Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta A. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A. Mostrar todas las entradas

03 mayo 2026

ELVIRA ALONSO RODRÍGUEZ

Unha mestra que tiña unha opinión moderna sobre a pedagoxía e demostra ter unha formación teórica das correntes pedagóxicas europeas.

Era mestra Superior de maxisterio, título que acadou na Normal de Pontevedra. A partir de entón, comezou a exercer nas escolas da provincia ourensá como interina. Estivo en escolas moi remotas, de aí o grande valor destas mestras. En 1907 tiña a praza de interina na escola de Laza, en Montederramo. En 1909 pasou á escola de Carracedo, en a Veiga. En 1910 foi para a das Ermitas, e así estivo durante diversos anos ata que en 1919 outórganlle a praza de Albos, no concello de Blancos e, en 1921, vai para Peñalonga. 

Esta mestra escribe un interesante artigo no xornal local, publicado o día 16 de abril de 1918, titulado "Fundamentos científicos da Pedagoxía"  que reflicte unha etapa na que a educación estaba en proceso de modernización e cientifización. Defende que a educación debe basearse en coñecementos científicos; que o docente precisa formación intelectual e metodolóxica e que a Pedagoxía debe integrarse nun sistema de ciencias relacionadas co etudo do ser humano.

O artigo formula desde o inicio unha pregunta central: se a Pedagoxía pode considerarse unha ciencia propiamente dita ou se é só unha aspiración a selo. A partir desta cuestión, Elvira desenvolve unha reflexión sobre a evolución histórica e conceptual da disciplina educativa e sobre os fundamentos que lle permiten adquirir carácter científico.

Sinala que a palabra Pedagoxía sufriu unha transformación profunda ao longo do tempo. Durnte séculos, a educación existiu sempre, pero non como unha ciencia autónoma. Segundo ela, a práctica educativa baseouse tradicionalmente en concepcións filosóficas, é dicir, en ideas xerais sobre o ser humano, a moral e a sociedade.

Neste sentido, a Pedagoxía nace primeiro como reflexión filosófica e só máis tarde busca converterse nun sistema organizado de coñecementos.

O artigo destaca que os feitos pedagóxicos estiveron sempre sustentados pola Filosofía. Isto significa que a educación non se concibía inicialmente como unha actividade técnica nin científica, senón como unha actividade guiada por principios éticos e visións do mundo.

Porén, Elvira subliña que a verdadeira estruturación científica da Pedagoxía atribúese ao pensador Herbart, quen sistematizou a educación e tentou convertela nun campo de estudo con bases racionais e metodolóxicos. Este punto marca a transición da educación como arte ou práctica empírica cara a educación como ciencia.

Presenta á Pedagoxía como unha disciplina apoiada por ciencias fundamentais como a Ética, como deber moral, a Estética, como ideal de perfección na formación humana, a Psicoloxía, como desenvolvemento do neno. e a Filosofía como visión xeral sobre o ser humano.

En base a todo isto, di que educar require coñecer profundamente ao educando, as súas capacidades, o seu desenvolvemento e as leis que rexen o seu crecemento intelectual e moral.

Unha idea central do artigo é que a Pedagoxía non debe limitarse á teoría. Debe converterse nunha ciencia aplicada, baseada en métodos e coñecementos concretos. O educador debe comprender a natureza do neno, coñecer os procesos do desenvolvemento infantil, empregar métodos adecuados...

En definitiva, o artigo pretende lexitimar a Pedagoxía como ciencia, destacando que a súa validez depende da súa fundamentación en disciplinas científicas e do uso de métodos racionais na práctica educativa.

Estamos, pois, ante unha mestra que demostraba ter unha gran modernidade intelectual.

Vid: "Sección de Instrucción Pública y Bellas Artes", Boletín Oficial de la provincia de Orense, 1907, nº 117, p. 1; "Nombramientos", El Magisterio español,  1910, nº 3449, p. 11; El Eco de Santiago,  16 de junio de 1910, p. 2; "Fundamentos científicos de la Pedagogía", La Región, 16 de abril de 1918, p. 1; "Nombramientos", El Magisterio español, 1919, nº 5701, p. 7.

12 enero 2026

CELSA AMELIA ARIAS GARCÍA

Reeditamos esta entrada debido á circunstancia afortunada de que, en decembro de 2025, Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Amelia, contactou comigo tras comprobar que neste blog se facía referencia á súa nai.

En efecto, Pilar Valverde Arias e máis eu mantivemos unha conversa telefónica nese mesmo mes, na que me relatou a traxectoria vital e profesional dos seus pais, ambos docentes de sólida formación intelectual, que estiveron baixo a vixilancia da Comisión de Depuración do Maxisterio. Froito deste intercambio, Pilar e máis eu elaboramos conxuntamente esta entrada a modo de homenaxe a Celsa Amelia. Quero deixar aquí constancia do meu máis sincero agradecemento a Pilar pola súa inestimable axuda, xenerosidade e disposición.

Celsa Amelia naceu o 3 de setembro de 1910 en Rodeiro (Pontevedra). Procedía dunha familia numerosa: tiña tres irmáns maiores —un licenciado en Dereito, outro en Medicina e Marina, que tamén exerceu como mestra— e dous irmáns menores, dos cales un faleceu na fronte de Asturias e o máis novo cursou estudos de Medicina. O pai, propietario do pazo de Trasulfe, era un home disciplinado e recto, que inculcou nos seus fillos o valor do estudo como medio de promoción persoal e social. Por este motivo, a familia trasladouse a residir a Ourense co obxectivo de que os fillos puidesen matricularse no Instituto da cidade, onde Celsa e os seus irmáns obtiveron o título de bacharelato.[1]

En 1920, con apenas dez anos, Celsa Amelia inscribiuse no Instituto ourensán. Cursou dous anos pola modalidade libre e os catro restantes como alumna oficial, acadando cualificacións excelentes ao longo de toda a súa etapa formativa. En 1926 obtivo o título de bacharelato. Nun primeiro momento, un dos seus irmáns, que xa estudaba en Santiago de Compostela, comezou a preparala para o ingreso na Facultade de Farmacia. Porén, o pai considerou máis axeitado que realizase estudos de Maxisterio, polo que solicitou o seu traslado á Escola Normal de Pontevedra, onde obtería finalmente o título de mestra.

