamos ter as mulleres armas...o único que non tiñamos as mulleres que estabamos no monte eran bombas de man..." (p. 36). Seica España pediu a extradición dela e do home, César Ríos, pero Francia non a concedeu. Antonia arrastrou sempre a pena do fusilamento dos seus pais, Domingo e Amelia, tras da casa de Soulecín ao pé dun Castiñeiro. Nunca desvelaron onde andaban os seus fillos que estaban no monte. As nenas sentiron dous disparos e quedáronlles gravados para sempre.
Soulecín foi un pobo resistente, non en van a Garda Civil denominábao "a pequena Rusia". De alí eran Domingo e Amalia pais de Francisco, Consuelo, Alfonso, Antonia, Domingo, Segastián e Rogelio.
A Antonia detivérona por primeira vez o 6 de marzo de 1939, tiña quince anos e foi acusada de cómplice de asasinato e por ter contactos cos seus irmáns fuxidos, pero saíu libre por non considerar que tivese cargos suficientes para ser encarcerada. Ela foi unha combatente xunto con Chelo, as irmás fuxiron ao monte tras o fusilamento dos seus pais. Segundo se sabía a Federación de Galicia e León rexeitaban a presenza de mulleres por consideralo problemático e perigoso pero elas integráronse pois di Antonia: "Esa era a norma, pero non tiñan outra solución que aceptarnos. Iso ou a morte" ( p. 83). Comprende a desconfianza pois lembra a delación de Evangelina que permitiu a emboscada na que morreron Catalina Martínez e tres dos guerrilleiros, Chapa, Felipe e o Andaluz.
Na illa de Re vive A Chelo, a irmá maior de Antonia, á que lle leva catro anos. Chelo era xemelga de Alfonso. Ela entrou en Francia polos Pirineos. O periodista foi á casa de Chelo, unha casa pequena e moi sinxela. Ela recíbeo cun sorriso e di: "Este é o meu chozo". O periodista dille que lle fale como foron os seus anos na guerrilla. Mais Chelo contestoulle dicindo que seguro que Antonia xa lle contou todo, o periodista insiste en que quere escoitala a ela tamén, quere saber a súa versión.
Estivo detida varias veces e compartíu cárcere en León con Paquina, Paquiña (Francisca Nieto) do Bierzo, muller de Campillo, un Republicano. Ela tamén tivo arma pero di que a pistola enterrouna preto de París. Vive soa e di que medo non ten: "Dáme máis medo a vida que a morte" (p. 94).
Cóntalle como coñeceu a Arcadio: "Ao caer preso Rogelio no Porto, o meu irmán Sebastián pasou a Galicia con Arcadio, o seu irmán César e o resto dos asturianos. Vino por primeira vez baixo un castiñeiro, preto da alda de Soulecín, o mesmo día en que a miña irmá coñeceu a César. Cando vin a Arcadio tan alto e con chapeu, rinme del...Pero despois, mira, namoreime del e foi algo moi bonito na miña vida" (p. 95). Segue contando da morte dos pais, logo dos irmáns, de cando detiveron a Rogelio pois o delatara un de Soulecín e de que estivo encerrado no cárcere de Ourense onde lle deron moitas malleiras. Di Chelo que no cárcere estaban María Valle, a cuñada do Bailarín, e Carmen a de Fervenza que foi violada polos gardas.
Segue contando que lle preguntou a Sebastián que ían facer con Rogelio e dille que están argallando un plan de fuga pasándolle armas para lo escapar cruzando o Barbaña. Foi a propia Chelo a que preparou o colchón onde irían agachadas as armas. Pero alguén denunciou e descubriron o plan e Chelo marchou para o monte.
O periodista e Chelo falaron sobre os posibles denunciantes e delatores e pronuncian o nome da Penca, Alida González Arias, a moza de Girón. Pregunta Gurriarán se Chelo cre que foi Alida a que denunciou a Girón pero Chelo cre que ela non foi: "Alida non era unha muller de acción, unha muller que valese para a loita. Como guerrilleira non valía e, de feito, nunca colleu unha pistola" (p. 107).
Despois das penalidades pasadas, as vivenzas do cárcere e a morte de Arcadio, Chelo fuxiu a Francia. Di que despois da morte de Arcadio o único que quería era suicidarse. Os anos en Francia foron moi difíciles pois non sabía falar francés e non tiña papeis, nin diñeiro, nin traballo. "Chorei desesperadamente" di Chelo. Logo comezou a traballar nunha granxa e di que traballaba moitas horas e que foi moi duro e logo xa traballou de criada nunha casa.
Coñeceu a Marino Montes de Ceares, Asturias, tamén socialista e amigo de César, o seu cuñado. En 1954 casaron. Foi a súa irmá Antonia a que levou os papeis do enlace á embaixada.
Despois destas dúas grandes protagonistas, o libro menciona a outras mulleres que tamén cumpriron misións honrosas gardando os segredos: Gloria López Morán, a viúva de Bautista. Catalina Martínez Núñez de Ponferrada que agochou a guerrilleiros na súa casa, arriscando a súa propia vida. Alí, nesa casa, cercaron aos Columbianos pois unha muller que servía na casa de Catalina era a noiva dun policía e delatounos. A garda civil disparou contra todos e morreron os tres maquis, Tirado e Catalina. Este feito deu pé a querer vinganza. Oliva Martínez sobreviviron ao ataque e Concesina Martínez, converteuse nun enlace moi activa e soportou torturas na prisión pero nunca traizoou aos seus compañeiros: " Tiñamos que ter moito coidado para que non desconfiasen. Viñan polas casas e miraban se ese día había tendais con moita roupa nas ventás..." (p. 180).
