Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Relixiosa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Relixiosa. Mostrar todas las entradas

04 noviembre 2013

ABADESAS DE TRIVES

O mosteiro de San Salvador de Sobrado de Trives aparece ben documentado como centro dirixido exclusivamente por mulleres a partir de 1175. Dende aquela e até comezos do século XVI, sucedéronse no cargo diversas abadesas –a maioría elixidas entre as relixiosas do propio cenobio e algunhas tras desempeñar o cargo de prioresas– que levaron a cabo un conxunto de actuacións que lle permitiron á comunidade afianzarse sobre a súa contorna, trazando unha ampla e complexa rede de relacións socioeconómicas e de poder.
Máis alá da vida no claustro e das prácticas relixiosas ás que as obrigaba a elección ou a imposición por parte das súas familias do ingreso no mosteiro, as abadesas tiveron unha ampla proxección pública ao converterse nas reitoras do conxunto de monxas –entre 18 e 6 segundo as épocas– que residían nas dependencias monásticas. Consecuentemente, eran as encargadas de velar polo benestar espiritual e material daquelas. Iso esixíalles, en primeiro lugar, actuar conforme á súa condición relixiosa para servir de modelo de perfección ao conxunto da comunidade e dos fieis. De feito, parece que as abadesas de Trives mantiveron unha disciplina rigorosa, non recibindo acusacións de libertinaxe similares ás dirixidas, no contexto da reforma dos mosteiros femininos galegos de finais da Idade Media, contra dona Constanza Vázquez de Somoza, abadesa de San Xillao de Lobios, da que se dicía que era manceba pública de clérigos e leigos, que tiña fillos e que consentía comportamentos similares ás monxas do mosteiro. 
Ademais de ser un referente espiritual –o que derivou na concesión de diversas doazóns e mandas testamentarias de particulares a favor do mosteiro–, as abadesas de Trives convertéronse en señoras de terras e vasalos, en definitiva, en auténticas señoras feudais. Gran parte da documentación conservada sobre elas é de carácter económico e responde á realización de aforamentos, compravendas ou permutas, é dicir, actos xurídicos que revelan o interese e capacidade de actuación destas mulleres en prol da obtención dunha serie de propiedades coas que conformar e asentar o dominio monástico, así como a vontade de procurar as rendas necesarias para o sustento material da comunidade. Especial dinamismo mostra nese sentido o século XIII, cando os foros, que constitúen a metade da documentación conservada para ese período, permiten ver a cesión do dominio útil das propiedades monásticas a diversos particulares –fosen homes, mulleres ou parellas– a cambio dunha serie de rendas –segundo o momento e os casos podían ser en especie ou en diñeiro– que se vían acompañadas moitas veces polo recoñecemento do vínculo de vasalaxe e a obriga de coidar ou incluso reparar os bens aforados. Habitualmente eran contratos de longa duración, por varias voces ou amigos, que afectaban a viñas, montes e sobre todo a casais, que podían aforarse completos ou só partes deles debido á reiterada fragmentación que experimentaba a propiedade ante as divisións hereditarias. As abadesas, e noutros casos as prioresas ou outras monxas, podían actuar per se ou a través de procuradores ou procuradoras e as súas xestións, tanto no relativo ás propiedades persoais como ás comunitarias, parece que non foron desacertadas. De feito, mentres a crise baixomedieval se viu incrementada en moitos mosteiros femininos polos abusos dos encomendeiros e as malas actuacións das súas superioras, as abadesas de Sobrado do século XV, ademais de lonxevas, souberon loitar contra as dificultades a través de diferentes medidas que lles permitiron manter unha economía monástica suficientemente saneada. 

