Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Arquiveira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquiveira. Mostrar todas las entradas

22 enero 2025

TERESA VAAMONDE VALENCIA

(Antes de nada quero agradecer encarecidamente a axuda do Arquivo da Universidade de Vigo pois facilitoume o expediente de Teresa Vaamonde. As imaxes que se presentan non poden descargarse deste blog.)

Teresa naceu, segundo consta nos seus expedientes académicos e en PARES, o 24 de xullo de 1898 en Ourense. Súa nai era Asunción Valencia Cobián e o seu pai, penso que podería ser Jerónimo Vaamonde que era comerciante e tiña varios negocios de ultramariños, un deles na Praza Maior.

O 2 de xuño de 1913 realizou o exame de ingreso na Escola Normal de Pontevedra. Alí cursou dous anos, matriculouse por libre nos cursos 1912-13 e 1913-14. Aprobou os dous cursos e deste xeito obtivo o título de Mestra Elemental tras realizar a reválida na que obtivo a cualificación de Sobresaliente.

(Fonte: Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
A continuación, matriculouse na Normal de Ourense. Aquí realizou dous anos máis inscribíndose nos cursos 1914-1915 e 1915-16. Tamén realizou estes estudos por libre e obtivo unhas brillantes cualificacións. A continuación revalidou os estudos e obtivo  en 1918 o Título Superior de Maxisterio:
(Fonte: (Fonte: Extracto do Expediente Académico da Normal de Pontevedra. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES.)
Así se expresa na Acta de Reválida asinada por todos os membros do tribunal: Leonor López Pardo, a directora e presidenta; Sara Fernández, secretaria; e como vogais, Josefa Rosón, María Luz Pérez González e Pilar Martínez Álamo.
(Fonte: Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
En relación á reválida debe destacarse a calidade dos exercicios realizados. O exercicio gramatical consistiu na análise da oración: Finalmente Sancho se quedó dormido al pie de un alcornoque, y don Quijote dormitando al de una robusta encina; pero poco espacio de tiempo había pasado cuando le despertó un ruido que sitió a sus espaldas. Teresa indica que a primeira parte da oración é reflexiva pois a acción reca sobre o mesmo que a executa, sendo o suxeito Sancho. En canto a  outra oración di que hai unha elipse para evitar a redundancia. Elabora un argumentario amplo e detallado e despois vai analizando gramaticalmente cada palabra da oración.

No exercicio de francés fai unha tradución dun pequeno texto sen cometer ningún erro. O exercicio de matemáticas consistiu na resolución dunha sistema de ecuación con dúas incógnitas explicando e xustificando os pasos que vai realizando. No exame de xeografía debuxa con exactitude o mapa de España e sitúa a parte Ibérica, Carpetana e Oretana, un exercicio que lle vale un sobresaliente. En Historia desenvolve o tema 24 que é América: Independencia de las colonias españolas. Caracteres de la civilización contemporánea. Problemas sociales, para o cal empregou tres folios nos que expón que esta parte do mundo foi descuberta por Colón e narra como foi o seu proxecto. A continuación explica os diferentes territorios foron independizándose en tempos da rexencia de María Cristina. Logo aludiu á civilización contemporánea que é diferente ás anteriores pois desenvolvéronse as ciencias, a astronomía, a xeografía, as matemáticas, incluso o cinematógrafo, a telegrafía...e pon exemplos de eminentes figuras como Volta, Newton, Lavoiser, Livigstone, Stanley...Pero remata dicindo que, malia estes avances, a sociedade está corrompida e que hai moitos problemas sociais.
Non cabe dúbida que se trataba dun exercicio verdadeiramente amplo e esixente no que Teresa demostrou que foi moi preparada.

Outro dos exercicios que chama a atención é a Mermoria de prácticas pois deu mostras da súa preocupación polo estado escolar e a ensinanza. Desenvolveu o tema das Normais e redactou  como era a escola onde realizou as prácticas dicindo que estaba situada nun edificio que ofrecía pouco atractivo, húmido e estaba moi mal orientado e indicou e que estaba lonxe dos edificios e pavillóns que "aconseja la Pedagogía moderna". Tamén falou dos poucos recursos que tiñan as familias e paracela isto repercutía no desenvolvemento da infancia e dicía: "¿Qué duda cabe que esta vida, fisiológica y psicológicamente miserable no es terreno apropiado para que en él florezcan y se vigoricen los sentimientos de dignidad personal, justicia, amistad, compañerismo...¿Qué caracteres se pueden formar con una pobreza física?...

