É evidente que os pasos dados polas mulleres foron decisivos e determinantes para ir conformando unha conciencia de xénero. Temos xa unha solidariedade de xénero e sentímonos unidas. Si, debemos auparnos e apoiarnos, sen paliativos. As mulleres debemos ser unha forza conxunta e non dividida. Todas as mulleres forman parte do grupo, na súa forma de ser, dá igual, temos que tolerarnos. Só deste xeito podemos avanzar.
Pero o avance non podemos facelo da man da mera evolución. Non podemos deixar que os tempos pasen ao seu ritmo e que adoita ser lento. Non, debemos dar uns pasos que multipliquen esa evolución e conseguir que os logros progresen nunha progresión xeométrica.
Por que non falar de Revolucións das mulleres? Eu polo de pronto penso que estamos xa na Terceira Revolución. Pasamos a Primeira que foi no século XVIII coa orixe da vindicación dos dereitos das mulleres. Logo unha Segunda, despois da Primeira Guerra Mundial, coa xa incipiente emancipación da muller pola súa cobertura da man de obra nas fábricas e a esixencia do sufraxio das mulleres e, agora, quizais esteamos na Terceira, na que apareceu unha forza con máis convencimento e seguridade nun mundo globlal, co desexo de metas ambiciosas, pero aínda queda por andar...Teremos forza para unha cuarta Revolución. Globalicemos a marcha das mulleres.
Rosa María Cid Galante.
22 de maio de 2021.