En 1933 presentouse aos Cursiños de selección profesional do Maxisterio e exerceu como mestra interina en Vilagarcía de Arousa. Posteriormente foi destinada a Novás, no concello do Rosal [2], localidade á que chegou acompañada dun dos seus irmáns

(Fonte: «Instrucción Pública. Nombramientos interinos», El pais diario republicano, 15 de maio de 1933, p. 2).

(Fonte: «Sociedad», Nuevo heraldo , 15 de setembro de 1934, p. 2).

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde).

Na escola exerceu a docencia con auténtica vocación pedagóxica. Soubo aproveitar a contorna natural para organizar saídas e excursións educativas co alumnado, integrando o coñecemento do medio no proceso de aprendizaxe.

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde)

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde)

Foi en Novás onde coñeceu a quen sería o seu futuro esposo, José Valverde, tamén mestre destinado na zona. José Valverde, nado o 19 de xuño de 1909 [3] era un home de ampla cultura e profunda formación intelectual. Realizou os estudos de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, onde obtivo o título en 1930 con brillantes cualificacións. En 1934 foi destinado á escola de Novás[4] onde coñeceu a Celsa Amelia, coa que contraeu matrimonio. 

José aspiraba a acceder ás cátedras das Escolas Normais, polo que deixou temporalmente o seu destino en Novás en mans dun substituto e trasladouse a Madrid para matricularse na Facultade de Pedagoxía. Cursou varios anos destes estudos ata que, no verán de 1936, se produciu o levantamento militar. Foi mobilizado e permaneceu como soldado ata o remate da Guerra Civil. Paralelamente, incoóuselle o correspondente expediente de depuración, que supuxo a súa suspensión de emprego e soldo durante un ano e o traslado forzoso á escola de Maceira, na parroquia de Covelo,[5] debido á súa simpatía por ideas progresistas, malia non estar afiliado a ningún partido político. Tras estes feitos, José abandonou definitivamente o seu proxecto de formación pedagóxica e optou por orientar a súa carreira cara a outros estudos.

O inicio da ditadura supuxo un período especialmente duro e represivo para o núcleo familiar. Cómpre salientar que o cuñado de Celsa, tamén mestre e casado coa súa irmá Marina Arias, foi “paseado” na Coruña, en Riazor, e a día de hoxe aínda non se localizaron os seus restos.

En 1938, José Valverde foi reposto no Maxisterio,[6], aínda que continuou baixo a vixilancia da Comisión Depuradora. Finalmente, en maio de 1940, dita Comisión acordou o seu desprazamento forzoso dentro da provincia á praza de Covelo, sen posibilidade de concursar a traslados nin a vacantes durante un período de tres anos.[7]

Posteriormente realizou en Santiago de Compostela os estudos de Filosofía e Letras, nos que obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura[8] especializándose en Xeografía, disciplina na que deixou unha fonda pegada intelectual. Paralelamente, impartiu clases de Latín e Grego en diversos centros educativos e academias da cidade de Vigo, entre elas a Academia Mezquita. Mentres tanto, Celsa exercía como mestra en Domaio, na outra beira da ría de Vigo, onde a familia residiu durante algúns anos.
(Fonte: «De Santiago», El Correo gallego, 15 de novembro de 1944, p. 2).

A Comisión Depuradora tamén solicitou informes sobre Celsa Amelia. O seu expediente resolveuse en xaneiro de 1939 sen sanción. Segundo lembra Pilar, a súa nai contoulle que se librou da depuración grazas á intervención do pintor Luís Pintos Fonseca, membro do Sindicato Católico de Mestres, quen a adscribiu a dita organización. Non obstante, sufriu tamén o acoso dun falanxista que a sometía a continuas coaccións.

En 1943, Celsa solicitou o traslado por consorte á escola de Covelo. Deste xeito, José exerceu na escola de nenos e Celsa na de nenas. José nunca abandonou o seu afán de estudo e, ademais do dominio do alemán e do francés, aprendeu tamén inglés.
(Fonte: «Nombramientos», El Noticiero gallego, 4 de marzo de 1943, p. 2).

Segundo testemuña Pilar, Celsa Amelia era unha muller decidida e firme, que non se deixaba amedrentar. Relata que, naqueles anos, as mestras estaban obrigadas a dirixir talleres de costura para a confección de uniformes destinados aos soldados nacionais, unha tarefa que a súa nai vivía con notable incomodidade.

En 1952 constituíuse un tribunal de revisión de penas que levantou a sanción imposta a José Valverde, permitíndolle participar de novo en concursos de traslados e oposicións. Como consecuencia, decidiu solicitar destino en Sanlúcar de Barrameda.

En 1955 a familia xa estaba plenamente instalada na súa nova residencia; Pilar contaba entón con quince anos. José continuou exercendo a docencia e superou as oposicións á dirección escolar, chegando a dirixir o Grupo Escolar Xeneralísimo Franco ata a súa xubilación. Como sinala Pilar, “paradoxas do destino, aínda que en Sanlúcar ese colexio sempre foi coñecido como «El Pino», polo barrio no que estaba situado”. Pola súa banda, Celsa reincorporouse tamén á docencia no mesmo centro, onde exerceu ata a súa xubilación.

José Valverde faleceu en Sanlúcar de Barrameda, cidade na que é aínda lembrado e na que unha rúa leva o seu nome en recoñecemento á súa brillante traxectoria profesional. Foi un docente de ideas pedagóxicas progresistas e mostrou sempre un profundo interese pola relación entre o ensino e o coñecemento do medio. O seu labor investigador e o seu entusiasmo docente foron obxecto dunha publicación monográfica titulada"José Valverde, geógrafo gallego. Un exilio fecundo" da Universidade de Santiago. Neste volume recóllense diversos traballos que analizan a súa figura como intelectual humanista e docente. A obra inclúe unha achega da súa filla, Pilar Valverde Arias, titulada «El exilio fecundo», na que recompila testemuños do alumnado do seu pai, salientando a súa vocación docente, a súa xenerosidade persoal e a fonda influencia que exerceu nas súas traxectorias vitais, así como referencias aos mestres que marcaron a formación de José Valverde.