Outra berciana citada é Francisca Nieto, A Paquina ou Paquiña, unha miss de Ponferrada convertida en combatente. Estaba casada con Vicente Campillo, inspector de policía pero republicano que se botou ao monte. A Paquiña detivérona e torturána a máis non poder. Ao fin, lograron fuxir a Bos Aires.
Matilde Franco Canedo, foi outra das enlaces máis activas do Bierzo pero nunca foi descuberta. O seu traballo consistía en ir á farmacia por medicamentos para os do monte, buscarlles médicos, mercarlles roupa, alertalos de todo o que pasaba.
Ángela Losada, xa desde nena actuou tamén de enlace. Con nove anos actuaba como a súa nai Alpidia García Morán. As dúas foron informadoras dos guerrilleiros e tamén os acollían na súa casa. Ela mercaba a comida, levaba as cartas e como era moi nena non sospeitaban dela. Pero logo incendiaron a súa casa: "Era cedo, petaron na nosa porta e a miña nai abriulles. Eu víaos desde unha xanela e escoitei que lle preguntaron se podían pasar, e ela non lles contestou. Fun eu a que lles dixen que si...Non haberá perigo? preguntoume tamén, e respondinlle que non. Os guerrilleiros estaban todos en silencio no piso de arriba e a miña nai seguía aquí abaixo. Descubríronos, houbo tiros e morreron dous gardas, un sarxento e un cabo, e resultou ferido un tenente. Un caeu na cociña e outro máis adiante, fóra da casa. O Lebre lograra saír á rúa e desde o outro lado disparoulle, atinou e vímolo caer desde a parede..." (p. 215). En 1945 Ángela actuou como enlace de novo pero esta vez detivérona e estando no cárcere dixéronlle que a súa nai morrera nun cerco en Villasinde.
Di o autor do libro que entre os anos 1936 e a década dos 50 foron anos moi dramáticos para as mulleres do monte: cárcere, torturas, violacións...
Conta de Pastora de Gestoso e de Argentina Olmos Rebollal, a muller que violaba o bandoleiro do Mazo ata que o o pastor Pedro lle pegou un tiro.
Carmen Jerez Rodríguez, tamén enlace, sufriu humillación e violación. Foi detida xunto coa súa nai Rosa Rodríguez, acusadas de acubillar a guerrilleiros. Elas negábano pero Carmen foi detida, tivérona dous meses no cuartel e logo apareceu morta en Montearenas.
María Amada García, Amadita, era unha moza alegre e valente que denunciaba aos de dereitas por medio de notas que asinaba co nome Amador. Foi detida e acusada tamén por bordar unha bandeira republicana. Sería fusilada pois daba mala imaxe ante a poboación e a Igrexa.
No pobo de Val, unha aldea de Rubiá, vivían Concepción Fernández Cadórniga e a súa filla Remedios. As dúas foron torturadas por dar acubillo e alimento ás xentes fuxidas no monte. As dúas foron colgadas da póla dunha cerdeira. Un asasinato co que se pretendeu infundir medo ao pobo. O periodista Gurriarán vai á aldea pero ninguén quere lembrar e falar daquilo. Logo unha das veciñas do lugar fala con el pero non quere desvelar o seu nome, aínda ten medo. Dicía: "Ninguén dixo nada, non se podía dicir nada porque sempre había un delator que llo ía contar aos da Lexión, á Garda Civil ou aos falanxistas" (p. 369).
Gurriarán fala con Pili Blanco, filla do último alcalde republicano, que lle conta a historia de Felicita Fernández Cadórniga que era irmá de Remedios. Di que no momento do crime Felícita estaba no horto e cando llo comunicaron fuxiu ao monte. Durante días non comeu e durmía entre os penedos. Pasou frío e fame. Atopouse co Chucho que tamén andaba fuxido e nunca máis se separaron. Pero cando Felícita quedou en estado e xa con dificultades para andar polo monte, entregouse. No cárcere tivo á súa filla, Loliña e Felícita estivo varios anos presa e ao cumprir a condena regresou ao Val: "Despois do que lle fixeron á miña nai e irmá pedín un certificado de boa conduta ao xefe da Falanxe, para poder marchar de aquí, e respondeu que a min non mo daban" (p. 405).
E remata o libro lembrando recollendo a noticia do falecemento da Chelo, a última guerrilleira. E finalmente recolle unha serie de fotografías dalgunhas das protagonistas.
É un libro inmensamente interesante. Todo o que conta é tan real que non vai ser alleo o arrepío. O feito de trasladar as conversas de xeito directo produce unha grande conmoción.
É un relato de vidas torturadas, truncadas, humilladas. De mulleres que serviron como os homes nos ideais de liberdade contra o peso opresor da ditadura. Un libro que é de obrigada lectura para ir coñecéndonos cada vez máis.
Ao rematar de lelo sentín unha fonda tristura. Mirei a carátula detidamente, unha ilustración de Castelao marabillosa que di: "Denantes morta que aldraxada". Castelao, sempre tan acertado.
26 de setembro de 2021.