Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Primeiras Universitarias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Primeiras Universitarias. Mostrar todas las entradas

26 abril 2026

OLIVIA PÉREZ MELÓN

Olivia Pérez Melón volve ser un exemplo do esforzo da muller que aspira a unha formación superior que a capacite para o desempeño dunha profesión. Naceu en Esgos o 24 de xuño de 1915. Era filla de José Pérez Rodrígue, era natural de Pereiro de Aguiar e propietario do Hotel Pilarica en León, falecido en en León o 6 de outubro de 1941, e Salesa Melón Parada natural de Esgos[1]. O matrimonio tiña tres fillas, Eloisa, Alicia e Olivia. 

Olivia última iniciou o seu camiño estudantil na cidade ourensá, onde completou os estudos de bacharelato no ano 1930. En agosto dese ano expediu o título de bacharel e solicitou o certificado para trasladarse á Universidade de Santiago[2] 

Impulsada pola súa vocación, Olivia trasladouse a Santiago e alí cursou a licenciatura en Farmacia, unha facultade que nese período comezaba a experimentar un incremento paulatino da presenza feminina. Así mesmo, a República, non só  incentivou mediante leis a educación das mulleres, senón que creou un clima onde ser muller universitaria xa non se vía como unha excentricidade, senón como un compromiso para a modernización do país. Os datos indica que se pasou dunhas 2000 alumnas universitarias ao comezo da década a case 9000 en 1935.

Olivia formaría parte deste elenco de pioneiras e, tras unha etapa académica marcada por un bo expediente, obtivo o seu grao oficial anos posteriores a como debería ser e, debido á contenda bélica, non obtería o grao ata 1940 .[3]

No ámbito profesional, despois de colexiarse co número 58 e obter as autorizacións administrativas necesarias para o acondicionamento dun local, inaugurou, en 1955, a súa propia farmacia na rúa Curros Enríquez, número 16.

A vida de Olivia Pérez rematou de forma prematura na cidade de Madrid o 23 de abril de 1957. A xestión da súa farmacia continuou a cargo dos seus sucesores, mantendo así o seu legado profesional.[4]

[1] «Notas», Proa: diario de la Falange Española, 7 de outubro de 1941, p. 2.
[2] A.I.O.P., Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1925. (969/1.9).
[3] A.H.U.S.,Expediente persoal de Pérez Melón, Olivia. Cartapacio 1068. Exp. 22.
[4] «Instrucción Pública», El Eco de Santiago, 5 de novembro de 1931, p.3; «Noticiario Universitario», El Pueblo gallego, 10 de novembro de 1942, p. 7;«Sesión del Ayuntamiento», El Pueblo gallego, 3 de xullo de 1955, p. 15; La Región, 14 de xullo de 1957, p. 2; « Nota de prensa», La Región, 24 de abril de 1957, p. 1.

05 abril 2026

PASTORA FERRÍN MOREIRAS

(Imaxe recreada)
(Entrada suxeita a publicación un libro. Todas as universitarias citadas no blog van ser recollidas no libro da autora do blog e están rexistradas coa propiedade intelectual. Non se permite copia.

Pastora Ferrín Moreiras naceu en Ourense o 30 de marzo de 1907. Destaca como unha figura representativa da incorporación da muller galega á educación superior e ao ámbito das ciencias.

Era a maior das fillas de Pastora Moreiras e Antonio Ferrín. A súa traxectoria académica estivo marcada polo ambiente familiar que propiciou que as fillas estudasen unha carreira universitaria.

Tras rematar os estudos de secundaria matriculouse en 1939 na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago. O seu acceso viuse facilitado pola súa condición de familia numerosa, o que lle permitiu gozar de matrícula gratuíta. Acadou o título de licenciatura en 1943.[1]

A continuación inscríbese na Facultade de Farmacia licenciándose no ano 1947. Logo disto, a súa carreira docente estivo vencellada ás Escolas de Maxisterio de Santiago de Compostela, onde exerceu como profesora de Matemáticas. Tras anos de dedicación na Escola Feminina «Isabel a Católica», un centro situado no casco histórico compostelán e institución de referencia polo elevado nivel de esixencia académica para a formación de mestras, en 1961 concédenlle no concurso de traslados a praza na Escola de Maxisterio masculina «López Ferreiro», centro que debe o seu nome ao cóengo da Catedral de Santiago, historiador e escritor fundamental para o Rexurdimento galego.[2] Así mesmo, Pastora exerceu como inspectora farmacéutica desde 1958 ata 1960, ano en que renunciou.[3]

O feito de que Pastora Ferrín obtivese praza nesta Escola Normal masculina é relevante pois indica a súa capacidade profesional como matemática nun entorno predominamente masculino.

