Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Primeiras Galeguistas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Primeiras Galeguistas. Mostrar todas las entradas

17 mayo 2026

17 DE MAIO. DÍAS DAS LETRAS GALEGAS 2026

Porque as teño sempre presentes e non me esquezo da súa fortaleza e ánimo no amor á Terra. Porque quero que sexan recoñecidas no noso Ourense, onde naceron.

04 agosto 2024

CONCEPCIÓN LAMAS BARREIRO

Naceu en Ourense o día 5 de xuño de  1909. Naceu no número 26 da Rúa San Pedro de Ourense. O seu pai era Francisco José Lamas Salgado natural de Ourense, que era confiteiro maior, carpinteiro, xornalista e agrarista e de ideoloxía anarquista, e súa nai era Amparo Barreiro que era de San Vicente de Lobeira, casados o día 8 de maio de 1892. Era neta por liña paterna de Antonio Lamas natural de dun pobo de A Coruña e domiciliado en Ourense e de Vicenta Salgado natural de Ceboliño. E por liña materna  de avó descoñecido e de Concepción Barreiro natural de Cea e domicilidada en Ourense. Os seus irmáns eran Francisco, Pilar e Vicenta.  Toda a familia trasladouse a Arxentina a comezos do século XX (sobre 1910) e residiron en Bos Aires. 


(Quero agradecer ao persoal do Rexistro Civil de Ourense a súa axuda e colaboración para a localización da partida de nacemento de Concepción Lamas. Deste xeito confírmase que naceu en Ourense).

O pai foi fundador da Unión Provincial Orensana en 1913, tamén participou na fundación da Asociación Rexionalista A Terra e foi o promotor da Casa de Galicia en Bos Aires. Seu irmán Francisco foi un destacado artista pictórico e tamén estivo moi ligado ao galeguismo e Vicenta e Pilar foron das primeiras alumnas que recibiu o Instituto ourensán.

(Fonte:  https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Chita_Lamas_y_Francisco_Lamas_Salgado._1929._Granja_Ceres._Ituzaing%C3%B3.jpg#/media/Ficheiro:Chita_Lamas_y_Francisco_Lamas_Salgado._1929._Granja_Ceres._Ituzaing%C3%B3.jpg)

Chita estudou nun colexio Inglés en Bos Aires o que lle permitiría, anos posteriores, xa en Galicia, impartir clases deste idioma no Clube de Estudos da Mocedade Galeguista de Vigo. 

Chita vivía na súa casa de Bos Aires un ambiente de querenza pola Terra. Tanto seu pai como o seu irmán Farruco tiveron un papel relevante na organización e creación de asociacións e institucións galeguistas en Arxentina. Ramiro era unha persoa tamén moi vinculada co galeguismo e sería o representante deste movemento en Montevideo. Foi enviado por Vicente Risco a Arxentina en 1923 para que organizase alí as Irmandade Nazonalista Galega. El xa tiña amizade con Farruco e, de feito, a familia Lamas Barreiro acolleu a Ramiro mentres estivo en Bos Aires, así coñeceu a Chita con quen casou o 20 de abril de 1929. 

(Fonte: Esquerda a dereita: Francisco Pérez Pérez, Vicenta Lamas, Chita Lamas e Ramiro Illa. Foto do ano 1930. Fondo Ramiro Isla Couto. Fundación Isla Couto).

Chita e Ramiro regresaron a Galicia en 1931 residindo en Vigo e continuaron tendo relación cos representantes do mundo da cultura galega, de feito, ela vaise afiliar ao Partido Galeguista e tamén impartía clases de inglés ás Mocidades Galeguistas de Vigo. 

Cando comezou a guerra civil o matrimonio agochou no seu piso a parentes de Castelao e viron o terror  dos asasinatos. Ramiro tentou de fuxir a Portugal pero foi detido en Verín e encarcerado. Chita quedou nunha situación de desacougo e, cando puxeron en liberdade sen cargos a Ramiro, o matrimonio foi a Porto e logo a Francia e os dous, xunto con Florencio Delgado Gurriarán, axudaron a escapar a moitos exiliados galegos a América. 

(Fonte: "Los pasajeros". Diario de la Marina. 17 de outubro de 1939, p. 12.)

Chita e Ramiro marcharon  embarcados no trasatlántico portugués "El Colonial", rumbo a Veracruz en outubro de 1939. Estando en México, Chita escribiría algúns poemas na lingua galega, un deles titulado "Hoxe foise o meu amor" e outro publicouno no Cancioneiro da loita galega, obra colectiva promovida por Gurriarán. Era unha muller de grande sensibilidade e tras as vivencias da guerra fixo que tanto as súas emocións como saúde se resentisen. 

Hoxe foise o meu amor
e ficou soia a badía
ai amor!

As montanas do arredor
choran tristes a partida
ai delor!

Como xira inquiridor
o faro do pé da Guía
ai amor!

Tolo busca ó meu amor
nos recunchiños da ría
ai delor!

O colar cintilador
de lus de Cangas nos brila
ai amor!

¡Para que ser brilador!
si Ela xa nono mira
ai delor!

A choiva ao ir meu amor
cái teimosa, mol, tranquía
ai amor!

¡E que o ceo chorador!
xunta sua magoa coa miña
ai delor!
(Fonte: Diccionario de Fole, p. 188.)

O matrimonio separouse de xeito amistoso en 1950. Vicenta, a súa irmám apoiouna sempre. Chita faleceu en Lima o día 22 de decembro de 1951, tiña tan só 42 anos. 

(Certificado de Defunción. Fonte: FamilySearch.org. (2015). Retrieved August 3, 2024, from Familysearch.org website: https://www.familysearch.org/ark:/61903/3:1:3QS7-99H3-TQ2G?view=index&personArk=%2Fark%3A%2F61903%2F1%3A1%3AQLMB-7585&action=view. Pode verse como indica que Chita naceu en Ourense. Nalgúnhas páxinas web indican que naceu en Bos Aires.)

Vid: "Clases de inglés", El Pueblo Gallego, 3 de xaneiro de 1934, p. 6; "Irmáns presentes", A Nosa Terra, 13 de marzo de 1936, p. 1; Sara. (2023, November 15). “Ramiro Illa Couto. Vibración e músculo do galeguismo”, conferencia con Xosé L. Pastoriza Rozas, en Vigo - Editorial Galaxia. Retrieved August 3, 2024, from Editorial Galaxia website: https://editorialgalaxia.gal/ramiro-illa-couto-vibracion-e-musculo-do-galeguismo-conferencia-con-xose-l-pastoriza-rozas-en-vigo/. Fotografía da entrada: Álbum de Galicia Consello da Cultura Galega.

27 junio 2024

MULLERES OURENSÁS EN APOIO AO ESTATUTO DE GALIZA REFERENDADO O 28 DE XUÑO DE 1936.


O 28 de xuño de 1936 celebrouse o referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galiza. Nun primeiro momento foi levado a cabo polo Seminario de Estudos Galegos. Neste anteproxecto recoñecíase a Galiza como  "un estado libre dentro da República Española”, isto é, había un concepto federal do Estado. Pero esta idea foi debatida, posteriormente, e outorgóuselle a condición de rexión autónoma, con novas competencias e atribucións, lonxe do modelo federal recollido no primeiro borrador. E é que estas modificacións viñan determinadas polos cambios de goberno durante a República xa que no bienio conservador creou unha nova realidade política contraria aos nacionalismos.