A procedencia aristocrática dalgunhas abadesas de Trives contribúe a explicar en parte a súa capacidade de influencia sobre os diferentes axentes sociais cos que o mosteiro estableceu relacións. Precisamente, diversas abadesas actuaron acompañadas polos seus familiares en actos xurídicos relacionados co mosteiro, sobre todo nos primeiros tempos e até ben avanzado o século XIII. Foi o caso de María Sánchez, quen en 1189 declaraba actuar nun foro cum omnibus parentibus meis; o de dona Teresa Fernández, emparentada con don Rodrigo Fernández, tenente de Trives e Caldelas, que en 1233 actuou cum toto convento et cum clericis et cum militibus; ou tamén o de dona Marina Rodríguez, quen outorgou un foro en 1264 en sembra con meu sobrino Fernan Martinez, cavaleyro. Outra abadesa de procedencia aristocrática foi dona María Vázquez, filla de Xoán Afonso de Sanabria e de dona Beatriz de Sober. Antes de ser abadesa de Trives fora freira no mosteiro lucense de Santa María a Nova, ao que doou en 1389 os bens que tiña na terra de Lemos por herdanza da súa nai e dos seus irmáns. Grazas á súa xestión e ás doazóns de diversos membros da nobreza, pasou ao mosteiro de Sobrado o couto de Paredes, o que amosa a importancia das relacións establecidas entre a aristocracia e os mosteiros rexidos por mulleres. Esta mesma abadesa aforoulle a Álvaro Fernández, clérigo, sobriño seu e criado do mosteiro, diversos bens, ao igual que a súa predecesora lle doara, en 1382, un conxunto de propiedades á súa sobriña Inés López, filla de Lopo Rodríguez de Lor.
O mantemento das relacións familiares ao longo da vida das relixiosas constátase de forma especial nos testamentos conservados, caso do da abadesa dona Urraca Pérez, quen, en 1280, pediu a Gonçalvo Yanes de Rovreda, meu parente et meu amigo, que amparase e defendese o mosteiro. Esta mesma abadesa legoulle á súa compañeira touquinegra María Iohanis a súa colcha cardea (…), mias contas e a mi maiastade que trouxera de San Xoán da Cova, o que confirma non só a mobilidade das relixiosas dunha institución a outra, senón tamén a creación de fortes lazos de amizade entre as freiras. Ademais, dona Urraca tamén deixou uns bens para Maria Perez, mia hermaa touquinegra de San Fiz. Daquela, comprobamos que o ingreso en relixión supuña a reordenación das relacións sociais das mulleres chamadas a converterse nun futuro en abadesas, mais, dende logo, non implicaba de ningún xeito o seu illamento do mundo. 

De todos os modos, as relacións sociais das abadesas non se limitaron nin aos seus familiares nin ao conxunto de relixiosas da comunidade. Na documentación de Sobrado de Trives é habitual a asociación das monxas cun amplo número de clérigos que, ben actuando en nome do mosteiro ou ben confirmando os documentos das freiras, tiveron un papel esencial na proxección exterior do poder das abadesas. Noutros casos os documentos aparecen outorgados por estas non só co acordo do resto das relixiosas senón tamén de omnis clericis meis, o que revela un papel esencial destes homes na vida monástica. Supeditados ás abadesas, os clérigos responsabilizáronse da cura de almas das igrexas pertencentes ao mosteiro, ademais de actuar ás veces como notarios ou procuradores, contribuíndo á xestión do patrimonio monástico. Ao mesmo tempo, semella que algunhas abadesas tiveron capeláns e mordomos propios, do mesmo xeito que baixo a súa dependencia traballaban diversos servidores do mosteiro, tanto homes coma mulleres. Eran os mançebos e mançebas, os omes da abadesa ou os encargados de traballos especializados.
A proxección social das abadesas de Sobrado sobre a contorna viuse fortalecida de forma especial grazas á concesión do couto xurisdicional en 1228 por parte do rei Afonso IX, confirmado posteriormente por Sancho IV e Xoán I. O favor rexio permitiulles obter o poder político sobre un espazo perfectamente delimitado, no que pasaron a exercer competencias señoriais. Nese labor e no desexo de facer valer os seus dereitos, destacou a abadesa dona Sancha Rodríguez, ao non dubidar en preitear ante a xustiza e ante o rei contra os veciños de Pareisás e tamén contra o concello da Pobra de Trives, cando trataron de cuestionar os seus dereitos e privilexios, ademais de invadir o couto monástico a finais do século XIII. Así mesmo, nos tempos desta abadesa realizouse unha expresiva carta de vasalaxe, concretamente en 1287, pola que omes e mulleres, todos foreiros de Sobrado, prometemos e outorgamos de ser boos vasalos e leaes e obidientes ao moesteyro(…) e abadessa a cambio de recibir o amparo e a defensa de dona Sancha e do resto das relixiosas. 

