Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta H. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta H. Mostrar todas las entradas

07 junio 2026

HELENA HERRERO LEÓN

Helena naceu no lugar de Vila, no concello de Carballeda de Valdeorras. Filla de pai descoñecido e de Rita, a súa vida transcorría entre a crianza do seu fillo e a dureza dos labores do fogar e do campo. Malia ser unha muller sen instrución e sen antecedentes penais, a engrenaxe da represión franquista axiña se cruzou no seu camiño.

O 31 de decembro de 1949, Helena , que tiña 40 anos, foi detida e posta a disposición do Xuíz Militar. Sobre ela pesaban acusacións graves para a época: agresión á forza armada e auxilio aos "bandoleiros" (termo empregado polo réxime para criminalizar á guerrilla antifranquista).

Como consecuencia, ingresou na prisión de Ourense, onde permaneceu ata o 29 de maio de 1950. Ao saír, a liberdade foi só parcial: tivo que asinar unha declaración fixando a súa residencia de novo en Vila, pero cargando co estigma da sospeita. Helena, coma tantas outras, pasou a ser unha muller vixiada e controlada por un sistema que nunca borraba a súa marca.

(Fonte: A.H.P.Ou. Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951, p.201).

Estas mulleres, na súa maioría de orixe humilde, foron quen de arriscar a súa vida e liberdade fronte a un réxime implacable. Xa fose por vínculos afectivos, amizade ou necesidade económica, o seu compromiso desmontou o mito do "sexo débil", pois demostraron coraxe xa que se enfrontaron ao medo e ao cárcere nun contexto de extrema violencia; resistencia silenciosa pois foron pezas clave na loxística e apoio á guerrilla nas montañas galegas e dignidade, pois, malia a vixilancia posterior, mantiveron o seu lugar no mundo fronte á opresión.

A historia de Helena é o testemuño de que a resistencia non sempre se escribiu con armas, senón tamén con silencios, coidados e a valentía de quen non tiña nada, pero o expuxo todo.

Vid: A.H.P.Ou., Expediente persoal da reclusa Elena Herrero León, Caixa 24088/065

02 febrero 2025

TERESA HEREDERO DEL CAMPO

De Teresa Heredero temos que dicir que é unha muller comprometida co feminismo e defensora da igualdade. Foi unha compoñente do Movemento Democrático de Mulleres creado en Ourense no ano 1975. Esta agrupación tiña as súas habituais reunións no edificio da Torre e nutríanse de mulleres de diferentes perfís ideolóxicos e sociais pero cunhas inquedanzas comúns que eran a defensa das mulleres e a implicación destas no proceso de cambio social nunha nova era democrática.

Afiliouse ao Partido Comunista e cando este se legalizou, en 1977,  levou a cabo as primeiras reunións. O Comité local convocou a primeira asemblea en abril de 1977 que estaba presidido por Santiago Álvarez e os membros que a constituíron eran Jesús Redondeo Abuín, Francisco López Cambeses, Francisco Maside, Miguel Capela, Ramón Zapatería, Aristides Álvarez, Enrique Conde, Javier Liceras, Antonio Estévez, Jesus López, Jaime Quesada. Ao carón destes estaban catro mulleres: Cuca Fernández Tovar, Dolores Conde, Charo Gutiérrez e Teresa Heredero.

Teresa, ao igual que as súas compañeiras e compañeiros, acordou dar pulo ao movemento obreiro en Ourense, incrementar o movemento cidadán e, como non, defender as reivindiacións da muller. 

Non era nada desdeñable que as simpatías dos ourensás cara o Partido Comunista pois, daquela, contaban con mil afiliados e nesta Asemblea local propuxéronse como obxectivo ampliar as bases sociais e chegar a tres mil afiliados. 

O Partido Comunista de Ourense difundían as súas ideas e principios a través de La Voz del Pueblo y Mundo Obrero.

Desde logo, Teresa, era unha muller activa e militante. En maio de 1977 acudiu cun grupo de compañeiros a Santa María de Melias e O Bolo para intervir nun mitin, era preciso dar a coñecer o programa do Partido e ir gañando simpatizantes e afiliados. 