No Título II sobre  poderes do Estado Galego, o Anteproxecto dicía no seu artigo 10  que compuñan o corpo electoral todos os galegos, homes e mulleres, de máis de 21 anos. No seu artigo 14 indicaba que serían elexibles para a Asemblea os galegos e galegas maiores de 23 anos que "rindan unha función útil á colectividade". Despois, no seu texto definitivo redactouse de xeito máis xenérico e contémplase o sufraxio universal no seu artigo 6.

(Fonte Galiciana: El Eco de Santiago, 1931 agosto 17, p. 1)

Dito anteproxecto non foi aprobado polas forzas mairitarias galegas e, polo tanto, na Asemblea de A Coruña de abril de 1932 o movemento concellil propulsou a idea de Autonomía designando unha Comisión redactora do Estatuto. Os representantes ourensás tamén quererían ser parte activa no proxecto e o 14 de maio de 1932 reuníronse as Comisións dos partidos republicanos de Ourense no enderezo da agrupación galeguista de Ourense na capital coa finalidade de estudar as ponencias a propor nas bases do Estatuto de Galiza e levalas á Asemblea compostelana.

A República esixía tres condicións para acordar o Estatuto de Rexión Autónoma (Vid:El pueblo gallego :1931 agosto 15, p. 1)

1.-Que o propoña a maioría dos seus concellos, ou polo menos aqueles municipios que comprendan as dúas terceiras partes do censo eleitoral da rexión. No caso de Galiza deuse nunha Asemblea do 19 de Decembro de 1932 en Santiago na que participaron 256 concellos que representaban o 80% da poboación galega. 

2.-Que o acepten polo menos os dous terzos do censo electoral. A cifra de votos favorables en Galiza foi do 76% do censo.

3.-Que o aproben as Cortes. O proxecto foi presentado ao Parlamento para a súa aprobación o 5 de xullo de 1936 e non chegou a ser visto antes da sublevación militar e o golpe de Estado do 18 de xullo.

En definitiva, o 98,8%  dos votantes ourensás (homes e mulleres) decidiron dar o seu si ao Estatuto. Concretamente, segundo A Nosa Terra, en Ourense 179.363 votaron si, 1.661 votaron non e 342 votaron en branco.  O aprobado foi aplastante en Galiza e recóllense os resultados en A Nosa Terra (do 4 de xullo de 1936) no que di que, dun total de 1.000.963 votos emitidos en toda Galiza, houbo 987.351 a favor, 6.161 en contra e 1.451 en branco, isto é, como diciamos, o 76% manifestouse a favor. (Segundo datos en A Nosa Terra, 993.351 votaron si; 6.085 votaron non, 1.378 foron brancos. 

O apoio estatutario veu desde diferentes camiños ideolóxicos de tal xeito que tanto as esquerdas como as dereitas, así como prensa escrita de corte claramente católico-relixioso sumáronse ao dito proxecto.

As mulleres galegas tiveron grande protagonismo no ánimo e impulso estatutario. 

(Fonte Galiciana: Gredos. Universidade de Salamanca. Cartel de Camilo Díaz Baliño.)



(Fonte Galiciana. El pueblo gallego, 1936 xuño 26, p. 2)

O chamamento ás mulleres galegas para que afirmasen o Estatuto foi constante. O grande mitin organizado no Teatro Jofre de Ferrol día 14 de xuño de 1936 foi concurridísimo de diversos representantes da contorna. A el non puideron acudir o Partido Feminino Republicano pola folga de transportistas pero no mitin arengouse ás mulleres. Estaban representantes da Unión Republicana, Partido Socialista, Sindicatos, Esquerda Republicana, e, como non podía ser doutro xeito, o Partido Galeguista. Todos xunguidos por unha causa común, Galiza. O socialista Marcial Fernández, dixo que os socialistas vaian votar o día 28 de xuño para conseguir o verdadeiros sentimento da personalidade galega. Diríxese ás mulleres dicindo:

...y vosotros, mujeres de Galicia, tenéis que alentar ese día a los hombres porque en ello va el porvenir y la vida de ellos, de nuestros hijos y la libertad de la tierra. ( El Correo gallego, 16 de xuño de 1936, p. 3).

 E en efecto, un grupo de mulleres, entre as que se atopaba algunha ourensá, asinou un manifesto animando a todas as galegas para que defenderan co seu voto o Estatuto de Autonomía Galego. Entre estas mulleres asinantes estaba  a insigne Olimpia Valencia e xunto ela tamén estaba Antonia Ledo Enríquez, que daquela era estudante e, probablemente, se trate dunha  mestra que casou co auxiliar de farmacia Jesús Hermida López e vivían en Ourense na rúa actual Progreso número 23, 2º F. Ela estivo destinada na escola nº 1 de o Barco, no Bolo, na Peroxa. Pero seguro que outras ourensás estaban a favor do Estatuto, non cabe dúbida que entre as que conformaron o Grupo Feminino do Partido Galeguista, como Marina Peña Bouzas e, sobre todo, Mercedes do Campo de la Fuente, eran defensoras dunha Galicia con autonomía. De feito, Marina Peña foi coa Comisión de representantes de Galiza o día en que se presentou o Estatuto ás Cortes Estatais e que foi o 15 de xullo de 1936.

A máis destas dúas mulleres vinculadas a Ourense houbo outras que quixeron manifestar o seu apoio ao Estatuto como  Antonia Santos, estudante da Universidade e membro do Partido Galeguista; María J. Cachafeiro, de F. Agraria; Pilar Varela de Mocidade Galegusita; Inés Doiro de A.M.C.G. e F; Rita Santaomé, modista; Amalia G. Sánchez, Isolina Nogueira, mestra de Esquerda Republicana; María Barreiro Rey, mecanógraf, Petra Meixide, Antonia Ledo, Adelina Vieytes, Concha Dopazo, estudantes.

Unha manchea de mulleres galegas, ergue a sua voz -homilde, pero crara- n-istas horas decisivas pra o Porvir da Nosa Terra.

Queremos falarlle á sensibilidade cordial das nosas hirmans galegas. Queremos aguillar o sentimento racial e cibdadán das que, coma nós, son fillas de Galicia.

Nin somos as máis intelixentes, nin as máis patriotas, nin as mellores; somos, si cadra, as máis audaces por ser tamén das máis fondamente convenvidas de que nas novas democracias, a muller, sen perder un chisco da sua femininidade, ten que obrar o milagre de dobrar o censo a favor da Xustiza, da Fraternidade e da Liberdade.

 A vós que tendes direito a un futuro millor pra os vosos fillos; ao voso corazón de nai, amargunado por tantos recordos tristeiros; â vosa vontade de amparadoras da familia, da leira e da casa nos días longos da ausencia de aquéles que remataron morrendo nun hospital de América ou nas loitas mouras, nas que os vosos homes se xogaban a vida na líquida sepultura do mar; ao voso íntimo tesouro de agarimo e de calado door, encamiñamos este chamamento, a prol de erguer unha Patria nova, unha Terra farta, unha Galicia Feliz...

¡Mulleres de Galicia, que o sodes todo no fogar e no traballo, na casa e na cibdadanía, no sostén e na tutela dos fillos cativos, que a emigración ou o naufraxio vos deixaron horfos!:¡Xuntade o voso esforzo ao afán dos galegos que queren unha Galicia non escravizada, un mañán máis ledo, unha cultura propia, unha vida dina!

