Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta R. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta R. Mostrar todas las entradas

11 enero 2026

SONINA REAL BLANCO

Naceu en Casaio en 1908. Seus pais eran Evaristo e Ángela. Vivía en Casaio e dedicábase aos labores domésticos e do campo.  
Detivérona e estivo na prisión de O Barco e  púxose á disposición do Xulgado Militar de Fuxidos. 
O día 24 de marzo de 1941 trasladárona ao cárcere de Ourense coa pena de prisión incondicional por auxilio á rebelión. Tiña 33 anos e estaba solteira.

Mais en abril de 1942 conseguiu ser absolta polo Xuíz Instrutor de Fuxidos e Sonina recobrou a liberdade o día 9 de abril de 1942. 

As súas irmás, Josefa e Angustias tamén foron detidas e encarceradas pola mesma causa.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 (4)
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 (6).
(Elaboración propia a partir Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 )

28 septiembre 2025

FRANCISCA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

Naceu en Correxáns, Barco de Valdeorras, no ano 1885. Seus pais eran Ángel e María. Estaba casada con Alfonso Núñez e tiñan 4 fillos. Foi detida o 19 de novembro de 1941, logo conducida ao cárcere de Ourense e posta á disposición do Xulgado Especial de Fuxidos. 
Permaneceu no cárcere catorce meses, saíndo en liberdade o 20 de febreiro de 1942.

(Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1941 a 1942. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2241. Libro 2241. (33))

Expediente persoal da reclusa Francisca Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25133/008. Caixa 25133/008

29 mayo 2025

ROSA RODRÍGUEZ GUDIÑA

Rosa tiña 54 anos cando foi detida o 26 de xaneiro de 1944 e conducida ao Cárcere de Ourense. Non permaneceu moito tempo no cárcere pero é de supor que a experiencia deixaría unha pegada na súa memoria.

Naceu en 1890 nunha pequena aldeíña de O Barco de Valdeorras, O Meiral, e era filla de Manuel e Sabina. Estaba viúva de Luís Pérez. Tiña dous fillos e vivía no pobo de Fervenza onde se dedicaba aos labores do campo e da casa.

O 26 de xaneiro de 1944 acudiu á súa casa a Garda Civil para detela e poñela á disposición do Señor Gobernador Militar. Este declara a súa prisión pois acusou a Rosa de axuda á rebelión e de ser encubridora, xunto con Clemente Fernández, Clarisa Rodríguez, Carmen Jerez Rodríguez, Manuel Rodríguez Blanco e Carmen Rodríguez Rodríguez, da morte do veciño de Fervenza, Manuel Rodríguez Rodríguez.

(Fonte: Expediente persoal do recluso Clemente Fernández Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24061/051.
Caixa 24061/051. (07).

A súa causa foi revisada en varias ocasións e no seu expediente consta que se lle adxunta o de Clemente Fernández Rodríguez verificándose a prisión de Rosa por auxilio á rebelión o 7 de febreiro de 1944.

Mais chegado maio, por mandamento do Xulgado Militar Eventual número 3 de Ourense concédeselle a Rosa a liberdade provisional.

Ás 13 horas do 24 de maio de 1944, Rosa recobra a liberdade, unha liberdade baixo vixilancia.

06 abril 2025

CARMEN RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

Era filla de Nicolás e de Clarisa e naceu no Meiral, O Barco de Valdeorras, en 1924. Vivía en Meiral e estaba solteira, dedicándose aos labores do campo e da casa e tiña unha pequena eiva, pois coxeaba da cadeira esquerda. O 22 de agosto de 1942, con 18 anos, foi detida pola Garda Civil e conducida ao Departamento do Barco de Valdeorras á disposición do Tentente Xefe do Sector desta Praza. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1941 a 1942. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2241. Libro 2241.(331))

A causa da súa detención era que auxiliara aos fuxidos. Posteriormente, decídese a súa condución ao cárcere de Ourense e quedar á disposición do Xuíz Militar, número 31 de Ourense. O 31 de agosto o Xulgado Militar enviou un escrito indicando que a reclusa podía ter prisión atenuada. Non obstante, desde a alcaldía de o Barco manifestouse o seguinte:
Consecuentemente con su escrito...tengo el gusto de comunicar a V.S. que a juicio del Alcalde que suscrite EXISTE RAZÓN DE ALARMA SOCIAL QUE ACONSEJE LA NO CONVENIENCIA DE QUE EL RECLUSO DE ESE ESTABLECIMIENTO CARMEN RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ AGUARDE EN SITUACIÓN DE PRISIÓN ATENUADA LA RESOLUCIÓN DEL PROCESO QUE LE INSTRUYE EL JUZGADO MILITAR Nº 3 DE ESA PLAZA, debido a la concordancia en que estaba y puede estar con los rojos huidos por los montes de esta demarcación. Dios guarde a V.S. muchos años. Barco de Valdeorras, 11 de septiembre de 1942. (1).

Finalmente, a decisión do xuíz estaba tomada e o 12 de setembro concedéuselle a liberdade provisional. E Carmen Rodríguez asinou unha declaración comprometéndose a residir en Meiral.

