Etiquetas

30 octubre 2009

CONCEPCIÓN RAMÓN AMAT

(Información que se integrará proximamente nunha publicación)

Naceu en Tarragona en 1895 e faleceu en Ourense en 1991.

Ingresou en 1915 na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio de Madrid. Rematados estes e co título superior foi nomeada, en 1920, profesora numeraria de Labores e Economía Doméstica da Normal de Ourense onde tamén impartiría as materias de Pedagoxía e Psicoloxía e Traballos Manuais. Ocupou o cargo de secretaria en 1925 cando era directora Leonor Pardo, despois, en 1928, pasou a ser directora da Normal de Mestras de Ourense de xeito accidental e xa titular en 1932 por Orden Ministerial o 9 de maio de 1932. No ano 1934 presentouse á reeleción da dirección formando a terna con Vicente Risco e Sara Leirós pero non foi reelexida pasando Vicente Risco a ser director. O 7 de xuño de 1934 fíxolle o alumando e o claustro da Normal unha homenaxe eloxiando o seu labor na que lle entregaron un gran ramo de flores. En 1942 ocuparía de novo o cargo de directora accidental da Normal feminina pasando despois a ser oficial e manterse no cargo ata 1964 sendo o seu homólogo da masculina Vicente Risco. Xa no ano 1964 Concepción pasou a ser directora en funcións dos dous centros, o masculino e o feminino.

(Foto da Normal de Mestras a partir de 1926 cando xa se lle ampliara o terceiro piso)

No ano 1950 estivo un tempo convaleciente e ao recuperarse as alumnas da Escola Normal fixeron unha misa de acción de gracias 

Estaba casada con Manuel Maceda, xefe de inspección por aquela época, e tiveron tres fillos chamados Manuel Maceda Ramón, que se fixo ondontólogo; Carlos Maceda que era Axudante de Obras Públicas e Antonio Maceda. 

O matrimonio desenvolveu un proxecto de colaboración entre as dúas institucións (inspección e Normal) coa finalidade de construír un proxecto serio de formación do profesorado pois a política educativa republicana confiáralles a dirección do proxecto "Novo Mestre". Inspección e Escola Normal asumiron a organización de cursos, encontros e semanas pedagóxicas de perfeccionamento do profesorado e de extensión cultural que era denominado "en pro de la cultura". Sendo ela cargo directivo como secretaria e logo como directora levou a cabo a organización de cursos, non só para os normalistas senón tamén para a sociedade en xeral, cursos que tiñan diversas temáticas e na que se incluían os idiomas sendo Concepción a que impartía Inglés. Invitaba a persoas relevantes para que impartisen conferencias no centro, entre eles, a Lino Porto, o director da institución "Gota de Leche". Tamén levou a cabo excursións co alumnado da Normal como a que organizou a Chaves na que foron parando en diferentes vilas de interese patrimonial. Toda esta intensa actividade deu lugar a que a Normal se convertese nunha referencia cultural para a cidade.

Concepción Ramón era unha muller comprometida coa cidade ourensá pois contribuía dando donativos para a festa dos Maios, para o vusto de Marcelo Macías, apoiando a concesión da gran Cruz da Orde de Alfonso X a Otero Pedrayo, presidindo os actos de reparto do roupero escolar, participando nas Xuntas de Protección da infancia, formando parte do Seminario de Estudios Gallegos....

Tiña uns criterios educativos de grande fundamento e eran moi habituais as súas disertacións sobre asuntos da ensinanza e métodos didácticos que provocaban admiración nos oíntes. Destacaban dela o seu maxistral dominio do léxico sinxelo e a súa vasta cultura. Como muller tradicional e propia dunha época no que o Réxime avogaba por un perfil de muller conservador, defendía a necesidade de educar á muller para a vida do fogar pensando en que ela ía ter que gobernar a casa, tratando de facer feliz á familia. Falaba de que nas escolas de nenas había que explicar as ciencias do fogar e labores artísticas. Malia este concepto tan conservador primaba a defensa de que era necesario que a muller adquirise unha cultura.

Noutra charla disertou sobre o Sincretismo e a Educación, un tema de grande complexidade pero que expuxo con claridade meridiana. Dixo "hai que ver o que hai que ensinar e como hai que ensinar. O primeiro dá lugar aos programas e o segundo á metodoloxía". Dicía que ata entón déraselle máis importancia aos programas e non a como impartir as clases. Explicou que o neno ten unha visión conxunta das cousas, por iso había que amosar aos nenos o conxunto total das cousas e non de xeito esquemático ou parcial, é dicir, ao seu entender había que facer uso da metodoloxía global. Indicaba que un exemplo de aplicación deste método global está na ensinanza dos idiomas. Falaba de que este método fora impulsado e defendido por Decroly e seguindo ao pedagogo, Concepción defendía que a ensinanza dos nenos debía presentarse baixo unha visión de conxunto e non dividirse en materias extrañas ou en compartimentos apartados.

Pero Concepción Ramón tamén participou nas actividades organizadas o 14 de febreiro de 1934 polas Mocedades Galeguistas de Ourense, concretamente na conferencia que esta agrupación dedicou a Decroly. Aínda que ela non interveu si foi recibida con grande ovación.

En 1958 enviuvou pois o 1 de xuño dese ano faleceu Manuel Maceda sendo unha perda moi sentida na cidade. Pero Concepción continuou coa súa actividade intensa de clases, organizadora de actividades,sendo membro en numerosos tribunais de cursillos e oposicións...ata que se xubilou en xuño de 1965.


(Fonte: La Zarpa, 18 de febreiro de 1934, p. 4)

(Sinatura de Concepción Ramón Amat)

Vid: El Compostelano, 5 de agosto de 1920; La Región , 17 de maio 1932; "Cursillo de Orientación Pedagógica de la Asociación C.de M. Españoles", La Región, 21 de abril de 1938, p. 1; El Pueblo gallego, 11 de novembro de 1932; La Zarpa, 18 de febreiro de 1934; El Pueblo Gallego, 8 de xuño de 1934; Cid Fernández, J.M., Educación e ideoloxía en Ourense na II República. Organización e acción socioeducativa do Maxisterio primario, Santiago, 1989, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, pp.53-54.
Concepción Ramón Amat Album de Mulleres