Fixo unha defensa das cantinas escolares indicando que eran necesarias e que xa se estaban a desenvolver en diferentes provincias españolas. Manifestaba queceran un beneficio para os pequenos que non tiñan recursos. Entre as súas conclusións afirmou que era preciso unha reforma da ensinanza primaria.
(Fonte: Memoria de Prácticas. Extracto do Expediente Académico de Teresa Vaamonde Valencia. Arquivo da Universidade de Vigo.)
Despois de rematar os estudos en Ourense e xa co título superior de maxisterio, Teresa, foi vivir a Madrid para continuar formándose. Residiu na rúa Núñez de Balboa, número 7.  A súa intención era matricularse no Instituto Cardenal Cisneros para obter o título de Bacharelato. O 18 de abril de 1918 emitiu un escrito ao Subdirector de Instrución Pública na que alega que fixo estudos na Escola Normal de Pontevedra e na de Ourense, polo tanto ten o título de Maxisterio, polo que solicita a validación dalgunhas das materias de bacharelato:

(Fonte: Extracto do Expediente Académico da Normal de Pontevedra. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES)
Deste xeito, Teresa, estivo matriculada no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid ata 1921, ano no que remata os estudos e consegue o título de Bacharelato:

 
(Fonte: Expediente Académico do Instituto Cardenal Cisneros. ES.28079.AHN//UNIVERSIDADES,3314,Exp.4. Extraído de PARES)
Despois fixo estudos de Filosofía e Letras e fixo a especialidade de Historia. Unha vez licenciada, concorríu en novembro de 1929 ás oposicións a Cátedras de Historia e Literatura española para vacantes nos institutos. Tres anos máis tarde, en 1932 opositou ao Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios. No ano 1935 foi nomeada bibliotecaria da Biblioteca de Palencia. Após, estivo traballando en diferentes localidades chegando ata Gran Canarias. 

Co estoupido da guerra a vida de Teresa daría un xiro importante. En 1939 ábreselle un expediente de depuración acusándoa de pertencer á CNT e por de haber increpado a un dos seus compañeiros por ter no seu despacho unha imaxe relixiosa.

Comeza, deste xeito, a ser investigada exhaustivamente mentres Teresa continuaba a traballar baixo a sombra da incertidume. O xuíz, finalmente, considerou que Teresa fora contraria ao Movemento Nacional e aplicou unha sanción que consistiu en que durante dous anos non podería optar a postos vacantes.

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Foto da Cabeceira: PARES: https://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/autoridad/142462; Ministerio de Trabajo y Previsión (1929, 13 de novembro). El pueblo gallego, p. 10; Indice de las disposiciones públicas (1935, 12 decembro). El pueblo gallego, p. 8; Redondo Abal, Francisco Xavier: Teresa Vaamonde Valencia. Publicado o 1/1/2016 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22275. Recuperado o 16/01/2025.

                                                                      

01 mayo 2023

ISABEL NOGUEROL FIDALGO


Probablemente naceu en Bos Aires como súa irmá Aurora Rosa Noguerol Fidalgo, irmá de Isabel, que naceu o 29 de xaneiro de 1898 en Bos Aires e que se matriculou no Instituto de Ourense en 1914. Rosa exerceu de mestra na escola de Vilar de Ordelles e Rairiz de Veiga e era a muller de José Mascareñas Diz. Rosa e Isabel eran irmás e  fillas de Florinda Fidalgo Álvarez. Isabel non se matriculou no instituto senón que realizou os estudos no Colexio Modelo, dirixido por Ángel Ferrín.

En 1911, xunto con outras compañeiras e acompañadas polo director, foi a León para examinarse da reválida na Normal Superior e obtivo unha notable cualificación. Presentouse ás oposicións en 1919. Estivo destinada na escola de Sorga, en Celanova, pero despois pasou á de Castro Caldelas. En 1927 casaría con Manuel Penín Nóvoa que tamén era mestre nesta vila e que tamén acabaría exercendo no grupo escolar Curros Enríquez do que era directora Isabel Noguerol. O matrimonio tivo un fillo chamado Manuel Penín Nogueira que era procurador. 