[1] A.H.U.S., Expediente de Ferrín Moreiras, Pastora. Cartapacio 429. Exp. 9. [2] «Profesora de Matemáticas en la Escuela de Magisterio ‘Isabel la Católica’», El Correo gallego, 10 de outubro de 1961, p. 9. [3] ARQUIVO MUNICIPAL DE CERDEDO-COTOBADE, Expediente da inspectora farmacéutica Pastora Ferrín Moreiras (1958-1960), ES.GA.36902.AM.CERCOT.4.GF001.F0004.SF039.S0330.139/27.

01 marzo 2026

NIEVES NOGUEIRA SANTANA

(Imaxe simulada feita con IA das irmás Nogueira na súa Clínica).
Nieves Nogueira Santana naceu o 12 de marzo de 1919 no concello de Sandiás, Ourense, no seo dunha familia comprometida coa educación e o progreso profesional. Filla de Delfín Nogueira Pérez e Isabel Santana González, compartiu coa súa irmá Obdulia Nogueira unha vocación pola medicina, que ambas desenvolveron con determinación nun contexto histórico marcado por profundas transformacións sociais e políticas.

Tras completar os estudos primarios, Nieves matriculouse no Instituto Ourensán para cursar o bacharelato. Solicitou o título correspondente o 8 de setembro de 1939, sendo expedido polo Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela o 30 de setembro do mesmo ano.

No curso académico 1939-1940, Nieves iniciou os seus estudos na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde permaneceu ata o curso 1942-1943, obtendo cualificacións destacadas. O 25 de novembro de 1945, seguindo os pasos da súa irmá Obdulia, solicitou o traslado á Universidade de Madrid para especializarse en Odontoloxía, disciplina na que se convertería nunha das primeiras mulleres tituladas da provincia de Ourense.

Xa como odontóloga titulada, Nieves regresou a Ourense, onde, xunto coa súa irmá Obdulia, fundou unha clínica dental fronte á estación, na Ponte. Este establecemento converteuse nun referente na cidade, destacando pola súa calidade asistencial e pola incorporación de técnicas innovadoras para a época. A súa traxectoria profesional non só contribuíu á mellora da saúde bucodental da poboación ourensá, senón que tamén abriu camiño para a incorporación doutras mulleres ao ámbito da odontoloxía.

A pesar das limitacións documentais existentes, a figura de Nieves Nogueira Santana representa un exemplo de superación e compromiso coa saúde pública, sendo merecedora de recoñecemento no ámbito da historia da medicina galega.

(Elaboración propia. Vid: A.H.U.S., Expediente de Nogueiras Santana, Nieves, alumna de Medicina (1939 / 1943); Leg. 932, Exp. 20).

08 febrero 2026

OBDULIA NOGUEIRA SANTANA

Obdulia Nogueira Santana naceu o 25 de novembro de 1917 en Fontela, Piñeira de Arcos, Sandiás. Era filla de Delfín Nogueiras Pérez que era comerciante industrial e de Isabel Santana González. O matrimonio, xunto con Obdulia, tiña tres fillas máis que eran Agustina, Nieves e Julita.

Foi unha médica especializada en odontoloxía que desenvolveu a súa carreira profesional principalmente nas provincias de Ourense e Lugo, en Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento da práctica odontolóxica na posguerra e nas décadas seguintes do século XX.

Tras os estudos de primaria cursou o bacharelato no Instituto de Ourense, e o 8 de setembro de 1939 certifica o pagamento dos dereitos para a expedición do Título de Bacharel.

Após realiza o exame de ingreso á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, por conseguinte, solicitou o pase do seu expediente á Facultade de Medicina, confirmando, deste xeito, que o seu acceso foi completamente regulamentado e oficial.

