Etiquetas

26 febrero 2025

LIBIA RODRÍGUEZ PÉREZ

O que van ler sobre Libia Rodríguez foi escrito pola súa neta, Libia Magán Rivera. Así o dispuxemos porque, quen mellor que ela para falarnos desta muller ilustrada. Así mesmo, proporcionou as fotografías da familia. Considero que quedou unha moi bonita entrada. Agrádezolle encarecidamente a súa colaboración.
(Fotografía da entrada. Libia Rodríguez aos 18 anos. Cedida por Libia Magán.)

Naceu en Arbo, Pontevedra, o 15 de xuño de 1905 e, aínda que o 1 de xuño de 1918 realizou o exame de ingreso no Instituto de Pontevedra (onde estuda os dous primeiros anos),trasladouse a Ourense onde estudiou no Instituto Xeral e Técnico os catro seguintes, un ano por libre e os restantes xa na modalidade presencial. Libia obtivo destacadas cualificacións: trece sobresalientes e dous con premio extraordinario en Psicoloxía e Lóxica e en Ética e Rudimentos de Dereito, oito notables e o resto, aprobados.

Seus pais foron Bautista Rodríguez Vilas e Felismina Pérez Martínez, que casaron no 1904 ao pouco de retornaren de Cuba e Brasil, respectivamente. Bautista foi un home moi comprometido coa vila de Arbo, o seu nome aparece frecuentemente nos xornais da época vinculado ao nacemento da Sociedade Hijos del distrito de Arbo, dende onde promoveu a construcción da Escola modelo de Arbo. Ademais foi comerciante e corresponsal en Arbo de varias entidades bancarias. No ano 1934 ocupou o cargo de Alcalde do que cesou no mes de xaneiro do 36, meses antes do estalido da guerra civil. Faleceu en 1940.

(Fonte: Fotografía de Bautista Rodríguez Vila, pai de Libia. Fotografía facilitada por Libia Magán.)

(Foto cedida por Ourense no tempo. Desde aquí quero agradecer a axuda que sempre me dispensa Rafael Salgado que me permitiu facer uso desta fotografía. Libia é a que está na segunda fila comezando por arriba e está situada no posto nove comezando pola esquerda)

(Libia aos 23 anos. Fotografía de Pacheco. Cedida por Libia Magán).

Sendo así como foi Bautista, é fácil imaxinar o importante impulso que lle daría á educación da súa filla Libia quen, logo de rematado o bacharelato, o 3 de setembro de 1923 solicita o Certificado para a Universidade Central de Madrid, onde iniciou os estudos en Ciencias Exactas e era a única muller no seu curso, ....sempre llelo comentaba aos netos!

Pero tres meses despois abandona os estudos, deixa a súa vida universitaria de Madrid e regresa a Arbo porque o 8 de decembro a súa nai, Felismina, con apenas 38 anos, morre durante un parto xemelgar deixando orfos de nai a trece criaturas, das que Libia era a irmá maior.

(Fotografía de Libia, seu pai e os seus irmáns. Cedida por Libia Magán.)

Non podemos chegar a imaxinar con que sacrificio renunciou aos seus estudios universitarios nin tampouco como tería sido a súa vida profesional de continuar estudando pero si que sabemos que, logo de deixar encamiñados aos seus irmás, Libia casou o 1 de xuño de 1929 co xoven recén licendiado en Medicina, o médico Cesáreo Rivera quen ademáis era veciño seu, porta con porta, e con quen mantiña unha bonita relación de noivado.

É así como Libia inicia unha nova vida, quizáis diferente á que tiña imaxinado, primeiro en Madrid e pouco tempo despois xa en Goián (Tomiño) onde Cesáreo gaña unha praza de médico de Asistencia Pública Domiciliaria no ano 1932. E parte importante desa nova vida foi o nacemento dos seus oito fillos (tres deles morrerían aos poucos meses de nacer).

E alí, en Goián, transcorreron os seus mellores anos, ao servicio das xentes da contorna, máis de trinta anos visitando as casas dos enfermos, saíndo primeiro a cabalo polos camiños enlamados dos invernos, logo en bicicleta; máis de trinta anos de historias de vida e morte, de anécdotas vividas e mil veces revividas pola familia, anos de traballo durante a guerra e posguerra, anos de fame, de miseria, de moitos sacrificios e tamén de moitas inquedanzas.

Logo dos últimos anos no dispensario de Seixo, en Marín, e trala xubilación de Cesáreo en 1970, viviron os últimos anos en Vigo.

Cesáreo Rivera morreu en novembro de 1988 e Libia Rodríguez, en xaneiro de 1995. Os dous están soterrados no panteón familiar de Goián.
(Fotografía de Libia e seu home. Cedida por Libia Magán.)

De novo, reitero o meu agradecemento a Libia Magán pola súa inestimable colaboración e coa que xa me une unha grande amizade.