Expediente persoal da reclusa Carmen Rodríguez Rodríguez.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25132/048.
Caixa 25132/048.
Pero o 26 de xaneiro de 1944, Carmen volveu ser detida e permaneceu ata o 24 de maio que foi posta en liberdade provisional en virtude do mandamento do xulgado militar eventual número 3 de Ourense. Pero Carmen volve a ingresar en prisión en Celanova o día 13 de decembro de 1947 pero o 16 será posta en liberdade. Súa nai, Clarisa, tamén sufría a represión.
Expediente persoal da reclusa Carmen Rodríguez Rodríguez.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25132/048.
Caixa 25132/048(16)
(1)Expediente persoal da reclusa Carmen Rodríguez Rodríguez.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25132/048.
Caixa 25132/048(12)
(Elaboración propia a partir de Expediente persoal da reclusa Carmen Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25132/048. Caixa 25132/048; Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1941 a 1942. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2241. Libro 2241

30 marzo 2025

CLARISA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

Naceu en 1900 no pobo de Meiral, Santa Mariña do Monte, de O Barco de Valdeorras. Era filla de Juan e Teresa e estaba casada con Nicolás Rodríguez e a súa filla era Carmen, que tamén sufriría o cárcere. Foi detida o 22 de agosto de 1942 e permanecería un ano no cárcere, recobrando a liberdade o 28 de xuño de 1943. Pero o 26 de xaneiro de 1944 volveu ser arrestada pola garda civil e foi ao cárcere ata o 24 de maio dese mesmo ano.

Clarisa foi collida presa pola Garda Civil e quedou á disposición do Xuíz Instrutor do Xulgado número 3 de Ourense. O motivo desta detención foi por delito de auxilio a fuxidos, según informou Antonio Fernández Domínguez, o tenente coronel xuíz, ao Goberno Militar de Ourense e ao director da prisión provincial. Desde ese momento o Alcalde de Valdeorras procede a dala de baixa no racionamento.

Pero mentres se levaba a cabo o procedemento permitiuse que Clarisa tivese prisión atenuada, isto é, un arresto fóra do centro penitenciario, xeralmente no seu domicilio. Algo co que non estaría de acordo o alcalde de O Barco pois emitiu un escrito indicando que existía unha razón de alarma social:

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Clarisa Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25132/050. Caixa 25132/050/12)
A causa da detención de Clarisa foi a de auxiliar aos fuxidos:

En orense a dieciseis de septiembre de mil novecientos cuarenta y dos...que de los hechos relatados en la presente causa resultan indicios suficientes para suponer la existencia de delito de los que aparecen presuntos responsables los encartados MANUEL ARES ALONSO y CLARISA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ por sus actividades de auxilio de los elementos marchistas huidos al monte...Que dada la naturaleza de los h echos y la pena que en su día pudiera corresponder por consecuencia de la figura criminosa apuntada, se este en el de decretar la Prisión incondicional de los encartados...Se eleva a Prisión provisional la detención que sufren los procesados antes mencionados, librándose la correspondiente comunicación el Sr. Director de la Prisión Provincial de esta Plaza. (1).

Un ano despois, Clarisa sae en liberdade o 28 de xuño de 1943 asinando unha declaración de que fixaría a súa residencia en Meirás, Barco de Valdoerras, isto é, estaría localizada.

Non obstante, ás vintedúas horas do día 26 de xaneiro de 1944 foi detida de novo polo posto de garda de O Barco. Estivo presa uns meses pois o 24 de maio puxérona en liberdade.

Clarisa faleceu en 1965.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1941 a 1942. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2241. Libro 2241.(331))

Fotografía da entrada extraída de Nomes e Voces.

(1)Expediente persoal da reclusa Clarisa Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25132/050. Caixa 25132/050/13). 
(Elaboración propia a partir do Expediente persoal da reclusa Clarisa Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25132/050. Caixa 25132/050)

19 marzo 2025

ROSAURA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

Era filla de Constante Rodríguez e María Rodríguez. Naceu en 1906 no pobo de Bouzadrago, Entrimo,  que pertence ao partido de Bande. Estaba casada e dedicábase aos labores da casa e do campo. Pero a Garda Civil detívoa o 2 de setembro de 1941 e foi conducida ao Cárcere de Ourense permanecendo nela mentres se levou a cabo a resolución da instrución.

O 28 de outubro de 1941 Rosaura foi posta á disposición do Xuíz Militar Permanente para enxuizamento de Fuxidos pois era acusada de "supuesta complicidad con huídos". Determinouse a prisión por tres meses e o 26 de xaneiro de 1942 foi posta en liberdade.

Mais Rosaura volveu ser detida e levada á prisión ourensá ao ano seguinte, concretamente o 28 de agosto de 1943. Cando levaba uns meses na prisión de Ourense caeu enferma pois padecía "oclusión intestinal", polo que foi conducida ao Hospital de xeito urxente por estar en perigo a súa vida xa que o cárcere carecía de servizo de enfermeiría. Así que, Rosaura ingresou no Hospital o 8 de outubro para ser intervida e o 12 de novembro déronlle a alta e reconducírona á prisión.