Na actualidade Teresa forma parte da ONG Enclave Feminista e é vogal da Comisión Executiva do Consello de Mulleres de Madrid.

A vida e a actividade de Teresa xirou sempre en clave de defensa das mulleres e en contra da violencia de xénero. A súa traxectoria é longa pero o compromiso non minguou e sempre a guiaron os seus ideais de procurar dun mundo e unha vida mellor para todas as mulleres e sobre todo a igualdade de xénero.

Vid: Noticiario de la capital (1977, 27 abril). El Pueblo Gallego, p. 18; Crónica Política. (1977, 21 maio). El Pueblo gallego, p. 20; Álvarez Gómez, C. (2024). Movemento Democrático de Mulleres en Galicia | Album de Galicia | Consello da Cultura Galega. Retrieved January 10, 2025, from CONSELLO DA CULTURA GALEGA website: https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29952; Arriero Ranz, F. (2015). El Movimiento Democrático de mujeres. Del Antifranquismo a la movilización vecinal y feminista. Ideología, identidad y conflictos de género. Tese de Doutoramento. Universidade Autónoma de Madrid.

27 octubre 2024

CONSUELO HERVELLA NIETO

Consuelo naceu en O Barco de Valdeorras. Era filla do notario Antonio Hervella Ferreiro e Francisca Nieto Bustos e irmá de Evelina Hervella Nieto, a muller do intelectual galeguista, Francisco Fernández del Riego.

Consuelo estudou maxisterio e unha vez titulada outorgóuselle a praza de interina da escola de nenas de Vilamartín de Valdeorras en 1910. Permaneceu nesa escola moitos anos, practicamente toda a súa carreira docente. Presentouse en 1928 ás oposicións restrinxidas de maxisterio. 

Foi unha mestra voluntariosa, traballadora e tamén moi implicada co deber educativo e pedagóxico pois non deixaba de solicitar material pedagóxico para a súa escola e chegou a recibir en 1930 un premio polo labor desempeñado como mestra por parte da Comisión Nacional de Mutualidades Escolares consistente en 200 pesetas. 

Case de inmediato formou parte da Asociación de Mestres de Valdeorras e ocupou o cargo de secretaria da mesma. Isto pode considerarse un fito, pois non había moitas mulleres que se asociaran e menos as que chegaban a ocupar cargos directivos. (Ver O Asociacionismo do maxisterio ourensán.)


(Fonte: El magisterio gallego. (1912, 27 agosto). El Miño, p.1.
Participou nas xornadas culturais organizadas pola Asociación de Carballiño o 25 de agosto de 1912 no Paraninfo do Instituto ourensán ás que asistiron máis de douscentos mestres e mestras da provincia e onde se falou, maiormente, das aspiracións do Maxisterio. O impulsor foi Don José María González, vocal da Xunta Directiva da Asociación Provincial e mestre de Cea[1].  O acto estivo presidido pola profesora de párvulos de Ourense, a señorita Concha Rocafull e foron oradores a Consuelo Hervella, mestra de Villamartín; Don Emilio Amor Rolán, profesor da Normal de León; Don Juan García Niebla, mestre de Caranza en Ferrol que disertou respecto á “La política española y su influencia en la cultura patria”; Don Octavio Lezón, avogado e profesor, que desenvolverá o tema “los Estados extranjeros y el Maestro de Escuela. Labor que debiera hacer el Estado español, en pro de tan benemérita clases” ; Don Santiago Murias, mestre de Esgos falou sobre “Obstáculos que dificultan la labor del maestro de aldea; medios adecuados para vencerlos” e Don Dictino González, mestre de o Carballiño. No mitin reivindicouse elevar de rango social aos mestres[2] .

Consuelo disertou sobre  a situación da escola primaria e criticou os baixos soldos que percibían os docentes e a súa precaria situación económica. Comparaba os soldos dos Mestres co salario dos obreiros e dicía que en España dos 27.000 mestres que había, unha terceira parte tiña unha peseta e céntimo de dotación, ou sexa menos da terceira parte do que percibía un braceiro. Increpaba ao auditorio dicindo que esa situación tiña que rematar:“Sumaos a nosotros, compañeros en la desgracia, ayudad a los educadores de vuestros hijos”.