Pol-o esprito e pol-a materia. Pol-a limpeza política e pol-a prosperidade pública. Pol-otraballo e pol-a reivindicación social. Pol-a República. Por Galicia, mulleres da nosa Terra; Hirmáns de Galicia:

 VOTADE O ESTATUTO DE AUTONOMÍA

Un alegato ás mulleres para que voten por Galiza, pola liberación da Terra,  pero tamén unha exaltación das mulleres como sostén da comunidade no seu rol de muller, de nai e de administradora dos fogares cando a emigración levaba aos homes.

                              (Fonte: "Ha venido de Madrid una comisión de Galicia", La Libertad, 16 de xullo de 1936, p. 12).


Así pois e para concluír, é preciso recoñer que as mulleres galegas están nun despertar no seu compromiso social e político. Mulleres que comezan a integrarse en agrupacións galeguistas, autonomístas, socialistas, o que denota o valor engadido que supuñen para todo o proceso social histórico. Mais todo este alarde vital das mulleres foi sufocado de xeito drástico coa ditadura que supuxo volver ancoralas no redil.


Vid: Estatuto de Galicia; El Eco de Santiago,
5 de agosto de 1931, p.1; El pueblo gallego, 15 de agosto de 1931, p. 1; El Compostelano , 9 de maio de 1932, p. 2; El Compostelano, 28 de decembro de 1932 , p. 1-2; A voz do pobo : ¡Proletarios de todol-os países unídevos!, 5 de xuño de 1971, p. 2; El pueblo gallego, 20 de xuño de  1936, p. 11; La Región, 8 xullo de 1962, Estatuto de 1936; Rodríguez-Arana, J. (2001). Estatuto y autogobierno gallego: nuevas perspectivas (1936-1981-2010). AUTONOMÍAS , 27 , 280; Peña, MSP (2006). El referéndum del Estatuto de Autonomía de 1936 en la prensa gallega: puntos en común y diferencias con el proceso estatutario de 1979-1980. En República y republicanismo en la comunicación: VIII Congreso de la Asociación de Historiadores de la Comunicación, actas. (Sevilla, 30-31 de marzo de 2006) (p. 41). Universidad de Sevilla.

21 abril 2024

EVELINA HERVELLA NIETO

(Entrada suxeita a publicación nun libro. Quero agradecer a axuda da Fundación Penzol que me facilitou o repertorio fotográfico)

Naceu no Barco de Valdeorras o 21 de setembro de 1908. Era filla do notario Antonio Hervella Ferreiro e Francisca Nieto Bustos. Súa irmá, Concepción, foi unha mestra defensora da ensinanza e do maxisterio.

Aos 11 anos fixo o exame de ingreso no Instituto de León. O primeiro curso realizouno por libre nesa provincia pero o seguinte cursouno no Instituto de Pontevedra. Será no curso 1924 e 1925 cando se rexistre no Instituto ourensán permanecendo nel ata 1927, ano no que acadou o título de bacharelato.

A continuación foi a Madrid e matriculouse na Facultade de Ciencias e Farmacia no curso 1927-1928. Pero despois solicitou o traslado á Universidade de Oviedo na que se rexistrou no curso 1931-1932 e, finalmente, rexistrouse na facultade de Santiago onde se licenciou en Farmacia en 1936.[1]

Coñeceu a Francisco Fernández del Riego, avogado, intelectual, galeguista e escritor, polos anos trinta e fixéronse noivos e dende entón foron inseparables, como así o demostran as numerosas fotografías que os inmortalizaron. A relación sería inquebrantable e é de supor que Evelina foi un grande apoio para Francisco cando este, sendo axudante da Universiade de Santiago, foi cesado e inhabilitado en 1937 para desempeñar cargos públicos. Logo veu a guerra civil na que participou Francisco e finalizada esta casaron o 14 de marzo de 1940 en Vigo 

Evelina viviría o momento en que Francisco comezou a reorganizar na clandestinidade o Partido Galeguista e tamén a fundación en 1950 da editorial Galaxia. Estaría ao seu carón cando ingresou como membro da RAG e cando puxo a andar a Revista Grial así como cando, en 1964, creou o Partido Socialista Galego. Non cabe dúbida que foi un acérrimo defensor da cultura galega e é de supor que Evelina sentiría os mesmos sentimentos. 

(Fonte: Fundación Penzol. Arquivos. No día da voda de Francisco e Evelina Hervella. 14 de marzo de 1940)

Evelina e Francisco sempre foron xuntos a todas partes e viaxaron por Europa en 1953, foron a Francia, Bélxica, Holanda... asistindo a diferentes eventos. Os dous compartiron numerosos e gratos momentos coas persoas máis ilustres e insignes galeguistas como Ferro Couselo, Otero Pedrayo e Fita, Risco, Ramón Cabanillas, Valentín Paz Andrade, Pura Vázquez...Tamén coas xentes acolá do océano pois viaxaron a Sudamérica formando parte dun grupo de intelectuais que homenaxearon a Castelao, visitaron o monumento a Rosalía de Castro coa directiva do Centro Galego de Arxentina. En fin, numerosas vivencias nas que a galeguidade era a finalidade principal. Evelina seguro que compartía e facía súas as ideas do seu home Francisco con respecto a Galiza, a política e a cultura galega. Incluso os dous ían ver os partidos do Celta no campo de Balaídos.

(Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Evelina_Hervella. En Bos Aires. 1954.)

Evelina faleceu en Vigo en 2007, cando tiña 90 anos. Está enterrada no cemiterio de San Pedro da Ramallosa en Nigrán. A Francisco fóiselle a súa compañeira vital, a compañeira que tamén apoiaría a Galiza. Tres anos máis tarde, en 2010 faleceu Francisco e os restos respousan con Evelina, tal como eles sempre desexaron.

[1] A.H.U.S., Expedientes persoais. Cartapacio 0621. Exp. 14.Foto da entrada. Recorte da fotografía titulada: Viaxe a Francia, Bélxica e Holanda. Francisco Fernández del Riego con Evelina nun parque. 1953. Exraída de Arquivos Fondos Penzol.Vid: El Progreso, 13 de novembro de 1937, p. 4; Hoja Oficial del Lunes, 6 de xuño de 1960, p. 8; El Correo gallego, 9 de xullo de 1954, p. 6.

14 enero 2024

HAI 90 ANOS QUE MERCEDES DO CAMPO INTERVEU NA III ASEMBLEA DO PARTIDO GALEGUISTA

(Mercedes do Campo. Foto cedida pola familia Peiró do Campo non se permite reprodución.)

Hoxe, 14 de xaneiro de 2024, cúmprense 90 anos dun dos grandes acontecementos que houbo na nosa cidade, estou a referirme á III Asemblea do Partido Galeguista. Celebrouse en Ourense e a cidade vivíu a chegada de numerosos simpatizantes do partido así como os principais representantes. Foi un acontecemento incrible que adquiriu grande repercusión. 

Así foi o titular en A Nosa Terra deste feito:

(Fonte: A Nosa Terra, 28 de xaneiro de 1934, p. 1)

Ese día asitiron por primeira vez as mulleres que compuñan o Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense que se constituíra de xeito oficial en setembro de 1933. Alí tomaría a palabra a que sen dúbida era a súa líder e motor Mercedes do Campo de la Fuente. 