O conxunto de relacións económicas, sociais, relixiosas e políticas que trazaron as abadesas de Trives explica o funcionamento do mosteiro ao longo da Idade Media e tamén un dos últimos episodios vividos no cenobio antes de perder a súa independencia. No contexto da reforma monástica promovida polos Reis Católicos, houbo unha ampla oposición das relixiosas a aceptar a orde de que todas as monxas bieitas de Galicia se reunisen no mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares. Entre elas destacou a abadesa de Sobrado de Trives, quen se encastelou no mosteiro en 1499, impedindo a visita do reformador frei Rodrigo de Valencia a causa de mucha gente armada que en dicho monasterio estaba a favor de la abadesa. Dona Inés García de Lousada, documentada como abadesa até 1504 aproximadamente, era apoiada polos seus. Sen dúbida, as relacións tecidas ao longo dos séculos polas súas predecesoras son as que permiten comprender o ascendente que tiñan as abadesas de Trives sobre as xentes da contorna, así como o apoio recibido na súa resistencia á reforma. Nese sentido, dona Inés de Quiroga, a última abadesa de Sobrado, continuou coa rebeldía da súa homónima e decidiu preitear ante Roma, conseguiu manterse á cabeza do mosteiro até que, en 1528, chegou a un acordo polo que renunciou ao seu cargo a cambio de quedar en Trives en descargo de su conciencia cunha renda vitalicia de 15 000 marabedís anuais, como se establecera nun acordo inicial en 1514.
En síntese, as abadesas do mosteiro feminino de San Salvador de Sobrado de Trives, entre as que atopamos a María Sánchez, María Martínez, Teresa Fernández, Marina Rodríguez, Urraca Pérez, Sancha Rodríguez, Maior Arias, Maior Pérez, Elvira Fernández, Aldonza Pérez, Constanza Pérez, María Vázquez de Sanabria, María Sánchez, Inés García de Lousada e Inés de Quiroga, foron mulleres que exerceron o poder público, económico, social e espiritual ao longo da Idade Media. Grazas ás amplas redes que foron tecendo ao seu redor dende o punto de vista individual e institucional, lograron unha ampla proxección sobre as xentes e os espazos da contorna, o que lles permitiu afianzar progresivamente o seu poder, autoridade e influencia sobre a sociedade medieval. 

Autor/a da biobibliografía: Miguel García-Fernández
Vid: Cultura galega

02 mayo 2012

AS MONXAS DE RAMIRÁS

Silvia Viso Pérez fai unha entrada no blog de Cultura Galega. Album de Mulleres moi interesante sobre o mosteiro feminino de san Pedro en Ramirás e de como este foi un dos núcleos poderosos durante a Idade Media.

Indica que a época máis esplendorosa do mosteiro de San Pedro de Ramirás sitúana os expertos no século XIII e desde aquí iníciase unha curva descendente no número de monxas que culminará a finais do século XV coa adhesión do mosteiro ao compostelán de San Paio de Antealtares.
Os datos históricos apuntan a que se trataría dunha entidade relixiosa que funcionaba desde principios do século XII de acordo cos preceptos da orde de San Bieito cun importante patrimonio constituído por bens e rendas procedentes de herdanzas, doazóns, adquisicións ou permutas. Arredor dela, un contorno puramente campesiño de veciños centrados nas tarefas da terra. E malia este carácter eminentemente rural do mosteiro e da competencia poderosa do veciño mosteiro de Celanova, as monxas de San Pedro de Ramirás lograron manter a súa comunidade relixiosa como unha das de maior importancia no contexto galego.