Obdulia vai estudar os tres primeiros cursos de Medicina entre 1939 e 1942 de forma oficial con resultados moi bos en Complementos de Física, Bioloxía e Química; Anatomía (1º e 2º curso); Técnica anatómica; Histoloxía; Fisioloxía xeral e especial; Anatomía patolóxica; Microbioloxía médica; Farmacoloxía experimental.[1]

As cualificacións que aparecen son maioritariamente notables o que indica un rendemento académico sólido, especialmente destacable nun contexto no que as mulleres eran aínda minoría na universidade.

Tras completar estes estudos solicitou o trasladado a la Universidade de Madrid el 28 de outubro de 1942. Isto encaixa perfectamente coa traxectoria de moitas persoas que iniciaban Medicina e logo se especializaban noutros centros que dependían academicamente da Facultade de Medicina. Estudou na Escola de Estomatoloxía da Facultade de Medicina, a única institución en España que ofertaba formación en odontoloxía naquela época. Alí atopouse con outras seis mulleres sendo maiormente homes os que conformaban o alumnado. Nela Obdulia acadou o título de odontóloga en 1945.

Xa titulada, Obdulia Nogueira Santana regresou a Galicia, onde comezou a exercer a odontoloxía en Ourense xunto coa súa irmá Nieves, coa quen abriu unha clínica no barrio da Ponte. Ademais de atender consultas na clínica, tamén desprazábanse a localidades próximas, como A Trives, os días de feira para prestar servizos sanitarios odontolóxicos.

(Fonte: «Anuncio», La Región, 8 de xuño de 1950, p. 4)

Casou o 23 de outubro de 1952 con César Díaz López[2], médico e odontólogo tamén, e o matrimonio trasladouse a Lugo, onde exerceu a profesión conxuntamente nunha clínica situada na rúa do Progreso.

Logo de décadas de práctica privada, Obdulia traballou como odontóloga para a Seguridade Social entre 1984 e 1987, ano en que se xubilou.

Ademais do seu labor sanitario, Obdulia estivo involucrada en diversas actividades comunitarias e empresariais. Ademais, mantivo interese pola actualización profesional asistindo con frecuencia a congresos relacionados coa súa especialidade.

A traxectoria de Obdulia Nogueira Santana representa un exemplo destacable de perseveranza e superación nun contexto histórico no que a presenza das mulleres nos ámbitos universitarios e profesionais —especialmente nas ciencias médicas— era aínda minoritaria.

Obdulia faleceu o 12 de febreiro de 2012 en Lugo.

[1] A.H.U.S., Expediente persoal de Nogueira Santana, Obdulia, Cartapacio 932, Exp. 21 (001).
[2] «Enlace Díaz López Nogueira Santana», El Progreso, 24 de outubro de 1952, p. 2. 

Elaboración propia a partir de, Vid: A.H.U.S, Expediente persoal de Nogueira Santana, Obdulia, Cartapacio 932, Exp. 21; Pioneiras – Pioneiras de Ciencias de Lugo. (2024). Pioneirasdecienciasdelugo.gal website: https://pioneirasdecienciasdelugo.gal/pioneiras/ (Consultado o 1 de febreiro de 2026). (Fotografía foi extraída de Pioneiras de ciencias de Lugo e modificada a debuxo a lapis.)

09 noviembre 2025

PURIFICACIÓN DIZ PENA

Naceu en Viladerrei, Trasmiras, o 27 de decembro de 1901. Aos quince realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense e matriculouse nel desde 1916 ata 1919 cursando por libre. Obtivo unhas boas cualificacións e o 12 de xullo de 1922 realizou o Depósito do Título de Bacharelato. 

(Fonte: Expediente Académico de Purificación Diz. AHN. Universidades. 5491. Exp.2)

A continuación matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade Central de Madrid e residiu na Rúa de San Vicente, nº 60. Acadaría cualificacións moi destacadas como as matrículas de honra en Bioloxía e e Física Xeral e, en 1924, obtén a titulación.

(Fonte: Expediente Académico de Purificación Diz. AHN. Universidades. 5491. Exp.2)

Regresa a Galicia  e casa con Antonio Fernández LLuvet, propietario da droguería America en Vigo e Purificación abre a súa farmacia nesa cidade na rúa avenida García Barbón.