(Foto da Asemblea¿?. Na parte central está Rosa do Campo de la Fuente irmá de Mercedes. Foto cedida pola familia Peiró do Campo non se permite reproducila.)

A continuación enlazo a miña colaboración solicigtada polo xornal O Salto-Galiza quen se lembrou de dita onomástica.

Non debemos esquecer estes acontecementos e desde aquí quero lembrar a Mercedes do Campo pola que sempre sentín grande admiración e respecto e agradecer, así mesmo, ña súa familia actual a súa xenerosidade.

(Fonte: O Salto, 15 de xaneiro de 2024.)



28 mayo 2023

FELISA FERNÁNDEZ MORAIS

Naceu en Ourense en 1913 e era filla do xefe de laboratorio municipal José Fernández Martínez e de María Morais Saco. Formou parte da directiva do Grupo Feminino das Mocidades Galeguistas que se constituíron na cidade en maio de 1936 pero, debido ao golpe militar e comezo da Guerra, a agrupación non tivo progreso.

Tiña tres irmáns que gozaban de recoñecemento na cidade, Ramón que foi estudar enxeñeiría industrial a Bélxica rematando os estudos de xeito brillante. Outro dos irmáns era José Fernández Morais que traballaba na institución da Deputación encargado de obras públicas e estaba casado con Carmen López Llull.  E Ricardo Fernández Morais era mestre e como bo ourensán fixo unha achega para o busto de Marcelo Macías e que casou en abril de 1934 con Dolores Ferro Martínez.

Felisa comezou os estudos de Maxisterio en 1927 obtivo sempre moi boas cualificacións. 

Felisita era unha muller da súa época polo que participaba, xunto con un grande elenco de mulleres ourensás, na aportación para os roupeiros para os nenos pobres.(Roupero da caridade de Santa Victoria). Na súa xuventude participou nas batallas de flores e formaba parte das carrozas que desfilaban pola cidade o día das festas.

En marzo de 1936 asinou o manifesto do Grupo Feminino das Mocidades Galeguistas xunto con Rosa do Campo, Luísa Cid, Olimpia Varela, María G. Quiroga e María Cordeiro.

Inscribiuse en xaneiro de 1937 como voluntaria para confeccionar roupa para os soldados combatentes que se levaba a cabo no Liceo. 

Casou en 1970 co médico Bernardino Alonso Fernández actuando de padriño o seu irmán Ricardo. O matrimonio tivo tres fillos: Xosé Ramón, Bernardino e Ricardo.

Dáselle o recoñecemento porque apoiou o manifesto das Mocidades Galeguistas actuando ademais como directiva do Grupo. Polo tanto, debe considerarse que era unha muller que, malia a súa condición tradicional, mantiña un respecto polo amor á Terra, polo amor a Galiza. Ben é certo que dito manifesto non ten un carácter político senón máis ben de proclama e chamamento ao deber de sentir orgullo pola Terra.

Faleceu en Ourense o 30 de novembro de 2014.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes e, Vid: Galicia, 17 de abril de 1934; La Región, 19 de decembro de 1928; La Región, 2 de xuño de 1929; La Región, 5 de xuño de 1928; La Región, 26 de xuño de 1970;A nosa terra, 27 de marzo de 1936).

09 abril 2023

AS MESTRAS OURENSÁS, AQUELAS QUE RECIBIRON LECCIÓNS DE VICENTE RISCO E OTERO PEDRAYO


(Fonte: Foto Belay. Alumnas de Maxisterio no acto de homenaxe a Vicente Risco. Descubrimento do busto do ilustre mestre e galeguista e denominación da rúa co seu nome. La Región, 15 de outubro de 1964, p. 4. Galiciana.)

En lembranza de: 

Don Ramón Otero Pedrayo, falecido o 10 de abril de 1976.

Don Vicente Risco y Agüero, falecido o 30 de abril de 1963.

Esta entrada que presento pretende enfocar o papel das mestras no desenvolvemento cultural da provincia ourensá, pois non en van elas contribuíron sobremaneira á propagación da alfabetización en todos os recantos da provincia. Ademais quero enfatizar que, se ben é certo a maioría das docentes tiñan unha perspectiva tradicional da sociedade e da política, o feito de que foran alumnas de profesores e profesoras ilustres e defensores da cultura galega, como Vicente Risco (profesor na Normal), Otero Pedrayo (Profesor no Instituto onde estudarían moitas bachilleras que convalidarían as materias para logo ser docentes tras realizar as materias de maxisterio esixidas), e outros que se poden mencionar como Angel Martínez Doval, Eleuterio Salgado, Mercedes Randulfe (do Centro de Estudos Concepción Arenal), Concepción Ramón (vinculada tamén ao Seminario de Estudos Galegos, Leonor Pardo, Sara Leirós, Antonio do Campo, Araceli Ancochea (profesores da Normal); os irmáns Villar que fundaron o Colexio Villar (aínda que este centro era só para homes) que colaboraron na Revista Nós... fixo que moitas mestras tamén proxectasen esa querenza galega nas súas escolas e incluso algunha delas chegase a facer algunha colaboración puntual na Revista Nós ou en A Nosa Terra e logo formar o Grupo Femenino do PG. É obvio que estamos a falar de mestres que pretendían divulgar o patrimonio cultural galego e que influíron profundamente no seu alumnado nunha cidade tan pequena como era o Ourense de comezos de século (que tiña en 1900 uns 15.200 habitantes e en 1930 aumentara a poboación a 21.579) xa que estes grandes intelectuais tiñan moita sona e unha grande repercusión social.

A consideración da muller e o contexto ourensá de comezos de século.

O primeiro terzo do século XX foi un momento no que se debatía con forza a equiparación da muller ao home tanto no plano xurídico como educativo. En efecto, comezan nestes anos os reclamos para sacar da opacidade ao mundo feminino e permitirlle o acceso a todos os niveis educativos. É preciso puntualizar que estas reivindicacións teñen unha dobre vertente, a conservadora que defendía unha instrución e formación da muller pero sen esquecer a misión básica desta que era o matrimonio e ser nai, e a progresista que demandaba cambios drásticos e rupturistas para a vida das mulleres.

A sociedade galega e ourensá destas décadas vivirá a dupla realidade entre a tradición e a modernidade que será tema de controversia entre intelectuais, movementos culturais, políticos…do momento. Ben sabido é que as nosas ilustres pensadoras Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán defenderon ideas que para a época eran moi transgresoras como a instrución da muller e a necesidade de liberala da súa eterna vida baixo titela. 

Ourense terá a súa particular forma e ritmo á hora de ir adoptando os cambios pois, como provincia de interior eminentemente agrícola, de deficiente nivel cultural e cunha marcada influencia da institución eclesiástica, era renuente a abrirse paso a novas ideas conformando así un inmobilismo social que a caracterizará en toda esta época.

A transmisión dos estereotipos da muller como subordinada ao home — idea principal pola que se xustificaba a falta de dereitos —, perduraba na sociedade ourensá, de carácter marcadamente conservadora, na que nin os seus teóricos rexeneradores (Juan Sieiro, Eduardo Moreno…) apostaban aínda por darlle á muller a consideración social que lle correspondía, empezando por reivindicar a elevación do seu nivel cultural. O discurso hexemónico sobre a muller neste primeiro terzo de século seguía sendo o de imprimirlle un carácter de docilidade que se enxalzaba como virtude. 