A través da acumulación patrimonial, de propiedades e de rendas, o esplendor do mosteiro de Ramirás radicou en que estas mulleres foron protagonistas na dinamización da economía nos mercados da zona, situados nas sedes urbanas de Ribadavia e Milmanda, o que contribuíu, así mesmo, a un aumento notable da poboación. Neste contexto creouse un ciclo de arrendamentos por medio de foros e a xurisdición sobre unha serie de parroquias do contorno sobre as que posuía os dereitos de representación.
Á fronte da xestión deste patrimonio, coa capacidade mesma de nomear notarios, están as abadesas, que preitean contra quen atenta contra os seus dereitos ao tempo que dirixen espiritualmente o resto da comunidade feminina. A súa supremacía, con carácter vitalicio, na orde xerárquica e o seu papel de representantes do mosteiro ante os poderes da zona fan que os seus nomes estean moi presentes nos documentos xurídicos. É así como desde o século XII ao XV sabemos do liderado de mulleres como Urraca Pérez, Teresa Fernández, María Fernández, María Fernández II, María Fernández III, María Fernández IV, Teresa Suárez, Sancha Pérez, Guiomar Méndez, Elvira Gómez, Beatriz Álvarez e María de Limia.
No ingreso das mulleres nos conventos medievais tiña moito que ver o feito de non contar con dote dabondo para poder casar. Con todo, este dote si que podía ser suficiente para incorporarse á vida conventual, e isto leva a interpretar que mosteiros como o de San Pedro de Ramirás estarían habitados fundamentalmente por freiras de condición social acomodada e poucas veces por mulleres procedentes das clases baixas, sen patrimonio e, polo tanto, sen posibilidade de matrimonio nin de ser monxas ou, como sinala Pallarés Fernández, «condenadas á marxinalidade».

O 20 de decembro de 1949 chegan dende Allariz a San Pedro de Ramirás oito monxas clarisas para se instalaren nunha modesta construción anexa á igrexa. Coa madre Josefa á fronte, quen será a primeira abadesa, chegan a madre Carmen, sor Antonia María, sor María Inés, sor María Trinidad, dúas postulantes e, tal e como o relato revelador anunciara, tamén a madre Margarita, que tras a morte da madre Josefa se convertería en abadesa. Con posterioridade, a comunidade iría aumentando ata chegar por momentos á cifra de 22 monxas, sempre ataviadas coas súas túnicas franciscanas suxeitas con cordóns de tres nós que representan a pobreza, a obediencia e a castidade.

En 1959 as clarisas de Ramirás abrirían un colexio para nenas que chegou a contar cunha vintena de alumnas, pero que pecharía ao optar o capítulo conventual por se adscribir á Clausura Papal, que, a diferenza da Clausura Constitucional, levaba consigo un recollemento máis ríxido, de vida integramente contemplativa, e un compromiso máis firme co silencio e coa soidade que excluía o labor de apostolado. Así, pois, todo contacto co exterior quedaba limitado aos movementos xiratorios da armazón manexada pola torneira (o torno).

A xornada das clarisas de Ramirás discorría de seis da mañá a once da noite, período de tempo en que as distintas oracións do oficio divino, desde matinas a completas, alternaban con períodos de meditación e con outros de descanso, pero tamén co traballo a través dunha distribución de labores perfectamente delimitada. O cultivo da horta, a cría de animais, a elaboración de doces ou a costura son algunhas das tarefas que ocupaban o tempo das monxas; de feito, desde San Pedro de Ramirás atendíanse pedidos de tecidos para os veciños e mesmo para talleres téxtiles de Ourense e da Coruña. Pero era o silencio o que se respectaba nos conventos das clarisas: no momento do traballo, no refectorio á hora de xantar mentres unha irmá lía a Sagrada Escritura, nos paseos... Velaquí o clima propicio para a oración e a contemplación.

Corría 1993 e xa as vocacións minguaran dun xeito moi notable cando as clarisas de San Pedro de Ramirás se ven obrigadas a abandonar o convento. Arestora sostén unha residencia de anciáns.

Autor/a da biobibliografía: Silvia Viso Pérez en http://www.culturagalega.org/


21 abril 2012

ANTONIA CONDE NIETO

Coñecida como Madre Salud. Naceu en Ourense, onde realiza os estudos para completalos logo en Madrid. En 1956 marchou a México e instalouse primeiro na Colonia Cuahtémoc como encargada da comunidade relixiosa e do Kinder Conchita. Iniciou a fundación do colexio Miraflores e entreou a súa vida á educación e ao ben dos demais. A relixiosa fundou no país azteca varios centros escolares, entre os que destacacan, ademais do mencionado Miraflores, os colexios Cuernavaca e Toluca, no Estado de México. conde nieto desempeñou ademais cargo de asesora no Colexio Reina Madre e no Carme Salles School e foi presidenta do Comité de Colexios particulares. Cando ocupaba este cargo, negociou co goberno mexicano para acadar melloras na educación. Tamén traballou en varios grupos de alfabetización e fundou obras sociais como colexios gratuítos: Anxelo Matute Vidal onde actualmente estudan 70 nenos.
Vid: Gran Enciclopedia Galega. Apéndices 2005-2010, vol. 37 p. 28.