Celsa Amelia faleceu o 22 de agosto de 2012 en Sanlúcar de Barrameda, a terra que acolleu á familia con grande agarimo, aínda que lonxe do lugar que a viu nacer. Contaba 102 anos e unha vida chea de lembranzas marcadas por tempos especialmente difíciles. Foi unha muller fondamente comprometida co Maxisterio, compañeira inseparable do seu home tanto na vida como na vocación docente.

Grazas, Pilar Valverde Arias, por compartires a túa historia.

[1] A.I.O.P., Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1920, ES.GA.36038.ACD.OP/1.2.2.2.3.6.79., 18/2.20.
[2] «Nombramientos», Magisterio español, 22 de maio de 1934, p. 14.
[3] El Magisterio español, nº 9204, 19 de outubro de 1933, p. 29.
[4] «Nombramientos provisionales», El Noticiero gallego, 25 de maio de 1934, p.2.
[5] «Maestros suspendidos de empleo y sueldo», El Diario de Pontevedra, 31 de agosto de 1936, p. 2.
[6] «Reposición de maestros que estaban suspendidos de empleo y sueldo», El Diario de Pontevedra, 8 de outubro de 1938, p.4; «Maestros repuestos», El Noticiero gallego, 11 de outubro de 1938, p. 2.
[7] «La Depuración del magisterio en Pontevedra», El Noticiero gallego, 11 de maio de 1940, p. 2.
[8] «De Santiago», El Correo gallego, 15 de novembro de 1944, p. 2.

                                         

07 diciembre 2025

REMEDIOS ÁLVAREZ

Remedios Álvarez naceu en 1920 e era veciña do pobo de Ricosende, Carballeda de Valdeorras. Súa nai chamábase Emilia e consta que seu pai era descoñecido. Estaba solteira, tiña un filla e dedicábase aos labores do fogar. 

A primeira detención foi o 13 de decembro de 1947. Remedios, xunto con Eudosia e Pura, foi conducida ao Departamento de Celanova pero de aí a dez días puxérona en liberdade.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1947 a 1949.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2244. Libro 2244, p. 79)

Pero chegado agosto de 1950 volveron detela xa que se dixo que  estando Remedios no monte no verán de 1949 atopouse cunha "cuadrilla"de bandoleros que pediron comida e ela coceulles unhas patacas e ofrecéullelas. 

O día 10 de agosto de 1949 dise no expediente que ofreceu ovos ao bandoleiro chamado "Antolín" ao que vira noutra ocasión. Tamén chegou a falar cos bandoleros Saúl e Girón: "facilitó huevos al bandolero llamado Antolí, al que había visto e notra ocasión habiendo conversado en distintos momentos con los bandoderos Saul y Girón" (1)
(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Libro 2245, p. 369).

(Recreación. Imaxe creada por IA)

Por todos estes motivos Remedios foi declarada culpable e impúxoselle unha pena de un ano de prisión menor. Foi así como o día 16 de agosto de 1950 ingresa na prisión de Ourense permanecendo nela ata o 15 de agosto de 1951.

(1)Expediente persoal da reclusa Eudosia Álvarez Seoane. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//23962/007. Caixa 23962/007. 16-17.

22 junio 2025

DELFINA ÁLVAREZ VALLE

Filla de Fermín e de Faustina, naceu en Casaio en 1920. Estaba solteira e traballaba na casa e nos labores do campo e foi detida en 1942, tiña 22 anos. Unha vítima máis do franqulismo como tamén o foi súa irmá, África que estivo recluída uns meses no Cárcere de Astorga.

A Garda Civil de o Barco apresouna  o 8 de maio de 1942 e levouna ante o Xuíz Instrutor desa vila pois imputábanlle haber dado auxilio á rebelión contra o Movemento Nacional:

El 8 de mayo de 1942 ingresa provisional por orden del Sr. Teniente de Vigilancia y persecución de huidos de esta Plaza. El 11 de mayo es entregada a la Policía Armada por orden de la misma Autoridad para ser conducida a Orense para ser puesta a disposición del Sr. Teniente Coronel Jefe de los mismos servicios de la Plaza de Orense. (1).

Dos días 12 ao 15 Delfina  estivo nos Depósitos Municipais de O Barco destacando dela a súa boa conduta. Non obstante, determínase que vai ser conducida pola Garda Civil  á Prisión Provincial de Ourense na que ingresa o 21 de maio de 1942.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1941 a 1942. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2241. Libro 2241.(327)).

Pero, segundo un certificado escrito por José Antonio Fernández Lorenzo, Cabo do Rexemento de Infantería número 55 e Secretario da Causa número 348 correspondente a Delfina e asinado, así mesmo, polo Tenente Coronel Xuíz, manifestábase que as causas contra Delfina non se atopaban suficientemente probadas. Polo tanto, o Goberno Militar de Ourense  acordou o sobreseimento provisional segundo o disposto no artigo 538 do Código da Xustiza Militar.

E, en efecto, o Goberno Militar de Ourense decidiu  que Delfina fose posta en liberdade. Tal que así, saíu do cárcere o o 11 de xullo de 1942.

(Elaboración propia a partir do Expediente de Delfina Álvarez Valle. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//23962/018. Caixa 23962/018.) (1) (C- 23962/018 (03).

03 febrero 2025

EUDOSIA ÁLVAREZ SEOANE

Eudosia naceu en 1889 en Ricosende, na comarca de O Barco de Valdeorras. Era viúva e tiña dous fillos e como nai de moitos, quixo ser o escudo do seu fillo perseguido polo réxime, axudouna a súa filla que tamén sufriría a pena de encarceramento.

Detida o 31 de marzo de 1947 por axuda aos fuxidos e complicidade cos bandidos. Estivo un ano no cárcere e foi posta en liberdade o día 16 de xuño de 1948.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos de 1946 a 1947. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2243. Libro 2243 p. 186.

