Etiquetas

25 febrero 2024

CARMEN RODRÍGUEZ NÓVOA


O 17 de febreiro inscribiuse legalmente o PSOE e, en Galiza, foi en Ourense onde se abriu a primeira sé do partido. Nestes tempos, aínda incertos, Carmen xa estaba implicada neste labor sendo a primeira muller ourensá que se afiliou ao socialismo. 

Naceu en A Teixeira en 1923 e dende moi nova comprometeuse coas causas sociais. Era a única muller de entre cinco irmáns e di que foi seu pai quen lle transmitiu o pensamento político de esquerdas: "Siempre sentí ser de izquierdas. Antes de la Guerra Civil, mi padre ya me transmitía ideas progresistas". Medrou escoitando "Viva a Revolución".

En Galiza, foi en Ourense onde se abríu a primeira sé do  Partido Socialista, e situouse na rúa Emilia Pardo Bazán, número 5. Primeiro acudía moi pouca xente ás reunións pero xa en marzo chegaban a ser de dez a quince. Carmen era das primeiras en asistir ás asembleas e lembra que saían separados pois aínda non se fiaban dos tempos. Os primeiros anos foron duros e tiñan apuros económicos para manter o partido pero foron mantendose grazas ás achegas de diñeiro que procedían de simpatizantes e colaboradores que residían en Alemaña.

Casou de xeito obrigado aos vinte anos e tivo un fillo pero foi un matrimonio desafortunado pois sufriu malos tratos. Esta situación levouna a dar un paso transcendental como foi a petición da separación legal e a anulación do matrimonio en 1946. Logo casou co tamén político Juan Antonio Dopazo quen defendeu o goberno lexítimo da República fronte aos golpistas. Este era viúvo xa que a súa primeira muller, Carolina Regueiras, fora asasinada e violada o 28 de xuño de 1937. Juan estaba afiliado ao Partido Obreiro de Unificación Marxista, un partido que se creou en Barcelona no ano 1935 e en Ourense a agrupación local da Izquierda Comunista de España integrouse no PSOE. A Juan detivérono porque estaba sindicado á UXG e ao Partido Socialista e estivo na Prisión Provincial de Alicante. Carmen conta que, por fortuna, o seu home logrou sobrevivir ao franquismo e ver a vitoria do PSOE en 1982.

Así, pois, o compromiso socialista de Juan Antonio Dopazo máis o de Carmen foron dunha grande firmeza e, como deu a entender Carmen, con Juan atopou o compañeiro e o referente. A ela ilusionáballe traballar para o partido e dicía: "Canto me teño arrastrado eu polo socialismo" . Cando foron as primeiras eleccións democráticas participou pegando carteis polas rúas,tamén buzoneando e, como non, exercendo de interventora nas mesas electorais. Para ela foron anos de enorme felicidade pois podía expresar as súas inquedanzas en reivindicación do socialismo. Fiel ao seus principios en prol do socialismo, tamén formou parte das listas electorais como primeira suplente nas eleccións ao Congreso dos Deputados convocadas polo Real Decreto 1/1996, de 8 de xaneiro. Tal entrega merceu que lle fora entregado o premio Con-Memoria 2023  por parte do Partido Socialista Obreiro Español e así mesmo é a presidenta de horna do Partido Socialista de Ourense.

Declarouse sempre unha feminista incansable e inquebrantable e ao lado doutras compañeiras como Julia Pérez Barroso, María Isabel Santos, Mercedes Bouzo, Manuela Blanco, abandeiraron o socialismo que era símbolo de liberade e igualdade. 

Agora, xa centenaria, Carmen non minguou, en absoluto, a súa fidelidade co socialismo. Desde a nosa perspectiva e cos anos transcorridos decatámonos que a militancia de Carmen foi unha decisión moi valente polos tempos que aínda eran incertos e por ser muller. Por tal motivo, é importante recoñecer a súa valía, exemplo para moitas.

Vid: El Faro de Vigo; Centro Documental de la Memoria Histórica, DNSD-SECRETARIA,FICHERO,16,D0060321; A barbarie silenciada. Amoeiro 1936. Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve. 2014. p. 93; Francisco Javier Quintas Ferreño, Historia do Movemento Obreiro Socialista en Ourense (1895-1936), Fundación Luís Tilve, 2012; "Candidaturas proclamadas para las elecciones al Congreso de los Diputados y al Senado, convocadas por Real Decreto 1/1996, de 8 de enero" B.O.E, núm. 32, de 6 de febrero de 1996, Domingos Sampedro, "El día que el PSOE dejó la clandestinidad", La Voz de Galicia, 3 de marzo de 2017; María Doallo, La Voz de Galicia, 17 de marzo de 2019.