Deteñamonos agora nos feitos que determinaron o encarceramento de Rosaura en agosto de 1943. De entrada, vinculárona ao guerrilleiro antifranquisa José Rodríguez Páramo. A causa sobre ela dicía o seguinte:

En Orense a 23 de noviembre de mil novecientos cuarenta y tres...Rosaura Rodríguez Rodríguez aparece encartada en la presente causa como presunta autora de auxilio a la rebelión y cómplice del atraco a mano armada perpetrado en Torneiros, Ayuntamiento de Lovios en esta Provincia, el día 24 de agosto de 1943, siguiéndose con tal motivo las correspondientes actuaciones en averiguación de la participación que la mencionada hubiera podido tener en los hechos de referencia. (1).

En efecto, Rosaura estaba sendo investigada por colaboracionista coas guerrillas antifranquistas fronteirizas con Portugal, ademais, tiña antecedentes penais xa que fora detida no 1941 por complicidade cos fuxidos polo que se determinou o seu encarceramento. 

Procedeuse a facer as pesquisas sobre os feitos e determinouse o seguinte:

En Orense a veintiocho de diciembre de mil novecientos cuarenta y tres. RESULTADO que a las veintidós horas del día 24 de agosto del corriente año, fue cometido un atraco a mano armada en el pueblo de Torneiros de Riocaldo, Ayuntamiento de  Lovios, por siete individuos desconocidos y refugiados en la nación vecina, los cuales, una vez que efectuaron el hecho en la casa del aquella localidad José Yañez Rodriguez, y cuando ya intentaba darse a la fuga, les acometió un hijo de éste llamado José Yañez Magdalena, entablándose una lucha, de la que resultó muerto el José Yañez Magadalena y dos de los atracadores, siendo reconocido uno de ellos con el nombre de José Rodríguez Páramo "Páramo", conocido también por "Pepe diente de oro". y como heridos graves los atracados José Yañez Rodríguez (fallecido pocos días después), Manuel Gaiteiro Cabada, y menos grave Dosinda Gil Valdivia. RESULTADO Que de lo actuado se desprende que la encartada en la presente causa ROSAURA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ , mujer de malos antecedentes, hacía vida marital con el atracador José Rodríguez Páramo, o sea, "Pepe Diente de oro", el cual hacía frecuentes visitas a la vecina nación portuguesa, y a la que se supone haya prestado auxilio, protección y demás noticias a los autores del hecho de autos, la mencionada encartada...(2).

Considerando estes feitos Rosaura foi condenada á prisión incondicional no Cárcere de Ourense. Non obstante houbo unha petición de atenuar a sentencia e, en todo caso, axilizar o remite do auto de peligrosidade, xa que Rosaura levaba recluída máis de seis meses á  disposición da dirección do cárcere sendo unha situación ilegal con arranxo ao decreto do 2 de setembro. Dita petición foi levada en Consulta á Autoridade Xudicial da rexión militar e o 28 de xuño de 1944 responde que podía concederse a prisión atenuada a Rosaura.

O día 19 de decembro de 1944, ás dez horas, Rosaura debía asistir á celebración do Consello de Guerra. Finalizado o mesmo acordouse a súa ABSOLUCIÓN, que se asinou o 15 de xaneiro de 1945, pois tan só parecía probado que Rosaura tivo, nalgún tempo, relación marital con José Rodríguez pero que non había probas da súa participación nos feitos delitivos.

(Fonte: Expediente Persoal da Reclusa Rosaura Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25133/040. Caixa 25133/38)
Pero Rosaura aínda debía saldar a débeda coa facenda pola que fora condenada por contrabando de gando e debía facer o pago de 4000 pesetas. Como esta débeda non fora satisfeita, Rosaura permanecía no cárcere pois impuxéronlle que debía cumprir un ano de cárcere pola falta de defraudación e 211 días pola monetaria cumpríndose a pena o 4 de decembro de 1947. Pero o Ministerio de Facenda  concedeulle os beneficios da condena condicional polo que tan só tiña que cumprir os monetarios que comezaron a contar desde o 14 de setembro de 1946 ata o día 12 de abril de 1947, día no que recobrou a liberdade.
(Fonte: Expediente Persoal da Reclusa Rosaura Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25133/040. Caixa 25133/43)
O 27 de xaneiro de 1949 Rosaura foi detida de novo e conducida ao cárcere de Ourense, tiña 37 anos. Nesta ocasión foi condenada a cen días de cárcere por non satisfacer unha multa de 1000 pesetas por delito de contrabando. Así que, permaneceu no cárcere ata o día 28 de maio de 1949.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso do ano 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2240. Libro 2240. (315))

E esta foi a traxectoria penal de Rosaura, que deu comezo en 1941 e, entre unhas cargas e outras, non finalizou ata o maio de 1949.
                                (Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1947 a 1949.                                                                              ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2244.Libro 2244. (353))

No Parque Nacional Peneda Gerês está o REFÚGIO DE ROSSAURA a casa na que vivíu Rosaura, escapada da Guerra Civil, ata o seu falecemento en 1987
(1) Expediente Persoal da Reclusa Rosaura Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25133/040. Caixa 25133/ 22; (2) Idem. 25.
(Elaboración propia a partir do Expediente Persoal da Reclusa Rosaura Rodríguez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25133/040. Caixa 25133/040. Vid tamén: Entrada Wikipedia José Rodríguez Páramo.)