Pero Eudosia caeu de novo nas redes da xustiza e foi detida o 19 de agosto de 1950 por agochar ao seu fillo, Enrique Yáñez Álvarez, coñecido por "Saúl". 

O Sarxento de Infantería, Jaime Losada Méndez,  Secreario da causa número 184-50 da que o Comandante Valero Cuevas Botella era o Xuíz Instrutor relatou os feitos que conduciron a Edusia a ser detida polo Consello de Guerra Ordinario por delito de auxilio a "bandoleros"  entre os que estaban Manuel Vázquez Rodríguez. Este estaba casado e vivía en Riosende e foi procesado xa que participara nunha reunión de varios bandoleros capitaneados por Enrique Yáñez Álvarez, coñecido por "SAÚL" que era o seu cuñado e a quen axudou en outubro de 1949 a fuxir a Francia en compañía da súa amante. Manuel foi o encargado de sacar os billetes de ferrocarril e de acampañalos personalmente a Bilbao e, así mesmo, Enrique deixoulle unha escopeta e unha pistola que Manuel gardou na súa casa. O Saúl se coñece que regresou á comarca  pois dise que no mes de maio de 1950 foi ferido e foi curado por Manuel.

Eudosia acolleu na súa casa ao seu fillo, Enrique, a quen alimentaba e lle ofrecía cartos e axudou a fuxir a Francia. Sería cómplice de Eudosia a súa filla Pura Yáñez quen agochou lonxe da casa, debaixo duns penedos, unha pistola que apareceran debaixo do colchón. Outra muller que colaborou na protección dos fuxidos foi Remedios Álvarez, unha moza do pobo de Ricosende que tiña trinta e nove anos e que proporciou ao grupo de Enrique comida e sustento no monte. Dise que noutra ocasión a mesma Remedios "facilitó huevos al bandolero llamado Antolí, al que había visto e notra ocasión habiendo conversado en distintos momentos con los banoderos Saul y Girón". (1)

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Libro 2245, p. 371)

Un grupo de mulleres que foron a salvagarda de moitos escapados e perseguidos pola xustiza militar do réxime. Todas foron detidas e condenadas. A Remedios Álvarez impuxéronlle unha pena de cárcere de catro anos de prisión menor  por considerala o verdadeiro auxilio dos bandoleros, o verdadeiro sustento, e a Eudosia Álvarez e  Pura Yañez Álvarez condenáronas a un ano de prisión menor. Na súa defensa argumentaron que non tiñan coñecemento do bandoleirismo das persoas coas que trataban xa que todos eles actuaban manexados por Valentín González García que era criado de Eudosia e que era o verdadeiro auxiliador dos bandoleros polo que a defensa solicitaba a absolución. 

Tras estes argumentos da defensa na que se procurou eludir que estas mulleres foran auxiliadoras procedeuse a confirmar a seguinte pena. A Eudosia condenóuselle a seis meses e un día de prisión menor coa suspensión de todo cargo público, profesión, oficio  e dereitos de sufraxio durante o tempo da condea por delito de auxilio a componentes de partidas armadas dedicadas á bandidaxe. A Remedios Álvarez pasará a cumprir un ano e un día de prisión e Pura Yáñez, filla de Eudosia, quedou absolta.

Eudosia recobrou a liberdade o 16 de xuño de 1948.

(1). Ver  Expediente persoal da reclusa Eudosia Álvarez Seoane. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//23962/007. Caixa 23962/007. 16-17)

29 enero 2025

OVIDIA ÁLVAREZ RODRÍGUEZ

Ovidia naceu en 1912 en Portomourisco, Larouco, O Barco de Valdeorras. Tiña 28 e estaba embarazada de sete meses cando a levaron presa Depósito Municipal de O Barco segundo dispuxo o Xulgado Militar Permanente da zona.

Ovidia estaba casada con Luís Fernández e vivían en Portomourisco, alí dedicábase ao coidado da casa e aos labores agrícolas propios da zona. Non tiña antecedentes penais pero foi acusada de pertenecer ao Sindicato Comunista de Portela e  haber sido cómplice dun grupo de marxistas que estaban pola zona de Portomourisco que cometeron varios delitos.

Por este feito levárona o o 30 de setembro de 1940 ao depósito municipal e despois ao Cárcere de Bande e o 7 de outubro de 1940 conducírona á prisión de Ourense.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Ovidia Álvarez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//23961/052; Caixa 23961/052 
Ao pouco de chegar xa a levaron ao Hospital Provincial para facer un seguimento do seu embarazo e alí quedou ingresada. O hospital debía informar puntualmente da evolución de Ovidia ata que dera a luz. E tal foi, o parto tivo lugar o día 25 de decembro de 1940 pero naceu morto. A dirección hospitalaria informou de que a nai se atopaba ben e, polo tanto, foi conducida, de novo, ao cárcere o 24 de xaneiro de 1941.

Pero a situación de Ovidia non ía mellorar dado que en febreiro de 1941 decidiuse que fose trasladada á prisión de Oviedo. En maio de 1941 don Miguel Cid Couso, soldado de infantería, foi nomeado secretario do Sumarísimo instruído contra Ovidia do que era xuíz o Tenente Provisional de Infantería don Ignacio Saens de Santa María, Xuíz Instrutor do Xulgado Eventual número 3 de Oviedo e alí foi onde se expuseron as causas contra Ovidia.

