Como a grande maioría da ourensanía nacín nunha familia procedente do rural que nos anos sesenta, co desenvolvementismo, veu procurar traballo na cidade. Filla de pais que chegaron a estudar o bacharelato pero logo comezaron a traballar. Miña nai estivo algúns anos de mestra en pobos como Celavente mais a muller que a pensionaba díxolle que de mestra gañaba pouco e que podía buscar outro traballo. Foi así como entrou a traballar, daquela, no Catastro que estaba a poñer ao día o asunto das fincas e alí coñeceu ao meu pai e casaron.
Miña nai dedicouse a coidarnos e a coidar aos meus avós e non había máis ingresos que os do meu pai. Pero cando fumos medrando, somos tres irmáns, miña nai quixo traballar e deseguida comezou a ter traballos por tempadas e nunca nos faltou nada pero a vida era sinxela, agora ben, meus pais traballaron arreo e ainda puidemos ir uns anos de vacacións a Samil. Unha vida sinxela, sen colorinchos.
Os tres irmáns fixemos, todos con beca, estudos superiores aquí, en Ourense, que era onde podiamos polos medios que había. Si, logo fixen Historia en Santiago pero foi por libre e xa estaba traballando de mestra tras estudar ao límite as oposicións.
Creo que isto que estou a contar pasoulle á inmensa maioría das familias ourensás. Daqueles pais traballadores en busca de oportunidades nunha pequena capital como a de Ourense os fillos e fillas procuramos estudos.
Somos xente sinxela.
Nestes tempos nos que o neoliberalismo fai pensar que cada un se merece o que ten non me parece ben. Recoñezo a cultura e educación do esforzo pero a uns cóstanos máis que a outros pois non partimos todos da mesma casilla de saída. Recoñezo máis mérito a aqueles que vindo dunha situación en desvantaxe son capaces de acadar, con dignidade, eh!, e con legalidade, eh! os seu logros.
Non lle recoñezo méritos a aqueles que por ser quen son chegan a ocupar lugares relevantes (e isto está pasando con frecuencia). Non digo que estes non o merezan en moitas ocasións pero na maioría son por oportunismo, axudas, apelidos. Se estes nunha zancada avanzan, os demais temos que multiplicar as zancadas. E non me vale para nada o que alguén dixo "que os fillos dos ricos son máis listos que os fillos dos máis pobres", menuda, con perdón, estupidez e se alguén o dixo e outros o pensan, perdoen, están demosrando ter unha, precisamente, unha intelixencia limitada.
Por iso, eu teño orgullo de clase. Que non se pense, en absoluto, que envexo aos que se din estar enriba do escalafón social. Nada me avergonzaría máis que se dixese de min que teño tal ou cal cousa por logros subrecticios.
E teño orgullo de clase pois comprobo que sexa quen sexa (non estou a falar só dos que teñen méritos académicos) como comerciantes, empregados, empresarios, agricultores, funcionarios, toda a gama de xente traballadora en calquera posto....que somos o común da sociedade fixemos todo a base de esforzo e acadamos o logro e os que non o acadaron foi porque non contaban cos medios.
Quédome logo cos da base porque os que están arriba non fan máis que dicir que non somos como eles pois non fixemos o suficiente, pretenden dicirnos que os pobres son pobres porque o merecen, ou os parados están parados porque non queren traballar, ou nos din que o mellor Estado é o que non se inmiscúe na economía e que cada quen se "busque a vida", claro, pero eles dino desde a súa posición de gañadores pois teñen a vantaxa da sua casilla de saída.... Eu quédome cos da base pois os da base gañaron a honra e a solidariedade.
Socialmente falando para min non hai superiores nin inferiores, nin arriba nin abaixo. É máis, desconfío dos de arriba e quédome cos da base.
25 de maio de 2022.