Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Empresaria. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Empresaria. Mostrar todas las entradas

26 marzo 2026

MARISOL NÓVOA RODRÍGUEZ

Coñecín a Marisol hai anos, cando me convidaron á CEO para falar sobre o talento das mulleres ourensás e render homenaxe ás nosas emprendedoras. Desde o primeiro instante, o seu recibimento non foi o dunha presidenta protocolaria, senón o dunha muller entrañable e chea de agarimo. Ela era a anfitriona perfecta dunha institución que, ata a súa chegada, nunca vira a unha muller no máis alto. Marisol rompeu ese teito de cristal con naturalidade, sendo a primeira en ostentar ese cargo.

Ao rematar aquel acto, propúxenlle que formara parte desta bitácora. Convideina a compartir a súa historia, pero sempre que llo lembraba, poñía o tempo como escusa. No fondo, sei que era a súa modestia a que falaba: Marisol era dunha humildade profunda, unha persoa próxima e sinxela que fuxía de distincións e focos.

Desde logo deixounos un legado de diálogo e compromiso. Desempeñou o cargo con orgullo sereno e unha responsabilidade exemplar. Soubo navegar en momentos complexos e ser sempre esa man tendida necesaria para chega a acordos. Nun mundo empresarial onde aínda predominan os homes, ela gañou o respecto de todos coa mellor das ferramentas, seu sorriso.

A súa perda deixoume unha fonda tristura, pero o seu legado permanece vivo. Avogada de profesión e carballiñesa de berce, Marisol tiña unha visión privilexiada do mundo empresarial. Amaba Ourense, pero seu corazón e os seus esforzos tamén os dirixía ao noso rural, convencida de que o campo e o empresariado agrario necesitaban todo o apoio posible. E, por suposto, as mulleres, para ela, eramos o motor imprescindible e imparable de calquera nova empresa.

Diplomática, correcta e sempre no seu sitio, Marisol será recordada como a muller de diálogo. O premio Clara Campoamor que recibiu a título póstumo o 25 de marzo de 2026 é só o reflexo de que a súa pegada é indelebre.

Vaia este prequeno espazo por ela, pola nosa estimable Marisol, a muller que soubo liderar sen perder núa a súa esencia. Unha muller inesquecible.

(Foto: La Región)

02 noviembre 2022

PURIFICACIÓN SÁNCHEZ ALONSO

Este blog ten a pretensión de facer destacar a todas a mulleres ourensás de todos os ámbitos coa finalidade de resaltar o seu papel na sociedade. Moitas das actividades, accións, pretensións e iniciativas viñeron da man de mulleres pero, lamentablemente, ao longo da historia nunca se lles deu a relevancia debida. Así como os feitos dos homes eran sumamente destacados, o das mulleres quedaban relegados ao seren considerados actos menores.

Purificación foi unha muller con iniciativa e deixou a súa impronta na historia da nosa provincia. Naceu en 1945 en Vilanova, Pobra de Trives, e rexentou desde moi nova co seu home unha panadería. Traballo e familia foron os asuntos máis relevantes para Purificación pero amais disto tamén tivo tempo para levar a cabo iniciativas culturais na súa comarca.

Foi unha das persoas fundadoras do Orfeón de Trives. Tamén era compoñente do grupo Macizas Centrais, nome que xa nos indica que fala de mulleres con maiúsculas e amantes da cultura galega. Mulleres que levaban os cantos tradicionais alí onde as requirían. O teatro foi outra das facetas ás que se dedicou formando parte da agrupación Carniceira.

Purificación, no seu trazado vital, demostrou a súa defensa polas mulleres.

Faleceu en xuño de 2022 pero a xente da comarca non a vai esquecer.

(Elaboración propia)
Foto: La Región

23 septiembre 2022

MARTA DELGADO GONZÁLEZ

Naceu en Grou (Lobios) o 13 de agosto de 1962. Marta vivíu no pobo de Grou ata os doce anos. Veu estudar a Ourense pero  como di en referencia ao pobo: "sempre o considerei o meu sitio". Para ela estar no pobo é estar en contacto coa terra, en contacto cos animais.