Sendo mestra en Castro Caldelas presentouse varias veces ao concurso aberto polo Maxisterio Español obtendo premio en tres ocasións. O concurso consistía en presentar traballos sobre materias escolares e Isabel presentou corenta leccións sobre Linguaxe cuxo mérito didáctico foi tan recoñecido que acabou sendo publicado en "La Escuela en Acción". Así mesmo na exposición de traballos de escolares en Castro Caldelas manifestou que pais e mestres debían colaborar conxuntamente na educación dos nenos.

En 1933 realizou as oposicións para dirección de escolas graduadas e unha vez aprobadas foi destinada á provincia de Badaxoz. Presentouse en 1934 ás oposicións a Inspectora de Primeira Ensinanza e tamén se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras en Madrid. 

Segundo Vázquez Ramil, Isabel Noguerol estivo na Residencia de Señoritas de Madrid desde 1933 a 1936. En 1937 regresou a Ourense e ocupou a dirección do grupo escolar Curros Enríquez. Despois estivo uns anos na graduada de Mérida pero en 1943 volveu á cidade ourensá. 

(Fonte. Galiciana."El grupo escolar Curros Enríquez necesita ampliarase urgentemente", La Región, 15 de xaneiro de 1965,p. 5)

David Paz Nóvoa púxose en contacto comigo e, como digo sempre, as contribucións da ourensanía son dun valor imponderable para este blog. Comentoume que Isabel Noguerol foi directora do Colexio Curros Enríquez  ata 1966. Tamén me achega unha noticia de prensa sobre a homenaxe que as autoridades, pais e nais e alumando lle renderon a Isabel cando se retirou. Ela manifestou nesa ocasión que a educación fora todo na súa vida e que xa a botaba en falta nada máis xubilarse.

(Nota de prensa facilitada por David Paz Nóvoa. Fonte: La Región, 19 de xuño de 1966)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)Vid: El Miño, 6 de outubro de 1911,p. 2; La Correspondencia Gallega,  9 outubro 1911; El Correo de Galicia , 7 de abril de 1919;  El magisterio español, 22 de decembro de 1924; El magisterio español; 12 de xaneiro de 1927Eco de Galicia, 15 de novembro de 1927; "Trabajos escolares", El Correo Gallego, 17 de xullo de 1930, p. 9;  Magisterio orensano, 8 de decembro de 1932 , p.1;  La Libertad, 12 de xaneiro de 1934; El Debate, 13 de maio de 1934; El Progreso, 14 de outubro de 1937; ; El pueblo gallego, 13 de setembro de 1934; Vázquez Ramil, R., Mujeres, educación en la España contemporánea. La ILE y la Residencia de Señoritas de Madrid, Akal, Universitaria, Madrid, 2012; La Región, 10 de outubro de 1962, p. 7.