 (Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1940 a 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2238. Libro 2238. 202)

Pero, que delito cometera Ovidia? Por que foi acusada? Evidentemente, o feito de ser simpatizante ou estar afiliada ao Sindicato Comunista era motivo suficiente para o novo réxime para encarcerar á xente. Pero, revisado o seu expediente, puido comprobarse cal foi o motivo principal e procedo a transcribir literalmente os acontecementos:

Que el día 15 del año actual, fueron atrapados por una partida de marxistas huídos los pueblos de Portomorisco-Portela, resultando admas asesinados los vecinos del primeiro de ellos Belisario Enríquez y Antolín Fernández. Los hechos ocurrieron durante la noche, pero ya durante el día los atracadores permanecieron en las inmediaciones del Pubelo en donde sorprendieron trabajando a Ovidia Álvarez, Concepción Fernández y Juan González y Juan González Prieto aemas de dos o tres chiquillos. Allí permanecieron todos juntos charlando, comiendo y veviendo (sic) algunos, hasta el anochecer en que los atracadores dieron permiso a los encontrados para que bajaran ya al Pueblo al mismo tiempo que ellos lo hacían, la Concepción Fernández se dirigió a la Portela donde vive, pero ya al llegar se encontró con los huídos que le ordenaron meterse en casa, por el contrario Ovidia y el Juan González se dirigieron a Portomourisco a donde llegaron los rojos cerca de dos horas depues. La Ovidia se metió en casa y el Juan se dirigió al pueblo de su vencidad (Otera de Pregos) sin que ninguno de los dos diera aviso a los vecinos pues caso de hacerlo pudieran evitar klos luctuosos sucesos segun ellos por que habian sido amenazados de muerte. Despues de atracar a la inmensa mayoría de los vecinos si se exceptua a los pobres y algunos de buena posición social que eran parientes de Ovidia y asesinar a dos de ellos, se dieron a la fuga sin que por ninguno de los atracados ni por ninguno de los otros vecinos fuera reconocidos ningunos de ellos. Los informes de las autoridades locales, con respecto a los procesados son los siguientes...(1)

A partir de aquí comeza a indicar de cada un dos citados a súa filiación. Di de Ovidia Álvarez que era unha destacada Sindicalista Comunista de Portela e que tiña ideoloxía marxista  e que estivo cos fuxidos nas inmediacións do pobo de Portomourisco dúas horas sen que dese aviso a ninguén e ademais moitos dos que foran atracados eran persoas que se opuxeran ao enterro no cemiterio do seu irmán que fora fusilado.

Ovidia, como se dixo, estaba no cárcere de Oviedo e levaba alí tres anos. Tivo que facer unha declaración xurada dos bens para envialo ao xuíz municipal de Petín. Ovidia estaba acusada de responsabilidades políticas. Un ano máis tarde, en maio de 1944 decrétase o sobreseimento por parte do Presidiente do Tribunal Nacional de Responsabilidades Políticas, o Gobernador Civil da Provincia e Xefe Provincial de F.E.T. e de las J.O.N.S que será enviado a Audiencia Provincial de Ourense para ser aquivado.

Ovidia estivo presa durante catro anos.

(1)Expediente de Responsabildiades políticas de Gabriel Prieto García e Ovidia Álvarez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.1.5.4.2.1.//7210/35. Sig. Caixa 7210/35. 2. (Elaboración propia a partir dos Expedientes depositados no Arquivo Histórico de Ourense. (Fonte: Expediente persoal da reclusa Ovidia Álvarez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//23961/052; Caixa 23961/052  e Expediente de Responsabildiades políticas de Gabriel Prieto García e Ovidia Álvarez Rodríguez. ES.GA.32054.AHPOU/1.1.5.4.2.1.//7210/35. Sig. Caixa 7210/35.)

16 enero 2025

ERIKA DOS ANJOS

(Fotografía extraída de El Faro de Vigo.) Atopei na prensa que unha moza ourensá, Erika dos Anjos, rematara os estudos de Ciclo Superior de Mantemento de Instalacións Térmicas e Fluídos e que xa estaba a traballar nunha empresa de A Coruña.

Poden pensar, o por que do meu interese por destacar no blog de mulleres ourensás a esta moza. Pois a razón principal é destacar que esta muller é xitana e sente orgullo de seu máis quixo estudar arreo e acadar os seus obxectivos, uns propósitos de muller xitana que non adoitan estar dentro dos patróns da súa cultura.

Realmente, para min é un orgullo extraordinario mencionar aquí no meu blog a Erika. Eu fun profesora dela no IES Universidade Laboral de Ourense. Deille clases durante a ESO de Xeografía e Historia. Daquela xa me demostrou, bueno, demostrounos a todo o profesorado, que era unha muller que tiña uns propósitos moi claros unido a unhas capacidades sorprendentes. O seu non era facer só a ESO e logo marchar, non, o seu era facer a ESO, o Bacharelato e facer carreira universitaria. 

Era unha nena moi destacada nos estudos e no seu rendemento académico, pois era moi traballadora, moi boa estudante, moi responsable...pero tamén era especial no seu trato pois era moi educada, moi respectuosa e moi querida por todos xa que tiña un elevado grao de compañeirismo. Era unha referencia no grupo clase pois sabían que ela sempre levaba as tarefas feitas e estudaba arreo. Era habitual vela na biblioteca do centro rodeada de amigos e amigas para estudar xuntos e axudar ás súas compañeiras nos deberes, no estudo dos exames...

Todo o profesorado estaba sumamente orgulloso dela pois sabía que a traxectoria de moitas mozas da súa cultura remataba a ESO e non continuaban pois estaban destinadas a colaborar nas familias. Pero Erika tiña outras pretensións, quería formarse e traballar e os seus pais respectaron a súa decisión.

Cando eu marchei da Laboral sabía que Erika xa estaba emprendendo o camiño para ese obxectivo que se marcara. E en efecto, acabo de ver que o logrou, que fixo bacharelato de Ciencias e logo o Ciclo Superior de Mantemento, por certo, un ciclo a onde non acoden moitas mozas. Entereime de que sacara todo deces e que o seu profesorado de Ciclo admiraba o seu talento.

Agora rematou o Ciclo e xa está a traballar nunha empresa de A Coruña. Vese feliz, vese decidida, unha muller que, talvez, tivo algún atranco por ser xitana pero continuou adiante. O que si é certo é que nos demostrou a todos que o talento non entende de condición social, nin de razas, nin de sexo...depende da vontade e de moitos valores que son universais.

Sei que Erika quere facer a Carreira de Química, e sei quevai logralo pois os que a coñecimos sabemos que ademais de intelixente é tenaz e constante. 

Erika, abre os camiños a moitas das súas homólogas que mirarán para ela como exemplo.