Tiña un irmán, Manuel Diz, que era mestre no pobo de Illa, Entrimo, que foi depurado e apartado da docencia pero solicitou a revisión do expediente para a súa reposición na escola.

(Elaboración propia a partir do Expediente académico)

05 febrero 2025

AUREA GONZÁLEZ Y GONZÁLEZ

Estamos ante unha universitaria de comezos de século. Como moitas, ou diríamos a maioría, pasou desapercibida na historia pois os logros das mulleres non se relataban nos libros. Hai que consideralo unha conquista, aínda que na percepción actual pareza pouco relevante, pois corrían tempos nos que os estudos superiores non eran considerados idóneos para as mulleres. Pero nos agochados arquivos están aparecendo esas mulleres que retaron aos convencionalismos e acudisen ás Universidades, e Aurea sería unha desas mulleres.

Aurea naceu en Ourense (Ponte Maior) o 6 de abril de 1916. Seus pais eran Amador González Borrajo e Flora González López. 

Finalizados os estudos de primaria aos once anos Aurea realizou o exame de ingreso no instituto o 6 de xuño de 1927 para matricularse nos diferentes cursos por libre ata 1931. Fixo o Bacharelato elemental e o Bacharelato Universitario segundo o Plan Callejo. O Bacharelato elemental pretendía ampliar os coñecementos dos estudos primarios e o Bacharealto universitario tiña a finalidade de preparar ao alumnado para acceder aos estudos das Facultades.

Pois ben, Aurea obtivo o Certificado do Bacharelato elemental e o Título de Bacharelato Universitario e solcitou o 29 de setembro de 1931 o Certificado para a Universidade de Santiago, agora sabemos que en mente tiña previsto cursar estudos de Ciencias.

(Fonte. Noticias (1931, 13 de novembro). La Región, p.6.)

Na Facultade de Ciencias de Santiago matriculouse ata 1933 e, a continuación, solicitou unha certificación para a Facultade de Ciencias de Salamanca.

Elaboración propia. AIOP. Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1926,1926-1930; (179/2.6); AHUS. Expediente Académico. Exp. 566. Cartapacio 5.

29 enero 2025

BENITA VALEIRAS VALEIRAS

Naceu en Dacón en 1916. Fixo os estudos de enfermería na facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Rematounos en 1937 cunha cualificación de notable[1]. Continuou estudanto e fixo a carreira de Farmacia en Santiago de Compostela e licenciouse en 1945. Rexentou unha farmacia na rúa de Avenida de Santiago, número 42 e posteriormente no número 64. Casou con Samuel Montero Montes

[1] El Compostelano, 1937 abril 22, p. 1; AHUS. F.U. EXPEDIENTES PERSONALES, Leg. 1495, Exp. 06.

24 noviembre 2024

MARÍA MAGDALENA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ

María naceu en Porto-Quintela, concello de Bande, o día 18 de xuño de 1920. Era filla de Francisco Rodríguez Álvarez que era industrial e de Carolina Martínez Peña. 

Realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense o 17 de xuño de 1931 e acadou o título de bacharelato en 1937.

O 20 de agosto de 1938 fixo o ingreso na Facultade de Farmacia de Santiago e en 1945 obtivo a titulación de licenciada en Farmacia. O paso seguinte foi querer exercer a profesión para á que se formara e instalou a súa farmacia en Vigo, no barrio de Coia. A farmacia anunciábase na prensa local aínda en 1979.
Vid: A.H.U.S, Expedientes Académicos e hemeroteca galiciana.

13 septiembre 2024

MATILDE DOCAMPO CASTRILLEJO

(Matilde Docampo Castrillejo. Fotografía cedida amablemente por Matilde Puertas Docampo, sobriña de Matilde Docampo.)

Como digo sempre, todas as historias que se recompilan neste blog, feito con tanta ilusión, non me pertenecen, senón que forman parte da historia dos seus descendentes, das súas familias, ás que lles debo agradecer, encarecidamente, que me permitan dalas a coñecer para que Ourense lles outorgue a relevancia que deben ter pois forman parte da súa historia. 