01 marzo 2009

OLGA GALLEGO DOMÍNGUEZ

Olga Gallego Domínguez naceu en Ourense o 8 de decembro de 1923 e foi unha ávida investigadora, amante da historia e da arquivística. Os seus logros déronlle o mérito de pertencer á Real Academia Galega[1].
            Os seus pais chamábanse Pilar Domínguez Castro e Manuel Gallego Lamas que eran comerciantes e tiñan unha tenda de tecidos na rúa Barrera número 5[2]. Era a irmá de Pilar, Luís e Manolo Gallego. Tiña sete anos cando a súa nai faleceu o día 6 de febreiro de 1931, e os seus irmáns tamén eran moi nenos e a familia decidiu que foran vivir á casa dunha tía, a irmá da súa nai chamada Corona Domínguez e que estaba casada cun curmán do pai.
            Realizou os estudos primarios no Colexio de Don Ruperto que estaba situado no Xardín Bispo Cesáreo e os secundarios no Instituto Provincial e logo de obter o título de bacharelato solicitou o Certificado de traslado á Universidade de Santiago escollendo os estudos de Filosofía e Letras. Matriculouse na Facultade o ano 1940 e licénciase en 1946[3].
            Rematada a Carreira, a Olga entusiasmáballe o mundo dos libros e a investigación e segundo dixo: “El interés por la paleografia y el conocer a Ferro Couselo hicieron que me identificase con el mundo de los archivos y que viese que quería dedicarme a ellos"[4] . E comezou a preparar as oposicións para Arquivos acadando a praza en 1955 no Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos. A partir de entón comezou a traballar na Biblioteca Provincial de Ourense[5]. Posteriormente ocupou o cargo no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, un posto que lle permitiu estar preto de publicacións antigas, de facer catalogacións pero sobre todo investigar. Olga escapaba, deste xeito, dos propósitos que a sociedade viña marcando para as mulleres. Ela quería estudar, quería investigar e dedicou toda a súa vida a estas facetas.
            No ano 1958 recibe o cargo de Dirección dos Servizos de Arquivos e Bibliotecas de Vigo[6]. Trasladouse a Vigo e alí desenvolveu unha intensa actividade pois levou adiante a instalación e o bo funcionamento da biblioteca do Instituto Santa Irene, a Municipal Jaime Solá e da Fundación Penzol. Tamén asesorou a que instalou a Caixa de Aforros. Foi tan interesante os eu labor que algúns destes centros chegou a deteriorarse progresivamente cando ela veu de novo a Ourense en 1965[7]. Outro paso máis na carreira de Olga foi o nomeamento en 1969 para dirixir o Arquivo Histórico Provincial e Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense sucedendo a Ferro, unha das persoas coas que tivo unha importante e interesante relación intelectual. Olga xa tiña un grande recoñecemento na cidade. A profesionalidade para levar os cargos, a súa dilixencia e saber facer facían que fose un referente no ámbito cultural e intelectual da cidade. Por iso, en 1975, vai ser nomeada Directora do Museo Arqueolóxico Municipal[8].
            Olga foi adquirindo cargos de maior responsabilidade nun eido tan especializado como a Arquivística. A súa capacidade de entrega ao traballo fixo que o Arquivo Histórico da cidade se convertese nun espazo de estudo e de investigación pois ofrecía unhas magníficas condicións e unha valiosa documentación. No ano 1975 o Arquivo era todo un referente en Galicia, por tal motivo foi seleccionado para que nel realizaran cursiños grupos de profesores que proviñan de Arxentina, Panamá, Colombia, Venezuela e outros becados polo Ministerio de Asuntos Exteriores e a Organización de Estados Americanos[9].