Un orgullo haber sido, por uns anos, a túa profesora. Adiante, Erika, sempre adiante.

09 enero 2025

ENCARNACIÓN ÁLVAREZ B(V)ESTEIRO

Naceu en Bubal, Carballedo, Lugo. Estudou maxisterio en Ourense e rematou os estudos en 1933. 

Encarnación foi alumna de Vicente Risco e, como viña sendo habitual, este mandaba facer traballos de carácter etnográfico coa finalidade de que os eu alumnado coñecese os costumes de Galicia. Encarnación fixo este traballo no que recolleu o Folclore de Poboa de Brollón, pobo do sur de Lugo pertencente a Monforte de Lemos. 

O traballo manuscrito trata dos aspectos xeográficos da comarca. Fai unha descricións das xentes do lugar, sobre os seus aspectos físicos, indicando que eran de pelo moreno e ollos marróns escuros, cunha estatura de 1,60 metros e que se dedican á labranza. Explica tamén os nomes e alcumes propios da zona.

Outro dos apartados é a historia da comarca e di que ten orixe castrense, de aí os topónimos que hai coa denominación "castro". 

A continuación explicou os costumes das xentes, as comidas, os vestidos, casas, os réximes de propiedade, a emigración, as herdanzas e a relixión e supersticións. 

É indubidable que Vicente Risco tiña varias pretensión con estes traballos, por unha banda ofrecerlles a oportunidade ao alumnado de seren investigadores e analíticos, por outra banda, facerlles ver o valor da súa historia e do propio medio, da súa contorna, da súa etnografía...como obxecto de estudo imprescindible para todo docente; así mesmo, a través destes estudos e traballos os estudantes podían darlle valor á cultura galega. 

Vicente Risco, polo tanto, foi un docente adiantado e moderno por darlle ese sentido práctico á súa materia.

(Fonte: Fondo Fundación Vicente Risco.)

En maio de 1934 Encarnación solicitou entrar como mestra interina o que traía consigo os cambios continuos de destinos. Ese mesmo ano casa con Celestino Rodríguez Parada. 

Encarna tamén foi obxecto de investigación por parte da Comisión Depuradora do Maxisterio e en 1937 abríuselle un expediente. Dela dicíase que non cumpría ben o seu traballo, que non ía a misa e que bordara unha bandeira comunista. 

Tras este difícil tránsito, en 1939 vai solicitar cubrir interinidades e  foi enviada á escola de Santa Eulalia de Altoz en Triacasatela; logo para a de Corgo; despois foi á de Incio. En 1955 estaba na escola mixta de Aigas de Navia de Suarna e en 1966 en Sober.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes: Vid. Galicia, 12 de decembro de 1934, p. 5; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 16 de xuño de 1934; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 23 de xaneiro de 1934, p. 1; SANTALLA LÓPEZ, Andrés, "A Represión Franquista en Galicia", Actas dos traballos presentados ao Congreso da Memoria, Narón do 4 a 7 de decembro de 2003, p. 240; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 10 de setembro de 1940, p. 2; Boletín Oficial do Estado, 13 de marzo de 1955, p. 1677; "Adjudicación provisional de destinos del Concurso General de Traslados" Escuela Española, 17 de xuño de 1966, p. 818.

19 diciembre 2024

ARTIGO COMPLETO DE ARACELI ANCOCHEA ROLDÁN NA REVISTA EDUGA

 Clicando na imaxe poden acceder ao artigo da REVISTA EDUGA, nº 88.


15 diciembre 2024

ASELA ANTONIA ÁLVAREZ SOLVEIRA

Asela tiña a titulación en maxisterio e comezou a exercer como interina en diversas escolas da provincia.  e foi sancionada en 1940 pola Comisión de Depuración.

En 1939 a Comisión Depuradora do persoal de maxisterio primario, con arranxo ao disposto no artigo terceiro da Orde de 10 de novembro de 1936 da Presidencia da Xunta Técnica do Estado, requeriu a Asela que notificase á Comisión no prazo de dez días o seu enderezo e debía facelo nas oficinas do Instituto Nacional de Segunda Ensinanza, e que se non o facía seguríase o expediente que se lle instruiu.

Na guerra civil, como todos os docentes debía acreditar unha serie de certificados. En xullo de 1937 debía presentar avais de boa conduta e de ter feito o Servizo Social, de non facelo quedarían fóra das interinidades.  Logo en novembro de 1937 Asela debía enviar un certificado acreditativo de adhesión ao Movemento Nacionale para o cal tiña un prazo cinco días. Non sabemos se sería ese o motivo da súa sanción, isto é, puidera ser que a mestra non chegara a facer a presentación do mesmo. 

O caso é que Asela estaba en 1940 na escola de Ferreirós, alí levaba exercendo desde 1936. Estando nesta escola, a Comisión sancionouna co traslado forzoso dentro da provincia e coa prohibición de concursar a posto vacante e ao desempeño de cargos directivos por un período de dous anos. Os motivos da sanción serían os que viñan sendo habituais, algunha acusación particular, algún mal informe por parte das forzas vivas do pobo, etc. O caso é que, no seu expediente figuraría esta mácula. Non obstante, afortunadamente, puido seguir exercendo e non perdeu o emprego e o soldo.

En 1947 exerceu na escola de Pardecondes, en Esgos. Como interina tivo que optar a escolas rurais e no 1953 adxudicáronlle a Romaelle en Oviedo. Logo volveu á provincia e en 1964 destinárona en propiedade provisional para a escola de Arzoa, en Vilardevós. En 1965 presentouse ás oposicións por acceso restrinxido, segundo consta no Boletín Oficial do Estado do 12 de agosto dese ano. Superounas e foi destinada á escola de Pintás, en Calvos de Randín.