26 febrero 2025

LIBIA RODRÍGUEZ PÉREZ

O que van ler sobre Libia Rodríguez foi escrito pola súa neta, Libia Magán Rivera. Así o dispuxemos porque, quen mellor que ela para falarnos desta muller ilustrada. Así mesmo, proporcionou as fotografías da familia. Considero que quedou unha moi bonita entrada. Agrádezolle encarecidamente a súa colaboración.
(Fotografía da entrada. Libia Rodríguez aos 18 anos. Cedida por Libia Magán.)

Naceu en Arbo, Pontevedra, o 15 de xuño de 1905 e, aínda que o 1 de xuño de 1918 realizou o exame de ingreso no Instituto de Pontevedra (onde estuda os dous primeiros anos),trasladouse a Ourense onde estudiou no Instituto Xeral e Técnico os catro seguintes, un ano por libre e os restantes xa na modalidade presencial. Libia obtivo destacadas cualificacións: trece sobresalientes e dous con premio extraordinario en Psicoloxía e Lóxica e en Ética e Rudimentos de Dereito, oito notables e o resto, aprobados.

Seus pais foron Bautista Rodríguez Vilas e Felismina Pérez Martínez, que casaron no 1904 ao pouco de retornaren de Cuba e Brasil, respectivamente. Bautista foi un home moi comprometido coa vila de Arbo, o seu nome aparece frecuentemente nos xornais da época vinculado ao nacemento da Sociedade Hijos del distrito de Arbo, dende onde promoveu a construcción da Escola modelo de Arbo. Ademais foi comerciante e corresponsal en Arbo de varias entidades bancarias. No ano 1934 ocupou o cargo de Alcalde do que cesou no mes de xaneiro do 36, meses antes do estalido da guerra civil. Faleceu en 1940.

(Fonte: Fotografía de Bautista Rodríguez Vila, pai de Libia. Fotografía facilitada por Libia Magán.)

(Foto cedida por Ourense no tempo. Desde aquí quero agradecer a axuda que sempre me dispensa Rafael Salgado que me permitiu facer uso desta fotografía. Libia é a que está na segunda fila comezando por arriba e está situada no posto nove comezando pola esquerda)

(Libia aos 23 anos. Fotografía de Pacheco. Cedida por Libia Magán).

Sendo así como foi Bautista, é fácil imaxinar o importante impulso que lle daría á educación da súa filla Libia quen, logo de rematado o bacharelato, o 3 de setembro de 1923 solicita o Certificado para a Universidade Central de Madrid, onde iniciou os estudos en Ciencias Exactas e era a única muller no seu curso, ....sempre llelo comentaba aos netos!

Pero tres meses despois abandona os estudos, deixa a súa vida universitaria de Madrid e regresa a Arbo porque o 8 de decembro a súa nai, Felismina, con apenas 38 anos, morre durante un parto xemelgar deixando orfos de nai a trece criaturas, das que Libia era a irmá maior.

(Fotografía de Libia, seu pai e os seus irmáns. Cedida por Libia Magán.)

Non podemos chegar a imaxinar con que sacrificio renunciou aos seus estudios universitarios nin tampouco como tería sido a súa vida profesional de continuar estudando pero si que sabemos que, logo de deixar encamiñados aos seus irmás, Libia casou o 1 de xuño de 1929 co xoven recén licendiado en Medicina, o médico Cesáreo Rivera quen ademáis era veciño seu, porta con porta, e con quen mantiña unha bonita relación de noivado.

É así como Libia inicia unha nova vida, quizáis diferente á que tiña imaxinado, primeiro en Madrid e pouco tempo despois xa en Goián (Tomiño) onde Cesáreo gaña unha praza de médico de Asistencia Pública Domiciliaria no ano 1932. E parte importante desa nova vida foi o nacemento dos seus oito fillos (tres deles morrerían aos poucos meses de nacer).

E alí, en Goián, transcorreron os seus mellores anos, ao servicio das xentes da contorna, máis de trinta anos visitando as casas dos enfermos, saíndo primeiro a cabalo polos camiños enlamados dos invernos, logo en bicicleta; máis de trinta anos de historias de vida e morte, de anécdotas vividas e mil veces revividas pola familia, anos de traballo durante a guerra e posguerra, anos de fame, de miseria, de moitos sacrificios e tamén de moitas inquedanzas.

Logo dos últimos anos no dispensario de Seixo, en Marín, e trala xubilación de Cesáreo en 1970, viviron os últimos anos en Vigo.

Cesáreo Rivera morreu en novembro de 1988 e Libia Rodríguez, en xaneiro de 1995. Os dous están soterrados no panteón familiar de Goián.
(Fotografía de Libia e seu home. Cedida por Libia Magán.)

De novo, reitero o meu agradecemento a Libia Magán pola súa inestimable colaboración e coa que xa me une unha grande amizade. 

