Etiquetas

A filla de Lucrecia. Unha novela de mulleres nos tempos da España do ambicioso rei Filipo II

 


PRESENTACIÓN DO LIBRO

A FILLA DE LUCRECIA DE XAVIER PAZ

4 de abril de 2025

Boas tardes a todas ás persoas presentes neste día tan ilusionante no que teño a honra de presentar a novela recentemente publicada do noso escritor, poeta e novelista Xavier Paz. Estamos aquí todos nós, nesta xuntanza de xente amiga e gustosa dos libros e das historias, para demostrar o noso contento e, por suposto, darlle as nosas felicitacións.

A novela á que facemos referencia titúlase A filla de Lucrecia escrita entre 2019 e 2020 e publicada pola editorial Belagua en xaneiro deste ano. Trátase, creo eu, da oitava novela publicada por Xabier Paz, aínda que, lembremos, tamén ten escrito varios poemarios.

Mais, como Xabier nos falará da novela, eu quixera aproveitar a ocasión para expresar algúns aspectos que teño observado na obra de Xabier Paz e que me resultan moi interesantes.

Por exemplo, observo que en canto ao contido, as súas novelas abordan temáticas que, en grande medida, forman parte da inquedanza e da preocupación por parte de Xabier. Hai que dicir que estamos ante un escritor rigoroso nas temáticas que escolle para o desenvolvemento da trama, pois adoitan ser acontecementos reais e verídicos que Xavier reverte en historias apaixonantes dunha grande profundidade. Historias contadas das que se extrae unha ensinanza ética, xa que nos fan reflexionar sobre a condición humana, os seus anhelos, os seus castigos, os seus remorsos.

Acaban sendo novelas de carácter histórico ambientadas en épocas de choque ideolóxico entre o avance, o progreso o renacemento e o medievalismo reaccionario, como é o caso da novela que se presenta. Enfróntanos Xabier a esa dobre moral da época onde os personaxes vense sometidos a andar por unha liña fina, e literalmente di: “Lucrecia semellaba camiñar por unha alfombra estreita, sen saíres dela” (p. 88). Xabier é como ese escultor de personaxes tridimensionais que viven sufridores ou doentes do pasado. Crea almas de personaxes complexos dando como resultado un atrezo humano de seres enigmáticos, profundos e rotundos pero en grande medida son vítimas do seu tempo.

Outro aspecto que creo común en todas as novelas de Xabier é que fai unha narración do pasado, isto é, son novelas en sentido retrospectivo, revisionista, repasar o vivido na vellez cando xa ten perspectiva, así nos di: “o vivido aparece nas cavilacións das vellas como unha árbore arrincada coas raíces”. Ou cando di “ pasado, algo fuxido e esnaquizado que deixa vestixios en nós”. Penso que no fondo o que en realidade pretende Xabier é darlle a esa narrativa de lembranza o sentido resarcible e aclaratorio, e incluso, un afán de facer xustiza reparadora.

Aníbal e a Pintora; O libro e o tapiz, Galileo no espello da noite; a Barcelonesa; as Vidas de Nito, Renacer…Son novelas nas que o pasado é un transfondo perdurable. Precisamente, na novela A filla de Lucrecia remata co capítulo XXX titulado “Vivimos do Lembrado”.

Outra posta en valor nas novelas de Xabier son os personaxes femininos que traza. En efecto, nas novelas de Xabier os personaxes femininos veñen a ser heroínas, aguerridas, loitadoras contra o tempo que lles tocou vivir. Urraca, Artemisia, a filla de Galileo, Adria, as mulleres de A Barcelonesa…. As mulleres son un piar e Xabier ben sabe da condición feminina. E isto é algo que me atrae enormemente. Xabier vai presentalas coa súa fortaleza moral e ética. E aquí tamén aparecen esas mulleres que son espello onde mirarse. Son Alba, Lucrecia, Elvira, Nazira, e dise: “Deprendín que ás desvalidas cómprenos inventármonos outra vida para sobrevivirnos, que a conciencia non debe ser cárcere do corpo, única facenda propia de toda muller e, sobre todo, deprendín que para unha muller obrar en por si pode ser calamidade ou salvación, en tanto que o calar submiso remata sempre en acabemento….” (p.12) Impresionante reflexión, non cren?-

Hoxe presentamos A filla de Lucrecia , unha historia con dúas protagonistas mulleres, nai e filla, arredor das cales van orbitar outros personaxes decisivos nas súas vidas. Xabier comprométese de novo, tal como fixera, por exemplo, en Aníbal e a Pintora, a trazar unha novela para rescatar á historia das mulleres como conformadoras tamén, do devir histórico.