Hoxe, día 13 de setembro de 2024, foi un día moi especial pois tiven a ocasión de coñecer persoalmente a Matilde Puertas Docampo, sobriña neta de Matilde Docampo Castrillejo, unha muller pioneira que eu tiña no meu blog xa desde 2010. As emocións son moitas cando se escoita de primeira man a historia dunha das nosas mulleres ourensás e Matilde Puertas soubo transmitirme ese entusiasmo, esa emotividade e admiración pola súa tía, a quen non chegou a coñecer pero da que escoitou moitas historias durante a nenez, tal que así, ela chámase tamén Matilde na honra da súa tía. Ela mesma supuxo o alivio da dor que sentiu a súa avoa Baltasara ao falecer Matilde Docampo. 

Matilde Puertas é pura  enerxía, elegancia e vitalidade cando me fala, cualidades propias das mestras de sempre, tradicionais e vocacionais, porque, en efecto, Matilde Puertas tamén forma parte das nosas mestras ourensás. Neste encontro tan agradable escoiteina con moita atención, sen perder detalle de todo o que me contaba e que eu vou escribilo tal que así no blog. Emporiso non teño palabras para agradecer tanto agarimo e xenerosidade. Dese hoxe mesmo, Matilde Puertas e a súa familia formarán parte da miña propia historia. 
(Encontro con Matilde Puertas o día 13 de setembro de 2024. Grazas, Matilde, pola túa historia e xenerosidade que para min será inesquecible.)
Matilde Puertas é a filla de Flora Docampo e que, dada á admiración que sentía Flora pola súa irmá Matilde, contáballe que era brillante nos estudos e unha adiantada ao seu tempo. Coñezamos a súa traxectoria.

Matilde naceu en San Ciprián, Ourense, o 19 de xullo de 1904 e era filla do capitán de infantería  Don Victoriano Docampo Álvarez e de Baltasara Castrillejo de la Dehesa, natural de Pamplona, e mestra co Título Superior. Unha muller moi avanzada ao seu tempo e moi decidida, por iso, e segundo me contou Matilde Puertas, foi a verdadeira impulsora da traxectoria de Matilde. 

Matilde Docampo e súa irmá Flora estudaron a primaria no Colexio de Angelita Paradela que, daquela, era considerado un dos mellores colexios. Finalizados os estudos de primaria, Matilde realizou o día 19 de setembro de 1919 o exame de ingreso no Instituto de Ourense e, desde entón, matriculouse por libre nos cursos de bacharelato. Rematou estes estudos en 1923 cunhas cualificacións máis que notables.

Solicitou o certificado de traslado para a Universidade de Santiago. Foi unha das primeiras ourensás que se incorporaron aos estudos superiores a comezos de século XX, concretamente no ano 1923, cando tiña 19, estaba matriculada por oficial na Facultade de Farmacia. Neste decisión tivo moito que ver a súa nai, Balasara Castrillejo, pois foi ela a que a impulsou a seguir adiante xa que ela mesma era unha muller de ideas moi avanzadas para a súa época e consideraba oportuno que a súa filla progresara nos estudos e acadara unha profesión cualificada. Acompañou á súa filla a buscar un piso a Santiago e atoparon un na rúa do Hórreo. Ali residiu Matilde  ao coidado dunha señora.

Matilde demostrou ser unha muller activa e dinámica pois estando en Santiago participou na homenaxe que se lle tributou no Teatro Principal o día 24 de novembro de 1924 a José Rodríguez Carracido, pois Matilde formaba parte do "Cuadro Universidade". Representouse o drama en verso "Lubicán" de Armando Cotarelo Valledor no que Matilde desempeñou o papel de Xoana. Así falaba a prensa da súa interpretación:

Matilde Docampo, en el papel de "Xoana" madre de "Inesa" estuvo soberbia, magistral, alcanzando un éxito definitivo y rotundo que el público no dejó de reconocer desde el primer momento. En su papel de madre gallega supo volcar todo el tesoro lírico de su alma de mujer. Nadie estaría mejor que lo estuvo ella en este papel que le valió ovaciones y aplausos prolongados" (1).

Matilde Puertas aínda conserva o libriño publicado polo Teatro Principal de Santiago no que se facía anuncio da Homenaxe:





Realizou todos os cursos  sen repetir ningún e sacou a carreira en cinco anos, algo que non era moi habitual, licenciándose no ano 1928. 