Vivíu moitos anos en Ourense e rexentou unha tenda de arte na rúa Ervedelo durante vinte e cinco anos. Hoxe en día a tenda está ao cargo da filla. Dedicouse á arte e realizou varias exposicións. Ao casar marchou co seu home a Venezuela pero voltaron en 1981. 

Como muller ligada e moi vinculada coa arte dá valor ao patrimonio monumental, cultural e inmaterial de Grou.

Instalada en Grou crea a empresa "Mira Xurés" e fai un labor de guía para que se coñeza a zona, as súas xentes, os costumes...organiza roteiros histórico-culturais e tamén leva a cabo labores de recuperación etnográfica, artística e patrimonial. Ten propostas variadas. Leva aos turistas polos camiños do megalitismo e a Vía Nova romana na que aparecen miliarios que se atopan en perfecto estado. Recobrou a ruta do contrabando para recuperar a memoria da xente; tamén a ruta que une Grou con Queguas e Entrimo, un camiño que bordea altas cotas de montañas e de grande valor paisaxístico; e amais diso organiza no pobo un programa das faenas agrícolas como o cultivo do centeo e a muiñeira nos muíños da zona.

Outro dos aspectos no que se implicou de pleno foi no xurdimento dos follateiros como o entroido típico de Lobios ao que lle dedica moito tempo e enerxía conseguindo que estea entre os favoritos de todos os festivais e desfiles.

Dar relevancia e revivir o pobo de Grou foi o que motivou a Marta ao cambio de vida. A súa iniciativa e emprendemento é un exemplo para poñer en valor o noso territorio.

La Voz de Galicia e Ruralitas e datos ofrecidos pola súa filla Irma.

20 julio 2022

CELSA PAZ PAZ

Quería destacar, por medio desta entrada no blog, que moitas das iniciativas que se están levando a cabo nos pobos da provincia coa finalidade de que estes teñan futuro son promovidas polas mulleres.

Celsa é unha delas. É unha muller emprendedora que está sendo o espírito de revitalización e recuperación do Pobo de Puxedo, na zona da baixa Limia na Serra do Xurés, un pobo de trinta e catro habitantes. Todas as acometidas que fan no pobo son con vistas a que este non esmoreza e acuda o turismo á zona. Rexenta unha tenda-bar e elabora produtos embutidos. Unha muller traballadora e sensible pola terra. É unha muller moi activa e di "estou moi entretida, non me queda tempo para nada, estou ocupada desde a mañá á noite".

Celsa é filla de emigrantes. Os seus pais marcharon a Alemaña e ela criouse cos seus avós no pobo e de aí non quere marchar.

En Puxedo comezaron facendo unha Asociación de Veciños para pedir subvencións para invertir no pobo. Comezaron coa restauración do retablo da capela e logo continuaron coa reconstrución dos muíños, das airas, camiños, fontes, hórreos...e outra das iniciativas foron os murais pintados polo artista urbano recoñecido Mon Devane cuxa temática é a etnografía vinculada a Puxedo (a malla, a seitura, a fornada, sementeira, rostros de mulleres do pobo curtidas no traballo...)

Paralelo a todo isto celebran festas de traballos rurais como a malla, moída de centeo no río... tamén comidas populares e feiras de artesanía..

Celsa di que é un labor do pobo e estamos seguras pero tamén sabemos que Celsa é a cabeza visible de todo este esforzo. Ten contactos con Marta, outra muller ourensá que está levando a cabo un labor impresionante no pobo de Grou e á que tamén lle adicaremos unha entrada neste blog.

Tanto unha como a outra amósanse preocupadas da perda da poboación nos pobos. Queren vida no pobo e di Celsa que no pobo pode ser unha emprendedora pois hai moitas cousas que explotar.