É pois, este libro, un recoñecemento á muller, á inxustiza, a opresión exercida sobre ela.

A novela está composta de 30 capítulos nos que aprecio dúas partes. Os primeiros episodios están dedicados ao repaso da vida de Lucrecia. Arrinca a historia desde Granada, onde se atopa a súa filla Alba, xa maior, que comeza a lembrar os acontecementos que lle relatou súa nai ou que Alba mesmamente tamén vivíu estando con ela. Nunha segunda parte estamos nesa Granada na que Alba experimenta a súa transformación vital como un verme da seda debido ao encontro con Omar, ou, nun ordenado de letras, co amor, e á adopción dunha nova cultura. De novo, Xabier, lévanos a valorar a tradición islámica, mourisca, tan colorista, tan olorosa e acolledora e cuxo legado aínda perdura.

Alba de Vítores lembra as ensinanzas e as historias da súa nai Lucrecia. De novo as nais que teñen para o autor ese sentido de facho e guía e espello. E de novo ese pasado que como di o autor está roto en anaquiños e mesturados pola desmemoria…

Alba, como narradora, fala de ser filla natural e sen pai recoñecido polo que Lucrecia tivo que criala soa. A máis diso nárranos a capacidade visionaria da nai e que a levou a padecer o destino do Tribunal da Inquisición.

Foi, pois Lucrecia, a sibila ou profetisa de feitos e acontecementos desa España decrépita da dinastía dos Austria , por certo, moi interesante é reparar na metáfora do corvo do capítulo VIII) e pensa Lucrecia: “A aparición do rei en moitos dos meus soños erguera unha poeira na corte. Eu non sabía que os meus soños eran usados polos seguidores de Antonio Pérez caído en desgraza e fuxido…” (p. 67).

A través desta novela, Xabier déixanos ver esa historia negra da Inquisición, tribunal da Igrexa, que amosou sempre a súa impiedade ditando condenas co sinal da cruz. Lucrecia sufriría o seu alento provocándolle como chega a dicir “o sufoco da paisaxe esgrevia da miña vida” (p. 103).

Pero non debo contar a historia pero si recomendar que a lean pois van ter a oportunidade de mergullarse nun relato enfocado desde unha narrativa absorbente e sumamente interesante na que non se perde nin un ápice de poética. De novo volve ser unha narración caleidoscópica xa que os capítulos compleméntanse e ofrecen perspectivas e feitos que chegados ao fin da novela, forman un conxunto que queda no noso maxín como un cadro perfectamente concluído.

En canto ao estilo volvemos topar cunha redacción coidada, de pincelada fina, como se dun pintor pulcro se tratase ou dun escultor que remata perfectamente a súa obra dándolle pulido. É unha literatura de lenzo tupido e nós pretos. Unha narración nun galego culto, polo que fai relevante o noso idioma, o galego, que tanta falla fai hoxe en día que se atopa menoscabado.

Hai capítulos que son verdadeiros cadros pictóricos, por exemplo, cando describe o tribunal da inquisición no capítulo III que parece estar vendo o cadro Auto de Fe de Goya; ou cando describe no capítulo IV as receitas de remedios de Nariza estamos vendo un bodegón barroco; ou na descrición da procesión de corpus de Toledo coa que se atopan Lucrecia e Alba cando saen libres, parece que esteamos vendo un cadro impresionista-costumista pois é un alarde descritivo de imaxes, incluso olores, incluso música que enchen os sentidos.

Tamén imaxinamos pinturas surrealistas cando describe os soños de Lucrecia sobre España no capítulo VII nos que hai néboa, mortallas, mar, anxos, mulleres como Prudencia e Caridade. Parágrafos de imaxes simbólicas.

Ler esta novela é mergullarse no tempo, illándose o lector e a lectora da realidade e iso fai merecer esta lectura. A historia presenta un estudado armazón construtivo sobre o que o lector/a vai trepando obrigándoo a unha lectura calmosa e profunda para ir calando todos os detalles.

E para rematar e dar paso ao que nos conta Xabier que é o noso protagonista desta tarde, quixera engadir que, de novo, estamos ante unha historia que pon en garda os valores de cada persoa pois coido que Xabier, coma sempre e en todas as súas novelas, pretende dar coa xustiza e manter a fe no ser humano.

E agora damos paso a todo o que nos queira contar Xabier desta bonita novela.

Rosa María Cid Galante.

4 de abril de 2025.