Etiquetas

30 enero 2011

OBDULIA DÍAZ a "AVOA OBDULIA"

Obdulia Díaz está presente estes días na prensa e a razón é ben meritoria pois esta ourensá tivo ao seu coidado, durante a postguerra, a uns douscentos nenos fillos de prostitutas. 

Naceu en 1907 e vivía na zona vella de Ourense, no denominado barrio chino entre a Rúa de Colón e a de Villar e a de Pelayo e a Barrera, concretamente na rúa de Cervantes, lindando coa de Pelayo. Era unha casa vella, moi vella cunhas escaleiras gastadas. Noutro piso da mesma casa vivía a súa filla.

Obdulia era viúva, e acollía aos nenos na súa casa traballando arreo para sacalos adiante. Eran nenos e nenas que non podían ser coidados polas súas nais, como ela dixo: "Cuido chicos de madres que no pueden atenderlos por sus ocupaciones...Yo siempre fui muy niñera y siempre me gustaron, a pesar de que tengo tres hijos y bastantes nietos..."

Chegou a ter baixo o seu coidado diario ata doce nenos a un tempo. Facíase cargo deles ao nacer e coidábaos ata que as súas nais viñan a recollelos. Chegou a ter mozos maiores que estaban estudando pois Obdulia, ademais de mantelos, tamén procuraban que estudaran, preocupábase da súa educación.

(Fonte: La Región, 19 de setembro de 1970, p. 5)

Realmente non cobraba por atendelos, mantíñase da achega mensual dalgunha das nais pero non ía sobrada e tiña que facer esforzos para alimentalos, mercarlle zapatos, vestilos... Basicamente era un labor altruísta e gratuíto.

Coa aportación que lle podían facer algunha das nais máis a colaboración doutras persoas como o doutor Gallego, o Padre Silva, a dona da librería Padre Feijóo, o da farmacia Bayón e María del Río que dirixía o Patronato do Enfermo Pobre  puido sacar adiante a estes nenos que a denominan "avoa Obdulia" aínda que moitos  chamábana "mamá".

Contou coa colaboración da súa filla Lola Nóvoa. Agora teñen unha merecida escultura de Manuel Penín na cidade que as lembra as dúas.


A fotografía foi cedida polo meu xeneroso amigo Rafa Salgado que xestiona o blog marabilloso de http://www.ourensenotempo.blogspot.com/


Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: El País "Ourense descubre a una heroína", 29 de xaneiro, 2011. La Región "Una escultura recuerda la solidaridad de dos orensanas", 29 de xaneiro, 2011.Foto da entrada: Foto Reza, La Región, 19 de setembro de 1970, p. 5.