Proba disto é que en Ourense había unha baixísima porcentaxe de mulleres que realizaban nestes anos un traballo fóra do fogar. Podemos dicir que, como a maioría das mulleres desta época, un dos intereses primordiais das familias era concordar un matrimonio e poucas fillas eran as que se atrevían a acceder aos estudos superiores (secundaria e universitaria). 

Pero resistindo a esta presión contamos con importantes exemplos de mozas ourensás que romperon cos convencionalismos e quixeron facer estudos de maxisterio, bacharelato e universitarios. Son as pioneiras, son as que abriron paso a moitas no futuro e iniciaron unha marcha convencidas de que elas tiñan que ter a súa oportunidade. 

A incorporación das mulleres ourensás aos estudos de maxisterio

Hai que pensar que van ser meritorias as primeiras mestras ourensás que se matricularon nuns estudos de carácter profesional nunha época, comezos do século XX, na que non se contemplaba a posibilidade de que as mulleres quixeran cursar estudos superiores pois, segundo o “orden natural”, debían dedicarse á vida doméstica. 

Se ben é certo que a docencia foi unha das primeiras concesións de estudos superiores que se lle outorgou á muller, porque existía a crenza de que desempeñaría un papel adecuado e digno que non desentoaría co seu instinto maternal, isto é, eran estudos que encaixaban na  "idiosincrasia" feminina, non hai que descartar que con esta ampliación de miras as nosas docentes traspasaron barreiras, pois lograron elevar o seu nivel cultural; integrarse no mundo profesional cun grao de consideración social moi digno;  tomar conciencia sobre o seu rol social e o seu estatus; implicarse moitas delas en movementos de carácter máis marcadamente activo levándoas a fomar parte de diversas  Asociacións (Asociación de mestres do primeiro ensino; Asociación de mestres rurais; Asociacións católicas de mestres; Casa do Mestre, ou a Asociación de Traballadores de Ensinanza A.T.E.O, que aínda que plural, tiña un carácter republicano e galeguista) ou tamén agrupacións políticas como foi o caso das Margaritas, Acción Cidadá Gallega ou do Grupo Feminino do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas que estaban conformadas, na súa maior parte por mestras. 

Non obstante, os atrancos non foron poucos pois estudar unha carreira implicaba, por unha banda, que as familias aceptasen os propósitos das súas fillas e sopesasen o esforzo económico que isto lles ía implicar e, por outra banda, as futuras mestras expúñanse a que as súas expectativas chocaran coa mentalidade da época que marcaba uns límites precisos na traxectoria vital das mulleres.

A incursión das mulleres ourensás nos estudos de maxisterio foi bastante destacada a partir de 1915 coincidindo coa creación dunha Escola Normal de Mestras en Ourense ad hoc na estrada Villacastín.Vigo, Rúa do Progreso número 15 (Edificio alugado a Don Perfectino Vieitez) . Por fin contaba a cidade cun centro, ex profeso, para as mozas que querían ser mestras pois anteriormente estes estudos tiñan que realizalos no Instituto Provincial e, segundo parecía, o feito de que instituto albergase tantas institucións (Estudos de bacharelato, Escola de Artes e Oficios, Escola Normal, Biblioteca Provincial) creaba múltiples problemas de funcionamento. Pero, tamén é certo que xa non foron poucas as que se matricularon no Instituto para realizar estudos de maxisterio. Comezan os primeiros rexistros en 1909 e contabilizaríanse ata 1912, aproximadamente, cento vinte. Moitas delas farano por libre optando por prepararse en centros académicos da cidade para despois examinarse no Instituto. A partir, como digo, de 1915 e sobre todo a partir de 1920 a matrícula vai en ascenso continuado igualándose os rexistros de homes e mulleres a finais do primeiro terzo de século.

Eran mozas que proviñan tanto da capital como das aldeas da provincia que buscaban unha oportunidade de mellorar a súa situación social en base ao ascenso que lle sobreviña pola titulación. Pero outra das gratificacións era a cuestión de medro persoal xa que ademais de formarse nunha carreira (neste caso Maxisterio) abríaselles a todas elas un mundo cultural paralelo (aínda que limitado) bastante enriquecedor con conferencias, charlas, cursiños, exposicións, excursións, etc...actos diversos organizados polos diferentes centros académicos ou institucións. 

A Normal, unha institución cultural de referencia. Socia procectora do Seminario de Estudos Galegos.

En efecto, a Normal, de partida, era un centro de referencia na cidade e na provinca pois contaba cun cadro docente de elevado nivel, un elenco de profesionais de alta excelencia como Leonor López Pardo (que pertencía ao Instituto de Estudos Gallegos), Concepción Ramón Amat (ligada tamén ao Seminario de Estudos Galegos), Emilio Amor Rolán, Sara Leirós, Araceli Ancochea, Marta Valencia, Felipe Pedreira, (home de Araceli Ancochea), Josefa Rosón, Carmen Pardo Losada (ligada ao Seminario de Estudos Galegos), Jesús Soria, Josefa Segovia, Pilar Martínez Álamo, Emilio Amor, Pío Ramón Oxea (pai de Ben-cho-Shey) e un longo etc...pero, por suposto, Vicente Risco que  sempre tivo entre os seus propósitos galeguizar o ensino primario.

(Fonte: El Eco de Galicia, 17 de setembro de 1922, p. 9. Galiciana)

A Normal de Ourense era un grande centro dinamizador tanto dentro da propia institución como fóra dela. Polo tanto, a nosa institución non foi allea aos principios básicos que se defendían no Regulamento das Escolas Normais de 1933 que facía referencia a que a formación dos mestres non debían quedar tan só dentro da Escola, senón que había que contextualizar aos futuros mestres dentro dunha contorna e fomentar a apertura das Escolas Normais ao exterior. Polo tanto, entre as súas actividades principais estaba o de programar conferencias para todos os sábados sobre temas pedagóxicos ou culturais.  Destacaron charlas como a impartida polo pedagogo e filólogo (e reformador dos estudos de maxisterio)  Rufino Blanco, invitado pola directora Leonor López, pronuciada o 17 de maio de 1918 nunha das aulas do centro.  Outra disertación destacada foi a impartida por Ramón Otero Pedrayo na Normal o día 19 de marzo de 1934 e que xiraba entorno a Balzac e a literatura contemporánea. Así mesmo Concepción Ramón Amat  cando era directora da Normal impartiu unha conferencia titulada "Sincretismo e educación". Sara Leirós impartiu unha conferencia para os Cursiño de Formación de Maxisterio que se titulou "Jesucristo. Divino Pedagogo". O inspector Maceda, home de Concepción Ramón, tamén foi invitado para dar unha disertación sobre pedagoxía e animou ao alumnado a aprender non só a técnica senón tamén a práctica dos modernos métodos pedagóxicos.

Tamén a Escola Normal contou actividades máis lúdicas e festivas coa participación, por exemplo, de agrupacións musicais como a Tuna Vallisoletana en decembro de 1930. O alumnado tamén tomou a iniciativa de organizar veladas en días sinalados ou para despedir a algún docente, como cando marchou Leonor López Pardo en 1932, nas que había música, representacións teatrais, recitais e corais. O día do libro era outro día a celebrar e neste caso facíano conxuntamente a Normal e o Instituto xunguindo ao alumando dos dous centros. Co gallo dos cursiños de selección profesional impartíanse interesantes conferencias e como non, Vicente Risco era un dos disertadores versando unha das súas exposicións sobre Carácter e síntese da Prehistoria: significación histórica del Renacimiento. 