28 enero 2025

ANGUSTIAS REAL BLANCO

Angustias estivo presa no cárcere por colaborar cos fuxidos da guerra. Ela e as súas irmás Josefa e Sonina estiveron sometidas á xustiza da ditadura.

Naceu en Casaio, no Barco de Valdeorras, territorio montañoso onde os fuxidos se agochaban e onde as mulleres desempeñaron un papel fundamental para a súa supervivencia. Seus pais eran Evaristo e Ángela. Angustias tiña 19 cando o 24 de marzo de 1941 a Garda Civil a detivo e a entregou á Xustiza Militar de Fuxidos. Estaba solteira e, segundo consta no seu expediente, dedicábase aos seus labores que serían, como era habitual, atender a casa e a facenda familiar. Foi procesada por auxilio á rebelión en causa sumarísima e condenada a prisión incondicional. Isto era motivo de consideración pois Angustias foi tratada como "reclusa perigosa" segundo a causa número 189 de 1941. 

Nun primeiro momento estivo no Depósito Municipal de O Barco pero despois foi trasladada ao cárcere de Ourense. O médico da prisión ourensá, César Calafate y Hortelano, fíxolle un recoñecemento e deu conta de que Angustias estaba embarazada e indicou que non podía ser tratada no establecemento carcelario por carecer este de medios. Polo tanto, solicitou, o 10 de setembro de 1941, que fose levada ao Hospital provincial.

(Fonte: Fotografía propia envellecida de forma artificial. )

Desde a Inspección Central de Sanidade enviaron unha carta con data do 13 de setembro de 1941 pois precisaban saber se o motivo da solicitude para trasladar a Angustias ao Hospital era porque xa había síntomas de parto ou se simplemente era porque estaba embarazada xa que neste último caso tan só se aceptaría a petición se estivera no oitavo mes de xestación. A prisión de Ourense confirmou que Angustias presentaba síntomas de alumeamento polo que a Inspección de Sanidade aceptou que a levasen ao Hospital. A partir de entón, a dirección do Hospital tivo que informar con regularidade sobre o estado da reclusa.

Angustias deu a luz a un fillo o, ao que lle puxo de nome Evaristo. A nai e fillo regresarían ao cárcere o 11 de novembro de 1941 por atoparse restablecida. Angustias foi posta en liberdade o 9 de abril de 1942 tras un ano e un mes de prisión. Cando a soltaron non indicaron que con ela saía tamén seu fillo. Isto obrigou a Angustias a que pedir un certificado de que con ela estaba seu fillo pois senón non podía dalo de alta no racionamento do concello de Carballedo. 

Elaboración propia a partir do Expedientes persoal da reclusa Angustias Real Blanco. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/025. Caixa 25117/025.

15 enero 2025

ALBA RECONDO

Alba Recondo naceu en Ourense e é unha atriz recoñecida a nivel nacional. Introduciuse no mundo da interpretación cando dende pequena se inscribiu no Teatro Municipal e aquí é onde recoñeceu que ese era o mundo ao que quería dedicarse. Dixo "
Mi sueño es la interpretación".

A partir de entón, asistiu á Escola de Teatro Mar Navarro en Madrid e depois á Real Escola Superior de Arte Dramático. Así mesmo formou parte da Compañía Nacional de Teatro Clásico. 

Taller de verso con Vicente Fuentes
Taller de voz con Verónica Ronda
Taller de formación de la Joven Compañía Nacional de Teatro Clásico con José Padilla, Alfredo Sanzol, Eduardo Vasco, Iñaki Rikarte
Interpretación Textual. Real Escuela Superior de Arte Dramático
Escuela de teatro Mar Navarro y Andrés Hérnandez
La composition du role dans le temps et lespace con Hassan Hammouche
Formación de verso con Chelo García, RESAD
Formación de lucha escénica en sable y florete con Tomás Repila RESAD
Creación teatral con Andrés Lima Juneda InCursió, Lleida.
Entrenamiento actoral con Lidia Otón La Ventana, Madrid.
Técnica de las transformaciones con Juanfran Dorado La Ventana, Madrid.
Ciclo formativo para jóvenes actores con Ernesto Arias Lidia Otón Daniel Moreno Rosa Manteiga y Victor Velasco Espacio Brújula, Madrid.
Curso de investigación teatral con Alfredo Sanzol Juneda InCursió, Lleida.
Laboratorio de mimo corporal dramático con Olivier Decriaud Barcelona.
Fórmulas cómicas con Jango Edwards Festiclown, Vigo.
Clown con Leo Bassi Festiclown, Vigo
Interpretación Textual con Esther Movilla Casa da Xuventude, Ourense.
Interpretación con Victor Duplá María Vázquez Ismeni Espejel y Oscar Velado
Escuela de Teatro Municipal de Ourense
Escuela de Interpretación Loly Buján
Estudios de percusión en la Escuela municipal de Música de Ourense

Interveu en numerosas obras de teatro:

