Etiquetas

31 marzo 2024

MILAGROS SANTIAGO GARCÍA

Naceu en Vilardevós o 14 de marzo de 1908. Estudou a carreira de maxisterio para dedicarse á docencia pero, lamentablemente, tamén sufriu a depuración como tantos mestres e mestras da provincial. Preparou os Cursiños de Selección na afamada Academia Xesta, dirixida polo director da Biblioteca Provincial, don Juan Fernández Pérez, e superounos con éxito en 1934. Casou con Juan Ausín Nogueira. 

Un dos seus primeiros destinos sería a escola de Servoi na comarca de Castrelo do Val. Era unha mestra que destacaba polo seu labor pedagóxico e intelectual.

Estando en Freás sería denunciada e foi obxecto de vixanza por parte da Comisión Depuradora de Ourense ata que, finalmente, foi suspendida de emprego e soldo por período dun ano con traslado forzoso dentro da provincia. Como moitas mestras a denuncia non tiña base ningunha, de feito Milagros era unha muller moi devota, pero os primeiros anos do franquismo foi tremandamente inflexible cos docentes. 

Foi destinada de xeito forzoso á escola de Correxais, San Pedro de Correxais, en Villamartín de Valdeorras. Unha escola remota e lonxana que supuña un duro castigo. Continou exercendo con dedicación e vocación e un dos seus destinos finais foi a escola de Zos en Trasmiras. 

Faleceu en 1972, cando tiña 64 anos, e os seu alumnado lembrouna dedicándolle unha bonita carta de despedida que, entre outras cousas dicía:

...ella no regateaba esfuerzos, hizo de su vida un apostolado y se entregó de lleno a su vocación pedagógica, siempre esforzada y sacrificada. Mujer profundamente religiosa, de una humanidad insuperable, supo inculcar en todos los que tuvimos la fortuna de ser alumnos suyos los sentimientos que ella llevaba consigo de amor al prójimo, respeto mutuo y convivenvia. Muchos de nosotros, repartidos por diferentes partes del mundo le debemos lo que somos. Maestra, incomparable, madre espiritual de todos nosotros..." (1)

Houbo máis notas de prensa que amais de destacar a súa bondade da mestra tamén falaban da súa profesionalidade e implicación coa ensinanza. Mestras que levaron os saberes aos pobos remotos e, malia ser reprendidas e castigadas, a súa vocación non minguou nunca.

Vid: El magisterio español, 28 de xuño de 1934, p. 23; Galicia, 11 de xaneiro de  1934, p. 6; La Región, 16 de xullo de 1940, p. 2; "Relación de maestros de esta provincia que han sido sancionados por la Comisión Superior Dictaminadora del Ministerio de Educación Nacional", La Región, 8 de maio de 1940, p. 3; (1)  "Ha muerto nuestra maestra", La Región, 15 de marzo de 1972, p. 10; La Región, 13 de abril de 1972, p. 10.