A prensa recolleu do seguinte xeito o discurso de Consuelo que ben merece a pena pois demostra a personalidade desta muller en beneficio da escola e do maxisterio:

Al adelantarse a hablar es acogida con grandes aplausos y así que cesan estos, empieza suplicando que no se le aplauda, pues viene a cumplir un deber, a ver si logra interesar a la opinión en favor de la cultura y de la obra del maestro. Este, dice, es el objeto del acto que realizamos así como también el reclamar del Estado los medios de que carecen los maestros para difundir la cultura, puesto que no es su obra exclusivamente la obra de la Escuela; sino también la de hacer en los pueblos labor instructiva.
Hace historia de la marcha de la enseñanza en las diferentes edades y pueblos para concluir afirmando que el Estado es el que debe regirla.
Expone lo rudo que es el trabajo del maestro y afirma que el Magisterio está pasando por una gran crisis, aunque no tan grave como la que pasó cuando dependía de los municipios, de los cuales sigue todavía dependiendo en parte y soportando sus inconsideraciones y sus exigencias.
Esto demuestra la necesidad de poner fin a tal estado de cosas, lo cual hubiera ya sido un hecho si el Sr. Canalejas hubiese cumplido en el poder los grandes ofrecimientos hechos en la oposición y gastado en escuelas el dinero que gasta en escuadras y armamento.
Estudia el estado económico del Magisterio y dice que en España de 27.000 maestros que hay, una tercera parte tienen una peseta y céntimos de dotación, o sea menos de la tercera parte de lo que gana cualquier bracero. Un cantero, un albañil y un carpintero ganan más que todos los maestros de dotación inferior a 2.000 pesetas y un maquinista y un fogonero ganan más que los maestros de mejor dotación en España...Los maestros son los educadores de los hijos de los obreros y éstos por lo tanto, debieran sumar su acción a la del Magisterio para pedir su mejoramiento económico...
Ella ha venido dando clase todo el año a 80 niñas en un local de 35 metros cuadrados y eso que su escuela puede considerarse como un palacio con relación a otras que son cárceles de los alumnos. Estos no debieran pasar de 30 en ninguna escuela. Se han dictado numerosos decretos sobre locales con una completa falta de sentido de la realidad y así resulta que aquellas disposiciones parecen una burla sangrienta cuando después de estudiarlas se pasa a desempeñar una escuela. Poco dinero se consigna en los del Estado para construcción de edificios escolares; pero este poco dinero no se gasta siquiera en relación con las necesidades de la enseñanza, sino con las influencias de los diputados. Aboga por la creación en todas las escuelas de Cantinas escolares.  Concreta sus peticiones en las de que desaparezcan los irrisorios sueldos de 625 y 500 pesetas; se construyan edificios escolares en todas partes y se de abundante material a los  maestros, aunque sea en especie para que no se diga que se lo comen...Termina excitando a los maestros al cumplimiento del deber para que España llegue por su esfuerzo al Estado de prosperidad que por su historia y sus merecimientos le corresponde. [3]

Como todos os docentes da provincia foi sometida a unha avaliación por parte da Comisión de Depuración da Provincia de Ourense ao comezo da ditadura da que puido saír sen problemas sendo confirmada na súa praza.

[1] “Cosas del Magisterio”,  La Región, 2 de outubro de 1919, p. 2; [2] “El mitin de cultura”,  La Región, 20 de agosto de 1912, p. 2-3; M.G., “El mitin de los Maestros”, La Región, 25 de agosto de 1912, p. 2; [3] "El magisterio gallego". El Miño, 27 de agosto de 1912, p. 1. 
Instrucción Pública. ( 1910, 10 decembro). El Miño, p. 2; De Instrucción. (1920, 21 marzo). La Región, p. 1; Oposicións restringidas. (1928, 1 febreiro). El Pueblo Gallego, p. 11; Mutualidades escolares (1930, 30 decembro). La Región, p. 8; Relación de maestros y maestras que han sido confirmados en sus escuelas. (1940, 10 maio). La Región, p. 3.