20 febrero 2011

SOR RAMONA CAO FERNÁNDEZ

Naceu en Fontey- Rúa de Valdeorras (Ourense), o 11 de setembro de 1883. Ingresou na Compañía Hijas de la Caridad o 11 de xaneiro de 1901. O seu destino como enfermeira foron o Hospital de mulleres Incurables de Madrid, o Hospitagl militar de Sevilla e finalmente o Sanatorio antituberculoso "O Neveral" de Xaén. Destacou polo seu celo apostólico, a súa compaixón e sensibilidade ante a dor dos pobres enfermos, a súa piedade e a súa devoción ao Señor crucificado. Morreu aos 53 anos, tamén como a súa compañeira de martirio, por levar o rosario de Filla da Caridade escondido baixo o seu vestido de enfermeira. Martirio.- Expulsadas do sanatorio do Neveral, foron detidas e calumniadas de roubo en Xaén. Ao ser xulgadas non se puido probar a acusación e foron postas en liberdade, pero non atoparon lugar de refuxio naquela cidade e víronse obrigadas a trasladarse a Madrid nun tren cheo de presos políticos. A pesar de sentir medo, antes de renegar da súa fe, subiron ao tren en Alcázar de San Juan, no medio de insultos e un tumulto feroz. Ían vestidas de enfermeiras da Cruz Vermella pero conservaron o seu rosario de Fillas da Caridade debaixo do uniforme de enfermeiras. Este feito identificounas como Fillas da Caridade e foi a razón do seu martirio na matanza do chamado primeiro tren da morte. Ao ser sacadas do tren foron arrastradas polo chan, insultadas e finalmente fusiladas pola súa condición relixiosa no Pozo do Tío Raimundo, o 12 de agosto de 1936. Esta referencia aportouna Gustavo Docampo dende O Barco Vid: http://www.vincenziani.com/cortesbueno.htm