(Elaboración propia)

Vid: Programa Ruralitas

25 mayo 2022

PAZ CARBALLO LOSADA

Paz Carballo nacida en Ourense o 21 de abril de 1916  era coñecida como Pacita da Casa dos Lentes. A súa nai chamábase Dolores Losada Torviso e o seu pai Félix Carballo Cid, fundador do negocio. 

Pacita dedicou toda a súa vida ao negocio familiar fundado polo seu pai sendo un dos primeiros en abrirse dedicado a óptica e a pratería en Ourense. Comezou a traballar nel de nena desde os dezaseis anos e acabaría converténdose nunha experta prateira. O negocio instalouse na Praza Maior e logo abriron outro na rúa máis concurrida de Ourense, na actual rúa do Paseo.

(Fonte: Corpus Christi, 1930, p. 49. De Galiciana)



(Fonte: El Diario de Orense, 28 de xuño de 1918. De Galiciana)

Casou co médico Don Alberto Fábrega en outubro de 1945 e tiveron unha filla. 


Estivo entregada de pleno ao negocio, paixón que conxugaba coa dedicación á familia. Acudía a el todos os días pois gustáballe ver a concurrencia da clientela e tamén con disposición de atender ao que precisase sempre cun sorriso. Nunca colleu vacacións e acadou un grande recoñecemento pola súa entrega á empresa, por tal motivo, foi homenaxeada pola Confederación de empresarios de Ourense.

Pacita faleceu en abril de 2020 cando tiña 103 anos.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
Foto: La Región
Vid: Corpus Christi, 1930, p. 49; El Pueblo gallego, 23 de outubro de 1945.


30 agosto 2020

ANGELINES QUINTELA

Agradezo a información facilitada por Loli Sanfer que me puxo na senda desta muller emprendedora. 

Os que tiveron a sorte de coñecela dicían dela que era unha muller emprendedora e adiantada ao seu tempo pero tamén pretendía visibilizar a todas as mulleres pois foi a creadora de AME que é a Asociación de mulleres emprendedoras. 
Traballou como funcionaria encargada do protocolo na secretaría do Gobernador Civil. 

En 1961 crea unha academia para forma opositores e foi tal o éxito que pediu a excedencia como funcionaria para dedicarse de pleno á formación dos opositores. A academia estaba situada na rúa do Progreso, nº 62.  

Foi Conselleira de Caixa Galicia e, como se dixo anteriormente, a fundadora de AME. Dela dise: "Foi unha muller importante en Ourense, en certa medida unha pioneira nesto de abrir camiños, suave e firmemente".

Faleceu o 17 de xullo de 2017.


Vid: La Voz de Galicia
La Región
Cartas ao Director La Región

01 junio 2019

MARÍA DEL CARMEN PUGA MONTERO

Dona María del Carmen Puga naceu en 1939, en Ourense, cidade que amaba e da que se sentía moi orgullosa. Era filla de Carmen Montero e Ramón Puga, fundador da Cadena Ser Ourense. Casaría con Don Demetrio Peña Santamaría.

A súa vida profesional desenvolveuse en Madrid, a onde marchou cando tiña 18 anos. Dona Carmen herdou do seu pai o amor pola Radio, fundador da radio Ourense en 1932, un fito histórico para a provincia.  Era unha apaixoada pola actualidade, a información e a radio.

No ano 1974 comezou a formar parte do Consello da Administración do grupo radiofónico, chegando a ocupara o posto de Presidenta no ano 2007.
Seguiu a senda do seu pai que desde 1932 decidiu dar un paso máis no seu negocio e comezar a emitir as primeiras ondas radiofónicas desde o estudo situado na Rúa das Tendas. Foi pois o pai de Carmen un pioneiro da radio en Ourense.
Carmen e a súa irmá Mercedes seguiron ligadas ao proxecto pola ilusión, o amor e o interese pola información ben feita.

Dona María del Carmen faleceu en febreiro de 2019 aos 79 anos.

Vid: Guía de la Radio; El Correo Gallego, 28 de junio de 1939; El Pueblo Gallego, 18 de julio de 1958.