05 mayo 2024

HILDEGART. MULLER QUE EXCEDEU OS LÍMITES DO SEU TEMPO. PRESENTACIÓN DO LIBRO

O día 4 de xuño presentouse no Liceo o libro escrito por Francisco Xavier Redondo e Eliseo Fernández Fernández titulado Hildegart na prensa socialista. Artigos de Hildegart en el Socialista e Renovación. Fun invitada a formar parte da presentación, polo que estou moi agradecida, xa que me parece extraordinaria esta muller e porque o libro recolle todos os artigos que escribiu en El Socialista e son unha demostración do seu pensamento e da súa mente privilexiada.

Sempre que teño que ir a unha presentación, conferencia, charla, son sinceira, vou inqueda e nerviosa pois para min é unha enorme responsabilidade. Por tal motivo, procuro preparar exhaustivamente as miñas intervencións para ser rigorosa e non caer no anecdótico e superficial. Ao final, saio sempre moi contenta de todos estes eventos pero sobre todo saio agradecida xa que teño ocasión de contactar con xente estupenda da que aprendo moito e podo compartir as miñas ideas. Haber estado o día 4 de maio no Liceo co escritor do libro e magnífico investigador Francisco Xavier Redondo, con Guillermo e Roxelio da Fundación Tilve que tan bo labor fan, con Javier o delegado de dita Fundación en Ourense, e logo con todos os presentes entre os que estaban representantes da Memoria Histórica de Celanova, cos que tiven ocasión de falar, Xosé Carrión e Maite, sempre tan comprometidos...en fin. O que digo, vou con nervos pero veño sempre cun grande sorriso.

Se lles interesa saber cal foi a miña achega a esta presentación, que a enfoquei desde o punto de vista da concepción das mulleres ao longo da historia para xustificar e entender por que Hildegart era unha recoñecida feminista que rebordou os parámetros aos que estaban sometidas as mulleres, poden clicar na seguinte imaxe e poderán ler con detenemento as miñas palabras. Agardo que lles resulte interesante.



21 abril 2024

EVELINA HERVELLA NIETO

(Entrada suxeita a publicación nun libro. Quero agradecer a axuda da Fundación Penzol que me facilitou o repertorio fotográfico)

Naceu no Barco de Valdeorras o 21 de setembro de 1908. Era filla do notario Antonio Hervella Ferreiro e Francisca Nieto Bustos. Súa irmá, Concepción, foi unha mestra defensora da ensinanza e do maxisterio.

Aos 11 anos fixo o exame de ingreso no Instituto de León. O primeiro curso realizouno por libre nesa provincia pero o seguinte cursouno no Instituto de Pontevedra. Será no curso 1924 e 1925 cando se rexistre no Instituto ourensán permanecendo nel ata 1927, ano no que acadou o título de bacharelato.

A continuación foi a Madrid e matriculouse na Facultade de Ciencias e Farmacia no curso 1927-1928. Pero despois solicitou o traslado á Universidade de Oviedo na que se rexistrou no curso 1931-1932 e, finalmente, rexistrouse na facultade de Santiago onde se licenciou en Farmacia en 1936.[1]

Coñeceu a Francisco Fernández del Riego, avogado, intelectual, galeguista e escritor, polos anos trinta e fixéronse noivos e dende entón foron inseparables, como así o demostran as numerosas fotografías que os inmortalizaron. A relación sería inquebrantable e é de supor que Evelina foi un grande apoio para Francisco cando este, sendo axudante da Universiade de Santiago, foi cesado e inhabilitado en 1937 para desempeñar cargos públicos. Logo veu a guerra civil na que participou Francisco e finalizada esta casaron o 14 de marzo de 1940 en Vigo 

Evelina viviría o momento en que Francisco comezou a reorganizar na clandestinidade o Partido Galeguista e tamén a fundación en 1950 da editorial Galaxia. Estaría ao seu carón cando ingresou como membro da RAG e cando puxo a andar a Revista Grial así como cando, en 1964, creou o Partido Socialista Galego. Non cabe dúbida que foi un acérrimo defensor da cultura galega e é de supor que Evelina sentiría os mesmos sentimentos. 