Programaban cursos complementarios para alumando e cidadanía ourensá para xoves e sábado así como anualmente organizaba cursiños teórico-prácticos de perfeccionamento para o alumnado e os docentes e durante doce días había conferencias de temáticas diversas (impartidas polos docentes do centro); charlas sobre organización escolar (estas impartidas por inspectores como Antonia Ortiz); exposicións de traballos manuais; recitais de poesía e excursións didácticas. Un dos cursiños máis completos foi o organizado pola directora Concepción Ramón en maio de 1933. Esta mesma directora foi a promotora do curso que se desenvolveu na Escola Normal para alumnado e xente externa sobre idiomas como inglés, alemán, francés e ESPERANTO no que participaron diversos docentes do centro como Emilio Amor, a propia Concepción e Vicente Risco que impartiu Alemán e Esperanto:

(Fonte: Galicia, 10 de novembro de 1932, p. 1. Galiciana)

As excursións eran actividades programadas co fin de enriquecer os coñecementos do alumnado e, precisamente, a directora Concepción Ramón organizou unha para visitar a zona de Valdeorras (Barco, a Rúa, Trives, Castro Caldelas...) e máis tarde organizou outra a Lugo e A Coruña en abril de 1933 á que acudiron sesenta e dúas alumnas. En abril de 1933 co alumnado de cuarto curso percorreron Allariz, onde visitaron a ponte histórica e profesor Jacinto explicoulles a súa historia, estilo e outros elementos arqueolóxicos. Despois abandonaron Allariz: Allriz histórico...Allariz poético...Allariz místico, dicían e encamiñáronse a Xinzo e pararon en Sandiás e na Lagoa. Continuaron por Maceda e viron o castelo da Pena e desde aí observaron a paisaxe e "las Normalistas como "palomas blancas". O profesor Jacinto leulles unha pasaxe do libro de Marcelo Macías "Aportaciones a la Historia de Galicia". A continuación foron ao mosteiro dos Milagros e alí Araceli interpretou pezas co órgano que "llenaron todo el espacio de armonía en todo el monasterio".  En maio de 1934 organizouse outra a Lugo acudindo alumnos e alumnas que foron recibidos e agasallados polos seus compañeiros da Normal de Lugo. Outro evento a destacar foi a homenaxe en Celanova ao escritor Curros Enríquez o dous de maio de 1925  pois asistiu un concurrido número de alumnos e alumnas da Normal en diversos autobuses e turismos sendo recibidos con gratitude polos celanoveses. Todos eles, acompañados das autoridades e banda se música que ía tocando o himno galego, avanzaron polo pobo ata o lugar onde residiu Curros onde depositaron unhas coroas de flores.

(Fonte: Ideal Gallego, 26 de abril de 1933, p. 3. Galiciana)

O alumnado da Normal sempre era moi ben recibido nos diversos certames escolares e era moi corrente  que unha representación destes acudise ás celebracións escolares para manifestar o seu apoio e, así mesmo, aprender da práctica. Tamén as alumnas adoitaban a participar en tarefas altruístas como voluntarias cantinas escolares,roupeiros, etc.

Outro costume era a organización de exposicións dos materiais escolares elaborados polos cativos escolares das escolas ou polo alumnado de maxisterio. Estas exposicións facíanse ao final de curso e era de portas abertas. O propio Florentino López Cuevillas destacou nun artigo de prensa que fora visitar unha exposición de traballos escolares na Normal de Ourense e resaltou que había labores de costura; mapas hipsométricos; cadros de pintura; maquetas de castelos, maquetas de apeiros de labranza, pequenos hórreos..Lopez Cuevillas dicía de todo isto: "revela que se enseña a los niños a mirar con ojos atentos para lo que los rodea, y a estudiar y a distinguir los elementos cosntitutivos de su propio ambiente, y que nos demuestra, al propio tiempo que n nuestras aldeas, y luchando por cierto con dificultades de muchos órdenes y con indiferencias incomprensibles, y faltos de los estímulos más necesarios, los maestros y las maestras saben ser fieles a la misión que les está encomendada, y trabajar con inteligencia, con conocimiento y con abnegación ejemplares...". Cuevillas resaltaba que os nenos e nenas debían ter coñecemento da súa terra e aprender a valorala: es seguro que llegará a ser ingeniero, y los demás, los demás que están aprendiendo a conocer su Tierra natal, su tierra gallega, en un aspecto distinto a aquel en que la conocieron sus antepasados, quera Dios que aprendan también a conocer la verdad grande y amorosa que está metida en el corazón de las rosas, de las plantas, de las aguas y del aire del país en que nacieron..." (2)

En definitiva, a Normal de Ourense adquiriu un renome categórico e facía acto de presencia nas celebracións festivas da cidade, como por exemplo, nas conmemoracións da República o 14 de abril. Un día que se aproveitaba para realizar diversas actividades e escoitar as charlas de Vicente Risco. 

Pero o centro, obviamente, debía adaptarse aos tempos que corrían e tras o período republicano había que implantar os símbolos do novo réxime. E, en relación a isto,  toda a cidade vivíu a xornada de imposición dos crucifixos na Normal e na Graduada.  En setembro de 1936 houbo unha grande procesión que percorreu as rúas da cidade e na que se portaban as imaxes para seren repostas, unha na Normal sendo recibida por Vicente Risco e outra na graduada, recibida por Imelda Valdivieso. Foi, como dixo a prensa, unha procesión cívica para "reentronizar o crucifixo na Normal e na Graduada" 

Con todo o dito, quería facer destacar que non pode negarse que a Normal formaba parte da vida da cidade e marcaría unha impronta no alumnado e nos futuros docentes.

Outras institucións que ofertaban actividades para os docentes

O outro centro de referencia da cidade era o Instituto Xeral e Técnico que abrira as súas portas en 1896. Desde os seus inicios exerceron ilustres profesores. As alumnas de maxisterio estudarán ata o ano 1912 pois, a partir desa data, non se permitirían máis matrículas para estes estudos. Pero xa desde os inicios do século comezaron a matricularse mulleres para estudar o bacharelato e moitas delas acabarían dedicándose á docencia pois a partir de 1931 requiríase para entrar en Maxisterio ter cursado o Bacharelato. Entre os docentes podemos destacar Eduardo Moreno, Eloi Luís André, Marcelo Macías, Salvador Padilla, Antón Losada Diéguez, Antonio Gaite Lloves, etc., e, por suposto, Ramón Otero Pedrayo. Paulatinamente foron incorporándose tamén profesoras como Carmen Lorenzo, Aurora Seijo, María del Patrocinio Armesto...O edificio en si xa era emblemático e nel desenvolvíase unha actividade continua de docencia.

Outras institucións ofrecían ao maxisterio a posibilidade de ampliar os seus coñecementos como a A.T.E.O que organizaban Conferencias pedagóxicas na Casa do Pobo co miras  a unha renovación educativa. Algunha delas foi impartida por Manuel Sueiro titulada "Etica y Biología". Tamén outras  Asociacións de Mestres dos partidos xudiciais programaban charlas e Certames Pedagóxicos que acababan tendo moita relevancia. Un dos Certames de máis sona foi o de Ribadavia onde disertaron inspectores e docentes da Normal de Ourense. 