28 marzo 2019

MARÍA TERESA FERNÁNDEZ DOMÍNGUEZ

Grazas á referencia da miña ben querida amiga Marosa Salgado Madriñán coñecín esta marabillosa historia. Ademais, tiven ocasión de falar co seu fillo Luis Rivera e a historia de Marité foi asombrándome máis e máis.

Marité Fernández naceu en Ourense o 7 de outubro de 1933 e a súa vida e dedicación ten moito mérito e é moi encomiable.

Era filla de David Fernández, empresario de éxito, falecido a comezos dos anos sesenta, e de Celsa Domínguez.

Foi, sempre, unha muller comprometida co seu tempo e de profundas convicións relixiosas que, impactada pola represión brutal acontecida en Ferrol no ano 1972, onde faleceron  dous traballadores, crea en Ourense unha plataforma para axudar ás viúvas. Pero, asemade, destaca por ser a fundadora do Comité Antisida en Ourense, creado en 1992.

O día 7 de marzo de 2019 saiu publicada na prensa local La Región unha carta ao Director moi emotiva e preciosa redactada por un dos fillos de Marité Fernández, Luís Rivera, e nela conta as fazañas e forza desta grande muller.

Seguindo o que conta a carta contamos que Marité foi unha das primeiras en sacar o carnet e conducir en coche. A súa vida foi dura, sufriu a persecución do seu padriño e despois a do seu pai, quedou orfa de nai sendo aínda moi nena e o seu pai falece cando ela tiña 25 anos. A esa idade casa e ten moitos fillos. Foi unha muller moi comprometida pois na Ditadura apoiaba as reunións clandestinas e nas primeiras eleccións do 77 foi de número tres polo Partido Popular Galego. Pero, sen dúbida, o máis doloroso para Teresa foi a morte de dous dos seus fillos polo VIH. A pesares diso, colleu forzas e fundou en Ourense un dos primeiros Comités Cidadáns Antisida de España.

Abriu a primeira casa de acollida en España, mentres seguia xestionando dous comercios en Ourense con trece traballadores en nómina.

Sempre loitou en favor dos máis débiles e incluso chegou a presentarse polo partido Por Un Mundo Más Justo.

Marité tamén se implicou, xunto co seu home, Julio, en numerosos actos culturais como As Mostras Arte e Sida aglutinando a importantes artistas ourensás como Buciños, Quesada, Acisclo Manzano, Oro 
Claro, Riomao, Iñaki Basallo...etc.

É unha vida sobrecolledora e encomiable. Moi merecente de estar no noso blog.

Foto: cedida polo seu fillo, Luís.
Imaxe: Carta ao Director de Luis Varela, publicada o 7 de marzo de 2019.



23 octubre 2018

PAQUITA RUMBAO

Paquita Rumbao naceu en Vilaboa de Allariz.

Despois dos seus primeiros estudos na escola de Vilaboa e Bacharelato en Allariz, sendo o seu mestre Ramón Bouza, ía examinarse a Ourense. Casada aos 22 anos, pronto se separa, non anulando o matrimonio até 1967, índose a Madrid para preparar oposicións a Facenda. Alí aloxouse no colexio das monxas salesianas.

Asdrúbal Ferreiro era director xeneral do Tesouro e moi influínte durante moitos anos, que non só axuda a Paquita senón a outros moitos ourensáns, alaricanos e da súa natal Xunqueira de Ambía. Este apoio de Asdrúbal aos seus paisanos imitarao despois Paquita toda a súa vida.

Os seus destinos son curtos, pois en dous anos está, sucesivamente, en Pontevedra, Ávila, Selecta e Madrid, onde vivirá coa súa nai, e relacionándose con importantes políticos, empresarios, etc. Como empresaria de produtos farmacéuticos manterá contactos con Exipto, Marrocos e Cuba.

A relevancia de Miguel R. Rumbao co ministro Girón e as súas universidades laborais, fará que Paquita se convertese nunha magnífica embaixadora de Ourense en Madrid. Foi directiva do Centro Galego e tamén presidenta do Centro Ourensán.

