O 28 de xuño de 1936 celebrouse o referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galiza. Nun primeiro momento foi levado a cabo polo Seminario de Estudos Galegos. Neste anteproxecto recoñecíase a Galiza como "un estado libre dentro da República Española”, isto é, había un concepto federal do Estado. Pero esta idea foi debatida, posteriormente, e outorgóuselle a condición de rexión autónoma, con novas competencias e atribucións, lonxe do modelo federal recollido no primeiro borrador. E é que estas modificacións viñan determinadas polos cambios de goberno durante a República xa que no bienio conservador creou unha nova realidade política contraria aos nacionalismos.
No Título II sobre poderes do Estado Galego, o Anteproxecto dicía no seu artigo 10 que compuñan o corpo electoral todos os galegos, homes e mulleres, de máis de 21 anos. No seu artigo 14 indicaba que serían elexibles para a Asemblea os galegos e galegas maiores de 23 anos que "rindan unha función útil á colectividade". Despois, no seu texto definitivo redactouse de xeito máis xenérico e contémplase o sufraxio universal no seu artigo 6.
A República esixía tres condicións para acordar o Estatuto de Rexión Autónoma (Vid:El pueblo gallego :1931 agosto 15, p. 1) :
1.-Que o propoña a maioría dos seus concellos, ou polo menos aqueles municipios que comprendan as dúas terceiras partes do censo eleitoral da rexión. No caso de Galiza deuse nunha Asemblea do 19 de Decembro de 1932 en Santiago na que participaron 256 concellos que representaban o 80% da poboación galega.
2.-Que o acepten polo menos os dous terzos do censo electoral. A cifra de votos favorables en Galiza foi do 76% do censo.
3.-Que o aproben as Cortes. O proxecto foi presentado ao Parlamento para a súa aprobación o 5 de xullo de 1936 e non chegou a ser visto antes da sublevación militar e o golpe de Estado do 18 de xullo.
En definitiva, o 98,8% dos votantes ourensás (homes e mulleres) decidiron dar o seu si ao Estatuto. Concretamente, segundo A Nosa Terra, en Ourense 179.363 votaron si, 1.661 votaron non e 342 votaron en branco. O aprobado foi aplastante en Galiza e recóllense os resultados en A Nosa Terra (do 4 de xullo de 1936) no que di que, dun total de 1.000.963 votos emitidos en toda Galiza, houbo 987.351 a favor, 6.161 en contra e 1.451 en branco, isto é, como diciamos, o 76% manifestouse a favor. (Segundo datos en A Nosa Terra, 993.351 votaron si; 6.085 votaron non, 1.378 foron brancos.
O apoio estatutario veu desde diferentes camiños ideolóxicos de tal xeito que tanto as esquerdas como as dereitas, así como prensa escrita de corte claramente católico-relixioso sumáronse ao dito proxecto.
As mulleres galegas tiveron grande protagonismo no ánimo e impulso estatutario.
O chamamento ás mulleres galegas para que afirmasen o Estatuto foi constante. O grande mitin organizado no Teatro Jofre de Ferrol día 14 de xuño de 1936 foi concurridísimo de diversos representantes da contorna. A el non puideron acudir o Partido Feminino Republicano pola folga de transportistas pero no mitin arengouse ás mulleres. Estaban representantes da Unión Republicana, Partido Socialista, Sindicatos, Esquerda Republicana, e, como non podía ser doutro xeito, o Partido Galeguista. Todos xunguidos por unha causa común, Galiza. O socialista Marcial Fernández, dixo que os socialistas vaian votar o día 28 de xuño para conseguir o verdadeiros sentimento da personalidade galega. Diríxese ás mulleres dicindo:
...y vosotros, mujeres de Galicia, tenéis que alentar ese día a los hombres porque en ello va el porvenir y la vida de ellos, de nuestros hijos y la libertad de la tierra. ( El Correo gallego, 16 de xuño de 1936, p. 3).