Nun Congreso Virtual sobre Historia de las Mujeres, Don Jesús Medrazo Pérez, expón, de xeito detallado, o labor das Hermanas de la Caridad entre as que cita a Sor Ramona Cao. Farei aquí un pequeno resumo:
Ramona estaba decidida a ser Filla da Caridade e cos seus 17 anos solicitou o ingreso na Compañía, sendo recibida por Sor Cayetana da Sota, Visitadora Provincial. Enviárona como postulante para facer a proba ao
Hospital da venerable Orde Terceira Franciscana, situado xunto á Igrexa de San Francisco o Grande en Madrid. Os superiores asignaron a Ramona Cao un hospital pequeno, pobre, con estilo familiar e próximo para a relación cos enfermos, porque ela tiña experiencia doutro hospital pequeno de Astorga. Superados o tres meses de proba ou postulado, ingresou no seminario e quedou inscrita na Compañía das Fillas da Caridade o 11 de xaneiro de 1901.
Aproveitou moi ben o seu tempo de formación no seminario e adquiríu coa axuda da súa Directora Sor Cecilia Álvaro e das súas colaboradoras entre as que estaba Sor Xusta Domínguez, a espiritualidade vicenciana propia dunha Filla da Caridade.
Cumprido o tempo do seminario, Sor Ramona Cao foi destinada polos superiores ao Asilo Hospital de Jesús Nazareno en Madrid, rúa Amaniel, nº 11, para mulleres incurables. Era o mes de xullo de 1901. Foi o primeiro Hospital atendido polas Fillas da Caridade en Madrid, e do que se fixeron cargo en 1816. Esta fundación realizouse por expreso desexo do Sr. Patriarca das Indias e do Arcebispo de Toledo, cando Madrid aínda pertencía á diocese de Toledo. Alí preparouse con esmero a ratificar e selar a súa entrega a Deus para o servizo dos pobres polos votos. O día 2 de febreiro do ano 1906, festa da Purificación e Ntro. Señora, emitiunos por primeira vez na capela da Casa Central da rúa Jesús, moi cedo , tal como entón era uso da comunidade e, ano tras ano, renovounos até a súa morte en 1936.
De Madrid pasou destinada á comunidade do Hospital Militar de Sevilla en 1922, motivado pola apremiante necesidade de Irmás enfermeiras para atender aos soldados feridos na guerra con Marrocos, entre 1909 e 1927, na que estaban implicadas as cidades de Ceuta e Melilla. En 1921, o desastre foi total. O xeneral Fernández Silvestre, á fronte das tropas españolas, perdeu a vida e pereceron máis de oito mil soldados no derrubamento da liña española de penetración. Outros moitos quedaron feridos con necesidade urxente de atención sanitaria.Unha Real Orde do 19 de decembro de 1921 dispuxo que en todos os hospitais militares da península, Baleares e Canarias, se establecese o servizo das Fillas da Caridade. A Raíña insistiu en pedir Irmás para todos os hospitais militares do Reino. O Sr. Olaguer Feliz, ministro de Guerra, ordenou o establecemento dunha Escola de enfermeiras para preparar a todas as Irmás. Unha Real Orde de 20 de maio de 1922 dispuña que se crease no Hospital Militar de Carabanchel, con carácter permanente, unha Escola de enfermeiras para todas as damas que prestaban os seus servizos nos hospitais militares Os estudos habían de ser segundo o Regulamento Programa da enfermeira de San Vicente de Paúl, aprobado por Real Orde de 24 de xuño de 1922. Sor Ramona obtivo o seu título oficial de enfermeira primeiro e practicante despois, xa en Sevilla, dentro deste movemento de promoción de todos os Hospitais Militares.
O seu último destino en 1935 foi o sanatorio antituberculoso do Neveral en Xaén, ao comezo da fundación. A comunidade estaba formada por Sor Benvida Fermoso de Mendoza, como Irmá Servente, sor Joaquina
Ramírez López, Sor Juana López e Sor Ramona Cao. Provisionalmente, para axudarlles, xa que coñecía ben o ambiente de Xaén, estaba con elas Sor Basilia Arco da comunidade do Hospicio de mulleres de Santa Teresa de Xaén. A aceptación do seu destino ao Neveral en Xaén no ano 1935, como acto de obediencia, era custoso para ela e para os seus. A súa nai mostrouse moi preocupada. Xa destinada en Xaén, escríbelles desde O Neveral unhas breves liñas, nun cartón postal, resposta á angustia e preocupación que manifestaban os seus nas súas cartas. Naquela época os sanatorios antituberculosos non os quería ninguén, xa que os que padecían a tuberculose eran como persoas apestadas, con moito contaxio. As Irmás alí vivían illadas, sen máis medio de comunicación que un camiño forestal de terra. Polo pouco tempo que levaban, polo illamento e por tratarse de enfermos de fóra, as Irmás non coñecían a ninguén en Xaén que as recibise nas súas casas.
Esta seguridade de gozar como don de Deus as grazas e forzas necesarias nas probas, acompañouna até a morte, sufrida o 12 de agosto de 1936, cando tiña 52 anos de idade e 35 de vocación. A expulsión da comunidade obedecía a unha decisión da Fronte Popular que estaba instalado no palacio episcopal. A últimos de xullo de 1936, a superiora do sanatorio de O Neveral de Xaén, Sor Benvida Fermoso de Mendoza e Osés, baixou á cidade a preparar o refuxio das Irmás prevendo a próxima expulsión. Dúas Hermanas trasladáronse á comunidade da Gota de Leite, situada nos sotos do edificio da Deputación Provincial e as outras dúas, Sor Ramona e Sor Juana, baixaron ao día seguinte custodiadas por dous policías porque, segundo lles dixeron, estaban acusadas de subtraer cubertos de prata e algunhas pezas de tea do sanatorio. Os dous policías rexistraron as maletas e convencéronse da falsidade da calumnia. Alí, na Cociña
Económica, tampouco podían estar, xa que a casa fora incautada polos milicianos da Fronte Popular.
As 72 Hermanas de Xaén foron expulsadas e quedaron todas as comunidades disoltas. Algunhas puideron escapar buscando refuxio en Almería, Valencia, Barcelona ou outras cidades e pobos de España. Outra, Sor Pilar Canteiro Galego, moza que aínda non emitira os votos, non puido saír de Xaén e tivo que buscar até sete refuxios diferentes, e finalmente colocarse como servente doméstica para salvar a súa vida.