OS ACTOS E AS PROFECÍAS. Protagonista. Dir. Tamara Canosa. CDG
MAÑANAS DE ABRIL Y MAYO. Dir. Laila Ripoll.
LA SUERTE. Dir. Julia Barceló. CNTC
ARTE NUEVO DIR.Mariano Estudillo. CNTC
SUEÑO DE UNA NOCHE DE VERANO Dir. Bárbara Lluch CNTC
EN OTRO REINO EXTRAÑO. Dir. David Boceta. Festival Internacional de Almagro 2020
LA SEÑORA Y LA CRIADA Dir.Miguel del Arco CNTC
LA VIDA ES SUEÑO Dir.Helena Pimenta.CNTC
ECOS DEL PRADO Dir.Pepa Pedroche
EL DESDÉN CON EL DESDÉN Dir.ñaki Rikarte CNTC
PRÉSTAME TUS PALABRAS Dir.Álex Ruíz Pastor
CARTA DE AJUSTE Dir. Xus de la Cruz
NOCTURNOS Dir.Antonio Urbano.
YO SOY PEPE POSTIGO Dir. Jorge Navarro de Lemus
KVETCH Dir. Alvaro Manzano
EL PÁNICO Dir.Esther Movilla
WISH YOU WHERE HERE Dir. Tamara guitierrez
8 MUJERES Dir. Paul Alcaide
SOFÍA Dir. ignacio García May
LA BODA ENTRE DOS MARIDOS Dir. Antonio Urbano
TAL VEZ SOÑAR Dir. Alvaro Manzano
DON GIL DE CALZAS VERDES Dir. Nuria Cánovas
MALA ESPINA Dir. Fernando Romo
PERO NON QUEREMOS Dir. Esther Movilla
HISTORIA DE UNA ESCALERA Dir. Esther Movilla
EL PLACER DE LAS PEQUEÑAS COSAS Dir.Victor Duplá-M Vázquez
LAS BRUJAS DE SALEM Dir. loly Buján

Pero, ademais do teatro, comezou a traballar en series de Televisión como "Entre Tierras" ou "Amar es para siempre" nas que interpretou os seus personaxes con entrega e profesionalidade. e tamén en cine nas películas "Petra de San José" e "Las brujas de Elente".

Alba está traballando e profesionalizándose cada día máis e en diante seguirá demostrándonos as súas facetas interpretativas. Ser actriz é un mundo duro e difícil que esixe moita profesionalización e reciclaxe constante, pero estamos seguras que a grande vocación de Alba superará todos os atrancos.

Vid: Tangra Art Managementhttps://barnafotopress.com/2023/09/25/alba-recondo-mi-sueno-es-la-interpretacion/

09 enero 2025

JOAQUINA RIVERA MARTÍNEZ

Era mestra e foi destinada en 1932 á escola mixta de Beresmo (San Xusto), no concello de Avión, onde tomou posesión en propiedade. Trasladouse ao pobo acompañada pola súa irmá Cándida, lembremos que as mestras acudían a pobos moi lonxanos e sempre acudían acompañadas normalmente das nais ou irmás, ou tamén, se tiñan fillos pequenos levábanos consigo e acudían con elas á escola.

En maio de 1940 é depurada con traslado forzoso dentro da provincia e dous anos sen poder optar a praza. En setembro dese mesmo ano concédenlle a praza da escola de Beresmo a Pilar C. Fernández Quintas que era a muller dun mutilado de guerra.

Avión. (1934, 21 novembro). El pueblo gallego, p. 9; Relación de maestros de esta provincia que han sido sancionados. (1940, 8 de maio). La Región, p.3; Información del Magisterio. (1940, 19 setembro). La Región, p. 4.

24 noviembre 2024

MARÍA MAGDALENA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ

María naceu en Porto-Quintela, concello de Bande, o día 18 de xuño de 1920. Era filla de Francisco Rodríguez Álvarez que era industrial e de Carolina Martínez Peña. 

Realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense o 17 de xuño de 1931 e acadou o título de bacharelato en 1937.

O 20 de agosto de 1938 fixo o ingreso na Facultade de Farmacia de Santiago e en 1945 obtivo a titulación de licenciada en Farmacia. O paso seguinte foi querer exercer a profesión para á que se formara e instalou a súa farmacia en Vigo, no barrio de Coia. A farmacia anunciábase na prensa local aínda en 1979.
Vid: A.H.U.S, Expedientes Académicos e hemeroteca galiciana.

14 julio 2024

CLAUDIA(CLAUDINA) RODICIO PÉREZ

Nota: Facer a reconstrución da traxectoria laboral e de vida das mulleres que aparecen no blog resulta un labor delicado xa que as fontes están moi dispersas e deslavazadas e pode cometerse algún erro. Pero, en moitas ocasións, as familias colaboran comigo para ir solventando as dúbidas. Neste caso, tiven a fortuna de que a filla de Claudina, Blanca Rodicio, me axudase a concretar os datos que eu escribira sobre a súa nai e me enviase a fotografía que encabeza esta entrada. Para min é de suma importancia esta colaboración xa que me dá a tranquilidade de facer as cousas como é debido e de asegurar a veracidade do que se conta. Por iso, desde aquí, quero darlle as miñas inmensas grazas a Blanca Rodicio pola súa colaboración e o seu enorme interese por axudarme.