(AHUS. Cartapacio.325, Ex. 16. Recorte.)
As cualificacións de Matilde foron todas moi altas pero, si é certo que había un profesor que era moi esixente e deu un suspenso xeral na súa materia. Por ese motivo os fixo uns versos, a modo de protesta pacífica, pola actitude deste catedrático. Os versos lémbraos perfectamente Matilde Puertas xa que súa nai, Flora, llos transmitiu e dicían do seguinte xeito:
¡Eleucegui, Eleuceguiño,
el de la faz nacarada
el que estudia minerales
sin saber la calisaya.
Ese tipo que os presento,
es un perfecto canalla!
Despois desta anécdota, Matilde, por suposto titulou en Farmacia, unha carreira que lle custou, segundo as contas que levaba súa nai Baltasara, unhas 15.000 pesetas o que viña a ser para entón unha cantidade importante. 

De regreso a Ourense comezou a rexentar a farmacia de San Xoan de Ribadavia. Despois quixo achegarse a Ourense e traballou na farmacia de Santa Cruz de Arrabaldo cuxo propietario era Fernando Soto Álvarez. Dita farmacia, que hoxe en día xa non existe, estaba no baixo da casa do cruce da estrada, por onde pasa o río Barbañica. Era unha casa grande, de pedra, cunha bonita balconada. O desempeño do traballo por parte de Matilde era tan bo así como os eu trato que os veciños e os donos da farmacia sentían por Matilde moito agarimo.

Matilde era de espírito xovial e muller moi ávida de aprender o que a levou a viaxar e coñecer lugares en España e fóra dela. Estivo en Santander, Irún, en Saint Jean de Luz, enCeuta, en Tánxer...


(Material facilitado por Matild Puertas. Arriba unha postal enviada por Matilde á súa nai estando de viaxe. Parte inferior fotografía de Matilde cuns amigos.)
Contoume Matilde Puertas que a súa avoa, Baltasara, tiña cartos aforrados para poñerlle unha farmacia pero xa non puido ser pois, lamentablemente, Matilde faleceu o 28 de novembro de 1934 en San Cibrán das Viñas debido ao tifo e, daquela  non había penicilina. Tiña tan só vinte e oito anos. A nai, consternada  quixo velar a súa memoria e mandou construír unha capela en San Cibrán das Viñas na que se atopa enterrada. 
(Fonte: Esquela. (1934,29 novembro). La Región, p. 3)
De novo as nosas mulleres ourensás demostran a súa valentía facendo estudos universitarios nunha época na que non se vía con bos ollos que as mulleres tomasen esa iniciativa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese inédita. Cid Galante, Rosa María., As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003 pags. 139-156. Cid Galante, Rosa María. As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102; La Región, 18 de outubro de 1923, p. 2; El Ideal Gallego, 24 de novembro de 1924, p. 5; El Compostelano, 22 de novembro de 1924, p. 1; Domecq en Galicia, 1 de novembro de 1928, p. 26; El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1930, p. 5; La Región 29 de novembro de 1934, p. 5. (1) El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 10; Foto: El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 12.

08 septiembre 2024

MARÍA PÉREZ LÓPEZ

María naceu o 12 de decembro de 1917 en Dadín, O Irixo, e era irmá de Vicenta Pérez López que tamén figura neste blog.

Eran fillas de Hermenesindo Pérez García que era médico e de Elvira López.  Realizou o exame de ingreso en 1939 na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago. Tras realizar todos os cursos licenciouse en 1942. Nese ano foi nomeada Rexedora da Sección Feminina  do Distrito Universitario de Santiago.

Foi militante de F.E.T. e de las J.O.N.S. e incorporouse a filas o 1 de agosto de 1936 e prestou servizo en Hospitais de sangue. Obtivo a Medalla de Sanidade Militar de constancia con tres pasadores de primeira liña. Medalla da Medhauria e a Medalla da Vella Garda. Interveu nas operacións da Fronte de Madrid, Griñón, Alto dos Leóns Toledo, Guadalaxara e outros (1). 

Estivo traballando no Instituto Laboral de Ribadavia como profesora de Xeografía e Historia. Foi unha persoa recoñecida na localidade e era habitual en diversos actos culturais como charlas e conferencias que adoitaban a ser presentadas por ela. Fomentaba a cultura da comarca de Ribadavia e foi a fundadora e directora da Revista Avia, unha revista trimestral do Centro de Ensinanza Media na que o alumnado presentaba traballos sobre a contorna.