E en efecto, un grupo de mulleres, entre as que se atopaba algunha ourensá, asinou un manifesto animando a todas as galegas para que defenderan co seu voto o Estatuto de Autonomía Galego. Entre estas mulleres asinantes estaba a insigne Olimpia Valencia e xunto ela tamén estaba Antonia Ledo Enríquez, que daquela era estudante e, probablemente, se trate dunha mestra que casou co auxiliar de farmacia Jesús Hermida López e vivían en Ourense na rúa actual Progreso número 23, 2º F. Ela estivo destinada na escola nº 1 de o Barco, no Bolo, na Peroxa. Pero seguro que outras ourensás estaban a favor do Estatuto, non cabe dúbida que entre as que conformaron o Grupo Feminino do Partido Galeguista, como Marina Peña Bouzas e, sobre todo, Mercedes do Campo de la Fuente, eran defensoras dunha Galicia con autonomía. De feito, Marina Peña foi coa Comisión de representantes de Galiza o día en que se presentou o Estatuto ás Cortes Estatais e que foi o 15 de xullo de 1936.
A máis destas dúas mulleres vinculadas a Ourense houbo outras que quixeron manifestar o seu apoio ao Estatuto como Antonia Santos, estudante da Universidade e membro do Partido Galeguista; María J. Cachafeiro, de F. Agraria; Pilar Varela de Mocidade Galegusita; Inés Doiro de A.M.C.G. e F; Rita Santaomé, modista; Amalia G. Sánchez, Isolina Nogueira, mestra de Esquerda Republicana; María Barreiro Rey, mecanógraf, Petra Meixide, Antonia Ledo, Adelina Vieytes, Concha Dopazo, estudantes.
Unha manchea de mulleres galegas, ergue a sua voz -homilde, pero crara- n-istas horas decisivas pra o Porvir da Nosa Terra.
Queremos falarlle á sensibilidade cordial das nosas hirmans galegas. Queremos aguillar o sentimento racial e cibdadán das que, coma nós, son fillas de Galicia.
Nin somos as máis intelixentes, nin as máis patriotas, nin as mellores; somos, si cadra, as máis audaces por ser tamén das máis fondamente convenvidas de que nas novas democracias, a mller, sen perder un chisco da sua femininidade, ten que obrar o milagre de dobrar o censo a favor da Xustiza, da Fraternidade e da Liberdade.
A vós que tendes direito a un futuro millor pra os vosos fillos; ao voso corazón de nai, amargunado por tantos recordos tristeiros; â vosa vontade de amparadoras da familia, da leira e da casa nos días longos da ausencia de aquéles que remataron morrendo nun hospital de América ou nas loitas mouras, nas que os vosos homes se xogaban a vida na líquida sepultura do mar; ao voso íntimo tesouro de agarimo e de calado door, encamiñamos este chamamento, a prol de erguer unha Patria nova, unha Terra farta, unha Galicia Feliz...
¡Mulleres de Galicia, que o sodes todo no fogar e no traballo, na casa e na cibdadanía, no sostén e na tutela dos fillos cativos, que a emigración ou o naufraxio vos deixaron horfos!:¡Xuntade o voso esforzo ao afán dos galegos que queren unha Galicia non escravizada, un mañán máis ledo, unha cultura propia, unha vida dina!
Pol-o esprito e pol-a materia. Pol-a limpeza política e pol-a prosperidade pública. Pol-otraballo e pol-a reivindicación social. Pol-a República. Por Galicia, mulleres da nosa Terra; Hirmáns de Galicia:
VOTADE O ESTATUTO DE AUTONOMÍA
Un alegato ás mulleres para que voten por Galiza, pola liberación da Terra, pero tamén unha exaltación das mulleres como sostén da comunidade no seu rol de muller, de nai e de administradora dos fogares cando a emigración levaba aos homes.
(Fonte: "Ha venido de Madrid una comisión de Galicia", La Libertad, 16 de xullo de 1936, p. 12).