(Fonte: Fundación Penzol. Arquivos. No día da voda de Francisco e Evelina Hervella. 14 de marzo de 1940)

Evelina e Francisco sempre foron xuntos a todas partes e viaxaron por Europa en 1953, foron a Francia, Bélxica, Holanda... asistindo a diferentes eventos. Os dous compartiron numerosos e gratos momentos coas persoas máis ilustres e insignes galeguistas como Ferro Couselo, Otero Pedrayo e Fita, Risco, Ramón Cabanillas, Valentín Paz Andrade, Pura Vázquez...Tamén coas xentes acolá do océano pois viaxaron a Sudamérica formando parte dun grupo de intelectuais que homenaxearon a Castelao, visitaron o monumento a Rosalía de Castro coa directiva do Centro Galego de Arxentina. En fin, numerosas vivencias nas que a galeguidade era a finalidade principal. Evelina seguro que compartía e facía súas as ideas do seu home Francisco con respecto a Galiza, a política e a cultura galega. Incluso os dous ían ver os partidos do Celta no campo de Balaídos.

(Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Evelina_Hervella. En Bos Aires. 1954.)

Evelina faleceu en Vigo en 2007, cando tiña 90 anos. Está enterrada no cemiterio de San Pedro da Ramallosa en Nigrán. A Francisco fóiselle a súa compañeira vital, a compañeira que tamén apoiaría a Galiza. Tres anos máis tarde, en 2010 faleceu Francisco e os restos respousan con Evelina, tal como eles sempre desexaron.

[1] A.H.U.S., Expedientes persoais. Cartapacio 0621. Exp. 14.Foto da entrada. Recorte da fotografía titulada: Viaxe a Francia, Bélxica e Holanda. Francisco Fernández del Riego con Evelina nun parque. 1953. Exraída de Arquivos Fondos Penzol.Vid: El Progreso, 13 de novembro de 1937, p. 4; Hoja Oficial del Lunes, 6 de xuño de 1960, p. 8; El Correo gallego, 9 de xullo de 1954, p. 6.

22 enero 2023

MARÍA DO CARMO HENRÍQUEZ SALIDO

Naceu en Mugardos, A Coruña, o 5 de febreiro de 1944 pero, como xa temos comentado noutras ocasións, incluímos a mulleres que tiveron un importante periplo na nosa provincia e, como non podía ser doutro xeito, María do Carmo Enríquez Salido exerceu e formou durante décadas a milleiros de mozos e mozas ourensás.

É catedrática de Filoloxía Española da Universidade de Vigo desde decembro de 1993. Acadou o título de bacharelato no Instituto de Pontevedra e, posteriormente, matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago onde se Licenciou en Filoloxía Románica coa cualificación de sobresaliente. Tras disto realizou o curso de Doutoramento  e a súa Tese versou sobre a fala de O Grove. Presentou a súa Tese na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago sendo valorada con Sobresaliente Cum Laude.

(Foto: La Opinión A Coruña)

(Fonte: "Tesis Doctoral", El Pueblo Gallego, 28 de outubro de 1971, p. 16. Galiciana)

A partir de 1966 estivo de profesora adxunta provisional na Facultade de Santiago e tamén en varios Institutos de Ensinanza Media, por exemplo, en 1971 veu destinada ao Instituto Maculino dde Ourense, e en  Escolas Universitarias, como a de Ourense. Obstentou diversos cargos directivos e de xefatura de Departamento. Un dos máis destacados foi o de ser Xefa do Departamento de Formación do Profesorado do ICE (Instituto de Ciencias da Educación) da Universidade de Santiago. Dito Instituto estaba centrado na formación do profesorado para que coñecese técnicas e métodos modernos de ensinanza.

(Fonte: "Toma de Posesión", El Pueblo Gallego, 6 de novembro de 1971, p. 17. Galiciana).

(Fonte: La Región, 9 de xaneiro de 1971, p. 5. Galiciana)

No ano 1972, co gallo da apertura do curso escolar, impartiu no paraninfo do instituto unha conferencia titulada "Gallego y Castellano en Galicia". Desde logo sería unha asidua en dar Conferencias por Galicia sobre o galego, léxico,orixe, evolución.