Os docentes e normalistas podían asociarse á Casa do Mestre da cidade que dispuña dunha ampla biblioteca de pedagoxía con servizo de préstamo; tamén organizaba museos e exposicións periódicas de material escolar, excursións culturais e proxección de cine instrutivo. A Asociación Católica de Mestres organizaba xornadas de convivencia de verán, conferencias, a Semana Luís Vives... A propia Escola Obreira dirixida por Blanca Calvo realizaba numerosos espectáculos teatrais de obras escritas por Blanca Calvo con resaibos galegos. 

Como pode observarse, a formación do maxisterio ourensá non era simplemente academicista senón que se complementaba con outros eventos formativos de carácter transversal logrando que o maxisterio ourensán incrementase a súa formación e se enriquecese persoalmente.

A acollida das mulleres no Galeguismo

Dado que a cidade contou cos profesores fundadores da Revista Nós como foron Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, quería reflectir cal puido ser o seu influxo nos docentes da provincia. Entre o elenco de profesorado que impartía no Instituto, na Normal e nas Academias da cidade había, por suposto, docentes achegados ao galeguismo e á recuperación da identidade galega que realizaron un gran labor a través das súas leccións maxistrais para inculcar ao alumnado ese amor e recoñecemento da Terra. 

Por suposto, no rexurdir galego facíase partícipes ás mulleres en xeral por consideralas no mesmo rango que os homes. Aínda que dentro movemento Rexionalista Federalista existían discrepancias sobre a consideración da muller entre Modesto Moyrón e Leiras Pulpeiro, pois para o primeiro a muller era inferior ao home mentres que para Pulpeiro tiñan unhas aptitudes intelectuais superiores, todo foi limando e xa na I Asemblea Nacionalista celebrada en 1918 en Lugo aprobouse a igualdade de dereitos para a muller nos asuntos políticos e reivindicouse a igualdade xurídica da muller casada no caso de emigración do home. En 1919, na II Asemblea celebrada en Santiago, deuse un paso máis concluínte e este foi o recoñecemento da equiparación absoluta, política e civil, da muller co home. Poñendo en práctica estes principios, abríaselle á muller a posibilidade de pertencer ás Irmandades da Fala coa creación da sección A Irmandade Feminina. E o Partido Galeguista tamén contemplou no seu programa o papel da muller e recoñecía a paridade cos homes nos dereitos políticos (pero os civís eran reservados ás casadas no caso de emigración do home).

Non podemos obviar o grande interese que puxo Vicente Risco por Galeguizar as escolas, por galeguizar o ensino. O seu Plan Pedagóxico para a galeguización das Escolas podemos consideralo a demostración máis plausible do sentimento de Risco por Galiza e ese sentimento, segundo se traduce do seu Plan, había que levalo ás escolas. Dicía dos escolantes:

O escolante ha de ser alma da escola. Mais para iso cómpre que o escolante teña espírito, que teña ideal. Cómpren escolantes imbuídos do Ideal de Raza e de Tradición da Terra. Para isto, o primeiro é que os escolantes que rexan as nosas escolas sexan galegos; o segundo que estudien e  amen a Galiza. 

Un espírito que chegou a sentirse en Bos Aires. Vicente recibiu unha carta da Unión Provincial Orensana  asinada por J. Sanchéz e o Secretario Xeral e datada no 3 de febreiro de 1934 na que se pedía a creación en Ourense dunha escola en galego e tamén se indicaba que as docentes ideais para o desempeño nesa escola eran as compoñentes do Grupo Feminino do Partido Galeguista. Así dicía a carta: 

Pensando sempre na abnegación e sacrificio da muller galega, permitímonos polo tanto insinuarvos que ningúen mellor que esa comisión de abnegadas e valentes patriotas que preside dona Celia Bouzas, da Peña Rey para poñerse ao fronte da propaganda e administración dun labor deste xeito.

Vicente Risco e Otero Pedrayo non ían ser quen de deixar de lado ás mestras para que exerceran un bo labor en favor da Terra. O papel desempeñado por estes dous grandes eruditos non ía quedar desaproveitado pois, por suposto, moitas mestras manifestaron o seu afecto por Galicia aínda desde postulados tradicionalistas, porque tamén é verdade que esa afección se facía sen atribucións políticas. 

Otero Pedrayo foi nomeado profesor do Instituto Xeral e Técnico de Ourense en abril de 1922 ocupando a Cátedra de Xeografía e Historia. Sería noemado director en febreiro de 1928, Cando chegou Otero ao instituto había 246 mulleres matriculadas facendo bacharelato, 75 de xeito oficial e 171 por libre. As que asistían ás clases de forma presencial terían oportunidade de contar como profesor a Otero Pedrayo e, sen dúbida, disfrutarían dos seus discursos impregnados de humanidade e sobre todo cultura. Un home que sempre apostou pola xuventude para que deran continuidade ao labor de culturización e amor á Terra. Durante a súa estancia no Instituto a matrícula feminina foi in crecendo e moitas destas bachilleras acabaron exercendo a docencia pois validaban os estudos e cursaban a maiores na Normal as materias: Nocións de Pedagoxía, Lexislación escolar; Labores e as Prácticas escolares. Non cabe dúbida que Otero Pedrayo, persoa de referencia en Ourense e recoñecido galeguista, deixaría pegada nas mentes do seus alumnado. O seu labor non pasaba desapercibido e centros de estudos da cidade, como o de Concepción Arenal, invitábano a dar conferencias de cultura, arte, xeografía e historia de Galicia para que os mozos e mozas da academia disfrutaran da súa sabiduría. Moitas mestras que se implicaron no galeguismo non se esqueceron das súas leccións. Dixo Rosa do Campo que cando Otero fora a Vigo a impartir unha conferencia ela achegouse  para saudalo polo respecto que lle infundía. Tamén Victoria Amor dixo que foi unha honra haber sido alumna del. É ben certo, Otero irradiabla moita familiaridade co seu alumnado, era, como dixo Vicente Risco, unha persoa austeira, modesta e chea de humildade. Tamén se di que era un home cun gran don da palabra, un home tan locuaz que os seus contertulios apenas  podían intervir.

Un home centrado en tres grandes amores: á súa nai, á súa muller e á Galiza. A sinxeleza levouno a querer ser enterrado co hábito de franciscano, nun sartego feito da madeira da árbore ("irmán") que plantara seu pai na finca de Trasalva, e coa bandeira galega no peito, posta polo seu benquerido amigo Xocas. 

Cando se lle tributou unha homenaxe en abril de 1956 no Instituto que hoxe leva o seu nome a redacción da prensa local dixo:

...Lo que mas me impresionó del homenaje rendido por la Universidad a Don Ramón, al cumplir sus setenta años, no fué ciertamente la solemnidad sin precedentes, ni la asistencia de los maestros de las cinco facultades, ni la de amigos de toda Galicia. Ni la emocionadas palabras del Decano de la Facultad doctor Moralejo Laso, cargadas de la más ejemplar humildad y sencillez, propia de un admirable hombre de Castilla -ni siquiera la magistral lección del maestro sobre la Primavera. Lo que más me impresionó mi alma, lo que más hirió las cuerdas de mi sensibilidad, fue el calor y la simpatía de la juventud universitaria, que llenaba el Paraninfo y los pasillos y se abría en doble fila para saludar a don Ramón. He visto llorar a más de una alumna de Otero Pedrayo. Lloraban todos -estoy seguro- por la pérdida del diario contacto con la doctrina, con la palabra cordial y la mano amiga; por lo que el maestro significa y significara siempre. Porque esos nuestros alumnos de hoy, que no gozaron de su magisterio, sienten ahora para siempre aquella misma limpia emoción....(4)

Isto significaba Ramón Otero Pedrayo, o que disfrutaba sendo mestre. O benquerido polos alumnos e alumnas. Un torrente de sinxeleza e proximidade. Inesquecible.