Da súa intensa actividade en Madrid regresaba frecuentemente a Ourense e o 14 de xaneiro de 1997 casa con Felito Colemán.

Gran amiga de Girón, Alonso Veiga, Fraga, Adolfo Suárez, antes de ser gobernador civil de Segovia.
A súa última homenaxe foi a condecoración que o Reino de Marrocos concedeulle o ano 2007 como axudante de varios embaixadores desde a independencia.

Muller de vida intensa que faleceu en decembro de 2016 case aos 100 anos.

06 diciembre 2015

EMMA GONZÁLEZ BERMELLO

Naceu en Ourense en 1931. Pertencente a unha familia de pequenos empresarios e comerciantes do sector dos electrodomésticos, Enma González Bermello trasladouse a vivir a Vigo aos 3 anos. Nos últimos anos do franquismo é escollida concelleira nesa cidade polo terzo familiar, onde se ocupou de parques e xardíns. En 1978, trala dimisión deJoaquín García Picher, e antes das primeiras eleccións municipais democráticas, foi elixida alcaldesa entre os demais concelleiros. Así converteuse na primeira muller en acceder á alcaldía dunha cidade galega. Mantívose no cargo ata as eleccións de 1979.

Nas primeiras eleccións galegas, Enma González concorreu na lista da UCD pola provincia de Pontevedra, e saíu elixida deputada. Foi unha das tres primeiras parlamentarias galegas xunto con Carmen Lovelle e Flora Veiga, e xurou o seu cargo vestida de traxe tradicional. Na segunda lexislatura foi reelixida, neste caso nas listas de Alianza Popular, mais en 1987 múdase a Coalición Galega. Abandonaría a vida política en 1989..

Vid: Wikipedia
Foto: Faro de Vigo

26 mayo 2015

ANA SÁNCHEZ

Ana Sánchez era natural de Ourense,  filla do libreiro Alonso Sánchez e de Francisca Ramos. Ana Sánchez tiña unha irmá, chamada María, que casou en 1592 co ensamblador Pedro Brunes, natural de Flandes. Na carta de dote desta última, establecíase que os cónxuxes vivirían un ano cos pais dela, baixo a condición de que o que María gañase durante ese ano no oficio e arte de libreiro, ou en calquera outro, fose para os seus pais.

Por outra banda, Ana Sánchez, casou cun colega de seu pai, o libreiro Domingo Gómez, tal e como era habitual entre os artesáns e mercadores. En 1609 Ana xa estaba viúva, mais continuaba co negocio familiar ata que esta morreu no ano 1610. No reconto dos seus bens e da librería rexistráronse 195 obras permiten retratar o gusto da clientela ourensá: obras relixiosas como misais, breviarios ou vidas de santos, obras de autores clásicos como Aristóteles, Virxilio, Cicerón, Tito Livio, Ovidio, Xuvenal e Esopo, de autores contemporá- neos como Frei Luís de Granada ou libros de xurisprudencia, de cirurxía e de ensinar a ler e escribir. Ao mesmo tempo, tamén deixou gravados en madeira, estampas, impresos de poderes, “paulinas” e cartas de pago, así como papel en branco e tres peles de pergamiño e instrumentos do oficio de encadernador.

Vid: García Fernández, Miguel, "Alfabetización, autoría e produción impresa. Unha aproximación en feminino á cultura letrada da Galicia Moderna", Cuadernos de Estudios Gallegos, LIX Núm. 125 (enero-diciembre 2012), pp. 216-217.

24 diciembre 2014

VALERIA DOMÍNGUEZ

Valeira, nacida en Ourense no ano 1979, é filla do emprensario e emprendedor innovador ourensán Adolfo Domínguez, pero resaltámola non blog polos méritos profesionais que Valeria ten. Estudou en Canadá e licenciouse en Enxeñería Robótica na Universidade de Queens. Domina o francés, alemán, inglés e traballou en Estados Unidos onde creou unha empresa de ventas de casas por internet. Na actualidade é a directora de e-commerce de Adolfo Domínguez, sen dúbida, unha grande emprendedora.