A partir de 1980 vai impartir a materia de Lengua e Literatura Española na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de E.X.B.

Muller de incansable traballo e de grande intelectualidade ten no seu haber numerosos traballos de investigación sobre a lingüística, a lingua galega, lexicografía...entre os que destacamos:

• Proxecto de investigación: Educación Rural en Galicia. Experta española principal en el campo del bilingüismo. Programa de Cooperación entre a Universidad de Santiago de Compostela e as Universidades Americanas de Wisconsin y Stanford.
• Proxecto de investigación: Interferencias na dirección Castelán-Galego en Galicia.
• Proxecto de investigación: Procesos da Formación das palabras na linguaxe xurídica.
• Proxecto “Base de dados das obras gramaticais e lexicográficas portuguesas e participadas pela língua portuguesa nos séculos XVI ao século XIX”.
• La Represión económica durante o franquismo. Galicia. (1936-1945).

É Membro da COMISSÃO CIENTÍFICA EXTERNA DE ACOMPANHAMENTO (ADVISOR) DA UTAD (Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro- Portugal).

Ademais de todo isto dirixiou numerosas Teses de Doutoramento tanto da Universidade de Vigo como de Madrid e estivo presente en numerosos Seminarios de Estudos.

Foi pioneira na defensa da lingua galega, unha muller que sempre lle outorgou ao noso idioma a categoría que se merece. Defendeu a lingua galega-portuguesa pois sempre as considerou xunguidas. En 1979 participou na publicación dun libro para a ensinanza do galego nos niveis de Preescolar, primeiro e segundo de Básica. Pódese considerar o primeiro texto educativo íntegro para ensinar e aprender a lingua galega nas escolas. O libro pertencía á Colección Estudios y Experiencas Educativas. Constaba dunha primeira parte escrita totalmente en galego e sinalábanse os obxectivos do curso para desenvolver a capacidade para comprender e empregar a lingua galega. Estudábanse tamén as estrututas do idioma: directivas metodolóxicas, como planteamento previo á ensinanza. Por suposto, contina interesantes actividades e textos literarios elementais. No grupo de traballo estaban, ademais de María do Carmo, Joaquina Gallego Jorreto, Manuela Garrido Martínez e Antonio Marban.

Casou con José Domingo Posada González, Enólogo e empresario, que comezou a desenvolver a súa carreira vencellado ao grupo empresarial alimentario do que xa era socio o seu pai, Cuevas y Cía SA. e foi  impulsor do produto delicatessem Marron Glasé que comezou a ser comercializado a partir de 1989. O matrimonio tivo un fillo, José, economísta, que tras dedicarlle moitos anos á empresa familiar, actualmente exerce como profesor de Matemáticas.

María do Carmo exerceu como profesora incansable e como defensora dun galego auténtico ata que xubilou da docencia pero non da súa paixón pola investigación, ampliando cada vez máis o número de publicacións e, ademais, segue a colaborar na prensa con artigos que abordan temáticas varias sobre a lingua. É unha destacada voceira histórica do reintegracionismo ou lusismo, postura que defende que a lingua galega non se pode separar da portuguesa.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes).
Vid: http://galegos.galiciadigital.com/es/maria-do-carmo-henriquez-salido; "Un libro didáctico de Lengua Gallega", El Pueblo Gallego, 12 de abril de 1979, p. 15; Foto: La Región, 9 de xaneiro de 1971, p. 5; https://gl.wikipedia.org/wiki/Mar%C3%ADa_do_Carmo_Henr%C3%ADquez_Salido

29 junio 2022

CRISTINA HUETE VALES

Cristina Huete é unha xornalists ourensá de longa traxectoria. É periodista de El País e os seus artigos de investigación e análise outórgalle un carácter de periodista comprometida coa realidade. 

Pertence a unha saga de xornalistas, comezando polo seu pai, Ángel Huete, que traballou na prensa local de La Región e foi todo un referente nos inicios do periodismo de investigación e información local. Tamén temos que mencionar ao seu irmán Javier Huete cuxa voz era inconfundible na Radio Ourense, sempre do lado dos traballadores. Outro dos irmáns, Anxel, dedícase á arte e tras a súa estadía en Berlín voltou á terra que, coma dixo, tanto ben lle fai.

