Etiquetas

17 julio 2022

GASPARA FELISA PEDREIRA DEIBE

Naceu 7 de outubro de 1906 en Cuenca pois seu pai, Leopoldo Pedreira, estivo exercendo de profesor nesa provincia durante un tempo pero despois a familia regresou a Galicia e asentáronse en A Coruña. 
Gaspara, sendo mestra veu exercer na nosa provincia onde sería, lamentablemente, depurada na ditadura. Era filla, como digo, de Leopoldo Pedrerira Taibo, catedrático do Instituto Xeral e Tecnico de A Coruña, e de Luciana Deibe. Os seus irmáns eran Manuel, Felipe, Eugenio e Sara. Era cuñada de Araceli Ancoechea Roldán.

O pai de Gaspara, Leopoldo Pedreira, era Licenciado de Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid e exerceu de profesor en varias provincias de España ata que en 1907 veu para a Coruña. Era un home entregado ás letras e á cultura. Colaborou en varios xornais galegos e foi membro da Real Academia Galega.

Destacamos dos irmás de Gaspara a Felipe que era profesor de Xeografía na Normal de Ourense, Manuel  era profesor auxiliar de Xeografía nun Instituto de Madrid e en 1925 presentouse ás cátedras de Xeografía no Instituto de Pontevedra. En canto a Sara e Eugenio tamén fixeron a carreira de maxisterio.

Felipe Pedreira, ademais de profesor na Normal de Ourense, foi concelleiro no Concello durante a Ditadura de Primo de Rivera. En 1932 solicitou traslado a Lugo pero regresaría a Ourense en 1949 para volver a exercer na Normal de Ourense. Estaba casado con Araceli Anochea Roldán.

Gaspara acadou o título en 1928 e foi de interina á escola de Capela ata que veu destinada á escola de Veigamuíños, no Barco de Valdeorras. No proceso de depuración de mestres e mestras, Gaspara foi sancionada o 24 de abril de 1940 coa separación definitiva do servizo e baixa no escalafón. Dito castigo está a dicirnos que a acusaron de comunista e o que ela verdadeiramente reivindicou sempre foi a igualdade na educación e a mellora da educación das nenas dos pobos co aumento do número de escolas.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes). 

Vid: El Compostelano,1928 novembro 5; 1928 outubro 24; 1922 setembro 12; 1928 decembro 24; La Región, 8 de maio de 1940, p. 4; Instrucción Pública, y Bellas Artes, Primer escalafón de Maestras de escuelas nacionales existentes en el 31 de diciembre de 1933; Madrid, 1934, p. 23; Magisterio; Wikipedia Leopoldo Pedreira e Felipe Pedreira.