12 agosto 2014

MILAGROS CAIÑA-ANDREE

Nada en Ourense, os seus país emigraron a Alemaña a finais dos anos sesenta. Alí atoparon mellores perspectivas para os seus fillos e tamén para si
mesmos.
Ao longo da súa carreira profesional traballou en diversos ámbitos dos recursos humanos.
Entre outras responsabilidades, estivo a cargo dos directivos da Deutsche Bahn e foi membro da Xunta Directiva da súa subsidiaria de loxística Schenker AG. Desde xullo de 2012, é membro da Xunta Directiva de BMW Group, como responsable de persoal e materia social, mantemento e xestión enerxética.
Milagres Caiña Andree chegou a Alemaña sendo moi nova pero aínda así recibiu unha educación bilingüe.

Para ela os fitos da súa traxectoria profesional foron precisamente aqueles nos que deu un paso adiante en responsabilidade. Por exemplo, cando con trinta e seis anos entrou na Xunta Directiva de Vossloh AG como responsable de persoal; máis adiante, cando tivo a oportunidade de marcar o camiño que se debía seguir nunha compañía do tamaño da Deutsche Bahn. Pero definitivamente, BMW Group ocupa un lugar privilexiado na percepción da súa carreira.

14 noviembre 2010

ADRIANA DOMÍNGUEZ


Naceu en Ourense no ano 1978 e é a filla do deseñador Adolfo Domínguez. Pero ela brila por méritos propios, unha muller cosmopolita, viaxada e políglota pois fala cinco idiomas. Viaxou moito dende que era unha nena e estudou en Nova York, pero antes de desprazarse alí asistiu ao teatro de Lee Strasberg, ao Stella Adler e ao HB Studio. É membro activo de HB Studio. Traballou como atriz nas seguintes películas:
"El puente de San Luís Rey"
"El regalo de Silvia"
"Noviembre"
"El sueño de Ibiza"
Na actualidade é presidenta executiva da firma de moda de Adolfo Domínguez. Xunto coas súas irmás Valeria e Tiziana rexen a empresa e ofrecen unha moda moderna, atemporal, minimalista e sobria.
Adriana relanzou a empresa cun compromiso co medio e co consumo responsable. 

https://es.wikipedia.org/wiki/Adriana_Dom%C3%ADnguez

22 octubre 2010

CARMEN MALINGRE LUDEÑA

É para min unha satisfación contar coa colaboración de Ana Malingre. Ana proporcionoume información sobre Inés Ludeña e agora faino, de novo, informándome de Carmen Malingre Ludeña. Estoulle moi agradecida.
 
Pois ben, Carmen Malingre Ludeña rexentaba a comezos de século un Almacén de carbóns. Ten o seu mérito, pois era algo inusual que unha muller levara adiante un negocio deste tipo. 

Carmen Malingre era filla de Inés Ludeña e Manuel Malingre Parmantier. Polo tanto, era membro dunha saga de recoñecido prestixio na cidade ourensá.

Carmen casou o 7 de febreiro de 1898 con José Freijanes, empregado da sección agronómica. Ao quedar viúva e ante a texitura de continuar co negocio familiar ou pechalo, optou polo primeiro. Deste xeito seguiu exercendo de dirixente do Almacén de Carbóns que se situaba na rúa Progreso. Dito negocio anunciábase diariamente na prensa local. Negocio que tivo unha permanencia durante os anos trinta do século pasado.

Era a nai de Julio Freijanes Malingre, o primeiro médico que aplicou a Penicilina en Ourense, e sogra de Paz Parada Pumar, quen está presente neste blog por ser unha das primeiras tituladas en medicina na nosa provincia.