Nos anos setenta atopábase dando clases no Centro 12 de Octubre no que impartía Lengua, Literatura e Xeografía. Nunha ocasión levou aos alumnos de 3º curso de Oficilía, curso superior do Centro Sindical de Formación Profesional 12 de Outubro a visitar as instalacións de La Región. 

(Fonte: Foto Reza. "Los alumnos de la 12 de Octubre visitan nuestros talleres", La Región, 3 de decembro de 1970, p. 15.)

(1)ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE. Expediente Personal. Servicio Nacional de Ex-Combatientes. C.5468/88.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento.El Correo gallego, 12 de setembro de 1942, p. 2; El pueblo gallego, 10 de febreiro de 1954, 2; El pueblo gallego, 30 de decembro de 1955, p. 11; La Región, 30 de decembro de 1955, p. 5; La Región, 14 de febreiro de 1960, p. 21; Foto Reza. "Los alumnos de la 12 de Octubre visitan nuestros talleres", La Región, 3 de decembro de 1970, p. 15.)

19 junio 2024

MARÍA DEL PATROCINIO ARMESTO ALONSO

(ENTRADA PUBLICADA EN 2009 PERO ACTUALIZOUSE CON NOVOS DATOS. DESDE AQUÍ QUERO AGRADECER ENCARECIDAMENTE A TODAS AS PERSOAS QUE ME INFORMARON E QUE FIXERON POSIBLE CONCRETAR UN POUCO MÁIS SOBRE A VIDA DE PATROCINIO ARMESTO.)

Outra distinguida universitaria que acadou a licenciatura en Ciencias e foi resaltada pola prensa local de Ourense, será María Patrocinio Armesto Alonso, que aínda que era natural de Alcañices, Zamora, estivo ligada á cidade Ourensá. 

Naceu o 14 de xullo de 1906 e era filla de Odilo Armesto Salgado, Comandante de Carabineros (falecido en Ourense o día 1 de setembro de 1948) e de Elvira Alonso Castrillón (falecida o 21 de outubro de 1971), de Ourense, e sobriña do insigne Alfonso Alonso Castrillón quen residiu durante moitos anos en Bos Aires e faleceu en maio de 1938. Tiña unha irmá que se chamaba Pilar.

Cursou parte dos estudos de bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Ourense tras realizar o exame de ingreso o 11 de xuño de 1917. Estivo matriculada ata 1920 e cursou tres cursos pola opción oficial. Obtendo en todas as materias sobresaliente e nalgunhas matrícula de honra.

O 4 de setembro de 1920 solicitou traslado para o Instituto de Pontevedra.

Ingresou na facultade de Ciencias no ano 1923 aos dezasete anos, matricularase durante catro cursos e saca unhas cualificacións brillantes, licenciándose en 1927. A prensa ourensá non desdeña os eloxios para esta destacada muller, como así o amosa a noticia recollida no xornal da época:

(Fonte: Heraldo Gallego, 12 de decembro de 1926, p. 1. Galiciana)

“La señorita María del Patrocinio Armesto Alonso que terminó en la Universidad Compostelana los estudios de la Carrera de Ciencias Químicas con brillantísimas calificaciones....Y el triunfo es tanto mayor, porque supone un noble esfuerzo el llevado a cabo por la Señorita Armesto Alonso, en esta edad en que la mayoría de las mujeres sueñan únicamente con estas fiestas sociales, o dedican las horas a un “flirteo” discreto...” en “Orensanas que triunfan” .(La Región, 22 de junio de 1927.)

(Fonte: El Correo de Galicia , 31 de xullo de 1927. Galiciana)

Toda a prensa galega recollía o encomiable expediente de Patrocionio Armesto:

(Fonte: El Pueblo gallego 28 de xuño de 1927. Galiciana.)

Así pois, acada o título de licenciada en Ciencias na sección de Química. Realizou os exercicios de grao de licenciatura o 29 de setembro de 1930. Cursou as materias correspondentes ao grao de doutoramento no curso 1928-29. En 1930 fixo o curso de Electroanálise de Combustibles na Universidade Central. Tamén realizou os estudos correspondentes ao Título de Maxisterio Nacional.