Cristina soubo labrarse un respecto no periodismo dentro desa discreción que sempre a caracterizou. Os seus artigos son verdadeiros informes, ben documentados, de redacción contundente, sinceira e sen adobíos. Son artigos valentes xa que non dubida en facer crítica das actuacións dos políticos locais e galegos.

A traxectoria da nosa periodista nun periódico que marcou unha época ben merece ser recoñecida.

(Elaboración propia)

19 junio 2022

NATALIA HEVIA ALDIR

Naceu en Pontevedra en 1854 pero estivo afincada na nosa cidade durante moitos anos. Aquí instalou en 1879  o Colexio de la Concepción de nenas situado no número 18 da rúa San Fernando, sendo o primeiro colexio que ofrecía internado completo ou media pensión para as nenas de Ourense. 
(Rúa Irmáns Villar. Anteriormente San Fernando)

Tamén foi nomeada inspectora auxiliar gratuíta da Normal de Mestras de Ourense o 24 de outubro de 1898 cargo que aínda ocupaba en 1916. Polo desempeño desta función Nalalia reclamou por medio dunha instancia á Deputación unha gratificación alegando que por un tempo estivo vacante a praza de directora do centro e ela impartiu as clases de Labores e Hixiene. Dita petición foi aceptada pola Corporación.

(Arquivo da Deputación Provincial. Documentación sobre as Normais)

Como ela chegou a dicir, foi moi ben acollida pola cidadanía ourensá e debido á demanda de moitas familias que querían colocar ás súas fillas pensionistas e medio pensionistas para que recibiran estudos e ampliaran a súa cultura decidiu abrir o local na rúa que actualmente se denomina Irmáns Villar.

 
(Boletín Oficial de la provincia de Orense, 4 de outubro 1879. Galiciana)

É moi interesante destacar como realizaban as súas alumnas os exames.  Estas eran citadas no Salón de Sesións do Concello e realizaban os exercicios ante un tribunal presidido polo Alcalde. As nenas eran chamadas de dúas en dúas pola mestra e tiñan que contestar ás preguntas que lles formulaba o tribunal sobre Doutrina Cristiá, de Historia Sagrada, Gramática e Aritmética, Xeografía ,Xeometría e Historia de España.

As máis pequenas contestaban ás preguntas de Doutrina Cristiá e Historia Sagrada e recitaban poesías dedicados ao Concello e tamén pronunciaban discursos. 

Concluído o exame oral procedíase a inspeccionar os traballos de labores. 

O exames eran públicos e podían asistir os familiares das nenas.

Era unha muller que dicían dela "primorosa" polos bordados que elaboraba e que regularmente se expuñan no comercio de Don Pedro Gutiérrez. Tamén se presentaba aos concursos de encaixes que se organizaban nas festividades de Ourense e adoitaba a gañar o primeiro premio.

(Diario de Pontevedra, 19 de xuño de 1901, p. 2. Galiciana)

En Ourense residiu coa súa sobriñas Balbina e Enriqueta Pascual Hevia que foron alumnas da profesora ourensá de música Concha Vicente e destacaron polas súas cualificacións no conservatorio de Santiago. Pero a traxectoria de Balbina quedou truncada pois faleceu en xullo de 1914 sendo un duro golpe para a súa tía Natalia. Tamén estiveron ao seu cargo as súas sobriñas mellizas Berta e Marta Pascual Hevia que naceron en Vigo o 7 de setembro de 1913. Ambas as dúas estiveron matriculadas no Instituto Xeral e Técnico de Ourernse. Realizaron o exame de ingreso o 18 de setembro de 1923 e realizaron un curso pois despois se trasladaron de centro.

Faleceu na casa da súa irmá Vicenta en Pontevedra o 4 de decembro de 1936 cando tiña 82 anos.

(Elaboración propia a partir diversas fontes).