Junta provincial de Primera Enseñanza. (1940, 25 xullo). La Región, p.2; De interés para algunas aspirantes a interinidades. (1937, 12 novembro). El Pueblo Gallego, p. 7; Comisión Depuradora. (1939, 19 de xullo). La Región, p. 2; Relación de maestros de esta provincia que han sido sandcionados. (1940, 8 maio). La Región, p. 5; Magisterio. (1947, 11 de marzo). La Región, p. 2; Magisterio. Comisión permanente. (1964, 15 xaneiro). La Región, p. 3; Archivo General de la Administración; Signatura: 32/12800 | Ferreiros (Ourense) | Depuracion (1936-1942); Purebas de promoción. Escuela Española, (1966). nº 1445, p. 822.

08 diciembre 2024

AS MIÑAS AVOAS E PARA TODAS AS AVOAS

As avoas son mulleres que veñen levando sobre os seus ombreiros non só anos de experiencia de vida tamén a nosa propia historia.

Poden ser Carmen, Maruxa, Josefa, Rosa, Antonia…poden ser todos os nomes, pero son as Avoas. Esas mulleres que permaneceron no anonimato pero que son o tronco onde nos apoiamos e de onde saímos.

Mulleres que foron discorrendo na vida de xeito discreto pero que son o noso referente na vida. Se as nais son para nós a nosa máis inmediata imaxe, as nosas avoas son ese punto de fuga, esa perspectiva das nosas vidas, son a nosa terceira dimensión no cadro familiar. O lugar a onde diriximos as nosas miradas.

Elas souberon lidar con tempos e historias duras e manter o corpo firme ante os avatares da vida. Viviron a guerra e a postguerra, anos de fame, de escaseza, de medos, de ocultacións e disimulos. Pero resistiron maiestáticas.

Traballo, avoas, avoas, traballo. Son palabras asociadas e recíprocas. Dobregadas e suorosas, pero coa nobreza elevada á súa máxima expresión. Esas avoas da terra, avoas do mar, avoas do campo, avoas da cidade, todas avoas coma árbores frondosas en cuxa sombra fresca e agarimosa nos acubillamos. A autosuficiencia na vida, recicladoras naturais, avoas nas que mirarse. Rostros engurrados pero belos, marcas de experiencia e sabedoría. Canta Rosalía de Castro:

¡Moito sabés, miña vella,

Moito de sabiduría!

¡Quen podera correr mundo

Por ser como vós sabida!

Son como arcóns onde gardan a tradición, a cultura, a fala e o velar por todos os seus e, sobre todo, dos máis pequenos, os seus netos e netas, aos que lles entregan a máis do corazón a súa alma, abandónase neles e a inmensidade do agarimo ten a dimensión do universo, é infinito.

Son a nosa perspectiva, se miramos atrás e as vemos, non nos perdemos no camiño. Son Avoas de mans calosas e grosas que acariñan docemente as nosas caras e amasan o noso pan.

Avoas de troncos fornidos onde as pólas non rachan, non.     
                        

27 noviembre 2024

ESTRELLA ALBERTE GONZÁLEZ

Foi condenada en outubro de 1933 á pena de cárcere en Celanova por delito de lesións e tenencia ilícita de armas. A pena imposta foi de un ano, oito meses  e un día de reclusión menor e o pago de 800 pesetas a Paulino Armesto.

Iniciada a contenda da guerra civil foi encarcerada o 25 de xullo de 1936. Debía pesar sobre ela a sospeita e a persecución polos seus antecedentes penitenciarios.

Fonte: Audiencia. Galicia, 1933 outubro 20, p. 3.

14 octubre 2024

A FUNDACIÓN VICENTE RISCO: A MÚSICA TEN ONDAS COMO O MAR


O día 28 de setembro tiven a horna de participar nas Xornadas organizadas pola Fundación Vicente Risco e o Consello da Cultura Galega onde fixen unha presentación titulada: Araceli Ancochea Roldán, case tres décadas compartindo con Vicente Risco o compromiso de formar aos docentes ourensáns. 

Expuxen que a relación profesional e laboral entre Araceli e Vicente tivo que ser intensa pois a Normal, e sendo directorVicente Risco, era unha institución que organizaba numerosos eventos nos teatros ourensáns nos que a música era o número principal. Así mesmo, o home de Araceli, Felipe Pedreira, era gran amigo de Vicente. 

O ambiente non podía ser mellor. Compartín mesa con grandes profesionais da música como Isabel Rei Samartim, que fixo unha exposición marabillosa sobre o instrumento da guitarra e indicou que ten claro que é un instrumento de orixe galega. Di que en Ourense había numerosos tocadores da guitarra e algúns deles vivían na mesma rúa que Vicente Risco cos que tiña contacto así como ganas de aprender a tocar dito instrumento. Isabel é unha profunda coñecedora da música galega e unha estupenda intérprete, habela coñecido supón un enriquecemento para min.

Tamén falou Miquel Badal centrándose nas relacións de Vicente Risco con Frederic Mompou. Unha exposición interesantísima sobre a amizade e a admiración que se profesaban. As viaxes de Mompou a Santiago e o contacto con intelectuais e cultura galega levouno a compor "Suite Compostelana".

Todo isto moderado polo gran pianista Alejo Amoedo, un home de grande humildade e sensibilidade propiciando un ambiente distendido e acolledor.

Finalmente, non podía faltar tampouco hoxe a música, despois da ópera exitosa da Loba Branca que se levou a cabo no Principal o día 27. O día 28 tivemos concerto na Fundación a cargo da soprano Belén Vaquero que xunto coa pianista Isabel Pérez Dobarro e o mandolinista Ramón Carnota  interpretaron Cantiga sen fin.

Grazas á Fundación e ao Consello da Cultura por invitarme a falar dunha muller impresionante como era Araceli Ancochea, pero sobre todo por darme a oportunidade de coñecer a xente que me ilustrou enormemente o meu espírito.

(Clicar na imaxe para ver a presentación)


23 junio 2024

ROSA ALONSO PRIETO

Rosa Alonso naceu en Bande. En 1939 atopábase no Campo de refuxiados nas Ursulinas en Francia. Como é sabido, moitas persoas de ideas republicanas, socialistas ou comunistas víronse na obriga de marchar para evitar a morte. En Francia montáronse diversos campos de refuxiados ou de concentración onde foron a parar medio millón de españois

Vid: "Lista de Refugiados: Provincia de Orense", Galicia, nº 633, agosto de 1939, p. 5.citado  en "Repertorio biobibliográfico do exilio galego. Unha primeira achega". I Congreso Internacional. O exilio Galego, 24 29 de setembro de 2001, p. 22. 