Claudia Rodicio naceu o 13 de febreiro de 1913 en Cagide de Parada do Sil. Era filla de Pío Rodicio e de Teresa Pérez. Fixo o exame de ingreso na Escola Normal de Ourense o 5 de xuño de 1929 no que desenvolveu o tema Los grandes organismos del Estado. Poder legislativo, ejecutivo, judicial y moderador. ¿Quienes son españoles? Formas de gobierno en España.

Obtivo unhas notables cualificacións destacando en Teoría e Práctica da lectura; Caligrafía; Relixión e Moral, Nocións de Aritmética e Xeometría; Historia da Idade Media, Nocións artísticas, Xeografía de España, Pedagoxía, Lexislación, Prácticas e Economía Doméstica (1). 

Mentres era estudante da Normal residía en Ourense e vivía no número 13 da rúa Correxidor pero os veráns pasábaos no seu pobo onde había a tradición de xogos populares. Un deles era o Xogo dos Bolos sobre o que Claudina escribiu uns versos en 1930 e que din:

Carreiriña tan gallarda ,
por tu gracia y tu belleza
eres lugar preferido
de los mozos de mi aldea.

Los domingos y festivos
en cuanto acaba la misa
suben corriendo la cuesta
para jugar la partida.

¡Cuanta emocion! cuantas risas!
Hay hecha noble contienda,
nunca se enfadan en serio,
compiten , mas con nobleza.

Se termina la jugada,
la gente al pueblo regresa,
y los bolos en la caja
descansan tras la pelea.

Y es que el juego de los bolos
distintivo de mi aldea
tan solo en la Carreiriña
tienen toda su belleza.

Estes versos foron proporcionados por Blanca Rodicio para un traballo realizado por Juanjo García Rodicio, parente cercano da familia, sobre as tradicións no pobo de Parada do Sil.(2)

Xa é sabido que Vicente Risco mandaba realizar traballos ao alumnado sobre aspectos xeográficos e etnográficos dos seus pobos. Pois ben, Claudia fixo un traballo manuscrito sobre os costumes, o folclore e os animais da comarca de Parada de Sil. Dito traballo está depositado na Fundación Vicente Risco.

Cando rematou a carreira en 1933 Claudina enviou o 17 de xullo  á dirección da Normal unha solicitude para tomar parte nos próximos cursiños de selección profesional.  Despois en decembro saíron as puntuacións e Claudia foi unha das seleccionadas pois obtivo un total de 123,5 puntos nos exercicios. En febreiro de 1934 entra nas listas de interinidade

En 1934 déronlle praza na escola de Encomenda , no Concello de Trives(3). Claudina dedicou uns versos ao pobo que me facilitou Blanca Rodicio. Son uns versos nos que se reflicten a placidez e a admiración de Claudina pola paisaxe, polo pobo, pola vida dos seus habitantes, pola tranquilidade e a ledicia que sente...Claudina forma parte desas mestras vocacionais que convivían no pobo, que levaban a cultura aos cativos e ademais integrábanse coa xente do rural.

A LA ENCOMIENDA

Unas casitas blancas
junto a la sierra,
y en su falda enclavada,
se halla Encomienda.

La campiña florece
llena de vida
y por doquier se encuentran
luz y alegría.

Cuando a la mañanita
el sol empieza
a dorar con sus rayos
a La Encomienda
todo es allí alegría,
todo belleza.

El saltarín arroyo
que canturrea
dulcísimas tonadas
entre las peñas.

Los pastores que salen
con las ovejas
y el morral en el hombro
para la sierra.

Todos cantan la vida....
¡Bendita sea,
la vida tan alegre
de La Encomienda!

Claudina estivo na escola de Encomenda ata que en febreiro de 1940 a Superioridade trasladoulle a noticia de que debía trasladarse á escola vacante de Navalmoral de la Mata na provincia de Cárceres por "conveniencias del servicio" .
(Fonte. Galiciana. La Región, 17 de febreiro de 1940. p. 2)

Elaboración propia. (1) AUVI. Expediente académico de Claudia Rodicio. (2) Juan-J. Garcia-Rodicio. (2019). XOGO DE BOLOS DE PARADA DO SIL. O CONTO DO XOGO E OS MESTRES EN PARADA DE SIL. 2011. Academia.edu. https://www.academia.edu/9204831/XOGO_DE_BOLOS_DE_PARADA_DO_SIL_O_CONTO_DO_XOGO_E_OS_MESTRES_EN_PARADA_DE_SIL_2011 (consultado o 19 de xuño de 2024.) (3) Magisterio Español, 29 de septiembre de 1934, p. 22.
Vid: Galicia, 30 de decembro de 1933, p. 6; La Región, 10 de xaneiro de 1940, p. 2; La Región,17 de febreiro de 1940, p. 2.  Esta entrada completouse coa información achegada por Blanca Rodicio, filla de Claudina Rodicio Pérez á quen lle transmito ou meu agradecemento.

24 mayo 2024

ESPERANZA RODICIO CASAR

Naceu en Ourense o 10 de xullo de 1914. Era filla de Celia Casar Olavarrieta procedente dunha familia de militares e de Avelino Rodicio González que era industrial en Ourense e que foi tenente alcalde da cidade en 1925 ata 1928, ano no que renunciou. Avelino faleceu prontamente, á idade de 32 anos, en decembro de 1932. 