            Olga Gallego estableceu uns criterios arquivísticos que foron fundamentais para que outros arquivos seguiran as mesmas pautas de recompilación e organización dos documentos. Pódese salientar, por exemplo, o referido a arquivos familiares e que publicou en 1993 nun artigo titulado “Manuel de archivos familiares” na que establecía como debían facerse as referencias documentais e dicía que a organización dos arquivos familiares obedecían ao orden das actividades dos seus creadores, de tal xeito que debían ordenarse segundo cronoloxía da súa orixe. Ditas directrices foron empregadas para a ordenación de documentos e arquivos legados por familias insignes, non só en Galicia, senón tamén no resto do territorio español[10].
            No ano 1978 os funcionarios do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos que servían os Arquivos do Estado en Galicia presentaron un estudo serio sobre os Arquivos de Galicia, en especial dos públicos. Expresaron a urxencia de que os organismos políticos propios se ocupasen de realizar unha política de arquivos e de defensa do patrimonio documental. Insistiron no feito de que os arquiveiros e arquivos estivesen tanto ao servizo da administración e da investigación científica e tamén das clases populares e a súa cultura. Olga foi unha das asinantes dese informe onde se facía fincapé na necesidade de que os arquivos debían incluír a axuda e recuperación da identidade nacional de Galicia. Olga foi unha fervente defensora da recuperación histórica de Galicia por iso apoiou e asinou este informe para que as instancias superiores galegas propulsaran tanto a recuperación histórica como o achegamento documental a todos os investigadores: “Una política en Galicia debe tener en cuenta una futura organización autónoma que estaría dotada de los organismos políticos y técnicos encargados de la planificación archivística y de los Archivos y del Patrimonio documental de Galicia”[11].
            A prensa eloxiou á figura de Olga pola transformación que fixo na estrutura e funcionamento das bibliotecas e arquivos e pola divulgación e o achegamento á cidadanía que quería investigar. Era considerada a “alma mater” dos centros de lectura.
            Foi pioneira na arquivística pero tiña claro que non debía limitarse a unha mera recompilación de documentos, para ela un Arquivo debía ser algo máis por iso colaborou estreitamente co Museo Arqueolóxico e entrou a formar parte do Grupo Marcelo Macías en 1971 no que ocuparía o cargo de Secretaria ata 1975 e de Presidenta durante vinte anos, desde 1990 ao 2010. O grupo creárase en 1942 polos máis insignes intelectuais ourensás como Cuevillas, Ferro Couselo, Risco, Xocas e Vázquez Varela. O obxectivo principal era o fomento do Museo a través da publicación periódica Boletín Auriense na que se recollían traballos de investigación histórica-arqueolóxica. Olga achegaría interesantísimos estudos ao Boletín Auriense sobre familias nobiliarias ourensás, sobre aspectos artísticos, xurídicos, educativos, administrativos, sobre historias locais… Foi sacando á luz numerosos aspectos da historia da nosa cidade e provincia. Unha longa enumeración na que se pon de relevo a capacidade de traballo da nosa ilustre arquiveira. Traballos de investigación que requirían unha grande exhaustividade e elevado grao de autoesixencia. As investigacións rigorosas de Olga levárona a ser correspondente da Real Academia da Historia desde 1980, e tamén da Real Academia Galega a partir do 15 de novembro de 1986 a proposta de Manuel Chamoso Lamas, Francisco Ogando Vázquez e Francisco Xavier Río Barja. O discurso que pronunciou no solemne acto de académico titulábase: “As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime”. Sería a segunda muller en formar parte desta magna institución despois de Francisca Herrera Garrido que fora nomeada en 1945 pero non chegou a ocupar o sillón.