                                   

(Fonte: La Región, 9 de novembro de 1922, p. 3) Galiciana.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes) Vid: La Correspondencia Gallega, 8 de febreiro de 1898, p. 2) (Foto: proporcionada por Ana Malingre)



10 enero 2010

FRANCISCA ÁLVAREZ GONZÁLEZ


Francisca Álvarez González foi unha muller ourensá da posguerra que destacou na súa época como mestra, pequena empresaria e polo seu labor de alfabetización de menores e maiores na vila de Cambre, misións conseguidas con éxito e moito esforzo xa que tivo que sacalas adiante ela soa. Nace o catro de decembro de 1919 en Xagoaza (O Barco de Valdeorras). Orfa de pai dende nena, críase coa súa nai e dúas tías. Fórmase como mestra e no ano 1946 contrae matrimonio e trasládase á Coruña. É nesta cidade onde comeza a achegarse ao mundo empresarial, ao abrir a súa primeira tenda de comestibles, na rúa onde vive. O 20 de marzo de 1947 ten o seu único fillo, José Luis, a quen de neno se lle diagnostica colite crónica e o médico recomenda que se muden ao campo. É así como se decide a vender a tenda e a casa e a comprar 4000 metros cadrados de terreo na vila de Cambre. O seu obxectivo é construír unha casa e continuar traballando como empresaria e docente. Desgraciadamente un incidente trunca novamente os seus plans, o construtor da casa foxe co diñeiro, o seu marido séntese forzado a emigrar a Brasil. A partir de entón, o matrimonio non volve verse.Francisca Álvarez inicia entón un difícil camiño na súa vida persoal e empresarial: trasládase a vivir a unha casa aínda sen rematar e vende algunhas terras para ir saíndo da situación económica. Ademais, polo feito de ser unha viúva de vivo, ten que lidar coas dificultades legais da época relacionadas coa propiedade das empresas que emprende. Por se fose pouco, é case unha estranxeira na vila e será acosada polos caciques locais. A pesar dos atrancos, esta muller loitadora e emprendedora consegue rematar a casa e abrir unha tenda de víveres. Nesta introduce produtos moi valorados e ata daquela pouco accesibles para moita xente de Cambre. Comercializa aceite, azucre, plátanos de Canarias e petróleo para os candís das casas, todo un acerto nunha época sen rede eléctrica. Comercializa tamén artigos relacionados coa educación: lousas, xices, libros, cadernos de escritura, etc. Coñecida como «Dona Paca», comeza a ter clientela e vai ser moi apreciada por veciños e veciñas. Isto débese a que comeza a fiar comida e diñeiro, a que habilita unha zona da súa casa para que poidan durmir pobres e vagabundos e a que merca os excedentes agrícolas que os e as vilegas non poden vender na cidade.Unha vez afianzado o seu negocio, a Dona Paca quédalle por impulsar a súa outra vocación, o ensino. Abre unha escola en Cambre e, dado que o prezo das clases é «a vontade», énchese rapidísimo e chega a ter alumnado de localidades bastante afastadas. A escola conta con varias aulas para crianzas, que chegan a abranguer grupos de 40 nenas e nenos diferenciados por idades, e unha aula diaria para persoas analfabetas en idade adulta, que chegan a configurar dous grupos de 60.Falece en 1975 a causa dun cancro de píloro un 29 de marzo, será aclamada por unha multitude que chega de diferentes zonas de Galicia para mostrarlle o seu afecto e despedila. O seu corpo repousa no Cemiterio Municipal de Cambre e na veciñanza segue sendo lembrada por ser nai soa, docente, empresaria, consciente dos problemas sociais da súa época e vencedora, a pesar das dificultades que todo iso levaba consigo, nunha época de homes e ditadura.
Autor/a da biobibliografía: M.ª Dolores Villaverde Solar

12 abril 2009

MARI LUZ BARREIROS

Filla única de Eduardo Barreiros e Dona Dora. Presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, empresario ourensán, creador do motor diesel, nacido en Gundiás. Mari Luz, tal como ela indicaba nunha entrevista a La Voz de Galicia o 17 de abril de 2006: "Nací en el Parque de San Lázaro, soy orensana, claro que lo soy". Expresa nesa entrevisa o seu desexo de fundar un Museo en terras ourensás en Nogueira de Ramuín.