Desempeñou os seguintes cargos: agregada interina de sección de Ciencias do Instituto Cisneros no curso 1928-29. Logo no 1932-33 e 1933-34 desempeñou o mesmo cargo no Instituto de Pontevedra. En Soria, no curso 1937-38 encargouse do curso de Agricultura. Pasou ao Instituto de Ourense no curso 1938-39 e nese ano foi ao Insituto de Lugo a ocupar a Cátedra. Foi encargada de Agricultura no Instituto de Tui nos cursos 1940-42.

Voltou a Ourense e foi encargada de Ciencias Naturais no Instituto de Ensino Medio  no curso 1942-43.  Foi catedrática do Instituto de Ensino Medio de Ourense desde 1949 ata 1975.

(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Banquete de bachareles da promoción do ano 1936 no Instituto de Ourense. ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/023)

(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Foto grupal de bachchareles de 1936 do Instituto de Ourense, ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/024.)

Os seus logros foron recollidos pola prensa orensá e galega destacándoa en inteleixencia "igual ao home". Ademais de impartir clases no Instituto tamén fundou en Ourense unha Academia, xunto con Elena Cortés Santiago, onde preparaban para as oposicións de Maxisterio por correspondencia sendo unha novidade para o momento xa que, segundo indicaban no anuncio, evitábase o desprazamento á capital:
(Fonte: La Región, 4 de setembro de 1954, p. 2. Galiciana)
Tiven ocasión de falar con antigas alumnas de Patrocinio Armesto, entre elas Adelaida Carballal Barreiro,  e comentáronme que era unha muller moi seria e moi rigorosa á hora de dar as clases. Era moi avanzada na súa época pois non explicaba de xeito descritivo as flora e fauna senón que facía unha explicación científica das especies clasificándoas por categorías. A súa docencia era moi profunda e o nivel de esixencia era moi alto sendo os seus exames moi estritos. 
(Fonte: La Región, 2 de setembro de 1948, p. 3)
Patrocinio debeu xubilarse entorno de 1970 ou 1971 pero seguiu sendo unha muller moi dedicida. Gustáballe moito viaxar polo estranxeiro para enriquecer os seus coñecementos. Visitou varios países ao longo da súa vida chegando a ir incluso a Turquía. E estando de turismo polo país turco foi cando  faleceu repentinamente o 10 de outubro de 1989. Cando a súa familia foi buscala para trasladala a Ourense, o cónsul español ofreceulles todas as facilidades e acompañou á familia ata o aeroporto por deferencia. Patrocionio Armesto repousa no Cemiterio de San Francisco de Ourense.

(Fonte: La Región, 10 de outubro de 1989, p. 42.)

Vid:Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, pp. 239-240.
Vida gallega, 1927 xullo 10.

09 junio 2024

MANUELA PÉREZ CONDE

Naceu en A Coruña o 21 de maio de 1916. O seu pai era  industrial pero a familia residiu en Ourense e por iso atopamos a Manuela inscrita no Instituto de Ourense. Fixo o seu exame de ingreso o 29 de setembro de 1926. A partir de entón comezou a cursar os estudos de bacharelato pola opción oficial. As cualificacións foron destacadas nas materias de Nocións de Xeografía e Historia de América; Xeografía e Historia de España; Xeografía política e económica; Historia das civilizacións españolas. Isto xa demostraba o seu interese pola humanística o que a levaría a querer facer a carreira de Filosofía. Rematou os estudos de bacharelato e acadou o título en 1933.

Aos dezaoito anos inscribiuse na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, tras realizar e superar o exame de ingreso en 1935. Pero antes disto ela dedicouse a dar clases particulares para as nenas de Ourense para superar os exames do Instituto. Na carreira aprobou os cursos con verdadeiro éxito licenciándose en Filosofía e Letras, sección Historia, en 1942.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. A.H.U.S Expedientes académicos,  Exp. 1055; La Región, 31 de maio de 1921, p. 2; El Compostelano ,13 de febreiro de 1942, p. 4; El Ideal gallego, 19 de setembro de 1935, p. 5. La Región, 5 de xuño de 1935, p. 5.)