Vicente Risco foi nomeado profesor da Normal de Ourense en en 1916 tras opositar á cátedra de Historia da Normal. Foi un Mestre de Mestres, como dicían insignes galeguistas. O seu apremio era galeguizar a escola e para iso, os docentes, tiñan un papel relevante. En 1921 organizou na Normal unha conferencia de Rodríguez de Vicente destinada ás mocedades galeguistas que na súa maioría eran docentes ou normalistas. Dita conferencia foi presentada por Vicente Risco e segundo a prensa: "Fué la suya una conferencia de un enorme interés pedagógico y de una gran galanura de estilo dictada por un profundo amor a la Tierra Gallega, y por una elevada intención redentora (5). O seu afán de que os docentes coñecesen a súa terra, amaran a súa cultura, levábao a que encargase traballos de recollida de información de pobos e lugares ao seu alumnado, algún destes traballos está despositado na Fundación Vicente Risco.

Risco ocupou o cargo de director en 1934 e, tal como fixera Concepción Ramón Amat, tamén propiciou que a Normal continuase sendo un centro de referencia. Segundo lembran os seus antigos alumnos era un home que sendo miúdo tiña unha grande forza dialéctica. Dicían del que era un home de profundos e amplios saberes e destacaban "a súa oralidade e a súa agudeza...preocupado pola realidade viva do seu país". Desde logo, Risco logrou inculcar no alumnado ese afán por achegarse ás raíces de Galicia, o etnógrafo Laureano Prieto recoñeceu que fora o seu profesor Vicente Risco quen influíu na súa decisión de adicarse á etnografía.

Na homenaxe que se lle fixo cando Risco xa estaba cunha saúde moi delicada e ao que acudiron os seus amigos Eleuterio González Salgado, Bernardino Temes, Conde Corbal, Cárcamo, etc, o presidente do Centro Galego de Madrid, Faustino Veloso, dixo de Risco que"admira a Vicente Risco, maestro de maestros y formador de todos los formadores que había de influír tanto en la cultura..."(3)Fernández Barrera destacou o labor como mestre pois foi unha das tarefas máis importantes de cantas realizou . E cando finou Vicente Risco o 30 de abril de 1963, Celso Emilio Ferreiro dixo: 

"lo que me atrajo en él no fué su elocuencia...ni su simpatía...sino que fue una especie de halo luminoso que envolvía de pies a cabeza su figura desmedrada; una luz antigua que emanaba de su conversación, profunda y sencilla a un tiempo, un saber decir y explicar las cosas sin ofender con tanta sabiduría y conocimiento. Era un maestro...sobre todo porque nos enseñó una manera muy europea de ver a Galicia, y nos transmitió la forma más esencial de amar a nuestra tierra..." (6). 

Era Vicente un home máis comedido nas palabras, non era tan profusamente falador como Otero, mais transmitía fondamente.

Polo tanto, estamos a falar de dous catedráticos que formaron a un cuantioso número de mestras e mestres aos que lles transmitiron, dalgún xeito, o seu afecto e respecto por Galicia. En efecto, Otero, Risco e Cuevillas non cabe dúbida que conformaron un tridente en defensa da cultura galega. Eles foron o núcleo fundamental da Xeración Nós, que supuxo un dos movementos culturais máis sobresalientes do momento (superando incluso a movementos xurdidos noutros territorios estatais) e que sería o complemento idóneo para a reivindicación nacionalista do Partido Galeguista. Xunto a estes insignes temos que destacar outros profesores de mestres e mestras da provincia como foron Ángel Martínez Doval que era o presidente da Irmandade Galeguista de Ourense e que en 1932 ocupou o cargo de Vicepresidente do Partido Galeguista ourensán. Era un home preocupado pola “desgaleguización de Galicia”; Eleuterio González Salgado, militante do Partido Nacionalista Republicano, concelleiro e deputado provincial. Era un home de carácter fogoso e proverbial que nos mitins propagaba a defensa dunha Galicia libre e autónoma e afirmaba que a muller galega tiña un gran influxo para o destino da “nova Galicia”; Mercedes Randulfe, a muller de Angel que compartía con el as inquedanzas galegas. Tamén Ferro Couselo, profesor do Instituto ourensán e amante da historia de Galicia. Logo estarían os que sen haber sido profesores directos si exerceron unha grande influencia na cidade como integrantes do grupo Nós como foron Cuevillas, Losada Diéguez, Xocas...intelectuais que foron considerados respetables figuras. Intelectuais que tertuleaban nos cafés ourensás. Daquela, non moitos, segundo Xabier Castro, habería na cidade sete cafes (Miño, Royalti, Unión, Suízo, Roma...), tres bares e dazaoito tabernas. Risco tiña predilección polo Café de la Peña que estaba situado na Praza do Ferro, quen sabe se foi aí onde se comezaría a falar da Revista Nós. 

Toda esta pléiade de persoeiros deixarían unha fonda pegada no maxisterio ourensán, mestres e mestras que se vincularon ao galeguismo. Así memo, foron maiormente mestras as que se animaron a crear o Grupo Feminino do PG e das Mocedades galeguistas, as mesmas que homenaxearon a Filomena Dato. Tamén foron mestras as que escribiron en galego na Revista Nós animadas por Vicente Risco, estamos a referirnos a María Sánchez Fernández; Dolores Fernández Quintáns; Carmen Somoza Pato; Purificación González Feijóo e Josefa Rodríguez Paradela. Tamén eran mestras as que escribiron en A Nosa Terra como Mercedes do Campo, Rosa do Campo, Felisa Morais, Olimpia Varela, mestras...

A Xeración Nós supuxo un dos movementos culturais máis salientables do século XX de todo o territorio nacional, pola riqueza e diversidade dos seus integrantes e pola concreción do desexo de conformar unha conciencia galega. Nós, ourensanistas, temos o orgullo de poder dicir que foi aquí onde naceu, da man de tres grandes: Risco, Otero e Cuevillas. Ourense, unha cidade pequena pero de grande intelectualidade. 

Vai na honra de Ramón Otero Pedrayo e de Vicente Risco. O seu legado con NÓS.

Entrada de elaboración propia. (1) Sobre a incorporación das mulleres ourensás aos estudos de Maxisterio remito á miña investigación Muller e educación en Ourense (1900-1930). Capítulo VII. Tese de Doutoramento, edición CD, Universidade de Vigo, 2006. (2) Florentino López Cuevillas, La Región, 2 de xuño de 1943, pp. 1 e 3. (3) "Homenaje de Galicia a Vicente Risco", El Pueblo Gallego, 11 de xaneiro de 1963, p. 1-4; (4) "El homenaje en el Instituto de Orense a Don Ramón Otero Pedrayo", La Noche, 26 de abril de 1956, p. 2 e 4. (5) "La Conferencia del Señor Rodríguez de Vicente", La Región, 4 de febreiro de 1921, p. 2; (6)"Ha muerto Vicente Risco", El Pueblo Gallego, 1 de maio de 1963, p. 1-4.