19 junio 2024

MARÍA DEL PATROCINIO ARMESTO ALONSO

(ENTRADA PUBLICADA EN 2009 PERO ACTUALIZOUSE CON NOVOS DATOS. DESDE AQUÍ QUERO AGRADECER ENCARECIDAMENTE A TODAS AS PERSOAS QUE ME INFORMARON E QUE FIXERON POSIBLE CONCRETAR UN POUCO MÁIS SOBRE A VIDA DE PATROCINIO ARMESTO.)

Outra distinguida universitaria que acadou a licenciatura en Ciencias e foi resaltada pola prensa local de Ourense, será María Patrocinio Armesto Alonso, que aínda que era natural de Alcañices, Zamora, estivo ligada á cidade Ourensá. 

Naceu o 14 de xullo de 1906 e era filla de Odilo Armesto Salgado, Comandante de Carabineros (falecido en Ourense o día 1 de setembro de 1948) e de Elvira Alonso Castrillón (falecida o 21 de outubro de 1971), de Ourense, e sobriña do insigne Alfonso Alonso Castrillón quen residiu durante moitos anos en Bos Aires e faleceu en maio de 1938. Tiña unha irmá que se chamaba Pilar.

Cursou parte dos estudos de bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Ourense tras realizar o exame de ingreso o 11 de xuño de 1917. Estivo matriculada ata 1920 e cursou tres cursos pola opción oficial. Obtendo en todas as materias sobresaliente e nalgunhas matrícula de honra.

O 4 de setembro de 1920 solicitou traslado para o Instituto de Pontevedra.

Ingresou na facultade de Ciencias no ano 1923 aos dezasete anos, matricularase durante catro cursos e saca unhas cualificacións brillantes, licenciándose en 1927. A prensa ourensá non desdeña os eloxios para esta destacada muller, como así o amosa a noticia recollida no xornal da época:

(Fonte: Heraldo Gallego, 12 de decembro de 1926, p. 1. Galiciana)

“La señorita María del Patrocinio Armesto Alonso que terminó en la Universidad Compostelana los estudios de la Carrera de Ciencias Químicas con brillantísimas calificaciones....Y el triunfo es tanto mayor, porque supone un noble esfuerzo el llevado a cabo por la Señorita Armesto Alonso, en esta edad en que la mayoría de las mujeres sueñan únicamente con estas fiestas sociales, o dedican las horas a un “flirteo” discreto...” en “Orensanas que triunfan” .(La Región, 22 de junio de 1927.)

(Fonte: El Correo de Galicia , 31 de xullo de 1927. Galiciana)

Toda a prensa galega recollía o encomiable expediente de Patrocionio Armesto:

(Fonte: El Pueblo gallego 28 de xuño de 1927. Galiciana.)

Así pois, acada o título de licenciada en Ciencias na sección de Química. Realizou os exercicios de grao de licenciatura o 29 de setembro de 1930. Cursou as materias correspondentes ao grao de doutoramento no curso 1928-29. En 1930 fixo o curso de Electroanálise de Combustibles na Universidade Central. Tamén realizou os estudos correspondentes ao Título de Maxisterio Nacional.

Desempeñou os seguintes cargos: agregada interina de sección de Ciencias do Instituto Cisneros no curso 1928-29. Logo no 1932-33 e 1933-34 desempeñou o mesmo cargo no Instituto de Pontevedra. En Soria, no curso 1937-38 encargouse do curso de Agricultura. Pasou ao Instituto de Ourense no curso 1938-39 e nese ano foi ao Insituto de Lugo a ocupar a Cátedra. Foi encargada de Agricultura no Instituto de Tui nos cursos 1940-42.

Voltou a Ourense e foi encargada de Ciencias Naturais no Instituto de Ensino Medio  no curso 1942-43.  Foi catedrática do Instituto de Ensino Medio de Ourense desde 1949 ata 1975.

(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Banquete de bachareles da promoción do ano 1936 no Instituto de Ourense. ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/023)

(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Foto grupal de bachchareles de 1936 do Instituto de Ourense, ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/024.)

Os seus logros foron recollidos pola prensa orensá e galega destacándoa en inteleixencia "igual ao home". Ademais de impartir clases no Instituto tamén fundou en Ourense unha Academia, xunto con Elena Cortés Santiago, onde preparaban para as oposicións de Maxisterio por correspondencia sendo unha novidade para o momento xa que, segundo indicaban no anuncio, evitábase o desprazamento á capital:
(Fonte: La Región, 4 de setembro de 1954, p. 2. Galiciana)
Tiven ocasión de falar con antigas alumnas de Patrocinio Armesto, entre elas Adelaida Carballal Barreiro,  e comentáronme que era unha muller moi seria e moi rigorosa á hora de dar as clases. Era moi avanzada na súa época pois non explicaba de xeito descritivo as flora e fauna senón que facía unha explicación científica das especies clasificándoas por categorías. A súa docencia era moi profunda e o nivel de esixencia era moi alto sendo os seus exames moi estritos. 
(Fonte: La Región, 2 de setembro de 1948, p. 3)
Patrocinio debeu xubilarse entorno de 1970 ou 1971 pero seguiu sendo unha muller moi dedicida. Gustáballe moito viaxar polo estranxeiro para enriquecer os seus coñecementos. Visitou varios países ao longo da súa vida chegando a ir incluso a Turquía. E estando de turismo polo país turco foi cando  faleceu repentinamente o 10 de outubro de 1989. Cando a súa familia foi buscala para trasladala a Ourense, o cónsul español ofreceulles todas as facilidades e acompañou á familia ata o aeroporto por deferencia. Patrocionio Armesto repousa no Cemiterio de San Francisco de Ourense.

(Fonte: La Región, 10 de outubro de 1989, p. 42.)

Vid:Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, pp. 239-240.
Vida gallega, 1927 xullo 10.