Non cabe dúbida que estamos nuns tempos nos que se está e perder ou terxiversar a semántica das palabras. Un capitalismo atroz e inconmensurable, xa que medrou por riba das súas posibilidades, está a cambiarnos a todos e todas. A propia palabra "liberdade", termo no que se substenta este chamado sistema, comeza a tera connotacións un tanto confusas e perversas. Dito isto pois a palabra liberdade estase apropiando dun individualismo tan férreo que acaba sendo dun egoísmo tan contumaz que altera a vida en comunidade. Redefiniuse a palabra liberade dando lugar a que ningunha institución, entidade, goberno poida lexislar xa que as leis son para todos e todas, vai para unha comunidade, vai para un ben común...pois nón, para os/as que falan de liberdade din que "van en contra miña" por iso, din, estamos ante un goberno opresor. Gañan así os extremismos, eu comigo, eu sen os demais, o resto, dáme igual.
E ese capitalismo que tanto avogou pola democracia está facendo que esta perda tamén a súa esencia.
E agora vaiamos ao tema que titula esta páxina. Ben é certo que que o mundo da muller mellorou considerablemente pero... nin tanto. Nin tanto pois no mundo occidental hai aínda moita diferenza á hora de tratar aos dous sexos na letra pequena disgustándome enormemente que para eventos, conferencias, cursos...busquen interesadamente a unha muller para facer crer que defenden a igualdade, non obstante, na maioría dos casos, incluso nas presentacións destas mulleres invitadas hai como unha minusvaloración e non destacan os feitos, estudos, investigacións das mesmas, agás que a persoa, muller, achegue unha imaxe de poder, dominio e, incluso, apelido....Nestes casos, fáiselle reverencia. Pero cando a muller é discreta, pouco dada ao público pero ten detrás un traballo exhaustivo....xa non hai tanto recoñecemento.
Con isto estou a afirmar que hoxe en día, tamén conta o descaro, o carácter dominante, o público...neste caso a xente de arredor se amilana.
Pregúntome: Que pasa logo con esas mulleres que hoxe en día se expoñen tan hipersexualizadas? Ao meu entender confunden ese aspecto físico co de empoderamento. Algunhas mulleres pensarán que presentarse tan exhuberantes é unha mostra da liberdade, pensarán que a muller debe loitar para ser libre de ir como ela queira...Non obstante, non é así. A muller non ten que amosarse como un "agasallo" edulcorada con atuendos sumamente esaxerados pois iso non é empoderamento, iso é escravitude. É unha cuestión non tanto de vestir senón de actitude...Unha actitude tan sinuosa e insinuante que interpreto vai en contra do que debe demostrar a muller. E comento isto fóra de toda moralidade xa que son a primeira en defender á muller pero gústame aquela que demostra como é sen facer do seu corpo unha perfomance.
Pero o capitalismo que nos ensinou a gañar e atesourar fortunas e vivir ao xeito de ser todos ricos, fomentou un mundo tan hedonista que nin seguera nos deixa vivir coa natureza de ir envellecendo e asumindo a nosa evolución. O capitalismo está pedindo que sexamos sempre mozos e mozas, que vivamos en plena xuventude, nunha felicidade permanente e isto está destrozando a ética humana.
Rosa María Cid Galante.
10 de novembro de 2024.