Vid: MEDRANO PÉREZ, Jesús, Las Hijas de la Caridad en Jaén. Dos historias de vida y martirio, en IªCongreso Virtual de Historia de las Mujeres, http://www.revistacodice.es/publi_virtuales/i_con_h_mujeres/documentos/comunicaciones/comuMedrano.pdf

08 diciembre 2010

SOR DORINDA SOTELO RODRÍGUEZ


Naceu en Lodoselo (Ourense) o día dezaseis de febreiro de 1915. Era filla de Manuel Sotelo e Rosa Rodríguez. Á morte da súa nai, Dorinda tiña 14 anos, tres irmáns máis pequenos e o seu pai sumido na tristura. Foi educada no colexio da Purísima de Ourense, admitida neste o 29 de setembro de 1930. O 8 de decembro do mesmo ano ingresou como aspirante na Asociación de Fillas de María Inmaculada. Resultou ser moi aplicada e progresou bastante durante os case tres anos que permaneceu no Colexio, finalmente asume a decisión de entrar na Compañía das Fillas da Caridade. O 13 de marzo de 1933 sae do Colexio en direción a León e dende alí vai a Madrid para facer a entrada ao Seminario da Casa Central de Madrid. O 20 de maio de 1933 cumpríanse os desexos, era Filla da Caridade. Esta relixiosa vicenciana de Hijas de la Caridad foi perseguida no período previo da guerra. Destinada en Barcelona estivo refuxiada na casa do doutor-médico facéndose pasar por criada. Foi denunciada e executada no Monte Tibidabo o 24 de outubro de 1936.
Tamén a Vicenciana "Hijas de la Caridad" Sor Ramona Cao Fernández que naceu en A Rúa no ano 1883 morreu no tren de Xaén a Madrid no que sería denominado "Tren da morte".
HERNÁNDEZ FIGUEIREDO, J.R. Las Hijas de la Caridad en Ourense. Beneficiencia y enseñanza (siglos XIX e XX), Deputación de Ourense, 2007, 251-253.

23 octubre 2010

ABADESA GUNTRODA

Guntroda era a abadesa do mosteiro dúplice de San Martiño de Pazó (Allariz) no século X. Esta muller foi protagonista de certas fazañas. 

Guntroda era filla de Ildoncia, irmá de Gutier Menéndez, polo tanto era de orixe aristocrático. Esta muller tiña intención de apoderarse tanto de Santa María de Ribeira como de Santa Comba de Bande. 

No que se refire a Santa Comba de Bande, Guntroda posuía unha escritura de propiedade que esta defendía con gran celo. Pero a posesión de Santa Comba estaba en mans de Vermudo que lla deixa en herdanza ao seu fillo Odoíno. Pero este, temendo os conflitos que podía xerar o feito de non pousír el a escritura, recorre a Ramiro II coa intención de recuperala. Ramiro recorre á súa vez ao bispo San Rosendo que conseguirá que Guntroda lle entregue a escritura. Pero Guntroda presenta unha demanda de devolución nun magno concilio celebrado en León. Aquí, o bispo compostelán Hermexildo declara que o verdadeiro dono de Santa Comba de Bande é Odoíno. 

Guntroda ve unha nova oportunidade de posuír Santa Comba cando Odoíno é acusado de manter relacións cunha monxa. Pídella ao conde Rodrigo e faise cos dereitos sobre ela. Pero cando Odoíno doa Santa Comba ao mosteiro de Celanova, Guntroda xa non terá máis pretensións pois non quería enfrontarse aos monxes do mosteiro. 

Vid: Pallares Méndez, MªC e Portela Silva, E., Gran Historia de Galicia. Da Galicia antiga á Galicia medieval (séculos VIII-XI), pp. 206-208.