            Olga contaba na provincia e Galicia cun grande recoñecemento social e profesional e era unha asidua asistente aos eventos culturais e intelectuais como invitada destacada e preferente, entre os máis salientables, os actos da Real Academia que tiveron lugar no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, por exemplo, cando se nomeou membro da mesma a Carlos Casares en 1978.
Chegados os anos noventa, presidirá a Asociación de Arquiveiros, museólogos e documenalistas, foi vogal da Fundación Penzol, un patronato creado en 1963 por Fernández del Riego e Ramón Piñeiro e outros galeguistas ilustres co fin de preservar o legado de Fermín Fernández Penzol-Labandera e crear un centro de estudos galegos[12].

Fotografía dos membros da Fundación Penzol en 1998
           A Fundación Otero Pedrayo que ten como obxectivo manter na memoria a un dos patriarcas galegos, Ramón Otero Pedrayo, tamén contou entre os seus máis insignes membros con Olga Gallego.
Todo o que tiña que ver coa reconstrución histórica galega tiña que contar con Olga Gallego pois, tal como indica Pedro López Gómez no Album de Mulleres do Consello da Cultura Galega: “era brillante na xestión administrativa, na docencia arquivística e na investigación documental e histórica, sen desatender, coma tantas outras mulleres, o fogar do que foi cabeza. Laboriosidade, ética profesional e cidadá foron os modos en que desenvolveu as súas actividades[13].
            Todo recoñecemento é meritorio cando se fai tanto pola cultura e Olga así fixo dentro dunha notable discreción e sentido de humildade. Era incansable no traballo e ávida da curiosade histórica, e non temía en adentrarse en temáticas históricas de grande embergadura, temas nos que a muller tamén sería protagonista, pois como ela dicía A muller no Antigo Réxime non tivo historia”. Publicou o libro “Historia da muller. Mulleres ourensás dos séculos XIV e XVIII” un estudo inédito que é froito dunha investigación escrupulosa e detallista no que se reconstrúen e relatan historias individuais das mulleres deses séculos. Ofrece un amplo espectro das mulleres ourensás pois están as fidalgas, as burguesas, a vexadas, as protagonistas, as prostitutas, as beatas…e como dixo Xulio Rodríguez: “Latexa unha realidade que fai referencia a unha vida, a unha supervivencia”. É, polo tanto, un estudo pioneiro polo punto de vista desde o que aborda. Un libro do que dixo Carme Adán “o libro é importante porque a historia non adoita escribir con nomes de mulleres” e referíndose a autora: “é un referente para as mulleres galegas”[14].
            Olga foi exemplo e mestra de arquiveiros. Efectivamente, ademais de investigadora tamén foi docente entre 1988 e 1990 na Escola Taller do Arquivo do Reino de Galicia onde formaría a futuros arquiveiros e bibliotecarios no valor e a importancia de preservar as fontes arquivísticas para a reconstrución da historia e sobre todo, para a historia de Galicia, algo que Olga sempre defendeu.
            Foron moitas as distinciones que lle tributaron como o Lazo da Orden de Alfonso X o Sabio (1969), a Medalla de Anabad (1999), a Medalla de Prata de Galicia da Xunta de Galicia (2000), a Medalla Castelao (2006) e o Premio Trasalba, de la Fundación Otero Pedrayo (2008). A Universidade de Vigo fíxolle unha homenaxe póstuma o día 19 de xullo de 2012 e nomeou un dos pavillóns do Campus de Ourense. A isto había que sumarlle o recoñecemento e admiración do seu alumnado e da ourensanía en xeral, dese Ourense que ela tanto amou e para a que investigou.
            Olga faleceu en Ourense o día 4 de setembro de 2010, cando tiña 87 anos. Deixounos as súas letras, os seus libros, as súas investigación sobre as terras ourensás, todo feito coa humildade desde ese “silencio” da investigación.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Cortés Alonso, Vicenta (coord..) Olga Gallego, arquiveira, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2006.
Gallego Domínguez, Olga, Historia da muller. Mulleres ourensás dos séculos XIV-XVIII, Ourense, Grupo Marcelo Macías, 2008.
Fernández Aparicio, Javier “Cuestiones y estado previo a la ordenación del archivo personal de Hoyos Sáinz”, Anales del Museo Nacional de Antropologia: Nos-Otros: Número V - 1998
Martínez Tamuxe, X.: “Gallego Domínguez, Olga”, en Gran Enciclopedia Gallega. Gijón: Silverio Cañada, ed., D.P. 1974, p. 100.
              
[1] Olga Gallego foi proposta por persoas e institucións diversas da cidade de Ourense como a Fundación Olga Gallego, a Asociación de Viúvas María Andrea,  a Asociación de profesionais de Arquivos , Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia,  a Asociación Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miiño, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Ourense para que unha das rúas levase o seu nome.
[2] La Región, 4 de abril 1911.
[3] El Correo gallego, 30 de maio 1946.
[4] Xosé Manuel Pereiro “Olga Gallego Domínguez”  El País, http://culturagalega.gal/album/detalleextra.php?id=4561consultado o 26 de abril de 2020.
[5] La Noche 13 de decembro 1956.
[6] La Noche 4 de decembro de 1958.
[7] Begoña M. “El primer problema de las bibliotecas viguesas. La falta de personal cualificado”, El Pueblo gallego, 8 de febreiro de 1979.
[8] El Pueblo gallego, 4 de maio de 1975.
[9] El Pueblo gallego, 9 de novembro de 1976.
[10] Vid: Javier Fernández Aparicio, “Cuestiones y estado previo a la ordenación del archivo personal de Hoyos Sáinz”, Anales del Museo Nacional de Antropologia: Nos-Otros: Número V - 1998
[11] Isaac Otero “Archivos de Galicia” El Pueblo gallego, 31 de marzo de 1978; Isaac Otero, “Instalaciones en Galicia”, El Pueblo gallego, 2  de abril de 1978.
[13] Pedro López Gómez, “Olga Gallego Domínguez” http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=1079 consultado o 26 de abril de 2020.
[14] L.R. “Un libro de Olga Gallego recopila historias de la mujer ourensana entre el XIV y el XVIII”, https://www.laregion.es/articulo/ourense/libro-olga-gallego-recopila-historias-mujer-ourensana-xiv-y-xviii/20080608093402054709.html consultado o 26 de abril de 2020.