A familia compúñana, ademais dos pais, oito fillos que se chamaban, Esperanza, Celia, Lourdes, María Teresa, Carmen, María Dolores, José Luís e Antonio que era alférez de infantería da División Azul. Residían na rúa do Perigo 6, 1º. A nai, Celia Casar, sacou adiante a todos os fillos tras quedar viúva moi pronto. Ela tivo un protagonismo especial para que as súas fillas estudasen e conseguiu, tras enviar escritos á Normal, que fixeran a carreira con matrícula gratuíta. Todas as irmás eran estudadas e desempeñaron diversos cargos na administración e, por suposto, no maxisterio.

Realizou o exame de ingreso no Instituto o 18 de xuño de 1926. A partir dese ano matriculouse na Normal de Ourense ata 1932 durante os cales fixo os catro cursos de carreira e destacando na materia de Francés, Pedagoxía, Xeografía universal, Historia natural, Elementos de literatura española; Historia contemporánea; Xeografía de España e Economía Doméstica e titulou en Grao Profesional. O 15 de setembro de 1932 fixo o exame-oposición de ingreso debido a que Esperanza estudou o plan antigo de 1914 pero, a partir de 1931 había un plan novo no que o exame de ingreso nas normais era moi esixente a cambio de eliminar as oposición. Neste exame desenvolveu o exercicio de letras cuxo tema foi a Creación de palabras. Composición: sus formas. Derivación. O exercicio de Matemáticas consistiu na resolución de catro problemas. A continuación fixo o exercicio de redacción na que expuxo que o neno debe educarse como ao home do mañá para evitar que os defectos que teña sexan levados á sociedade do porvir. A partir de 1932 e ata 1935 foi ocupando na lista de méritos pero aínda lle quedaban por facer os últimos requirimentos.

(AUVIGO. Expedientes Académicos de Maxisterio.)

(AUVIGO. Expediente Académico. Exame de oposición. 15 de setembro de 1932).

O 12 de xuño de 1935 realizou o exercicio de reválida na que desenvolveu a lección oito: “El Misticismo. Su origen y naturealeza. La educación según el tipo místico. Educación caballeresca. Origen, naturaleza e ideales de la caballería. La Educación según el tipo caballeresco”. No seu desenvolvemento puxo en relación o tipo de místico e a educación. Segundo explicou a educación tiña que estar en relación co ideal que se persegue. Logo relaciona a educación cos ideais de cabalería. En todo o seu desenvolvemento fai un alarde de reflexións analíticas de grande nivel[1]. Finalmente, entre 1935 e 1936 fixo as prácticas na escola de Marrubio en Montederramo. 

Foi alumna de Vicente Risco e mandoulle facer un exercicio de recollida etnográfica de O Courel que hoxe está depositado na Fundación Vicente Risco. O traballo foi realizado no curso 1931-32. Vicente Risco ofrecíalles un guión de traballo que consistía en sete apartados  no que se desenvolvesen os seguintes temas: A Terra, a xente e a historia; Idioma e literatura popular; Costumes das xentes; Relixión; Superstición; Mediciña popular e Ciencia Popular. Esperanza elaborouno mecanografado e achegou unha interesante información. Deste xeito, Risco, conseguía que o seu alunado tivese coñecementos sobre Galicia, facíalle ver que o coñecemento do medio era imprescindible para un docente e, consecuentemente, conseguía que tivese querenza pola Terra.

(Fonte. Fundación Vicente Risco.)

En 1935 creouse en Ourense a Casa do Mestre e Esperanza inscribiuse nela pois ofrecía moitas vantaxes formativas para os mestres e mestras. Á súa vez, en outubro de 1936 consta como doante de Acción Ciudadana, unha agrupación de tendencia conservadora da que será, posteriormente, vicepresidenta.

Continuou como mestra e en 1937 foi trasladada á escola de Xestosa, en Toén. Pero ese ano envía unha instancia ao Reitorado solicitando a concesión dunha praza no Hospital Vello de Ourense e, en efecto, aceptan a súa petición nomeándoa con carácter provisional. Posteriormente pasou a ocupar a praza en propiedade da sección segunda da graduada Curros Enríquez.

En 1941 faleceu o seu irmán Antonio e ela figura e na necrolóxica como Sor Esperanza da Congregación das irmás da Caridade.


[1] A información sobre o historial académico foi extraída do expediente depositado no  ARQUIVO DA UNIVERSIDADE DE VIGO.

(Elaboración propia a partir de diferentes fontesQuero agradecer, encarecidamente ao Arquivo da Universidade de Vigo a facilitación do Expediente Académico de Esperanza Rodicio) Vid tamén. El Pueblo Gallego, 31 de outubro de 1925, p. 1; La Región, 22 de maio de 1928,p. 1; Galicia, 2 de outubro de 1932, p. 1; Galicia, 31 de decembro de 1932, p. 5; Galicia, 19 de outubro de 1935, p. 6; La Región, 6 de marzo de 1937; La Región, 17 de decembro de 1939, p. 4; La Región, 25 de novembro de 1941;  p. 2.)