Vid: La Correspondencia Gallega, 18 setembro 1897, p. 2; La montaña, 23 de xuño de 1891; El Diario de Pontevedra , 17 de xuño de 1926; El Diario de Pontevedra, 4 de decembro de 1936; La Región, 3 de xuño de 1913; La Región, 19 de setembro de 1914; La Región, 15 de febreiro de 1916; La montaña, 20 de xuño de 1891.

                                                

28 enero 2019

TERESA HERRERO Y GARCÍA

Comprácenos rescatar das hemerotecas a moitas mulleres que nos seus tempos tiveron notoriedade e foron recoñecidas tanto nesta cidade como fóra dela. Tal é o caso que se presenta hoxe con Dona Teresa Herrero y García que destacou no eido da música, concretamente como pianista.

Dona Teresa era filla de Don Eduardo Herrero, da casa Simeón García de Ourense e  neta de Dolores Villar, distinguida ourensá. Dona Teresa foi alumna da profesora de piano Dona Consuelo García de Berbén.

Teresa Herrero destacaría, nos anos vinte do século pasado, dando concertos en numerosos eventos da cidade de Ourense e tamén de Vigo. Salientaba o seu virtuosismo, considerándose un prodixio de pianista, non en van obtivo o mérito de pianista nas oposicións de piano.

Vid: El Correo de Galicia, 1925; 1927; 1929; El Progreso, 1928




09 septiembre 2017

LOURDES HERVELLA



Lourdes Hervella é unha escritora nacida en Verín e afincada en Cataluña. Destaca esta escritora por unha narración que atrapa ao lector cunha temática que ela califica de "apocalíptica". Leva implicada na novela, que vai ser unha triloxía, titulada "Proyecto Madre" ambientada nunha Barcelona invadida por zombis e onde se mergulla nas profundidades do ser humano para atopar o mellor e o peor del. Recentamente publicou a segunda parte titulada "La Humanidad Perdida" onde dá continuidade á historia.
É de mérito destacar a esta muller ourensá que se introduce con éxito no mundo literario nacional.
Vid: La Voz de Galicia

09 noviembre 2013

MÓNICA HENTSCHELL

Artista ourensá especializada no traballo da cerámica.

11 noviembre 2012

BEATRIZ HERVELLA NOGUEIRA

Naceu en Ourense en 1976. Os seus pais, ambos os dous profesores, sempre foron moi sensibles a temas relacionados coa educación; sempre valoraron a adquisición de coñecementos así como o desenvolvemento dunha personalidade autónoma e ética; por todo iso decidiron que a súa formación se realizase en centros públicos. Estudou, no colexio público de Curros Enríquez e no instituto público das Lagoas; alí atoparía aos seus mellores amigos.

Decidíu facer a carreira de Físicas, (sen excesiva vocación; pois gustáballe todo, a verdade) na Universidade de Santiago de Compostela; licenciouse en 1998, especializándose en Física de Partículas. No seu último ano de licenciatura cursou a materia de Física de Fluídos, a pesar de que non era da súa especialidade, quedou fascinada por ela e condicionou a súa existencia. A súa tese de licenciatura centrouse neste campo, e traballou xa cun modelo meteorolóxico. O departamento da universidade no que estudaba deu orixe a MeteoGalicia, onde comezou a traballar desde o seu nacemento no ano 2000. A partir de xullo de 2001 comezou a compaxinar o seu traballo en MeteoGalicia coa elaboración e difusión de información meteorolóxica na TVG. Á marxe destas dúas actividades, aínda conseguiu un pouco de tempo para investigar en meteoroloxía; en concreto traballou no proxecto MEDEX (MEDiterraneanEXperimenton"Cyclonesthat produce highimpactweather in the Mediterranean"); trátase dun proxecto auspiciado pola Organización Meteorolóxica Mundial no que traballaba con modelos meteorolóxicos tratando de melloralos na predición de fenómenos adversos, fenómenos potencialmente perigosos de choiva e vento.

Na actualidade, afastada xa de Meteogalicia e Televisión de Galicia, traballa na creación da empresa “4pingas atmosfera & océano”.

Fonte: Información proporcionada a través de Elena Fidalgo Laínez a quen lle agradezo a súa colaboración neste blog.